Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Mércores, 17 de marzo de 1999 Páx. 3.109

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE VIGO

ANUNCIO do concurso para cubrir dúas prazas de técnico.

En uso das facultades que me confire o artigo 21.1º n) da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local, procedo a convoca-lo concurso para cubrir dous postos de técnico de promoción económica e desenvolvemento local e técnico de administración.

Bases

I. Obxecto.

As presentes bases teñen por obxecto rexe-la convocatoria para cubrir polo sistema de concurso os postos de traballo vacantes de:

-Técnico de promoción económica e desenvolvemento local.

-Técnico de Administración xeral.

Os postos estarán suxeitos ó réxime de dedicación exclusiva.

II. Características.

Contarán coas seguintes:

a) Denominación: técnico de promoción económica e desevolvemento local.

Tipo: singularizado.

Titulación esixida: doutor, licenciado, enxeñeiro, arquitecto ou equivalente.

Formación específica: licenciado en ciencias económicas ou empresariais.

Grupo de titulación: A.

Complemento de destino: 26.

Complemento específico ano 1998: 2.095.156 pesetas.

Unidade á que está adscrito: Promoción Económica e Relacións Comunitarias.

b) Denominación: técnico de Administración xeral.

Tipo: non singularizado.

Titulación esixida: licenciado en dereito, ciencias políticas, económicas, intendente mercantil ou actuario.

Formación específica: licenciado en dereito.

Grupo de titulación: A.

Nivel complemento destino: 26.

Complemento específico ano 1998: 2.096.156 pesetas.

Unidade á que está adscrito o posto: Xerencia de Urbanismo.

III. Requisitos dos candidatos.

Serán requisitos indispensables para concorrer á convocatoria e poder desevolve-lo posto no caso de ser nomeados, os seguintes:

a) Contar coa condición de funcionario de carreira da Xunta de Galicia ou de calquera das corporacións locais comprendidas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma.

b) Estar integrados no grupo A de titulación.

c) Estar en posesión da titulación de doutor, licenciado, enxeñeiro, arquitecto ou equivalente no caso de técnico de promoción económica e densenvolvemento local, e de licenciado en dereito, ciencias políticas, económicas, intendente mercantil ou actuario, no caso de técnico de Administración xeral.

d) Non atoparse en situación de suspenso firme.

e) Contar con 2 anos de permanencia como mínimo no posto de destino definitivo.

IV. Convocatorias.

A convocatoria que conteña as bases será aprobada pola Alcaldía e remitida á Consellería da Presidencia e Administración Pública para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

V. Solicitudes.

As solicitudes dirixiranse ó alcalde-presidente do Concello de Vigo dentro do prazo de 15 días hábiles contados a partir do seguinte á publicación da convocatoria no DOG.

Ademais do contido mínimo establecido no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, na solicitude deberá indicarse a entidade na que presta servicios ou a última na que os tivese prestado, se non se atopase en situación de servicio activo; situación administrativa na que se encontra e posto de traballo que ocupa ou a última que ocupou como destino definitivo.

Poderán solicitarse as dúas vacantes sempre que se reúnan as condicións para iso, indicando a orde de preferencia.

As anteriores circunstancias deberán ser certificadas pola autoridade ou funcionario competente para iso, en cada caso.

Os funcionarios con algunha discapacidade poderán instar, no caso de que lle fora adxudicado algún dos postos, a adaptación de medios materiais para o desenvolvemento do posto, sempre que conten con algunha discapacidade. A comisión de valoración poderá reclamarlle ó interesado a información que considere oportuna e solicita-los dictames necesarios previos á adopción da resolución que proceda.

Unha vez rematado o período de presentación de instancias, as solicitudes formuladas serán vinculantes para o adxudicatario e o destino adxudicado irrenunciable, agás que se obtivese outro destino antes da finalización do prazo de toma de posesión.

VI. Méritos.

A documentación correspondente ós méritos deberá presentarse xunto coa instancia e acreditarse de xeito indubidable da mesma forma cós datos relativos á súa situación administrativa.

Os méritos que se valorarán serán os seguintes:

1º Estar en posesión das titulacións que se esixen nas características de cada un dos postos como formación específica propias do ámbito funcional o que se adscribe cada un dos postos (promoción económica e desenvolvemento local, unha, e urbanismo no outro).

2º Posuír experiencia en tarefas específicas propias do ámbito funcional do posto ó que se aspira ou da área á que aquel se adscribe.

3º Pola posesión dun determinado grao persoal.

4º Pola asistencia debidamente acreditada a cursos de formación ou perfeccionamento impartidos ou homologados polo INAP e EGAP ou calquera outro organismo oficial recoñecido para imparti-los relacionados coas funcións do posto.

5º Antigüidade na administración:

-Computaranse para estes efectos os recoñecidos que se prestasen con anterioridade a obte-la condición de funcionario de carreira, distinguíndose para efectos de valoración os prestados dentro do grupo A de titulación ó que está adscrito o posto e os demais da área funcional á que se adscribe.

6º Polo coñecemento do idioma galego, segundo o curso que se teña superado.

VII. Valoración dos méritos.

A valoración dos méritos contidos na base anterior efectuarase de conformidade co seguinte baremo:

1º Titulacións que figuran incluídas dentro das características do posto como formación específica:

-Por estar en posesión de cada unha das ditas titulacións: 2 puntos.

2º Experiencia:

-Por cada ano ou fracción superior a 6 meses da experiencia indicada en cada un dos casos: 0,30 puntos, cun máximo de 4 puntos.

-Para estes efectos, os servicios prestados en comisión de servicios ou en servicios especiais puntuaranse como realizados no posto de orixe do funcionario.

3º Grao persoal:

-Por contar co grao correspondente ó nivel de complemento de destino do posto: 1 punto.

-Por cada nivel superior de grao: 0,50 puntos.

4º Cursos de formación e perfeccionamento:

Valoraranse segundo a súa duración:

-De 5 a 19 horas: 0,25 puntos.

-De 20 a 39 horas: 0,50 puntos.

-De 40 a 100 horas: 1,00 punto.

-De 101 a 200 horas: 1,50 puntos.

-Máis de 200 horas: 2,00 puntos.

A puntuación total non poderá exceder de 4 puntos.

5º Antigüidade na Administración:

-Por cada ano ou fracción superior a 6 meses de servicios como funcionario de carreira no grupo A de titulación: 0,40 puntos.

-En calquera outro grupo: 0,20 puntos.

A puntuación por este punto non poderá exceder de 4 puntos, computándose para estes efectos os servicios recoñecidos que se prestaran con anterioridade a obte-la condición de funcionario de carreira.

6º Coñecemento do idioma galego:

-Por ter superado o curso de iniciación: 1 punto.

-Por ter superado o curso de perfeccionamento: 2 puntos.

-Por ter superado o curso de linguaxe administrativa básica: 2,50 puntos.

-Por ter superado o curso de linguaxe administrativa media: 2,75 puntos.

-Por ter superado o curso de linguaxe administrativa superior: 3,00 puntos.

Só se puntuará o superior alegado e xustificado como mérito.

VIII. Orde de prioridade.

A adxudicación dos postos determinarase pola puntuación obtida de acordo coa base anterior.

No caso de empate nas puntuacións, acudirase para dirimilo á outorgada polos méritos alegados seguindo a orde establecida nos diferentes puntos desta base. De continuar, a maior antigüidade como funcionario e, por último, a maior idade.

IX. Lista de admitidos e excluídos.

Rematado o prazo de presentación de instancias, o alcalde dictará resolución aprobando a lista de admitidos/excluídos que será publicada no DOG e na que se fará consta-lo lugar no que se atopen expostas para a súa consulta.

Os excluídos, se os houbese, disporán dun prazo de 10 días para emenda-los defectos que motivaron a exclusión.

No mesmo prazo, o alcalde dictará resolución aprobando a lista definitiva de admitidos -que será a inicial senón houbese exclusións- no mesmo lugar no que se expuxeron as listas de admitidos/excluídos.

Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de 2 meses a partir do día seguinte á publicación, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

X. Comisión de valoración.

A comisión de valoración encargada de xulga-los méritos dos aspirantes, estará composta polos seguintes membros:

Presidente: o alcalde ou concelleiro en quen delegue.

Secretario: o secretario xeral da corporación ou técnico de Administración xeral que designe o alcalde.

Vocais: 3 representantes da corporación e o mesmo número do organismo de representación unitaria dos funcionarios

Participará como asesor o xefe do servicio ou técnico cualificado, que ó igual que o secretario, contarán con voz pero sen voto.

XI. Nomeamento.

A comisión, unha vez valorados os méritos, efectuará a proposta provisional para a adxudicación de postos de traballo ós candidatos que obtivesen a maior puntuación, que se exporá no mesmo lugar que as listas para que os concursantes poidan formular reclamacións perante o alcalde nun prazo máximo de 10 días hábiles a partir do seguinte á publicación.

As reclamacións serán resoltas pola comisión de valoración que procederá a elevar á corporación a través da alcaldía, a proposta definitiva de resolución do concurso, que unha vez aprobada polo Pleno se fará pública no DOG, xunto co nomeamento dos candidatos designados e a indicación dos destinos adxudicados.

XII. Adxudicación de destinos.

Unha vez obtido o destino, os traslados que se deriven da resolución do presente concurso terán a consideración de voluntaria; en consecuencia non xerarán dereito e indemnización ningunha.

XIII. Toma de posesión.

Será de 3 días hábiles se o nomeamento non implica cambio de residencia do funcionario e dun mes se comporta tal cambio ou reingreso ó servicio activo.

Comezará a contarse a partir do día seguinte á data de cesamento do funcionario, que deberá efectuarse dentro dos 3 días hábiles seguintes á publicación da resolución do concurso no DOG; se a resolución leva consigo o reingreso ó servicio activo, o referido prazo computarase desde a data da publicación.

Contra o presente acordo poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia nun prazo de dous meses contados a partir do día seguinte á data da publicación.

Vigo, 5 de febreiro de 1999.

Manuel Pérez Álvarez

Alcalde