Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Martes, 16 de marzo de 1999 Páx. 3.008

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 23 de febreiro de 1999, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector do comercio retallista téxtil.

Visto o expediente do convenio colectivo para o sector do comercio retallista téxtil, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 16-2-1999, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios del Comercio Detallista Téxtil, e da parte social, polas centrais sindicais, CC.OO. e UGT, o 10-2-1999. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma

de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 23 de febreiro de 1999.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de traballo para o sector

de comecio retallista téxtil de Pontevedra

Capítulo I

Disposición xerais

Artigo 1º.-Partes asinantes.

Son partes asinantes do presente convenio as centrais sindicais Comisións Obreiras (CC.OO.) e a Unión Xeral de Traballadores (UGT), en representación dos traballadores, e a Asociación Provincial de Empresarios del Comercio Detallista Téxtil de Pontevedra, en representación dos empresarios do sector.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio regulará as relacións laborais de tódalas empresas da provincia de Pontevedra que, tanto na actualidade, como no futuro, se dediquen á venda polo miúdo de tecidos en xeral, roupa confeccionada, alfombras e tapices, paquetería, mercería, quincallería, etc.

Artigo 3º.-Duración e vixencia.

O presente convenio entrará en vigor ós quince días do seu asinamento, sen prexuízo da súa publicación no BOP, se ben os seus efectos económicos se retrotrerán ó 1 de febreiro de 1998.

Terá unha duración dun ano e rematarán os seus efectos o día 31 de xaneiro do 2000.

Entenderase prorrogado tacitamente por anualidades, se non media denuncia das partes con tres meses, polo menos, ó remate da súa vixencia. A dita denuncia deberá facerse por escrito dirixido á outra parte afectada polo convenio.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

O persoal que con anterioridade ó convenio estivese desfrutando dunhas condicións económicas ou laborais máis beneficiosas que as aquí pactadas, deberá conservalas, facéndose o cálculo polo conxunto anual de tódalas percepcións.

Artigo 5º.-Compensación de melloras.

As melloras económicas que se implantan en virtude do presente convenio, así como as voluntarias

que no futuro se establezan, poderán ser compensadas e absorbidas, ata onde alcancen, cos aumentos ou melloras que actualmente teñan establecidas as empresas ou que no futuro se establezan con carácter xeral, mediante disposición legal.

Capítulo II

Retribucións

Artigo 6º.-Salarios.

As retribucións salariais do persoal afectado polo presente convenio, serán as que figuran na táboa anexa a este.

Artigo 7º.-Revisión salarial.

No caso de que o índice de prezos do consumo (IPC) rexistrase no primeiro de febrero do 2000 un incremento, respecto ó 31 de xaneiro de 1999, superior ó 2,1%, o dito exceso servirá de base para a negociación do ano 2000.

Para iso, no momento da negociación do convenio colectivo do ano 2000, procederase a cuantifica-lo dito exceso, calculado sobre os salarios utilizados para realiza-los aumentos pactados para 1999. A cuantificación do dito exceso engadiráselles ós salarios vixentes o 31 de xaneiro de 1999 e sobre a cantidade resultante calcularanse os incrementos salariais que deberán rexer a partir do 1 de febreiro do 2000.

Artigo 8º.-Aumentos por antigüidade.

Os aumentos periódicos por tempo de servicio consistirán en cuadrienios do seis por cento sobre os salarios base deste convenio.

Artigo 9º.-Gratificación de transporte.

O persoal das empresas afectadas por este convenio percibirá un plus de transporte, que será aboado por día efectivo de traballo, na contía de 409 ptas. durante o 1º ano de vixencia, e de 418 ptas. no segundo.

Artigo 10º.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal afectado polo presente convenio colectivo percibirá as gratificacións extraordinarias correspondentes ós meses de xullo e decembro, polo importe dunha mensualidade cada unha delas.

Establécese unha paga extraordinaria no mes de outubro, consistente nunha mensualidade. A dita paga farase efectiva no mes de outubro de cada ano, tendo en conta o que se dispón sobre a referida paga no artigo 13º do convenio.

Así mesmo, todo o persoal desfrutará unha gratificación, denominada de beneficios, polo importe mínimo dunha mensualidade completa.

As citadas pagas calcularanse en función dos soldos que para cada categoría fixa o anexo deste convenio, e maila antigüidade, se é o caso, para todo o persoal.

As catro gratificacións que se establecen serán concedidas en proporción ó tempo traballado, rateándose nos supostos que proceda, tales como os de entrada ou cesamento do traballador na empresa.

Artigo 11º.-Axudas de custo.

Cando as empresas despracen os seus traballadores para que realicen traballos fóra do lugar habitual da súa residencia, estarán obrigadas a aboar, en concepto de axudas de custo, a partir do 1 de febreiro de 1999, as cantidades seguintes:

* Xantar: 2.131.

* Cea: 2.131.

* Pernoita: 2.131.

* Almorzo: 740.

Se os desprazamentos se fan en coche propiedade do traballador, este percibirá trinta e seis pesetas por quilómetro percorrido.

Artigo 12º.-Gratificacións especiais ós escaparatistas.

O persoal non contratado como escaparatista, que non obstante, realice con carácter normal a función da ornamentación de escaparates nos establecementos, terá dereito, en concepto de gratificación especial, a un plus do dez por cento do seu salario base.

Capítulo III

Xornada laboral

Artigo 13º.-Condicións.

A xornada laboral será de 40 horas semanais de traballo efectivo.

No caso de que as empresas teñan necesidade de modifica-lo horario de traballo actualmente establecido, para conseguir unha maior eficacia no seu funcionamento, as partes asinantes do convenio recoméndanlles ós afectados a súa mellor disposición para chegar a un entendemento.

As empresas quedan en liberdade para a apertura dos seus establecementos durante as tardes dos sábados de todo o ano, se ben deberán establecerse as quendas rotativas correspondentes, de tal maneira que no ano os traballadores desfruten de descanso durante dezaoito sábados pola tarde.

Con excepción de Vigo, os establecementos do resto da provincia terán a opción de poder abrir durante as tardes deses sábados, se ben, en caso de que optase polo peche durante as tardes dos sábados, non estarán obrigados a facer efectiva a paga extraordinaria de outubro.

Capítulo IV

Vacacións

Artigo 14º.-Contía.

Os traballadores afectados polo presente convenio desfrutarán de 30 días naturais de vacacións.

Artigo 15º.-Datas de desfrute.

O desfrute destes 30 días de vacacións estará abranguido entre os meses de abril e outrubo, ámbolos dous incluídos, agás que o traballador teña preferencia por outra época do ano.

Artigo 16º.-Determinación de quendas.

En cada empresa establecerase unha orde rotativa de preferencia, de tal xeito que quen un ano foi primeiro á hora de elixir quenda, pasa a se-lo último no ano seguinte.

Capítulo V

Disposicións varias

Artigo 17º.-Xubilación.

Os traballadores que no momento da xubilación leven na empresa máis de 20 anos, percibirán desta a partir do 1 de febreiro de 1999 a cantidade de 253.929 pesetas; os que leven máis de 25 anos, 362.757; e os que leven máis de 30 anos, 453.441.

Artigo 18º.-Invalidez.

A partir do 1 de febreiro de 1999, todo traballador ó que lle sexa declarada unha situación legal de invalidez e que leve máis de 15 anos ó servicio da empresa, percibirá desta a cantiade de 72.551 pesetas; con máis de 20 anos, 99.758 pesetas; con máis de 25 anos, 154.173 pesetas; e con máis de 30 anos, 206.769 pesetas.

As ditas cantidades serán efectivas unha vez declarada oficialmente a invalidez por unha soa vez.

Artigo 19º.-Defunción.

No caso de falecemento do traballador, con polo menos un ano de pertenza á empresa, queda esta obrigada a satisfacerlles ós seus habentes dereito o importe de catro mensualidades iguais á última que o traballador percibise, incrementada con tódolos emolumentos inherentes a ela.

Artigo 20º.-Incapacidade temporal.

En caso de incapacidade temporal derivada de enfermidade ou accidente, debidamente acreditado pola Seguridade Social, do persoal abranguido no réxime de asitencia a ela, a empresa completará as prestacións obrigatorias ata o importe íntegro das súas retribucións, ata o límite de doce meses, aínda que o traballador fose substituído.

Artigo 21º.-Servicio militar.

Aplicarase o disposto no Estatuto dos traballadores.

Artigo 22º.-Roupa de traballo.

Os traballadores que proceda serán provistos obrigatoriamente por parte da empresa, de uniformes ou outra roupa de traballo, das coñecidas e típicas para a realización das distintas e diversas actividades que o uso vén aconsellando.

A provisión de tales pezas de roupa deberá facerse ó comeza-la relación laboral entre as empresas e os traballadores en número de dúas pezas, que se reporán en anualidades sucesivas de maneira conveniente ou, polo menos, na metade delas.

Artigo 23º.-Excedencia por maternidade.

As traballadoras que, de acordo co establecido no artigo 46.3º do Estatuto dos traballadores, soliciten un período de excedencia por un tempo non superior a un ano, terán dereito á reserva do posto de traballo e á reincorporación a el, unha vez rematado o período de excedencia, sempre que o reingreso sexa solicitado cun mes de antelación ó seu remate.

Artigo 24º.-Licencias.

Os traballadores terán dereito a unha licencia retribuída, de ata un máximo de tres días naturais ó ano, por necesidade de atender persoalmente asuntos propios que non admitan demora, téndose en conta para iso os desprazamentos que o traballador teña que realizar e as demais circunstancias que no caso concorran.

Esta licencia, demostrada a súa indubidable necesidade, concederase no acto, sen prexuízo das sancións que poidan impoñérselle ó traballador que alegue causas que resulten falsas.

Igualmente, nos casos de morte ou enterramento do cónxuxe, ascendentes, descendentes ou irmáns, así como enfermidade grave do cónxuxe, pais e fillos e parto da esposa, os traballadores terán dereito a unha licencia retribuída de ata cinco días naturais, téndose en conta para iso os desprazamentos que o traballador teña que realizar e as demais circunstancias que no caso concorran.

Así mesmo, o traballador terá dereito a unha licencia retribuída de dous días, sen necesidade de ser xustificada. A dita licencia non poderá ser acumulable a períodos vacacionais e deberá ser solicitada cunha antelación de 5 días, polo menos.

Esta última licencia de dous días desaparecerá automaticamente do convenio no suposto de que se produza con carácter xeral e a nivel nacional unha reducción da xornada.

Artigo 25º.-Contratación.

Contrato eventual. A teor do disposto no artigo 15 b, do texto refundido do Estatuto dos traballadores, este contrato ten por obxecto atender esixencias circunstanciais do mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos, aínda tratándose da actividade normal da empresa.

Formalización do contrato. Formalizarase por escrito, consignándose con suficiente precisión e claridade a causa e as circunstancias que o motiven, e rexistrándose no INEM.

Duración e prórroga. A duración destes contratos non poderá ser inferior a 30 días nin superior a trece meses e medio, dentro dun período de 18, contados a partir do momento do contrato inicial. Limitarase a dous o número de contratos que se realizarán, na súa duración máxima, a unha mesma persoa.

No caso de que se concerte o contrato por un prazo inferior ós trece meses e medio, poderá ser prorrogado mediante acordo das partes, sen que a duración total do contrato pida exceder do dito límite máximo.

Contrato para a formación. A súa duración será de 6 meses, ata un máximo de 30 meses, prorrogables de seis en seis meses. A retribución que se aboará será conforme a unha retribución única que para o primeiro ano de vixencia do convenio será de 68.675 ptas., e para o segundo de 70.117 ptas. a xornada completa e efectiva de traballo.

Artigo 26º.-Recoñecemento médico.

As empresas afectadas por este convenio facilitaranlles ós traballadores que o soliciten un recoñecemento médico anual a través das súas mutuas patronais, Seguridade Social ou calquera outra forma que consideren oportuna.

Artigo 27º.-Taboleiro de anuncios.

As empresas afectadas por este convenio poderán ó dispor dos traballadores un taboleiro de anuncios para inseri-las comunicación de interese para eles.

Capítulo VI

Comisión paritaria

Artigo 28º.-Comisión paritaria.

As partes acordan nomear unha comisión paritaria, composta por catro representantes dos traballadores e catro representantes empresariais, para a interpretación das cláusulas do convenio.

A convocatoria das reunións deberá ser realizada en casos xustificados e por escrito dirixido á outra parte, con doce días de antelación á data da reunión, detallando a orde do día. A asistencia ás ditas reunións será obrigatoria para ámbalas partes. A acta levantada será asinada no prazo de 24 horas, contado desde a celebración da reunión.

Disposición derradeira

Artigo 28º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non previsto neste convenio será de aplicación o Estatuto dos traballadores e demais disposicións vixentes.

Disposición adicional

As diferencias económicas resultantes da aplicación do incremento salarial pactado, tendo en conta os efectos retroactivos ó 1 de febreiro de 1998, poderanse facer efectivos en dous prazos, pagadeiros o primeiro deles o 15 de abril e o segundo o 15 de xuño.

Vigo, febreiro de 1999.

Táboa salarial anexa do convenio colectivo

de traballo para o sector do comercio retallista

do téxtil de Pontevedra

Vixencia: do 1-2-1998 ó 31-1-1999

CategoríasSalario

mensual

Grupo I.-Persoal técnico titulado

Titulado de grao superior101.666
Titulado de grao medio98.353
Axudante técnico sanitario97.247

CategoríasSalario

mensual

Grupo II.-Persoal mercantil técnico titulado

Director110.505
Xefe de división101.666
Xefe de persoal, de vendas, de compras e encargado xeral101.666
Xefe de sucursal e supermercado98.353
Xefe de almacén98.353
Xefe de grupo98.353
Xefe de sección mercantil97.689
Encargado de establecemento, vendedor, comprador e poxador97.689
Intérprete91.938

Persoal mercantil propiamento dito

Dependente maior98.353
Viaxante96.805
Corredor de praza91.938
Dependente de 25 anos96.359
Dependente de 22 a 25 anos87.959
Axudante81.776
Traballadores en formación: retribución única a xornada completa e efectiva de traballo68.675

Grupo III. Persoal técnico non titulado

Director110.505
Xefe de división101.666
Xefe administrativo99.456
Secretario96.359
Contable97.689
Xefe de Sección Administrativa98.129

Persoal administrativo

Contable, caixeiro, taquimecanógrafo97.689
Oficial administrativo96.359
Auxiliar administrativo87.135
Aspirante a auxiliar administrativo78.610
Auxiliar de caixa ata 24 anos83.031
Auxiliar de caixa de 25 ou máis anos88.767

Grupo IV. Persoal de servicios e actividades auxiliares

Xefe de sección ou servicio98.128
Debuxante96.328
Escaparatista96.328
Axudante de montaxe76.569
Delineante, visitador, rotulista85.094
Cortador89.512
Axudante de cortador85.070
Xefe de taller87.429
Profesional de oficio de 1ª87.135
Profesional de oficio de 2ª84.044
Profesional de oficio de 3ª83.160
Capataz87.135
Profesional de oficio axudante80.800
Mozo especializado87.135
Ascensorista, telefonista, mozo, empaquetadora, reparadora de medias e cosedora de sacos, maiores de 18 anos84.926

As mesmas categorías, con menos de 18 anos, igual que os aspirantes, segundo a súa idade.

Grupo V. Persoal subalterno

Conserje82.091
Cobrador82.091
Vixilante, sereno, ordenanza, porteiro78.611
Persoal de limpeza78.611

Nota: o persoal de limpeza por hora, percibirá o seu salario en proporción ás horas traballadas.

Táboa salarial anexa do convenio colectivo

de traballo para o sector do comercio retallista

do téxtil de Pontevedra

Vixencia: do 1-2-1999 ó 31-1-2000

CategoríasSalario

mensual

Grupo I.-Persoal técnico titulado

Titulado de grao superior103.801
Titulado de grao medio100.418
Axudante técnico sanitario99.289

CategoríasSalario

mensual

Grupo II.-Persoal mercantil técnico titulado

Director112.826
Xefe de división103.801
Xefe de persoal, de vendas, de compras e encargado xeral103.801
Xefe de sucursal e supermercado100.418
Xefe de almacén100.418
Xefe de grupo100.418
Xefe de sección mercantil99.740
Encargado de establecemento, vendedor, comprador e poxador99.740
Intérprete93.869

Persoal mercantil propiamento dito

Dependente maior100.418
Viaxante98.838
Corredor de praza93.869
Dependente de 25 anos98.383
Dependente de 22 a 25 anos89.806
Axudante83.493
Traballadores en formación: retribución única a xornada completa e efectiva de traballo70.117

Grupo III. Persoal técnico non titulado

Director112.826
Xefe de división103.801
Xefe administrativo101.545
Secretario98.383
Contable99.740
Xefe de Sección Administrativa100.190

Persoal administrativo

Contable, caixeiro, taquimecanógrafo99.740
Oficial administrativo98.383
Auxiliar administrativo88.965
Aspirante a auxiliar administrativo80.261
Auxiliar de caixa ata 24 anos84.775
Auxiliar de caixa de 25 ou máis anos90.631

Grupo IV. Persoal de servicios e actividades auxiliares

Xefe de sección ou servicio100.189
Debuxante98.351
Escaparatista98.351
Axudante de montaxe78.177
Delineante, visitador, rotulista86.881
Cortador91.392
Axudante de cortador86.856
Xefe de taller89.265
Profesional de oficio de 1ª88.965
Profesional de oficio de 2ª85.809
Profesional de oficio de 3ª84.906
Capataz88.965
Profesional de oficio axudante82.497
Mozo especializado88.965
Ascensorista, telefonista, mozo, empaquetadora, reparadora de medias e cosedora de sacos, maiores de 18 anos86.709

As mesmas categorías, con menos de 18 anos, igual que os aspirantes, segundo a súa idade.

Grupo V. Persoal subalterno

Conserje83.815
Cobrador83.815
Vixilante, sereno, ordenanza, porteiro80.262
Persoal de limpeza80.262

Nota: o persoal de limpeza por hora, percibirá o seu salario en proporción ás horas traballadas.