Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Venres, 12 de marzo de 1999 Páx. 2.921

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE MUGARDOS

ANUNCIO da aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias do Concello de Mugardos no contorno de Punta Promontoiro.

O Concello Pleno, na sesión celebrada o día 26 de febreiro de 1999, adoptou o seguinte acordo:

«1º Aprobar definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Mugardos, no contorno de Punta Promontoiro, coas observacións introducidas polo informe vinculante do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, que son as seguintes:

a) Os terreos reclasificados considéranse como solo urbano non consolidado, de acordo coa propia memoria do proxecto e os artigos 65 da Lei do solo de Galicia e 14.2º da Lei 6/1998, de réxime do solo e valoracións.

b) As observacións efectuadas pola Dirección Xeral de Costas, Ministerio de Medio Ambiente, no punto nº 4 do seu informe do 29-9-1998, que se dan aquí por reproducidas, por figurar como anexo 8 do documento da modificación forman parte da presente modificación que se aproba definitivamente.

2º Que se proceda á publicación do presente acordo no DOG e no BOP nos termos establecidos no artigo 48 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, así como ó cumprimento do disposto no nº 3 do citado artigo».

O que se fai público, en cumprimento do disposto no artigo 48 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

Contra o presente acordo, que esgota a vía administrativa, poderá interporse recurso contencioso-administrativo durante o prazo de dous meses contados

a partir do día seguinte ó da publicación do presente anuncio, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Mugardos, 4 de marzo de 1999.

Ramón Toimil Saavedra

Alcalde