Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Mércores, 10 de marzo de 1999 Páx. 2.762

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE VIGO

RESOLUCIÓN do 11 de febreiro de 1999 pola que se ordena a publicación do regulamento de títulos propios da Universidade de Vigo, aprobado en Xunta de Goberno do 16 de novembro de 1998.

Aprobado o Regulamento de títulos propios da Universidade de Vigo, pola Xunta de Goberno na súa sesión celebrada o 16 de novembro de 1998, este rectorado resolveu publicalo. Figura no anexo desta resolución.

Vigo, 11 de febreiro de 1999.

Domingo Docampo Amoedo

Rector da Universidade de Vigo

ANEXO

A Lei de reforma universitaria, no seu artigo 28.3º, outórgalles ás universidades, en uso da súa autonomía, a posibilidade de dispensar ensinanzas conducentes á obtención de diplomas e títulos distintos daqueles que teñen carácter oficial, validez en todo o territorio nacional e que serán expedidos no nome de El-Rei polo rector.

O R.D. 778/1998, do 30 de abril (BOE do 1 de maio) e o R.D. 185/1985, do 23 de xaneiro (BOE do 16 de febreiro), polos que se regula o terceiro ciclo de estudios universitarios, a obtención e expedición do título de doutor e outros estudios posgraduados e que , no seu Art. 171 (Títulos de posgraduado non oficiais) volve incidir sobre a capacidade das universidades para dispensar ensinanzas conducentes a diplomas ou títulos que carecerán de carácter oficial en tanto o Goberno non estableza o contrario.

O R.D. 1496/1987, do 6 de novembro (BOE do 14 de decembro), sobre obtención, expedición e homologación de títulos universitarios, na súa sección segunda (Art. 6º, 7º e 8º) establece as condicións xerais para a expedición dos diplomas e títulos propios das universidades.

O convenio interuniversitario sobre estudios de posgrao conducentes a diplomas e títulos propios da universidades asinantes, establece normas sobre a delimitación, obtención e expedición deste tipo de diplomas e títulos de cara a dotalos dunha maior homoxeneidade.

Así mesmo os estatutos da Universidade de Vigo aprobados polo Claustro nos artigos 7.2n, e 198 volven recolle-la citada posibilidade, especificando ademais:

a) É competencia da Xunta de Goberno (artigo 77.u e artigo 200) regular e someter ó Claustro para a súa remisión ó Consello Social as propostas para a obtención de títulos académicos propios e o financiamento correspondente, establece-las normas xerais que regulen a organización e aprobación dos estudios propios, así como o procedemento para expedir certificacións ou diplomas.

b) Son funcións do Claustro (artigo 72.p) aproba-las ensinanzas conducentes á obteción de títulos propios da Universidade de Vigo.

En virtude dos preceptos reguladores mencionados e para poder concreta-la oferta de diplomas e títulos propios da Universidade de Vigo, a Xunta de Goberno acorda:

Dos títulos propios

Capítulo I

Descrición e estructuración

dos títulos propios

Artigo 1º

A Universidade de Vigo, de acordo coa lexislación vixente, poderá dispensar ensinanzas conducentes

á obtención de diplomas e títulos propios, que serán distintos dos títulos oficiais e dos estudios de terceiro ciclo.

Artigo 2º

As ensinanzas propias da Universidade de Vigo rexeranse polas disposicións legais vixentes que lle sexan de aplicación e por este regulamento.

Artigo 3º

A implantación destas ensinanzas responderá a necesidades científicas, profesionais, sociais e económicas, sen pretender substituír, en ningún caso, a aquelas conducentes á obtención de títulos homologados. A duración das ensinanzas propias da Universidade de Vigo establecerase en créditos, o seu valor será o que marque a normativa vixente no seu momento.

Artigo 4º

Sen mingua da capacidade dos centros, departamentos e institutos da Universidade de Vigo de certificar cursos ou seminarios de perfeccionamento ou especialización conducentes a certificados de asistencia ou participación expedidos polo correspondente director ou decano, a Universidade de Vigo non outorgará ningún título correspondente a ensinanzas propias que teñan unha duración inferior a 20 créditos.

Artigo 5º

denominación dos títulos propios nunca poderá ser coincidente coa dos homologados oficialmente, nin inducir a confusión con estes, nin incorpora-los elementos identificativos a que fai referencia o punto 3º do Art. I do R.D. 1496/1987, do 6 de novembro.

Artigo 6º

As ensinanzas conducentes á obtención dos diplomas ou títulos propios da Universidade de Vigo dividiranse en:

Ensinanzas propias da Universidade de Vigo: serán cíclicas, de 1º e 2º, de 1º, 2º e 3º ciclo, con denominación e plans de estudios fixos, de carácter científico ou profesional. A súa elaboración e implantación rexerase pola normativa para a aprobación de plans de estudios de títulos de carácter oficial e validez no Estado español e pola normativa propia da Universidade de Vigo sobre estructura e organización académica de plans de estudio vixente no seu momento.

Ensinanzas de posgrao serán aquelas que versen sobre campos do saber propios dos estudios de procedencia ou de carácter intercurricular e interdisciplinar, especialmente orientados á aplicación profesional dos ditos saberes. Daquela, teñen como finalidade unha formación específica ou unha especialización universitaria, debendo responder a necesidades ou intereses do contorno social, de tipo cultural, científico, artístico, técnico ou profesional.

Capítulo II

As ensinanzas de posgrao

Artigo 7º

As ensinanzas de posgrao son estudios dunha duración temporal non superior ós dous anos, cunha denominación concreta e non necesariamente mantidos durante o tempo. Estructuraranse en dous tipos:

a) Mestrado ou magister.

b) Experto ou especialista.

Artigo 8º

Mestrado ou magister universitario. Son aquelas ensinanzas orientadas a titulados universitarios de segundo ciclo cando a súa titulación garde relación coas ensinanzas especializadas do título propio. Excepcionalmente, cando a especificidade dun mestrado teña unha conexión directa de formación ou complementación con títulos universitarios de primeiro ciclo, poderán acceder a tales cursos os diplomados universitarios, ós que se lle esixirá unha experiencia profesional de 3 anos e unha formación universitaria de posgrao equivalente a 20 créditos na especialidade.

1. As ensinanzas de mestrado comprenderán, como mínimo, 50 créditos lectivos entre teóricos e prácticos, e terán unha duración de dous cursos académicos, aínda que excepcionalmente poderanse dispensar nun.

2. A superación das devanditas ensinanzas dará dereito á obtención do título de mestrado ou magister en ...

Artigo 9º

Experto ou especialista universitario. Son aqueles estudios orientados a titulados universitarios de primeiro ou segundo ciclo. De acordo co establecido no artigo 7.1º do R.D. 1496/1987, poderán seren tamén admitidos nestes cursos profesionais directamente relacionados coa especialidade do título que reúnan os requisitos habituais de acceso á universidade, sempre que non superen o 25% do total de alumnos do curso.

1. As ensinanzas de experto ou especialista universitario comprenderán como mínimo 20 créditos lectivos entre teóricos e prácticos e terán unha duración entre medio e un curso académico.

2. A superación das ensinanzas de experto ou especialista universitario dará dereito ó diploma ou título de Experto ou Especialista en ...

Artigo 10º

Os estudios de posgrao da Universidade de Vigo funcionarán en réxime de autofinanciamento e os seus aspectos económicos axustaranse ás disposicións vixentes. O financiamento poderá facerse por calquera das seguintes canles, ou por varios simultaneamente:

a) Taxas de matrícula.

b) Subvencións de entidades públicas ou privadas.

c) Convenios con entidades públicas ou privadas.

Artigo 11º

O 10% dos ingresos brutos do curso serán retraídos en favor da Universidade de Vigo en concepto de custos indirectos. Unha vez descontados os gastos (incluído o 10% citado) o 15% dos ingresos serán para a dependencia organizadora e o 85% restante destinarase para paga-los profesores e PAS da Universidade de Vigo. As retribucións do profesorado estarán limitadas ó establecido na normativa vixente (Art. 11 e 45.1º da L.R.U., Lei 53/1984 de incompatibilidades do persoal ó servicio das administracións públicas e R.D. 1930/1984).

Artigo 12º

A organización, realización e responsabilidade académica das ensinanzas de posgrao corresponde ós centros, departamentos, institutos e centros adscritos da Universidade de Vigo, os cales se responsabilizarán do seu deseño, cumprimento e funcionamento. Poderán ser organizados tamén por varios departamentos, centros ou institutos cando así o esixa o seu carácter interdisciplinar ou intercurricular. Na organización tamén poden participar institucións alleas á universidade.

Artigo 13º

A proposta de director do curso deberá recaer nun profesor da Universidade de Vigo co grao de doutor, mestrado ou experto na especialidade.

Capítulo III

Réxime académico e administrativo

das ensinanzas de posgrao

Artigo 14º

Tódalas propostas de organización de ensinanzas de posgrao, dirixidas ó rector da Universidade de Vigo e co informe favorable da correspondente Xunta de Centro, Consello de Departamento ou Instituto Universitario, presentaranse no vicerrectorado competente.

Artigo 15º

A presentación das devanditas propostas farase cunha antelación mínima de cinco meses ó comezo do curso académico e deberá incluír:

A) Memoria xustificativa segundo modelo oficial que, alomenos, conterá os puntos seguintes:

1. Portada na que se detallará o tipo de ensino da que se trata, o título do curso, o centro, departamento ou instituto organizador, o número total de créditos (teóricos e prácticos) e data de comenzo e de finalización.

2. Proposta de director/a ou directores, achegando o seu currículo.

3. Definición de obxectivos e contidos básicos das ensinanzas.

4. Xustificación académica e social.

5. Os seus destinatarios e condicións de acceso: prazas mínimas e máximas ofertadas e criterios de selección. En todo caso, indicarase unha porcentaxe mínima de matrícula que garanta a realización do curso.

6. Relación de profesorado responsable da docencia co seu currículo.

7. Plan de estudios ou programación académica:

a) Programa das materias dispensadas por cada profesor, detallando o seu contido básico, créditos teóricos e prácticos e horario correspondente.

b) Prácticas e outras actividades.

c) Metodoloxía didáctica.

d) Sistema de avaliación e requisitos para a obtención do título.

8. Proposta de previsións orzamentarias que, alomenos, conteña os seguintes puntos:

a) Previsión de gasto: gastos correntes, investimentos e outros gastos.

b) Previsións de ingresos: taxas de matrícula, subvencións que poidan contribuír a reduci-las taxas de matrícula, outros ingresos.

B) Solicitude de aprobación de taxas polo Consello Social, en modelo oficial, aprobado polo Pleno do Consello Social, e debidamente cuberto.

Artigo 16º

Unha vez recibida a proposta e nun prazo non superior a 5 días naturais, o vicerrectorado competente remitirá unha copia desta ó Servicio de Contabilidade da Universidade de Vigo para que emita informe sobre a devandita proposta nun prazo non superior a 20 días naturais a partir da data de saída do devandito vicerrectorado.

Artigo 17º

Toda a documentación resultante, e nun prazo non superior a 30 días naturais a partir da data de remisión ó Servicio de Contabilidade da Universidade de Vigo, será estudiada pola Comisión de Ordenación Académica e Validacións delegada da Xunta de Goberno, co fin de preparar unha proposta de resolución, a cal será debatida na seguinte sesión ordinaria da Xunta de Goberno que emitirá o pertinente informe, de acordo co Art. 77 u. dos estatutos, para a súa aprobación definitiva polo Claustro, segundo o indicado no Art. 72 p. dos estatutos.

Artigo 18º

Como mínimo, un tercio do profesorado que dispense o curso, será da Universidade de Vigo. No caso de ensinanzas das que a temática non corresponda cos campos do saber dos centros, departamentos ou institutos existentes na Universidade de

Vigo, o tercio do profesorado propio poderá ser substituído por profesorado doutras universidades.

1. Un tercio do profesorado que dispense o curso posuirán o título de doutor, mestrado ou experto universitario.

2. No caso das ensinanzas conducentes ó título de experto ou especialista das que a súa proposta estea directamente relacionada cos ámbitos das áreas de coñecemento específicas de só 1º ciclo, ata un máximo do 75% da docencia poderá estar a cargo de titulados de 1º ciclo e/ou especialistas non titulados de recoñecido prestixio.

Artigo 19º

O acceso a estudios de posgrao por parte de quen estea en posesión dun título estranxeiro, farase sen necesidade de homologación do seu título, sendo suficiente a autorización concedida polo rector, que será expedida logo da comprobación da correspondencia do título estranxeiro presentado.

Artigo 20º

Os organizadores das ensinanzas de posgrao poderán validar ata a metade dos créditos por outras ensinanzas de posgrao previamente realizados, seguindo os criterios establecidos no anexo I do R.D. 1497/1987, do 27 de novembro, sobre directrices xerais comúns de plans de estudio.

Artigo 21º

A xestión da matrícula levarase a cabo no centro, departamento ou instituto organizador. A responsabilidade da inscrición, publicación de listas de admitidos e resolucións de reclamacións recaerá no director do curso, que contará coa axuda administrativa e informática da dependencia organizadora do curso.

Artigo 22º

Unha vez finalizadas as actividades do título propio desenvolvidas, o seu director presentará, no prazo máximo de tres meses, unha memoria final, que constará de dúas partes:

a) Memoria académica, na que, seguindo o modelo oficial, se reflectirán, alomenos, os seguintes aspectos: portada, relación definitiva de admitidos que acadaron o título, relación definitiva do profesorado responsable da docencia e plan de estudios ou programación académica.

b) Memoria económica en modelo oficial e na que se reflectirá o cumprimento do orzamento e a súa situación económica. Esta memoria económica deberá ser presentada tamén ó Consello Social e será referendada polos servicios económicos da Universidade de Vigo.

Capítulo IV

Rexistro e expedición de títulos propios

Artigo 23º

Os títulos ós que conduzan as ensinanzas propias e de posgrao aprobadas pola Universidade de Vigo,

de acordo co establecido legalmente, serán consignados nun libro de rexistro específico de títulos propios establecido pola universidade, con carácter centralizado, e en análogas condicións de identificación, custodia, certificación e carácter público que o rexistro relativo os títulos oficiais.

Artigo 24º

Os títulos das ensinanzas propias serán outorgados polo rector e neles debe figura-lo nome e os dous apelidos do interesado, a data de nacemento, o nome completo do curso e código, os créditos ou as horas de duración, a data de expedición, número de rexistro do libro e coas rúbricas do xefe de servicio, do rector e do interesado. O título levará no seu reverso a descrición das ensinanzas que forman o programa de estudios detallando as materias, créditos e actividades que inclúe o programa. Así mesmo indicará a titulación previa ou os requisitos a través dos que se accedeu a el.

Artigo 25º

Os títulos correspondentes ás ensinanzas de posgrao serán outorgados polo rector e neles deben figura-lo nome e os dous apelidos do interesado, a data de nacemento, o nome completo do curso, os créditos ou as horas de duración, a data de expedición, número de rexistro do libro e coas rúbricas do director do curso, do rector e do interesado. O título levará no seu reverso a descrición das ensinanzas que forman o programa de estudios detallando as materias, créditos e actividades que inclúe o programa. Así mesmo, indicará a titulación previa ou os requisitos a través dos que se accedeu a el.

Artigo 26º

A obtención do título ó que dan lugar as ensinanzas propias e de posgrao só poderá acadarse unha vez superado o proceso de avaliación das devanditas ensinanzas segundo o sistema que se estableza nelas. A simple asistencia non dará lugar, en ningún caso, á obtención do título. No caso de non supera-la avaliación correspondente só se poderá expedir un certificado de asistencia, que será expedido polo director ou coordinador destes estudios.

Disposición adicional única

Ó abeiro do Art. 54.3º b) da L.R.U, Art. 77 u. dos estatutos da Universidade de Vigo, Art. 1.10º do Regulamento de organización e funcionamento interno do Consello Social da Universidade de Vigo e demais lexislación ó caso, o importe das taxas, exencións e financiamento correspondente ós títulos propios e cursos de formación será establecido polo Consello Social.

Disposición derrogatoria

O presente regulamento anula calquera outro acordo ou disposición de igual ou inferior rango que se opoña a el.

Disposición derradeira

O presente regulamento entrará en vigor o día seguinte ó da súa aprobación pola Xunta de Goberno.

Dilixencia: para facer constar que o presente Regulamento de títulos propios foi aprobado en sesión ordinaria da Xunta de Goberno desta universidade o 16 de novembro de 1998.

Margarita Estévez Toranzo

Secretaria xeral