Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Mércores, 10 de marzo de 1999 Páx. 2.754

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 1 de marzo de 1999 pola que se establecen axudas para a mellora e conservación dos bosques de frondosas.

A protección e conservación do medio ambiente natural é unha necesidade de primeira orde que é preciso acometer polos poderes públicos e en particular desde a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente.

Os bosques cumpren funcións hidrolóxicas básicas na regulación de caudais, a protección do solo contra a erosión, o mantemento da biodiversidade e a calidade da paisaxe. Neste sentido, os bosques autóctonos de frondosas da nosa comunidade merecen unha especial protección, non só polas funcions vitais que realizan, senón tamén por outras facetas ecolóxicas, sen esquence-lo seu enorme valor cultural e tradicional, profundamente ligado a Galicia

e á economía rural. En relación con isto, é necesario protexer especialmente as carballeiras singulares tradicionais, ligadas a ermidas, aldeas, poboacións e lugares que formen parte do acervo histórico e cultural de Galicia.

Coa publicación desta orde preténdese potenciar, mediante subvencións, os tratamentos silvícolas e fitosanitarios que requiran as masas autóctonas de frondosas para o seu correcto desenvolvemento, contribuíndo a sanear estas masas, conservando a súa biodiversidade, diminuíndo o risco de incendios e aumentando a futura calidade da madeira que produzan estos bosques.

En particular, resulta prioritario o paso futuro das masas de monte baixo a monte alto, a selección de árbores de semente e bravádegos, consegui-las espesuras e fracción de cabida cuberta axeitadas, podas de formación, tarefas de silvicultura que se consideren idóneas para a rexeneración e incremento da vitalidade destas formacións vexetais, así como consolida-lo rexenerado natural.

Co fin de complementar en Galicia o desenvolvemento do R(CEE) 1610/1989, dando un maior peso ás especies forestais frondosas, xorde esta orde autonómica que non se separa dos obxectivos e da filosofía do citado regulamento comunitario.

O Decreto 350/1997, do 10 de decembro, estructura os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e o Decreto 482/1997, do 30 de decembro, establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, que asume, entre outras, as competencias en materia de ordenación, fomento e mellora da producción forestal.

En consecuencia, e de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das axudas.

A presente orde ten por obxecto a concesión de axudas para a mellora silvícola e fitosanitaria das masas de frondosas autóctonas.

Artigo 2º.-Persoas que poden solicita-las axudas.

Poderán solicitar axudas os titulares dalgún dos seguintes terreos forestais:

1. Montes particulares.

2. Montes veciñais en man común.

3. Carballeiras, soutos e outras formacións autóctonas similares públicas ou privadas ligadas ó acervo cultural de Galicia.

4. Rodais selectos con recoñecemento oficial.

Así mesmo, poderán solicita-las axudas aquelas persoas físicas ou xurídicas distintas do titular dos terreos, cando este dese a súa conformidade por escrito para que sexa aquel o receptor da axuda.

Artigo 3º.-Superficies e consideracións técnicas.

A superficie mínima de actuación será de 15 has en couto redondo. Poderá admitirse a solicitude conxunta de varios propietarios con terreos colindantes para reuni-la devandita superficie mínima en couto redondo. A superficie máxima de actuación será de 100 has.

Con carácter xeral, considéranse masas de frondosas susceptibles de seren rexeneradas, aquelas masas das que a densidade na actualidade sexa maior de 1.500 pés/ha cunha altura media da masa maior de 1,5 m. Poderán considerarse, ademais das masas puras de frondosas, aquelas masas mixtas que conteñan como mínimo un 80% da superficie poboada por frondosas, e o resto por outras especies.

No caso de limpeza selectiva con selección de bravádegos, considérase que a densidade máxima que debe quedar despois do tratamento será da orde dos 1.000 pés/ha.

As condicións indicadas nos tres parágrafos anteriores deste artigo non serán de aplicación a carballeiras singulares ligadas a ermidas, bens patrimoniais, ou a tradicións culturais de Galicia.

No caso de que a limpeza selectiva se faga por faixas, considérase subvencionable a superficie neta real sobre a que se realizou o tratamento.

En calquera dos casos de limpeza selectiva recollidos nos puntos do 1 ó 3 do artigo 8º, é obrigatorio facer faixas perimetrais de limpeza de, polo menos, 20 m de largo, deixando unha densidade máxima de 400 pés/ha na dita faixa, ou xustificar no proxecto que non é necesario realizalas por circunstrancias do medio físico.

Artigo 4º.-Prioridades.

Serán de aplicación aqueles criterios de carácter técnico que se adecúen en cada momento ás condicións do medio físico ou climatolóxico ás que estea sometido o espacio da Comunidade Autónoma, o período vexetativo das plantas ou «tempus» forestal e as condicións socioeconómicas da realidade rural de acordo cos obxectivos do artigo 17 do R.D. 152/1996, do 2 de febreiro.

En particular, terán prioridade aquelas solicitudes que se refiran a actuacións en carballeiras singulares ligadas a ermidas, bens patrimoniais, ou a tradicións culturais de Galicia.

Así mesmo, terán especial consideración aquelas solicitudes que se refiran a terreos incluídos en espacios naturais protexidos.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación que hai que presentar.

As solicitudes deberán ser cubertas nos modelos formalizados para tal efecto segundo consta no anexo I desta orde, e irán dirixidas ó conselleiro de Medio Ambiente.

Xunto coa solicitude deberá presentarse a seguinte documentación:

1. Documentación que hai que presentar en todo caso:

a) Fotocopia do DNI ou CIF do solicitante e do titular dos terreos.

b) Xustificante da titularidade dos terreos. No caso de montes particulares será suficiente declaración xurada de se-lo titular dos terreos na que se faga constar nome da propiedade, lindeiros e superficie.

c) Proxecto técnico. En todo caso, este documento deberá ir asinado por técnico forestal competente. No proxecto incluirase un estudio básico de seguridade e saúde ou un estudio de seguridade e saúde, segundo o disposto no R.D. 1627/1997, do 24 de outubro, en materia de seguridade e saúde nas obras de construcción. O visado do proxecto esixirase coa presentación da solicitude.

d) Certificación bancaria de ter conta aberta a nome do solicitante e que se realizará sobre o propio impreso de solicitude. En caso de solicitude conxunta, na conta bancaria figurará o representante da dita solicitude, podendo figurar outros membros da solicitude conxunta.

e) Declaración baixo a súa responsabilidade do titular dos terreos e do solicitante, de non ter contraída ningunha obriga, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia e de estar ó día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

2. Documentación complementaria.

2.1. No caso de solicitudes nas que figure como titular unha comunidade de montes veciñais en man común:

2.1.1. Certificado do acordo tomado en asemblea xeral conforme autorizan á xunta rectora a solicitar axudas á Consellería de Medio Ambiente para a execución das accións obxecto da solicitude. No caso de figurar como solicitante unha persoa distinta da propia C.M.V.M.C. presentarase ademais certificado do acordo tomado en asemblea xeral conforme autorizan o solicitante a realiza-los traballos de subvención indicando polo menos superficie, rodais, especie e accións que se van realizar.

2.1.2. Certificado do secretario da C.M.V.M.C. de posuí-los estatutos da comunidade en regra e no que faga consta-la composición actual da xunta rectora.

2.2. No caso de montes consorciados ou conveniados será necesario un informe do Servicio Provincial de Montes sobre a viabilidade e idoneidade das accións propostas cos plans de xestión do monte.

2.3. No caso de figurar como solicitante unha persoa física ou xurídica distinta do titular dos terreos,

cubrirán ámbolos dous o modelo do anexo II, onde o dito titular autorizará ó solicitante a figurar como tal debendo cubrir este, polo tanto, como solicitante, o modelo que figura no anexo I.

2.4. No caso de solicitude conxunta de varios propietarios para reuni-la superficie mínima de 15 has en couto redondo, á que fai referencia o artigo 3º, cubrirase, o modelo que figura como anexo III. Neste caso, o representante dos titulares, que poderá ser unha empresa, deberá figurar como solicitante no anexo I, non sendo necesario cubri-lo anexo II.

Artigo 6º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo será de 2 meses contados a partir do día seguinte ó da publicación no DOG da presente orde. As solicitudes poderán ser presentadas nos Servicios de Montes e Industrias Forestais, delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º.-Tramitación, resolución, xustificación e pagamento.

Presentada a solicitude, xunto coa documentación administrativa e técnica correspondente, procederase á súa revisión, e en caso de carencias ou defectos de forma, requirirase o interesado a reparación por escrito, para que, nun prazo de 10 días hábiles, complete a documentación, sendo arquivada a solicitude en caso contrario.

Posteriormente, será realizada a inspección previa dos terreos obxecto de subvención. Se esta resulta favorable, por axustarse ós criterios técnicos que inspiran os obxectivos da presente orde, comprobada a dispoñibilidade de fondos orzamentarios, e realizados os correspondentes trámites administrativos e contables, será dictada resolución polo conselleiro de Medio Ambiente aprobando a subvención.

Non poderán comezarse os traballos antes de que sexa realizada a dita inspección previa.

Nesta resolución de aprobación constará o prazo que se fixa para a execución dos traballos.

Con carácter xeral, non se admitirán peticións de modificacións dos termos nos que foi aprobada a solicitude, unha vez que o expediente fose aprobado, salvo as que se fundamenten nun erro material ou de feito por parte da Administración. Só se considerará, en casos excepcionais, a modificación dos traballos aprobados, que deberá ser tecnicamente xustificada e esixirá autorización previa do director xeral de Montes e M.A.N., por proposta expresa, con memoria xustificativa do Servicio de Montes e Industrias Forestais da provincia que corresponda. En ningún caso se admitirán peticións de modificación que supoñan un importe de aprobación superior ó orixinal.

O director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural logo de proposta expresa con memoria xustificativa do Servicio de Montes e Industrias Forestais da provincia correspondente, poderá conceder prórrogas para a execución dos traballos obxecto de subvención. A petición de prórroga por parte do solicitante deberá realizarse como mínimo cun mes de antelación á terminación do prazo fixado na notificación da aprobación.

Unha vez recibida na Administración a notificación de remate dos traballos por parte do solicitante, procederase á súa certificación final, valorándose polo número de unidades de obra realizadas segundo os prezos unitarios aprobados.

Para proceder ó pagamento, deberase presentar xunto coa notificación de remate dos traballos a seguinte documentación:

1. Acreditación, mediante documentación oficial, do titular dos terreos e do solicitante, de que se cumpre coas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Xunta de Galicia, salvo que se trate de axudas inferiores a 250.000 pesetas.

2. Facturas correspondentes ós materiais e maquinaria empregados nos traballos, ou xustificante dos traballos realizados con medios propios emitido polo solicitante.

3. Factura do proxecto

O IVE non é subvencionable.

Artigo 8º.-Accións subvencionables e contías máximas.

Aplicarase o 100% da subvención ás seguintes accións:

Nº de clave Tope máximo

1 Ha neta de limpeza selectiva por roza manual na totalidadeda superficie.100.000 ptas.

2 Ha neta de limpeza selectiva por roza mecanizada na totalidade da superficie.70.000 ptas.

3 Ha de limpieza selectiva no contorno de cada pé.60.000 ptas.

4 Ha de poda baixa (ata 3 m de altura).40.000 ptas.

5 Ha de poda alta.80.000 ptas.

6 Ha de poda de formación (ata 5 anos).30.000 ptas.

7 Ha de tratamento fitosanitario.30.000 ptas.

8 Pé tratado contra o cancro do castiñeiro mediante poda fitosanitaria.1.000 ptas.

9 Ha de selección de abrochos.65.000 ptas.

10 Ha de rareo (con eliminación de restos).83.000 ptas.

11 Ha de tratamentos culturais en rodais selectos.260.000 ptas.

12 Ha de conversión de monte baixo decadente a monte medio ou a monte alto.Para xustificar

en proxecto

13 Accións non amoldables a ningún dos puntos anteriores (non sendo incluíbles os traballos de proxecto repoboación).Para xustificar

en proxecto

14 Honorarios do proxecto.4% P.E.M.

Artigo 9º.-Revogacións.

A axuda poderá revogarse se se dá algún dos seguintes supostos:

1. Execución de menos do 40% das accións previstas, referida esta porcentaxe ó importe ou á superficie, sen causa xustificada de forza maior.

2. Modificacións graves das accións previstas de forma que se desvirtúen os obxectivos da presente orde.

3. Incumprimento do prazo para notifica-lo de remate dos traballos.

4. Incumprimento do dictado en calquera dos artigos da presente orde que impliquen obrigas por parte do solicitante.

5. Os peticionarios ós que se lles aprobe solicitude de axuda e, sen causa xustificada, non realizasen os traballos obxecto dela no prazo e forma previstos, non poderán obter novas axudas con cargo á aplicación desta orde en Galicia, para o mesmo ou outros predios, durante os cinco anos seguintes a aquel en que rematase o prazo de execución.

Artigo 10º.-Compromisos.

No caso de que o solicitante desista da súa solicitude, ou se extinga a súa personalidade xurídica, a responsabilidade de executa-los traballos pasará a corresponder ó titular dos terreos. Logo de petición expresa deste, poderase inicia-la tramitación correspondente para que o titular dos terreos pase a figurar como novo solicitante no expediente.

Artigo 11º.-Financiamento.

As accións previstas na presente orde financiaranse, no exercicio do ano 1999, con cargo ás dispoñibilidades orzamentarias existentes na aplicación 15.02.614-C.770.0 por un importe inicial de 28.807.436 pesetas, que poderán ser incrementadas con fondos comunitarios ou da Comunidade Autónoma.

Disposición adicional

Primeira.-As axudas concedidas na presente orde son incompatibles con outras subvencións de calquera Administración pública, concedidas para a mesma finalidade.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para dictar tódalas disposicións complementarias co obxecto de desenvolve-la presente orde.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 1999.

Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

Claves para cubri-lo anexo I

(*) Clave de especie predominante

B1AmeneiroAlnus glutinosa (L.).
B2BidueiroBetula pendula Roth.

Betula celtiberica.

B3Chopo brancoPopulus alba L.
Chopo mouroPopulus nigra L.
Chopo tremedorPopulus tremula L.
B4SalgueiroSalix sp.
B5PradairoAcer pseudoplatanus L., A. platanoides L., A.Campestre L.
B6FreixoFraxinus excelsior L., Fraxinus angustifolia Vahl.
B7CastiñeiroCastanea sativa Mill.
B8Castiñeiro híbridoCastanea X híbrida (resistente tinta)
B9Cerdeiras, Pau de San GregorioPrunus avium L., P. padus L., P. mahaleb, P. lusitanica L.
B10CarballoQuercus robur L.
B11AbeleiraCorylus avellana L.
B12FaiaFagus sylvatica L.
B13CerquiñoQuercus pyrenaica Will.
B14SobreiraQuercus suber. L.
C1TeixoTaxus baccata L.
C2NogueiraJuglans regia L.
C3ÉrbedoArbutus unedo L.
C4AcivroIlex aquifolium L.

(**) Nº de clave de actuación Tope máximo

1 Ha neta de limpeza selectiva por roza manual na totalidadeda superficie.100.000 ptas.

2 Ha neta de limpeza selectiva por roza mecanizada na totalidade da superficie.70.000 ptas.

3 Ha de limpieza selectiva no contorno de cada pé.60.000 ptas.

4 Ha de poda baixa (ata 3 m de altura).40.000 ptas.

5 Ha de poda alta.80.000 ptas.

6 Ha de poda de formación (ata 5 anos).30.000 ptas.

7 Ha de tratamento fitosanitario.30.000 ptas.

8 Pé tratado contra o cancro do castiñeiro mediante poda fitosanitaria.1.000 ptas.

9 Ha de selección de abrochos.65.000 ptas.

10 Ha de rareo (con eliminación de restos).83.000 ptas.

11 Ha de tratamentos culturais en rodais selectos.260.000 ptas.

12 Ha de conversión de monte baixo decadente a monte medio ou a monte alto.Para xustificar

en proxecto

13 Accións non amoldables a ningún dos puntos anteriores (non sendo incluíbles os traballos de proxecto repoboación).Para xustificar

en proxecto

14 Honorarios do proxecto.4% P.E.M.