Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Xoves, 04 de marzo de 1999 Páx. 2.497

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 15 de febreiro de 1999, da Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, pola que se convoca o concurso de traslado das prazas vacantes de oficiais, auxiliares e axentes da Administración de xustiza.

Vacantes na Administración de xustiza postos de traballo de nova creación dos corpos nacionais de oficiais, auxiliares e axentes da Administración de xustiza creados por reais decretos 2658/1998, do 11 de decembro, e 143/1999, do 29 de xaneiro, a entrada en funcionamento dos cales foi acordada para o próximo 30 de decembro de 1998 e 10 de xuño de 1999 respectivamente, procede a súa convocatoria en concurso de traslados de conformidade co establecido nos artigos 455 e 494 da Lei orgánica 6/1985, de 1 de xullo, do poder xudicial, e o capítulo III do título IV do Regulamento orgánico do corpos de oficiais, auxiliares e axentes da Administración de xustiza aprobado por Real decreto 249/1996, do 16 de febreiro.

Por todo iso, o Ministerio de Xustiza, coordinadamente coa Comunidade Autónoma de Galicia, dispón convocar concurso para a provisión dos postos que se relacionan no anexo I segundo as seguintes bases:

Primeira.-Postos que se poden solicitar.

1. Poderán tomar parte no presente concurso e solicita-las vacantes de postos de traballo de oficiais, auxiliares e axentes da Administración de xustiza os funcionarios pertencentes ós devanditos corpos, calquera que sexa a súa situación administrativa, agás os suspensos que non remataran o período de suspensión, sempre que reúnan as condicións para concursar conforme o establecido no artigo 57 do Real decreto 249/1996, do 16 de febreiro.

2. Poderán solicitar calquera das prazas incluídas no anexo I desta convocatoria, sempre que reúnan os requisitos xerais esixidos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

As devanditas vacantes identificaranse polo código do centro de destino, relación de postos de traballo e número de orde do posto de traballo. Coa soa solicitude dun posto de traballo dun dos órganos xudiciais enténdense pedidas tódalas vacantes do corpo existentes no devandito órgano.

Segunda.-Requisitos e condicións de participación.

1. Os funcionarios dos corpos de oficiais, auxiliares e axentes da Administración de xustiza só poderán participar se na data de remate do prazo de presentación de instancias transcorreu un ano desde a toma de posesión no seu actual posto de traballo definitivo (artigo 57.c) do Real decreto 249/1996).

2. Os funcionarios que se atopen nas situacións de excedencia voluntaria establecidas no artigo 34 b) e c) do Real decreto 249/1996 (excedencias por agrupación familiar e por interese particular) só poderán participar no concurso se na data de remate

do prazo de presentación de solicitudes transcorresen dous anos como mínimo desde que foron declarados nesa situación.

3. Os funcionarios en situación de excedencia para o coidado de fillos ó abeiro do disposto no artigo 35 do Real decreto 249/1996, só poderán concursar se transcorreu un ano desde a toma de posesión do derradeiro destino definitivo.

4. Os excedentes forzosos, os suspensos definitivos que perderan o seu posto de traballo e os excedentes voluntarios do artigo 34.a) do Regulamento orgánico aprobado por Real decreto 249/1996, gozarán, por esta orde, a primeira vez que se anuncie a concurso vacante do corpo na mesma localidade onde servían cando se produciu o seu cesamento no servicio activo, de dereito preferente para ocupala. Para exercer este dereito haberán de solicitar tódalas vacantes que se ofertan na localidade para a que se exerce a preferencia.

Terceira.-Baremos.

A valoración de méritos para a adxudicación dos postos de traballo farase de acordo co baremo establecido para valora-la antigüidade e o coñecemento da lingua oficial propia das comunidades autónomas, e os coñecementos informáticos naquelas prazas para as que así se estableza.

1. Antigüidade. Polos servicios efectivos no corpo outorgarase un punto por cada ano completo de servicios, e se computando proporcionalmente os períodos inferiores (0,0027777 por día, establecéndose os meses como de 30 días).

2. Coñecemento oral e escrito da lingua oficial propia da Comunidade Autónoma. Nas prazas situadas na Comunidade Autónoma de Galicia, o coñecemento oral e escrito desta debidamente acreditado por medio de certificación oficial da Comunidade Autónoma, ou homologación do título achegado e do nivel ó que corresponda o título, supón o recoñecemento para estes efectos de ata 6 puntos segundo o nivel de coñecementos acreditado nos termos da disposición adicional segunda do Regulamento orgánico aprobado por Real decreto 249/1996, de 16 de febreiro, na forma seguinte:

a) Curso de iniciación e perfeccionamento ou curso básico de linguaxe xurídica galega: dous puntos.

b) Curso medio de linguaxe xurídica galega: catro puntos.

c) Curso superior de linguaxe xurídica galega: seis puntos.

3. Coñecementos informáticos. Nas prazas que se van prover que comporten especiais coñecementos informáticos e que así se sinalen nas relacións de prazas para solicitar do anexo, a quen acredite mediante fotocopia compulsada de certificación oficial os ditos coñecementos, outorgaránselles para estes efectos ata 6 puntos ademais da antigüidade ou dos puntos obtidos polo coñecemento da lingua oficial propia da Comunidade Autónoma que corresponda, de conformidade co establecido no punto 10 do artigo 54 do Real decreto 249/1996, do 16 de

febreiro. Para tal efecto teranse en conta os seguintes criterios:

1. Nivel 1: certificados oficiais de asistencia e/ou aproveitamento de cursos de informática expedidos polo Ministerio de Educación e Cultura, Ministerio de Xustiza, Ministerio para as Administracións Públicas, Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, comunidades autónomas sen competencias transferidas e centros homologados e/ou recoñecidos, 0,50 puntos por curso, cun máximo de dous puntos.

2. Nivel 2: certificados oficiais de asistencia e/ou aproveitamento de cursos de informática expedidos polo Ministerio de Xustiza e departamentos de Xustiza das comunidades autónomas con competencia en materia de xestión de persoal ó servicio da Administración de xustiza e centros homologados e/ou recoñecidos, cunha duración de ata 100 horas lectivas, tres puntos.

3. Nivel 3: certificados oficiais de asistencia e/ou aproveitamento de cursos de informática expedidos polo Ministerio de Xustiza e departamentos de Xustiza das comunidades autónomas con competencia en materia de xestión de persoal ó servicio da Administración de xustiza e centros homologados e/ou recoñecidos, cunha duración de máis de 100 horas lectivas, catro puntos.

4. Nivel 4: títulos de formación profesional II ou III grao, especialidade informática, diplomatura en informática, cinco puntos.

5. Nivel 5: licenciatura en informática, seis puntos.

Os devanditos criterios non terán carácter acumulativo. No caso de que o funcionario alegue coñecementos informáticos aplicables a dous ou máis criterios considerarase unicamente aquel que lle outorgue maior puntuación, e para o caso de non consta-las horas do curso impartido polo Ministerio de Xustiza ou Comunidade Autónoma con competencia en xestión de persoal ó servicio da Administración de xustiza, considerarase do valor dos sinalados no punto 2 desta clasificación.

Cuarta.-Modelos e prazos de presentación de solicitudes.

1. Os funcionarios destinados definitivamente en postos das relacións de postos de traballo dos corpos de oficiais, auxiliares e axentes da Administración de xustiza correspondentes a Galicia, así como os que se atopen en situación de servicios especiais e excedentes por coidado de fillo que teñen reservado o seu posto de traballo en Galicia, presentarán a súa solicitude axustada ó modelo V-I publicado como anexo II da presente resolución no prazo de 10 días naturais seguintes ó da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia, ou contados a partir do día seguinte a súa publicación no Boletín Oficial del Estado, no caso de que a publicación non se faga simultaneamente no Boletín Oficial do Estado e no Diario Oficial de Galicia, dirixida ó director xeral de Xustiza e Administración Local da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, edificio administrativo San Caetano, s/n, 15771 Santiago de Compostela.

2. Os funcionarios destinados en postos das relacións de postos de traballo doutros corpos da administración de xustiza ou doutras administracións que se atopen en excedencia do artigo 34 letra a) do Real decreto 249/1996, do 16 de febreiro, nos corpos de oficiais, auxiliares e axentes que fagan constar como primeiro destino calquera dos convocados mediante a presente resolución, radicados en Galicia, utilizarán o modelo V-2 publicado como anexo II a esta resolución no prazo de 10 días naturais seguintes ó da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia, ou contados a partir do día seguinte ó da súa publicación no Boletín Oficial del Estado, no caso de que a publicación non se faga simultaneamente no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, dirixida ó director xeral de Xustiza e Administración Local da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, edificio administrativo San Caetano, s/n, 15771 Santiago de Compostela.

3. Os restantes solicitantes que desexen participar no presente concurso, como os excedentes forzosos aínda que tiveran un destino provisional, os suspensos definitivos que perderan o seu posto de traballo, os participantes con destino provisional por ter reingresado no servicio activo, así como os restantes excedentes voluntarios por agrupación familiar ou por interese particular, que fagan constar como primeiro destino calquera dos convocados mediante a presente resolución, radicados en Galicia, utilizarán o modelo V-3 publicado como anexo II a esta resolución no prazo de 10 días naturais seguintes ó da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia, ou contados a partir do día seguinte a súa publicación no Boletín Oficial del Estado, no caso de que a publicación non se faga simultaneamente no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, dirixida ó director xeral de Xustiza e Administración Local da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais da Xunta de Galicia, edificio administrativo San Caetano, s/n, 15771 Santiago de Compostela.

4. As solicitude poderán remitirse tamén na forma prevista no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As que se presenten nas oficinas de correos enviaranse en calquera das dúas modalidades seguintes:

a) Por correo ordinario, deberá ter entrada no rexistro xeral do Ministerio de Xustiza, xerencias territoriais ou rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Comunidade Autónoma de Galicia (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15701 Santiago de Compostela), para os funcionarios destinados nos xulgados e tribunais de Galicia, en todo caso antes da data de remate do prazo de presentación de instancias.

b) Por correo certificado, neste suposto presentaranse nas oficinas de correos en sobre aberto para ser datadas e seladas polo funcionario de correos antes de ser remitidas. Os participantes no concurso deberán envia-la instancia que teña o selo da oficina de correos, sen que poida admitirse pasado o prazo de presentación de instancias aquela que non cumpra este requisito, aínda que posteriormente se puidese acreditar tal extremo.

5. Os excedentes voluntarios por interese particular engadirán á súa solicitude declaración de non ter sido separado de calquera das administracións públicas.

6. A solicitude para tomar parte neste concurso será única para cada funcionario participante. Do mesmo modo mediante unha única instancia deberán optar por participar desde o corpo no que o funcionario se atope en activo, ou reingresar ó servicio activo no corpo do que formen parte como excedentes.

Ó resultaren irrenunciables os destinos obtidos por instancia do funcionario no caso de obter destino, o reingresado ó servicio mediante concurso de traslado quedará automaticamente en excedencia no corpo no que se atopase en activo.

7. A solicitude formulada será vinculante para o peticionario unha vez transcorrido o período de presentación de instancias.

Quinta.-Peticións condicionadas.

No caso de estar interesados nas vacantes que se anuncian para unha mesma provincia dous funcionarios pertencentes ós corpos de oficiais, auxiliares e axentes, poderán condiciona-la súa petición ó feito de que ámbolos dous obteñan destino na mesma provincia, entendéndose no caso contrario anuladas as peticións condicionadas efectuadas por ámbolos dous. Os funcionarios que se acollan a esta petición condicional, deberán concretalo na súa instancia, e engadir fotocopia da petición doutro funcionario.

No caso de que non se engadira a fotocopia do segundo concursante, entenderase anulada a petición condicionada efectuada por ámbolos dous.

Os funcionarios que se acollan a esta base, deberán agrupa-los postos que condicionan nos primeiros números de orde de preferencia de solicitude, poñendo o resto dos non condicionados a continuación.

Sexta.-Tramitación.

As unidades de persoal das xerencias territoriais do Ministerio de Xustiza onde tiveran entrada as solicitudes de participación no presente concurso, a Dirección Xeral de Relacións coa Administración de Xustiza e a Comunidade Autónoma galega efectuarán a gravación no proceso informático.

Rematado o dito proceso, efectuarase a baremación, de acordo cos datos que figuran no anexo III da resolución do Ministerio de Xustiza.

Este anexo III de cada participante farase chegar ós solicitantes mediante envío á sede do órgano de destino actual do funcionario ou ó seu enderezo se se atopara en excedencia por interese particular, por coidado de fillos ou por agrupación familiar, de xeito que haberá de facer constar na solicitude o enderezo de notificación.

Os funcionarios interesados expresarán no prazo de 10 días a súa conformidade cos datos que constan no anexo III ou a súa desconformidade con algún deles, solicitando a súa corrección, para o que deberán presentar nese prazo a proba documental oportuna e fotocopia selada da instancia que presentaron no seu día, todo isto de acordo co establecido no artigo 71.1º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administra

tivo común. Unha vez asinado o apartado correspondente, será devolto ás unidades de persoal que procederon á gravación informática como proba de conformidade ou non cos datos que figuran no citado anexo III.

A non devolución do dito anexo III no prazo establecido, entenderase como mostra de conformidade e aceptación dos datos contidos nel.

Sétima.-Adxudicacións.

1. A orde de prioridade para a adxudicación dos postos de traballo virá dada pola puntuación total obtida segundo os baremos da base terceira.

2. No caso de empate na puntuación total, acudirase para dirimilo á orde de escalafón do funcionario.

Oitava.-Carácter dos destinos adxudicados.

1. Os traslados que se deriven da resolución do presente concurso terán a consideración de voluntarios para os efectos previstos no Real decreto 236/1988, do 4 de marzo, sobre indemnizacións por razóns de servicio.

2. Os destinos adxudicados serán irrenunciables.

Novena.-Resolución e prazo posesorio.

1. A presente convocatoria resolverase por resolución provisional do director xeral de Relacións coa Administración de Xustiza por delegación do secretario de Estado de Xustiza de forma coordinada cos órganos competentes das comunidades autónomas do País Vasco, Cataluña, Galicia, Comunidade Valenciana, Canarias e Andalucía, de xeito que se publiquen simultaneamente nos taboleiros de anuncios do Ministerio de Xustiza, das xerencias territoriais de Xustiza, das comunidades autónomas mencionadas, así como dos tribunais superiores de Xustiza e audiencias provinciais.

2. A resolución provisional expresará o posto de orixe dos funcionarios ós que se lles adxudique destino e a súa localidade, así como a súa situación administrativa, se esta é distinta da de activo, e o posto adxudicado a cada funcionario con referencia ó centro de traballo e localidade.

3. Contra as resolucións provisionais polas que se resolvan os concursos de traslado cabe formular alegacións no prazo de dez días desde a súa publicación nos taboleiros de anuncios referidos, perante

a autoridade á que se dirixiu a petición de participación no presente concurso, utilizando para iso o modelo que se xunta á resolución do Ministerio de Xustiza como anexo IV. Resoltas estas, por outras resolucións o concurso de traslado obterá firmeza.

Aquelas alegacións que non fosen resoltas expresamente, consideraranse desestimadas ante a publicación da resolución definitiva do concurso.

4. As resolucións definitivas do concurso poderán separarse por corpos, co fin de que os cesamentos dos funcionarios concursantes, oficiais, auxiliares e axentes, poidan ser graduados no tempo, se a Administración considera que a súa acumulación nunha mesma data puidera ser prexudicial para o servicio público.

5. O prazo para tomar posesión do novo destino obtido atoparase dentro do establecido no artigo 55 do regulamento orgánico aprobado por Real decreto 249/1996, do 16 de febreiro, pero cando teña lugar dentro da mesma poboación, deberá efectuarse nos oito días naturais seguintes ó cesamento.

6. O prazo para a toma de posesión comezará a contarse a partir do día seguinte do cesamento.

7. Se a resolución comporta reingreso no servicio activo, o prazo de toma de posesión deberá comezar a contar desde a dita publicación.

8. Se non se lograse a simultanidade de publicación da resolución co Diario Oficial de Galicia, os prazos comezarán desde o día seguinte ó da publicación no Boletín Oficial del Estado.

9. O cómputo dos prazos posesorios iniciarase cando rematen os permisos ou licencias que estean desfrutando os funcionarios, non sendo que por circunstancias excepcionais debidamente motivadas se suspenda ou revogue o seu desfrute.

Décima.-Recursos.

Contra a presente convocatoria poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo da provincia da Coruña no prazo de dous meses desde o día seguinte ó da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 1999.

José-Antonio Álvarez Vidal

Director xeral de Xustiza e Administración Local

ANEXO I

Descrición do posto de traballoDotaciónPreferencias

Nº orde

Comunidade Autónoma de GaliciaCódigoRPTOfic.Aux.Axent.IdiomaInformática

OFIAUXAXE

Contencioso Adm. Núm. 2 da Coruña925240021500135234241SiSi *

Contencioso Adm. Núm. 3 da Coruña925240031500135234241SiSi *

Contencioso Adm. Núm. 4 da Coruña925240041500135234241SiSi *

Contencioso Adm. Núm. 2 de Pontevedra925240023600135234241SiSi *

Contencioso Adm. Núm. 3 de Pontevedra925240033600135234241SiSi *

1ª Instancia e Instr. nº 2 de Redondela (Pontevedra)925230023644035234122SiSi *

* Nas vacantes pertencentes ó corpo de axentes xudiciais non se baremarán os coñecementos de informática.