Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Xoves, 04 de marzo de 1999 Páx. 2.494

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

INSTRUCCIÓN do 12 de febreiro de 1999, da Secretaría Xeral do Servicio Galego de Saúde, sobre o procedemento administrativo de esixencia de responsabilidade patrimonial da Administración por danos derivados da asistencia sanitaria.

O artigo 106 da Constitución consagra no noso dereito o principio de responsabilidade patrimonial das administracións públicas, materia atribuída á competencia exclusiva do Estado polo artigo 149.1.18. En desenvolvemento deste precepto, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, aínda en período de vacatio legis, refírese no seu título X á responsabilidade das administracións públicas e das autoridades e persoal ó seu servicio, remitindo á vía regulamentaria a regulación dos procedementos que permitan facer efectiva a dita responsabilidade, isto sen prexuízo das especialidades procedementais que deriven da organización propia de cada comunidade autónoma.

A aprobación do Real decreto 429/1993, do 26 de marzo, que na súa disposición adicional primeira determina para as reclamacións de responsabilidade patrimonial polos danos e perdas causados por ou con ocasión da asistencia sanitaria pública, a tramitación administrativa e contencioso-administrativa prevista na Lei 30/1992 e no propio real decreto, obriga esta Administración a adapta-lo referido procedemento ás peculiaridades que presenta a reclamación de responsabilidade patrimonial no ámbito sanitario, o que permitirá unha maior axilidade na tramitación dos expedientes.

Baseándose no anterior, a Secretaría Xeral do Servicio Galego de Saúde dictou a instrucción do 16 de setembro de 1997, sobre o procedemento administrativo de esixencia de responsabilidade patrimonial da Administración, por danos derivados da asistencia sanitaria.

Transcorrido máis dun ano de aplicación desta, a experiencia acumulada na tramitación destes expedientes e o coñecemento dos problemas puntuais que poden entorpece-la súa tramitación adecuada, aconsellan elaborar unha nova instrucción, para efectos de adaptar este procedemento administrativo

ás complexas circunstancias que este procedemento pon de manifesto.

Por iso, e no exercicio das facultades conferidas polo Decreto 49/1998, do 5 de febreiro, polo que se establece la estructura orgánica dos servicios centrais do Servicio Galego de Saúde, díctanse as seguintes instruccións:

1. Iniciación do procedemento.

1.1. As solicitudes de iniciación do procedemento de responsabilidade patrimonial poderán ser presentadas polo interesado, os seus representantes legais ou polos seus herdeiros nas direccións provinciais do Servicio Galego de Saúde, nas xerencias dos complexos hospitalarios e nas xerencias dos centros de Atención Primaria, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

1.1.1. Datos mínimos que deben figurar na solicitude:

a) Nome, apelidos e DNI do prexudicado e, se é o caso, do reclamante.

b) Profesión e número de afiliación á Seguridad Social.

c) Domicilio do reclamante para os efectos de notificacións.

d) Centro e dependencia no que se prestou a asistencia sanitaria e data da prestación.

e) Descrición dos danos ou lesións así como a presunta relación de causalidade entre estas e o funcionamento do servicio público.

f) Avaliación económica da responsabilidade patrimonial, se fora posible, e momento no que a lesión efectivamente se produciu.

g) Proposición de proba, concretando os medios de que pretenda valerse o reclamante.

h) Lugar, data e sinatura do solicitante.

1.1.2. Documentos que deben presentarse coa solicitude:

a) Documentos nos que o reclamante funde a súa pretensión.

b) No caso de non se-lo propio afectado quen reclame a indemnización polos danos, aqueles documentos que xustifiquen o carácter de representante legal ou de herdeiro do reclamante.

1.1.3. Cando as pretensións correspondentes a unha pluralidade de persoas teñan un contido ou fundamento idéntico ou substancialmente similar, poderá acordarse a tramitación das reclamacións como única solicitude.

1.2. De conformidade co artigo 5 do Real decreto 429/1993, do 26 de marzo, o expediente poderá iniciarse de oficio por acordo do secretario xeral do Servicio Galego de Saúde ben por propia iniciativa, ben como consecuencia de orde superior, petición razoada doutros órganos ou denuncia. Nestes casos o acordo de iniciación do procedemento notificaráselles ós particulares presuntamente lesionados, concedéndolles un prazo de 7 días para que presenten cantas alegacións, documentos ou información coiden conveniente ó seu dereito e propoñan cantas probas sexan pertinentes para o seu recoñecemento.

2. Instrucción do expediente.

2.1. Recibidas as solicitudes nas dependencias sinaladas no punto 1.1. daráselle traslado destas á Dirección Provincial do Servicio Galego de Saúde.

2.2. O director provincial do Servicio Galego de Saúde, no prazo de dous días desde a recepción da solicitude na dirección provincial, nomeará instructor a un inspector médico pertencente ó Servicio de Inspección e Asistencia Sanitaria que coordinará as distintas actuacións que van realiza-los diferentes servicios e dependencias que, en cada caso, deben participar no procedemento. En concreto o instructor procederá a:

a) Comunicarlle ó reclamante, dentro dos dez días seguintes á recepción da solicitude no rexistro da dirección provincial, o prazo máximo normativamente establecido para a resolución do procedemento, os efectos do silencio administrativo e a data de recepción da solicitude no devandito rexistro.

b) Remitir copia da reclamación á Secretaría Xeral do Sergas, ó xefe do Servicio de Xestión, Riscos e Seguros da Consellería de Economía e Facenda así como ó xerente de atención primaria ou especializada, se é o caso, e ó servicio contra o que se presente a reclamación.

c) Examina-las solicitudes e, se estas non reunisen os requisitos sinalados, requirirá o interesado para que, no prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos.

d) Recadar copia da documentación relacionada coa reclamación existente nas dependencias do Servicio Galego de Saúde sobre o paciente asistido.

e) Recadar informe do servicio correspondente, que deberá emitirse no prazo sinalado no artigo 10.2º do R.D. 429/1993, do 26 de marzo.

f) Acorda-la admisión ou inadmisión dos medios de proba propostos polo reclamante e, cando proceda, practicar ou ordenar, se é o caso, a práctica das probas admitidas. Cando se acorde a inadmisión dun medio de proba deberá quedar constancia no expediente de responsabilidade dos motivos que determinan a inadmisión.

No prazo de 30 días practicaranse as probas que foran declaradas pertinentes.

g) Así mesmo, o instructor, en calquera momento, poderá solicitar da Asesoría Xurídica da dirección provincial cantos informes considere necesarios para formula-la correspondente proposta de resolución, nos termos previstos no artigo 82 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

h) Unha vez recibido-los informes anteriores, darase traslado deles á Secretaría Xeral, para a súa comunicación ó Servicio de Riscos e Seguros.

i) De conformidade co disposto no artigo 11 do Real decreto 429/1993, do 26 de marzo, no caso de continuación do procedemento ordinario, e inmediatamente antes de redacta-la proposta de resolución, o órgano instructor poralles de manifesto ós interesados o expediente para que no prazo de 15 días aleguen ó que o seu dereito lle conveña, facilitándolles unha relación dos documentos que figu

ran no procedemento, co fin de que poidan obter copia dos que consideren convenientes.

No dito trámite os interesados poderán presenta-los documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2.3. As anteriores actuacións deberán realizarse no prazo máximo de 3 meses contados desde a data de presentación da reclamación, exceptuándose deste cómputo, os períodos de suspensión que puidese acorda-lo instructor conforme co disposto no artigo 42.5º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada por Lei 4/1999.

2.4. Finalizado o expediente, o instructor formulará proposta de resolución, remitíndose o actuado á Secretaría Xeral do Servicio Galego de Saúde.

3. Resolución do expediente.

3.1. Da proposta de resolución, xunto co resto do actuado, daráselle traslado ó Consello Consultivo de Galicia co fin de que, no prazo previsto no Decreto 287/1996, do 12 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do Consello Consultivo de Galicia, se emita o dictame previsto no artigo 12 do Real decreto 429/1993, do 26 de marzo.

3.2. No prazo de 20 días desde a recepción do dictame do Consello Consultivo, o presidente do Servicio Galego de Saúde ou o órgano en quen delegue, dictará resolución de acordo co establecido no artigo 89 da Lei 30/1992, do 26 de novembro e 13.2º do Real decreto 429/1993, do 26 de marzo, na que se pronunciará, necesariamente, sobre a existencia ou non da relación de causalidade entre o funcionamento do servicio público e a lesión producida e, se é o caso, sobre a voloración do dano causado e a contía da indemnización, explicando os criterios utilizados para o seu cálculo.

A devandita resolución poderá ser recorrida potestativamente en reposición ante o mesmo órgano que a dictou, ou directamente ante a xurisdicción contencioso administrativa.

3.3. Transcorridos 6 meses desde que se iniciou o procedemento ou o prazo que resulte de engadirlle, ben un período extraordinario de proba, ben os períodos de suspensión acordados polo instructor ó abeiro do artigo 42.5º da Lei 30/1992, sen que recaese resolución expresa ou, se é o caso, se formalizase acordo, poderá entenderse desestimada a indemnización ó particular.

4. Procedemento abreviado.

4.1. De conformidade co establecido no artigo 14 do Real decreto 429/1993, do 26 de marzo, e en calquera caso antes do trámite de audiencia, cando á vista das actuacións, documentos e informacións do procedemento xeral, o órgano instructor entenda que son inequívocas a relación de causalidade entre a lesión e o funcionamento do servicio público, a valoración do dano e o cálculo da contía da indemnización, poderá acorda-la continuación do procedemento polos trámites previstos para o procedemento abreviado.

Do dito acordo deberá dar conta á Secretaría Xeral do Servicio Galego de Saúde e ó Servicio e Xestión

de Riscos e Seguros da Consellería de Economía e Facenda, para os efectos oportunos.

4.2. A partir dese momento o expediente tramitarase segundo o establecido nos artigos 15, 16 e 17 do Real decreto 429/1993, do 26 de marzo.

5. Quedan sen efecto as instruccións da Secretaría Xeral do Servicio Galego de Saúde do 16 de setembro de 1997, sobre o procedemento administrativo de esixencia de responsabilidade patrimonial da Administración polos danos derivados da asistencia sanitaria, e do 6 de setembro de 1995, sobre a creación e funcionamento dos órganos de coordinación para a tramitación dos sinistros de responsabilidade civil no ámbito do Sergas.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 1999.

Manuel A. Silva Romero

Secretario xeral do Servicio Galego de Saúde