Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Mércores, 03 de marzo de 1999 Páx. 2.449

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 17 de febreiro de 1999 pola que se convoca unha praza de administrativo con informática.

O Instituto Galego de Promoción Económica, Igape, convoca probas de selección para cubrir unha praza de persoal laboral fixo, aínda que sometida a condición resolutoria.

Posto que están pendentes de resolución procedementos xurídicos que poidan dar lugar á reincorporación do traballador que con anterioridade cubría este posto de traballo, a persoa que resulte seleccionada neste proceso de selección pactará coa empresa expresamente que o contrato quedará extinguido, se se dá o caso, no momento en que se produza esta reincorporación como consecuencia de sentencia que poida dictarse no procedemento citado.

As retribucións do posto de traballo son de 2.625.924 ptas. brutas anuais.

Requisitos xerais.

-Ter nacionalidade dun país membro da Unión Europea.

-Ter cumpridos os 18 anos de idade.

-Non padecer enfermidade ou defecto físico que impida desempeña-las funcións correspondentes.

-Non estar separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario, nin atoparse inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

-Posuír e acredita-la titulación académica esixida (homologada polo Ministerio de Educación, no caso de títulos expedidos por un país que non sexa membro da Unión Europea).

Condicións específicas da praza.

Titulación mínima esixida:

-FP II informática ou bacharelato superior.

Áreas de coñecemento esixidas:

-Xestión de sistemas con Windows 95/NT Workstation e Microsoft Office 97.

-Operación e organización de redes TCP/IP baseadas en ethernet/red de área extensa.

-Ferramentas de traballo en grupo: correo electrónico, colaboración vía Internet/intranet.

-Atención ós usuarios de informática en rede.

Áreas de coñecemento que se van valorar:

-Mantemento e desenvolvemento de aplicacións sobre bases de datos: Access e/ou SQL Server.

-Mantemento e desenvolvemento de aplicacións en Internet/intranet.

-Administración de sistema operativo Windows NT Server.

-Desenvolvemento de solucións en Office 97.

-Coñecemento de procedemento administrativo de tramitación de axudas e subvencións, e a súa programación para a Administración pública.

Experiencia:

Imprescindible experiencia acreditada mínima de dous anos en temas afins ós coñecementos esixidos.

Documentación que hai que presentar:

-Solicitude segundo o modelo oficial.

-Fotocopia do DNI.

-Fotografía tamaño carné.

-Documentación orixinal ou fotocopia compulsada que acredite a titulación e experiencia esixidas. Acreditarase a experiencia con historial completo da Seguridade Social ou certificado de empresa, e en calquera caso xustificación suficiente que acredite polo menos dous anos en temas afíns ás áreas de coñecemento esixidas, valorándose esta polo comité de selección.

-Currículum vitae demostrable.

Lugar e prazo de presentación.

-As solicitudes presentaranse en calquera das oficinas do Igape.

-O prazo de presentación será de 15 días naturais contados a partir do día seguinte da publicación deste anuncio.

Proceso de selección.

1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, o comité de selección designado publicará as listas previas de admitidos e excluídos ó proceso de selección, coa motivación da exclusión, se é o caso, establecéndose un prazo de 5 días hábiles para, por petición do interesado, reparar calquera erro que sexa emendable. Esgotado este prazo, publicaranse as listas definitivas de admitidos e excluídos ó proceso de selección, incluíndo lugar e data en que comezarán as probas, ás que deberán asisti-los candidatos provistos do DNI. Estas listas serán publicadas nos taboleiros de anuncios do Igape.

2. As probas de selección consistirán nunha proba teórico-práctica e entrevista persoal.

a) Proba teórico-práctica. Versará sobre os coñecementos e demais requisitos esixidos na convocatoria, que haberá que superar para pasar á entrevista persoal.

A proba teórico-práctica, poderá realizarse nunha ou dúas fases, a criterio do comité de selección, neste último caso, soamente pasarán á entrevista persoal, aqueles candidatos que superasen as dúas fases da proba.

Unha vez corrixida a proba teórica-práctica, o comité de selección publicará no taboleiro de anuncios do Igape, a lista de aprobados e suspensos, e incluirá o lugar e data en que se realizarán as entrevistas persoais.

b) Entrevista persoal. Avaliaranse os coñecementos do candidato, ademais da adecuación deste ó posto de traballo.

3. Unha vez rematado todo o proceso anterior, o comité de selección publicará nos taboleiros de anuncios do Igape o nome do candidato/a seleccionado, co que a Dirección do Igape asinará un contrato por tempo indefinido sometido a condición resolutoria, segundo se especificou ó inicio desta convocatoria, e establecéndose un período de proba de dous meses.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 1999.

Diego Diz Fernández

Director xeral do Instituto Galego de Promoción

Económica