Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Mércores, 03 de marzo de 1999 Páx. 2.426

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 17 de febreiro de 1999 pola que se convoca e se regula o réxime de concesión de axudas para o sector artesanal galego.

A artesanía, como sistema tradicional de producción e creación, contribuíu historicamente ó desenvolvemento económico e cultural de Galicia. Actualmente o fomento das actividades artesanais constitúe un elemento dinamizador para o aproveitamento dos recursos económicos do territorio e para a creación de riqueza.

En Galicia o sector artesanal resulta de grande importancia desde o punto de vista industrial e económico, é un sector en ebulición cunha gran variedade de oficios en tódolos terreos e usos. Moitos deles condensan boa parte dos valores culturais do pobo, o que fai que os seus productos sexan cada vez máis apreciados pola sociedade.

Constitúe obxectivo da presente orde o desenvolvemento e promoción da artesanía, coadxuvando á realización de accións que permitan a súa potenciación. Así mesmo, dada a súa importancia sociocultural e histórica, é necesaria a realización de accións, encamiñadas á priorización e fomento das actividades tradicionais.

Na súa virtude e en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto da axuda.

A presente orde ten por obxecto a convocatoria de axudas destinadas ó fomento e desenvolvemento do sector artesanal na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os artesáns e obradoiros artesanais, sempre que estean establecidos en Galicia e inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Así mesmo poderán acceder a estas axudas as asociacións profesionais artesanais legalmente constituídas, co seu domicilio en Galicia e que conten entre os seus membros con máis de vinte artesáns, inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Artigo 3º.-Actuacións subvencionables.

Serán actuacións subvencionables:

a) Proxectos presentados por artesáns, obradoiros artesanais e asociacións profesionais artesanais destinados a investimentos para a creación e posta en funcionamento de novas instalacións, así como a mellora, ampliación ou modernización das xa existentes.

Dentro deste punto atenderanse as obras de reforma, restauración e acondicionamento de locais, agás as de construcción nova; a adquisición de maquinaria e equipos para procesos de informatización novos, propios das características da actividade artesanal; así como, instalacións de deseño asistido por ordenador, sendo a contía máxima que se subvencionará, no punto de equipos informáticos, de 300.000 pesetas. Os investimentos levarán consigo a incorporación de factores relativos á creatividade, deseño e calidade.

b) Realización de actuacións desenvolvidas por asociacións profesionais artesanais ou de execución de proxectos concertados (coa adhesión mínima de 3 obradoiros) destinadas a:

-Desenvolvemento de accións conxuntas de distribución, comercialización, ou calquera outra fórmula de colaboración empresarial.

-Creación de redes de comunicación e transferencia de información con outros lugares do Estado e coa Unión Europea.

-Mellora da información sobre tendencias de mercado en relación co deseño e a comercialización de productos artesanais.

c) Proxectos presentados por artesáns, obradoiros artesanais, asociacións profesionais artesanais e proxectos concertados (coa adhesión mínima de tres artesáns) destinadas á divulgación e promoción de productos artesanais: confección de catálogos ou outro tipo de soporte publicitario e a adquisición de elementos ou mobiliario básicos que formen parte do deseño dun expositor.

Neste punto non se considerará subvencionable a asistencia e realización de feiras.

d) Estudios ou proxectos realizados por artesáns, obradoiros artesanais, asociacións profesionais artesanais e proxectos concertados, que teñan por finalidade:

-Mellorar, impulsar e potencia-las produccións das actividades artesanais tradicionais de: tecidos en baixo lizo, zoqueiro, toneleiro, selleiro, albardería, olería, forxa, ferrallería, caldeirería, afiado, cestería e labores de palla.

-Mellora-la comercialización dos productos artesanais: acceso ós novos mercados e o desenvolvemento de novos productos.

Artigo 4º.-Contía das axudas.

1. As axudas faranse efectivas con cargo á partida orzamentaria 08.03.661-D.770.0 «Empresas privadas. Axudas á artesanía galega» dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, podendo acadar:

-Ata o 50% do investimento subvencionable para as actuacións referidas nas alíneas a), b) e c) do artigo anterior.

-Ata o 45% dos custos e gastos de realización de estudios ou proxectos que recolle a alínea d) do artigo anterior.

2. A contía máxima que se poderá percibir en concepto de subvención para as actuacións contidas nesta orde poderán acadar ata 2.000.000 de pesetas.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes presentaranse por triplicado exemplar, conforme o modelo que se xunta como anexo, acompañadas da seguinte documentación:

-Fotocopias compulsadas da carta de artesán e do certificado de inscrición do taller no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, agás cando a axuda solicitada sexa destinada á creación dun obradoiro artesanal; neste caso presentarase a fotocopia compulsada da carta de artesán. En cualquera dos casos, estes documentos deberán acreditarse documentalmente no momento de presentación da solicitude.

As asociacións profesionais artesanais presentarán fotocopia compulsada do CIF, estatutos e certificación ou documento acreditativo da súa constitución legal. Así mesmo, certificación emitida polo secretario da asociación, onde conste o número de asociados, e documento que acredite a inscrición dun mínimo de vinte artesáns no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

No caso de execución de proxectos concertados a adhesión das empresas plasmarase mediante certificación destas, na que se recolla o seu compromiso na execución dos devanditos proxectos.

-Memoria das actividades profesionais realizadas, asinada polo solicitante.

-Memoria explicativa do proxecto ou actuación que se vai desenvolver e prazo para a súa execución.

-Orzamento detallado do investimento e, nos casos en que proceda, presentarase: copia do proxecto elaborado pola empresa ou particular que o realice; factura proforma de maquinaria ou bens que se pretenden adquirir ou das actuacións que se van realizar, elaborada pola empresa subministradora.

En cualquera dos casos, o proxecto ou a factura proforma irá dirixida ó solicitante da axuda e contará coa sinatura e DNI ou CIF/NIF do autor do orzamento.

-Copia compulsada do último recibo do imposto de actividades económicas que ampara a actividade de que se trate e do NIF/CIF do solicitante.

-Documento acreditativo do poder co que actúa o solicitante, se se trata dunha persoa xurídica.

-No caso de entidades acollidas ó réxime de exención do IVE, documentación acreditativa desta.

Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes, dirixidas ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, ata o 30 de marzo de 1999 inclusive.

Artigo 7º.-Tramitación.

1. De conformidade co disposto no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne os requisitos esixidos, o interesado será requirido para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer, será considerado desistido na súa petición, que se arquivará sen máis trámites.

2. Por cada expediente, os xefes de Servicio de Xestión de cada delegación provincial, emitirán un informe de cumprimento dos requisitos esixidos na convocatoria.

As solicitudes, ás que se lles achegará o devandito informe, serán estudiadas por una comisión técnica constituída polo titular da Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas ou persoa na que delegue, que a presidirá, actuando como vocais o subdirector xeral de Apoio Sectorial, o xefe do Servicio de Xestión e Cooperación Empresarial da Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas, mais os catro delegados provinciais da Consellería de Industria e Comercio ou no seu defecto os xefes de Servicio de Xestión de cada delegación provincial. Exercerá as funcións de secretario da comisión o antedito xefe de Servicio de Programas Sectoriais.

3. Para a valoración das solicitudes tomaranse como criterios prioritarios os seguintes:

-Exercer algunha das seguintes actividades artesanais tradicionais: tecidos en baixo lizo, zoqueiro, toneleiro, selleiro, albardería, olería, forxa, ferrallería, caldeirería, cestería e labores de palla.

-Adecuación técnica do proxecto.

-Calidade do proxecto que se vai executar.

-O número de empresas participantes no caso dun proxecto concertado e os efectos e vantaxes derivadas da cooperación.

-Capacidade de xerar actividade económica na empresa.

-A contribución á potenciación e creación de postos de traballo.

-Que o solicitante sexa xove artesán ou muller.

-Que os proxectos presentados contribúan de maneira destacada á divulgación e promoción de productos artesanais.

-Que o solicitante non teña percibido nos dous últimos anos axudas da Consellería de Industria e Comercio, nin doutra institución, organismo ou Administración pública destinadas ó colectivo artesanal.

4. A comisión, á vista dos expedientes e dos informes de cumprimento dos requisitos esixidos na convocatoria emitidos polos servicios provinciais, analizarán e cualificarán os proxectos e, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias elevará ó conselleiro de Industria e Comercio a proposta de concesión ou denegación de subvención.

Artigo 8º.-Resolución.

Vista a proposta elevada pola comisión técnica, o conselleiro de Industria e Comercio ou o delegado provincial correspondente, emitirá a resolución que proceda, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia.

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario no prazo de 15 días, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución.

Se transcorridos os sinalados quince días, non se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

Artigo 9º.-Prazo de resolución.

A non resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a presentación da correspondente solicitude determinará a súa desestimación presunta, quedando expedita a vía contencioso-administrativa.

Artigo 10º.-Obrigas do beneficiario.

A concesión da axuda levará consigo as seguintes obrigas:

-Para o caso da creación dun taller artesanal, darse de alta no imposto de actividades económicas (IAE) que ampara a actividade correspondente, e solicitar, ante a Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas, a inscrición na sección segunda do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Para a inscrición dun taller artesanal deberá obterse, previamente, o documento de cualificación de taller artesanal.

-O non alleamento dos bens obxecto da subvención nun prazo mínimo de dous anos, contados desde a data de concesión da subvención.

-Facer consta-lo financiamento da Consellería de Industria e Comercio, Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructura Tecnolóxicas en toda referencia ás actividades subvencionables en calquera medio de difusión.

Artigo 11º.-Pagamento das axudas.

1. Para o libramento da subvención o beneficiario deberá presentar, por triplicado, antes do día 31 de outubro de 1999, na respectiva delegación provincial ou nos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio, a documentación acreditativa do investimento realizado e no caso de catálogos, soportes publicitarios, estudios ou proxectos deberán achegaranse tres exemplares deles, detallando os investimentos e gastos realizados cos respectivos xustificantes.

Para as actuacións reflectidas, na alínea b) do artigo 3º será preciso achegar, ademais, unha memoria detallada coas actividades realizadas.

2. Así mesmo, unirase á documentación que se sinala nos puntos anteriores.

a) Certificación da conta bancaria onde debe realizarse o libramento, expedida pola propia entidade bancaria.

b) Certificados acreditativos de estar ó día nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

c) Declaración das axudas solicitadas ou certificacións das obtidas noutros organismos para a mesma actividade.

d) Calquera outro documento que se requira na resolución particular de concesión da subvención.

Así mesmo, en función do compromiso adquirido, deberá presenta-los documentos que acrediten o estipulado no primeiro parágrafo do artigo 10º, con data anterior ó día 31 de outubro de 1999.

3. A percepción da axuda terá lugar unha vez que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio certifiquen, se é o caso, trala inspección

correspondente, que se realizou o investimento que foi obxecto de subvención.

Os órganos competentes da Consellería de Industria e Comercio poderán solicita-las aclaracións ou informes que consideren convenientes e, no caso de non ser remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se sinale, considerase que renuncia a subvención.

Artigo 12º.-Pagamentos parciais e anticipos.

1. Poderanse autorizar pagamentos parciais, de acordo co establecido no artigo 35.Dous.B) da Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Con carácter excepcional e por resolución motivada do conselleiro de Industria e Comercio, ou delegado provincial, segundo proceda, poderá autorizarse un anticipo de ata o 50% da subvención naqueles casos en que o investimento esixa pagamentos inmediatos, de acordo coas condicións establecidas no citado artigo 35 da Lei 6/1998.

Artigo 13º.-Reducción e concorrencia de axudas.

1. No caso de que o investimento xustificado ou a actividade realizada teña un custo inferior ó inicialmente previsto, e sempre que esta minoración non supoña unha realización deficiente do proxecto e se manteñan os fins para os que se concedeu a subvención, a axuda reducirase nunha porcentaxe proporcional.

2. Cando por concorrencia de subvención ou axudas o importe total subvencionado exceda do custo da actividade que vaia realiza-lo beneficiario ou da porcentaxe máxima establecida no artigo 4º desta orde, procederá o reintegro do exceso percibido á Administración autónomica, sen prexuízo doutras responsabilidades que puideran derivarse.

Artigo 14º.-Modificación do contido do investimento.

No caso de que por circunstancias técnicas, dada a complexidade das accións, se varíe o contido específico dos investimentos ou actuacións recollidas no proxecto inicial e que incidan no investimento subvencionable, o beneficiario deberá comunicar con anterioridade á súa materialización os correspondentes cambios, solicitándolle a conformidade á Consellería de Industria e Comercio. Para tal efecto, a súa autorización, se as ditas modificacións non alteran significativamente o obxectivo inicial do proxecto, requirirá informe favorable da Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas.

Artigo 15º.-Control.

En todo caso, os beneficiarios sométense ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Industria e Comercio e ás de control financeiro que lle

corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas, así como ás que poida efectuar, se é o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas, asi como ás que poida efectuar, se é o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanzamento con fondos europeos.

Artigo 16º.-Revogación.

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións e obrigas impostas na presente orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución, dará lugar, de acordo co disposto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, logo da audiencia ó interesado, á revogación da axuda concedida e ó reintegro da cantidade percibida e mailos xuros de demora, sen prexuízo, se é o caso, doutras responsabilidades nas que incorrese o beneficiario.

As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a súa cobranza o previsto nos artigos 19 a 23 da citada Lei 11/1992, do 7 de outubro.

Artigo 17º.-Renuncia.

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o establecido no artigo anterior.

Artigo 18º.-Réxime xurídico.

Con independencia do disposto nesta orde, haberá que aterse ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 6/1998, do 29 decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999 e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional

Poderán acollerse ás axudas que se regulan na presente orde, as solicitudes presentadas ó abeiro da Orde do 30 de marzo de 1998, que non foron atentidas por limitacións orzamentarias, sempre que o interesado así o solicite.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 1999.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio