Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Mércores, 03 de marzo de 1999 Páx. 2.425

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 19 de febreiro de 1999 pola que se desenvolve o artigo 23.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario en relación con determinadas liquidacións tributarias.

A actividade financeira desenvolvida polas administracións públicas, é unha actividade de carácter instrumental que non constitúe un fin en si mesma. Xorde como consecuencia da existencia de necesidades sociais, que deben ser cubertas polos distintos niveis de administración, da que a principal función é servir con obxectividade os intereses xerais.

Esta actividade financeira consiste basicamente na obtención dos recursos necesarios para a atención das ditas necesidades, a través da realización do gasto público, que segundo o artigo 31 da Constitución, realizará unha asignación equitativa dos recursos públicos e a súa programación e execución responderá ós criterios de eficiencia e economía, da mesma forma que chama a todos a contribuír ó sostemento dos ditos gastos de acordo coa súa capacidade económica, mediante un sistema tributario xusto.

Se é a necesidade colectiva a que implica a realización do gasto e a que fundamenta o poder tributario do Estado, resultaría incongruente que non puidera atenderse a devandita necesidade porque os custos que a exacción do tributo xera foran superiores á contía deste.

Neste contexto, e no principio de eficacia que debe presidir toda actuación da Administración, enmárcase a autorización que a Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, concede no seu artigo 23.5º ó conselleiro de Economía e Facenda, para que poida dispoñe-la non liquidación de débedas ou anulación e baixa en contabilidade de débedas xa liquidadas cando a súa execución resulte antieconómica. Para estes efectos, a Consellería de Economía e Facenda debe determinar previamente o límite cuantitativo que se considere e fixe como insuficiente para a cobertura do custo de exacción.

Por todo o anterior, e en virtude do disposto no artigo 23.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro,de réxime financeiro e presupostario de Galicia,

DISPOÑO:

Primeiro.-Non lle serán notificadas ó contribuínte nin, en consecuencia, esixidas, as liquidacións practicadas pola Consellería de Economía e Facenda ou as oficinas liquidadoras de distrito hipotecario, que reúnan os seguintes requisitos:

1. Que se refiran a impostos xestionados pola Consellería de Economía e Facenda ou as oficinas liquidadoras de distrito hipotecario.

2. Que o importe que hai que ingresar non exceda de 1.000 pesetas (6,01 euros).

3. Que rectifiquen autoliquidacións ou declaracións-liquidacións que leven aparellado un ingreso.

4. Que se considere improcedente a apertura de expediente sancionador polos feitos determinantes da diferencia entre a liquidación administrativa e a autoliquidación ou declaración-liquidación practicada polo obrigado tributario.

Segundo.-Cando se trate de liquidacións administrativas que rectifiquen autoliquidacións ou declaracións-liquidacións con solicitude de devolución, para compensar, ou, en xeral, que non leven aparellado un ingreso, ou se trate de liquidacións realizadas pola Consellería de Economía e Facenda ou as oficinas liquidadoras de distrito hipotecario como consecuencia de declaracións realizadas polos contribuíntes, nas que sexa preceptiva a notificación da liquidación practicada, esixirase o importe que hai que ingresar que resulte destas aínda que o dito importe sexa inferior á cantidade establecida no punto anterior.

Disposición adicional

Nos casos previstos na presente orde, as liquidacións con resultado para ingresar non esixibles, non se contraerán en contabilidade.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 1999.

Xosé Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda