Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Luns, 01 de marzo de 1999 Páx. 2.241

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 17 de febreiro de 1999 pola que se establece a obriga de facer consta-lo valor catastral dos bens inmobles nos impostos sobre sucecións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

O valor real dos bens e dereitos que se transmiten é o eixe fundamental sobre o que xira a base impoñible nos impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados. Tanto se os ditos impostos se presentan mediante o sistema de autoliquidación ou declaración-liquidación como se se presenten, no caso de sucesións e doazóns, polo sistema de presentación a liquidar, o contribuínte está obiragado a lles atribuír ós bens transmitidos un valor.

A dificultade que entrañaba para o contribuínte que no dispuxese de datos sobre o verdadeiro valor dos bens fixar un para estes efectos, levou a que a Lei 1/1998, de dereitos e garantías do contribuínte, establecese a posibilidade da previa consulta destes á Administración tributaria.

A Consellería de Economía e Facenda, en consonancia cos principios que presiden a Lei 1/1998, e co fin de mellora-la asistencia e información ó contribuínte, así como para reforza-lo principio de seguridade xurídica, estableceu criterios orientativos do valor dos bens inmobles sobre a base do valor catastral destes, o que fai necesario que o dato do valor catastral conste á Administración xa sexa a través do último recibo do imposto sobre ben inmobles, xa sexa a través das certificacións catastrais do dito valor.

Por todo o anterior, e de acordo co establecido no artigo 15.un.g) da Lei 14/1996, do 30 de decembro, de cesión de tributos do Estado ás comunidades autónomas,

DISPOÑO:

Primeiro.-O valor catastral dos bens inmobles que sexa obxecto de transmisión suxeita ós impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimonias e actos xurídicos documentados deberá ir coa documentación que se presente para os efectos dos impostos anteriormente citados.

Segundo.-O dito valor catastral farase constar a través da copia cotexada do último recibo de pagamento do imposto sobre bens inmobles, ou en defeto do anterior, a través de certificado ou outro documento expedido polo xerente do catastro, sempre que en ámbolos dous casos figure de forma indubidable o valor catastral.

Terceiro.-O anterior establécese sen prexuízo da constancia obrigatoria da referencia catastral a que alude a sección 4ª do capítulo IV do título I da Lei 13/1996, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e de orde social.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 1999.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Económica e Facenda