Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Venres, 26 de febreiro de 1999 Páx. 2.170

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 15 de febreiro de 1999 pola que se particulariza para o exercicio orzamentario de 1999 o procedemento de xestión das axudas comunitarias relativas á mellora das condicións de transformación e comercialización de productos agrarios.

A orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes do 8 de setembro de 1995 (Diario Oficial de Galicia nº 186) modificada pola Orde do 11 de maio de 1998 (Diario Oficial de Galicia nº 96) regula para o período 1994-1999 o procedemento de xestión das axudas establecidas no Regulamento (CE) 951/1997, así como no Real decreto 633/1995, do 21 de abril.

Por outra parte, no artigo 10 da citada orde, particularizábanse as condicións específicas para o exercicio orzamentario de 1995. Co inicio do exercicio de 1999 e a perda de vixencia do citado artigo, é conveniente establece-las condicións particulares das citadas axudas para o presente ano.

Por todo iso, e de acordo co disposto no artigo 30.I.3º do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único.-As condicións particulares para a xestión das axudas comunitarias relativas á mellora das condicións de transformación e comercialización de productos agrarios e silvícolas, durante o exercicio orzamentario de 1999 serán as seguintes:

Os investimentos incluídos na petición de axuda non poderán estar iniciados con anterioridade ó 1 de xaneiro de 1999, condición que deberá estar suficientemente acreditada.

A data máxima de presentación de solicitudes será o 23 de marzo de 1999.

Disposicións adicionais

Primeira.-O pagamento das subvencións efectuarase con cargo ós conceptos orzamentarios 09.04.713 A.770.00 (1.273.548.057 ptas.) e 09.04.713 A.771.00 (20.000.000 de ptas.) así como con cargo ós remanentes incorporados ó ano 1999 e non comprometidos e a outros remanentes adicionais que puidesen existir nos mesmos conceptos.

Segunda.-Ademais do previsto particularmente na presente orde, os modelos de solicitude, documentación e o procedemento de xestión das axudas será o establecido con carácter xeral na Orde do 8 de setembro de 1995, modificada pola Orde do 11 de maio de 1998.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 1999.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria