Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Mércores, 24 de febreiro de 1999 Páx. 2.077

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

RESOLUCIÓN do 12 de febreiro de 1999, da Dirección Xeral de Tributos, pola que se aproban os modelos de actas da Inspección de Facenda da Xunta de Galicia.

As modificacións introducidas no Real decreto 939/1986, do 25 de abril, polo que se regula o Regulamento xeral da inspección dos tributos, polo Real decreto 1930/1998, do 11 de setembro, como consecuencia da entrada en vigor da Lei 1/1998, do 26 de febreiro, de dereitos e garantías dos contribuíntes, esixe a aprobación de novos modelos de

actas, co fin de que o procedemento inspector se adecue á normativa vixente.

En consecuencia,

RESOLVO:

Primeiro.-A Inspección dos tributos redactará as súas actas nos modelos oficiais aprobados para o efecto por esta resolución e que se insiren como anexos I, II y III nela.

Segundo.-A Inspección dos tributos poderá utilizar programas informáticos para a confección das actas de inspección.

O papel sobre o que se redactan as actas levará impreso sobre o anverso o escudo da Facenda galega. Na súa parte superior figurará o logotipo da Consellería de Economía e Facenda.

Terceiro.-O contido das actas de inspección que se confeccionen utilizando programas informáticos incorporarase a follas separadas. As ditas follas irán numeradas consecutivamente e o seu número será variable, en función da extensión da acta. En cada folla farase consta-la identidade dos obrigados tributarios: nome e apelidos ou razón ou denominación social completa e número de identificación fiscal, e na primeira, ademais, o enderezo tributario do interesado. Así mesmo, constará o número que con carácter único se asigne a cada acta para a súa identificación, e as mencións que se relacionan na alínea 2 do artigo 49 do Regulamento xeral da inspección dos tributos.

Os espacios que nos modelos oficiais que aproba esta resolución figuran en branco ou punteados terán a extensión variable que en cada momento sexa precisa, en función do texto que se incorpore ós ditos espacios.

Cando as actas se redacten sen a presencia dos interesados, a redacción do encabezamento delas poderá adaptarse a esta circunstancia. Igualmente, no caso de que comparecendo os interesados se neguen a subscribi-las actas, tal circunstancia farase constar expresamente nelas, manifestando se reciben ou non un exemplar.

Cuarto.-Cando as actas do modelo A01 sexan con descubrimento de débeda, a Inspección entregará ó comparecente os documentos necesarios para realiza-lo ingreso, os cales se poderán confeccionar igualmente utilizando programas informáticos.

Quinto.-A Inspección, cando utilice os ditos modelos, observará os criterios e instruccións recollidos no anexo IV desta resolución.

Sexto.-As actas da inspección dos tributos redactaranse por duplicado ou triplicado, entregándose ou achegándose, segundo o caso, un exemplar ó comparecente.

Sétimo.-Esta resolución será de aplicación desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 1999.

María Casais Mira

Directora xeral de Tributos

ANEXO IV

Primeiro. Actas modelo A01.

1. A Inspección dos tributos utilizará el modelo A01 para redacta-las actas que procedan cando o suxeito pasivo, retedor ou responsable solidario preste a súa conformidade coa proposta de liquidación practicada na acta pola Inspección e non procede utiliza-lo modelo A06.

2. Cando a acta sexa de conformidade e con descubrimento de débeda, co exemplar duplicado da acta faráselle entrega ó interesado dos documentos de ingreso precisos para efectua-lo pagamento da débeda tributaria.

3. No espacio situado no ángulo superior da acta farase constar, no primeiro lugar o enderezo da delegación territorial, e no segundo lugar, o órgano actuante que corresponda.

4. A identidade dos actuarios que subscriban a acta constará no espacio inferior da cabeceira da acta para os efectos de identificación, recolléndose os dous apelidos e o nome, así como o número de rexistro de persoal de cada un.

No campo denominado «Período» da dita cabeceira inserirase o ano natural que comprenda o período impositivo comprobado nos impostos sobre o patrimonio das persoas físicas, taxa fiscal sobre o xogo, imposto sobre contaminación atmosférica ou canon de saneamento.

Nos demais tributos farase consta-lo ano natural correspondente á data do devengo.

5. Na alínea 1 da acta farase consta-la situación dos libros ou rexistros obrigatorios do interesado, só cando o suxeito pasivo ou retedor sexa empresario ou profesional, e exclusivamente respecto dos tributos nos que teña incidencia.

6. Na alínea 2 da acta, e respecto das actuacións iniciadas con posterioridade á entrada en vigor da Lei 1/1998, do 26 de febreiro, de dereitos e garantías dos contribuíntes, indicarase a data de inicio das actuacións e farase constar, de se-lo caso, a existencia de dilacións imputables ó contribuínte, interrupcións xustificadas, así como a procedencia, tamén de se-lo caso, de amplia-lo prazo xeral de duración das actuacións.

7. No punto 3 da acta recolleranse os feitos e elementos con transcendencia para a comprobación da situación tributaria do interesado que resultase das actuacións inspectoras, e estableceranse, así mesmo, as consecuencias de dereito que aqueles feitos ou circunstancias supoñan para a regularización da situación tributaria do suxeito pasivo ou retedor.

Neste punto 3, cando a acta sexa previa, farase consta-la natureza, as circunstancias determinantes da súa incoación con tal carácter e os elementos do feito impoñible ou da súa valoración a que se estendese xa a comprobación inspectora. Así mesmo, farase constar neste punto se presentase alegacións o suxeito comprobado, efectuando unha valoración destas. Tamén farase constar, de se-lo caso, as circunstancias que xustifiquen a actuación directamente co seu responsable solidario.

En todo caso, o contido deste punto, en canto á explicitación dos feitos recollidos na acta e o desenvolvemento dos argumentos de dereito expostos nesta, poderá completarse mediante a emisión polos actuarios dun informe.

8. Unha vez incorporado ó punto 3 da acta o contido a que se refire o número anterior, se a Inspección estimase que non existen motivos para proceder á apertura de procedemento sancionador, farao constar así neste punto.

9. No punto 4 da acta recollerase o detalle numérico da proposta de liquidación que resulte da regularización da situación tributaria do interesado polos conceptos a que a acta se refire, con expresión dos incrementos ou alteracións das bases, deduccións e cotas tributarias. No recadro inferior do punto recolleranse os importes que sintetizan a composición da débeda resultante da liquidación derivada da acta.

10. No espacio en branco do punto 5 indicarase o carácter provisional ou definitivo da liquidación da cal a súa proposta se incorpora á acta.

11. No espacio en branco do punto 6 servirá para sinala-lo titular do órgano actuante da Inspección que poida dicta-las liquidacións e demais actos administrativos.

12. No punto 7 cúmprese o disposto na letra b) do punto 1 do artigo 124 de Lei xeral tributaria e na letra i) do punto 2 do artigo 49 do Regulamento xeral da inspección dos tributos, polo cal se deberá indica-lo órgano actuante perante o que proceda recurso de reposición contra a liquidación que resulte da acta e, de se-lo caso, os lugares de presentación, ou o Tribunal Económico-Administrativo en concreto perante o cal poida interporse reclamación económico-administrativa.

13. No espacio en branco do punto 8 expresarase o carácter previo ou definitivo da acta.

14. A Inspección poderá redactar unha única acta por cada tributo ou concepto impositivo, pero referíndose a todo o período obxecto de comprobación, co obxecto de que a débeda resultante do conxunto dos exercicios integrantes do devandito período se determine mediante a suma alxébrica das liquidacións referidas ós distintos exercicios.

Segundo. Actas modelo A02.

1. A Inspección dos tributos utilizará o modelo A02 para redacta-las actas que procedan cando o suxeito pasivo, retedor ou responsable solidario non preste a súa conformidade coa proposta de liquidación practicada na acta pola Inspección. Este modelo utilizarase tamén para as actas de comprobado e conforme, cando o suxeito pasivo, retedor ou obrigado a efectuar ingresos á conta non preste a súa conformidade, por entender que non era correcta a liquidación por el practicada, de acordo coa alínea 3 do artigo 52 do Regulamento xeral da inspección dos tributos.

2. Para a formalización das actas que proceda redactar utilizándose este modelo A02 observaranse as instruccións recollidas nos números 3 a 7, ámbolos dous inclusive, e 14 do punto primeiro deste anexo.

3. Na alínea 5 da acta recolleranse as manifestacións do interesado relativas ó alcance da súa desconformidade respecto da proposta de liquidación contida

na acta, sen prexuízo do seu dereito a formular oportunamente cantas alegacións estime convenientes.

4. No espacio en branco do punto 6 indicarase o órgano actuante da Inspección dos tributos perante o que han de formularse as alegacións a través da unidade administrativa que en cada caso proceda.

Cando, conforme a normativa vixente, as liquidacións tributarias e demais actuacións administrativas deban ser dictadas polo xefe do Servicio Territorial de Inspección doutra delegación, farase constar, expresamente, a posibilidade de presenta-las alegacións indistintamente en calquera de ámbolos dous servicios territoriais.

5. No espacio en branco do punto 7 indicarase o titular do órgano actuante da Inspección que teña a condición de inspector xefe, para os efectos de dicta-la liquidación ou o acto administrativo que proceda.

Terceiro. Actas modelo A06.

1. Cando a Inspección dos tributos estime correcta a situación tributaria do suxeito pasivo, retedor ou obrigado a efectuar ingresos á conta farao constar en acta, utilizando precisamente este modelo se o interesado presta a súa conformidade coa proposta de liquidación que se lle formula, elevando a definitiva a liquidación por el practicada. Así mesmo, utilizarase este modelo de acta cando o suxeito pasivo non estivese obrigado a presentar declaración de acordo coas disposición reguladoras do correspondente tributo.

2. Para a formalización destas actas de comprobado e conforme será de aplicación o previsto nos números 3 e 4 do punto primeiro deste anexo.

3. No punto 1 da acta, e respecto das actuacións iniciadas con posterioridade á entrada en vigor da Lei 1/1998, do 26 de febreiro, de dereitos e garantías dos contribuíntes, indicarase a data de inicio das actuacións e farase constar, de se-lo caso, a existencia de dilacións imputables ó contribuínte, interrupcións xustificadas, así como a procedencia, tamén de se-lo caso, de amplia-lo prazo xeral de duración das actuacións.

4. No punto 2 da acta os actuarios indicarán os períodos a que a conformidade se estende, describindo as bases tributarias declaradas, así como as cotas liquidadas e ingresadas por parte do interesado.

5. No punto, a Inspección advertirá o interesado acerca dos elementos dos feitos impoñibles ou das bases ou cotas tributarias ós que a conformidade non se estende, atendendo o carácter parcial da actuación inspectora ou a existencia de circunstancias que así o xustifican, conforme se indica no último parágrafo do punto 8 da acta, no espacio en branco do cal se recollerá o carácter previo ou definitivo desta.

Así mesmo, cando a acta sexa enviada ó suxeito pasivo por correo, neste punto deberá advertírselle que poderá manifesta-la súa desconformidade por entender que non era correcta a liquidación por el formulada, realizando as alegacións que estime pertinentes, dentro dos quince días seguintes á recepción da acta, perante o órgano actuante da Inspección e a través da unidade administrativa que proceda. Noutro caso, a acta tramitarase como de conformidade entendéndose feitas as referencias dos puntos 6 e 8 seguintes non á data da acta, senón á da súa notificación.

6. No punto 5 da acta, e no seu espacio en branco, farase referencia á natureza da liquidación chamada a derivarse da acta, mencionándose no punto 6 e no espacio previsto para tal efecto, ó titular do órgano actuante da Inspección que poida dicta-las liquidacións e demais actos administrativos.

7. Finalmente, no punto 8 indicarase o órgano perante o que proceda a interposición de recurso de reposición, así como o Tribunal Económico-Administrativo perante o que poida interporse a reclamación correspondente.

8. A Inspección incoará unha acta de comprobado e conforme por cada concepto impositivo, pero referíndose a tódolos períodos impositivos ou de declaración ou declaracións tributarias obxecto de comprobación e ós que a conformidade se estenda.