Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Mércores, 24 de febreiro de 1999 Páx. 2.048

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 38/1999, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

O Parlamento de Galicia, no exercicio da potestade lexislativa e en desenvolvemento das competencias que a esta Comunidade Autónoma lle atribúe o artigo 27.3º do Estatuto de autonomía en relación co artigo 148.1º.3 da Constitución, promulgou dous novos corpos lexislativos de especial transcendencia para a ordenación do noso territorio: a Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, que ten por finalidade establece-los obxectivos fundamentais e crea-los instrumentos necesarios para a coordinación da política territorial e a ordenación do espacio da Comunidade Autónoma; e a Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, para regular de xeito integral a actividade urbanística do noso territorio, na que se ofrecen solucións que a súa singularidade require ou aconsella.

A nova regulación vén incidir nas competencias desta consellería, por se-la que ten atribuída de forma directa velar pola súa aplicación, sendo a Dirección Xeral de Urbanismo a que debe asumir a maior parte das funcións nestas materias.

Sendo o mantemento da disciplina urbanística e territorial unha constante preocupación do Goberno galego, a Lei 1/1997, do solo de Galicia, mostra peculiar sensibilidade por estas cuestións e pretende responsabilizar á Comunidade Autónoma da defensa dunhas zonas especialmente sensibles do territorio; para iso instaura importantes medidas en mans da Administración autonómica para a protección da legalidade urbanística en determinados ámbitos ou espacios e reordena o réxime de infraccións e sancións.

O ámbito da competencia autonómica que deseña a nova lei leva consigo inevitables esixencias, que se estenden a tarefas inspectoras, de reposición da legalidade e de exercicio e imposición das sancións que procedan. Tales tarefas requiren de globalización orgánica, especialización e eficaz proxección territorial en todo o ámbito espacial galego. Por iso, resulta imprescindible a creación da Subdirección Xeral de Disciplina e Informes, que concentre a actividade de disciplina en materia urbanística. Esta concentración representa a posibilidade certa de optimizar custos de persoal e materiais e, ó mesmo tempo, conséguese un funcionamento áxil e coordinado, coa suficiente autonomía e liberdade de actuación.

Prevese a desconcentración de funcións nos órganos periféricos da Xunta de Galicia, establecendo, ó amparo da alínea d) do artigo 109 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, unha serie

de actos que esgotan a vía administrativa e, desta forma, permítese axiliza-la resolución dos expedientes.

No eido do transporte, a asunción de competencias pola Comunidade Autónoma en materia de transporte marítimo en virtude do Decreto 338/1996, do 13 de setembro, e a súa asignación a esta consellería, así como a importancia adquirida polo transporte por ferrocarril, aconsellan a creación de novas unidades para a súa axeitada xestión.

Por outra parte, o Decreto 347/1997, do 9 de decembro, polo que se estableceu a estructura orgánica da Xunta de Galicia, creou a Consellería de Medio Ambiente que, en virtude do disposto no Decreto 482/1997, do 26 de decembro, asumiu as competencias e funcións que en materia de calidade ambiental e protección de costas viña exercendo a Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo desta consellería.

Polo tanto e de acordo co anterior, faise necesario acomoda-la estructura orgánica da consellería á nova realidade xurídica, distribuíndo dun xeito racional as funcións asignadas.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, co informe previo das consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de febreiro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO

Artigo 1º.

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ó que corresponden as competencias e funcións en materia de política territorial, urbanismo, vivenda e solo, patrimonio arquitectónico, portos, estradas, transportes e comunicacións, recursos e aproveitamentos hidráulicos e demais obras públicas en xeral, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia nos termos sinalados na Constitución española.

Artigo 2º.

1. A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, baixo a superior dirección do seu titular, terá a seguinte estructura orgánica:

I. O conselleiro.

II. A secretaría xeral.

III. A Dirección Xeral de Urbanismo.

IV. A Dirección Xeral de Obras Públicas.

V. A Dirección Xeral de Transportes.

VI. As delegacións provinciais.

VII. Os órganos colexiados.

2.1. Adscríbense á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda os seguintes organismos autónomos:

-O Instituto Galego da Vivenda e Solo, creado pola Lei 3/1988, do 27 de abril, constituído en organismo autónomo de carácter comercial e financeiro.

-Augas de Galicia, creado pola Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia, como organismo autónomo de carácter administrativo.

2.2. Adscríbense, así mesmo, á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda o ente público Portos de Galicia, creado pola Lei 5/1994, do 29 de novembro, e a empresa pública de Obras e Servicios Hidráulicos, creada pola Lei 8/1993, do 23 de xuño, da Administración hidráulica de Galicia.

I. O conselleiro.

Artigo 3º.

O conselleiro é a autoridade superior da consellería e con tal carácter está investido das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente.

II. A secretaría xeral.

Artigo 4º.

A secretaría xeral exercerá as funcións e competencias establecidas no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, ademais das que lle sexan singular ou especialmente encomendadas por delegación do titular da consellería.

Artigo 5º.

Baixo a dependencia directa do secretario xeral existirán as seguintes unidades.

1. Servicio de Coordinación Técnica e Inspección.

Terá como obxectivo velar polo correcto funcionamento dos diferentes servicios e obras da consellería, tanto na súa esfera central coma periférica, informando sobre o grao de cumprimento e eficacia na súa prestación, e o adecuado emprego dos medios, tanto persoais como materiais.

Proporá, se é o caso, as medidas para a corrección das deficiencias que se observen.

2. Servicio Técnico-Xurídico.

Correspóndenlle a este servicio as seguintes funcións:

a) O estudio e tramitación de tódolos anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral que elaboren os distintos centros directivos da consellería, así como levar a cabo as compilacións e refundicións das normas emanadas desta.

b) O estudio, tramitación e proposta de resolución das reclamacións e recursos formulados contra os actos e resolucións dictados polos distintos órganos da consellería cando no lle estean atribuídos a outros órganos desta.

c) O estudio das disposicións de carácter xeral que deban someterse á Comisión de Secretarios Xerais e que sexan encargadas polo secretario xeral.

d) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia, polo secretario xeral.

3. Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa e Control Orzamentario.

Exercerá as funcións de xestión do persoal, coordinación da confección do anteproxecto de orzamento, o seu seguimento e control interno, así como a organización do rexistro, arquivo e demais aspectos relacionados co réxime interior.

Encargarase do sistema de informatización e proceso de datos, así como da racionalización administrativa de tódolos servicios da consellería.

Contará cos seguintes servicios:

3.1. Servicio de Xestión Económica e Control Orzamentario.

3.2. Servicio de Persoal e Réxime Interior.

Dependendo organicamente da secretaría xeral, con nivel orgánico de subdirección xeral, existirán as seguintes unidades:

4. Asesoría Xurídica.

Contará co seguinte servicio:

4.1. Servicio de Apoio Xurídico.

5. Intervención Delegada.

III. A Dirección Xeral de Urbanismo.

Artigo 6º.

Correspóndelle á Dirección Xeral de Urbanismo a dirección e coordinación das actuacións que sexan competencia da consellería en materia de ordenación do territorio e urbanismo, exercendo especialmente as seguintes funcións:

a) A definición, programación e execución da política de ordenación do territorio e urbanismo da Xunta de Galicia, así como a elaboración das disposicións que procedan.

b) A elaboración de plans, proxectos, estudios e instrumentos de ordenación do territorio e urbanismo.

c) A tramitación, informe e proposta de resolución de plans, autorizacións, e expedientes relativos a asuntos de competencia desta consellería previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia e na Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, en exercicio das competencias da Xunta de Galicia.

d) A elaboración de propostas de informe sobre o planeamento urbanístico municipal, para os efectos previstos nos artigos 41.3º e 42.5º da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

e) O exercicio das competencias previstas no artigo 5 da Lei 7/1995, do 29 de xuño, de delegación e distribución de competencias en materia de urbanismo, e no artigo 193 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

f) O fomento do planeamento e da actividade urbanística.

g) A execución de cartografía do territorio de Galicia.

h) A inspección e vixilancia urbanística no ámbito das competencias da Xunta de Galicia.

i) Emitir informe previo á resolución de procedementos sancionadores en materia de urbanismo, cando a competencia para a imposición da sanción lle corresponda ó conselleiro ou ó Consello da Xunta de Galicia, logo de formulada a correspondente proposta de resolución.

j) O outorgamento de autorizacións en materia de habitabilidade ó abeiro do disposto no artigo 4 do Decreto 311/1992, do 12 de novembro.

k) A coordinación co Instituto Galego da Vivenda e Solo e con outros órganos das administracións estatal, autonómica e local, cando as súas actuacións incidan no territorio.

l) As actuacións de mellora de contornos urbanos, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de grandes equipamentos urbanos.

m) A emisión de informes urbanísticos previstos na lexislación sectorial de aplicación.

n) A xestión económica e administrativa e, se é o caso, contratación e expropiación sobre asuntos da súa competencia.

Artigo 7º.

A Dirección Xeral de Urbanismo estructúrase nas seguintes unidades administrativas:

1. Subdirección Xeral de Urbanismo, coas seguintes funcións: a execución dos obxectivos, a tramitación de expedientes e a xestión dos asuntos da competencia da dirección xeral en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

Contará cos seguintes servicios:

1.1. Servicio de Planificación Urbanística.

1.2. Servicio de Xestión Urbanística.

2. Subdirección Xeral de Disciplina e Informes, coas seguintes funcións: a coordinación da inspección e vixilancia urbanística, a iniciación e tramitación dos expedientes sancionadores en materia de urbanismo, o nomeamento do instructor destes procedementos, e a elaboración dos informes xurídicos que lle sexan encomendados polo director xeral.

Contará cos seguintes servicios:

2.1. Servicio de Inspección e Vixilancia Urbanística da zona norte, que comprende as provincias da Coruña e Lugo.

2.2. Servicio de Inspección e Vixilancia Urbanística da zona sur, que comprende as provincias de Pontevedra e Ourense.

2.3 Servicio de Dictames e Informes.

3. Baixo a dependencia directa do director xeral existirá a seguinte unidade:

3.1. Servicio de Xestión Económica, que terá por función a xestión económica e a tramitación dos expedientes de contratación.

IV. A Dirección Xeral de Obras Públicas.

Artigo 8º.

Correspóndelle á Dirección Xeral de Obras Públicas o exercicio das seguintes funcións:

1. En materia de estradas:

a) A elaboración dos plans, programas de actuacións e orzamentos e o control e axuste destes, en

relación coas estradas que sexan competencia da consellería.

b) A elaboración da planificación operativa, así como os estudios, anteproxectos e proxectos correspondentes, e as actuacións relativas a redes arteriais, así como a tecnoloxía de estradas.

c) O estudio, coordinación e control do desenvolvemento e incidencia das obras ó seu cargo.

d) O inventario, conservación e sinalización das estradas e servicios complementarios nas zonas de dominio público, de servidume e de afección das estradas, sen prexuízo das competencias que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda en materia de patrimonio.

e) A tramitación e resolución, se procede, de tódalas autorizacións e concesións que de acordo coa lexislación específica sexan da súa competencia.

f) A tramitación e, se é o caso, resolución de expedientes sancionadores en materia de estradas.

2. En materia de portos:

a) Exerce-las competencias que lle atribúe o artigo 11 da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia.

b) Coordinación e cooperación da consellería co ente público Portos de Galicia.

c) Emitir informe sobre os plans e demais actuacións que inclúan a realización das obras que afecten ou que poidan ter incidencia sobre os portos de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. En materia de obras hidráulicas:

Coordinación e cooperación da consellería co organismo autónomo Augas de Galicia.

4. Informe, proposta e, se é o caso, resolución dos recursos interpostos dentro do ámbito da súa competencia.

5. A tramitación e xestión dos expedientes de contratación administrativa e as actuacións necesarias para o exercicio da potestade expropiatoria no ámbito da súa competencia.

6. A aplicación dos regulamentos sancionadores e de policía en materias da súa competencia.

Artigo 9º.

Baixo a dependencia directa do director xeral de Obras Públicas existirán as seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Estradas.

Terá como función o seguimento das actuacións que lle competen á Dirección Xeral de Obras Públicas en materia de expropiacións e de estradas.

Contará cos seguintes servicios:

1.1. Servicio de Supervisión de Proxectos.

1.2. Servicio de Programación e Planificación.

1.3. Servicio de Proxectos e Obras I.

1.4. Servicio de Proxectos e Obras II.

1.5. Servicio de Xestión Económico-Administrativa.

1.6. Servicio de Conservación.

1.7. Servicio de Explotación.

2. Servicio de Apoio Técnico.

Corresponderalle a xestión, coordinación e seguimento das actuacións técnico-económicas e orzamentarias da dirección xeral en materia de obras públicas, así como daqueles outros asuntos xerais que lle sexan encomendados polo seu titular, e a elaboración de informes ou dictames relacionados coas devanditas funcións.

3. Servicio de Xestión Xurídico-Administrativa.

Corresponderalle a xestión, coordinación e seguimento das actuacións xurídico-administrativas da dirección xeral en materia de obras públicas, así como daqueloutros asuntos xerais que lle sexan encomendados polo seu titular, e a elaboración de informes ou dictames relacionados coas devanditas funcións.

V. A Dirección Xeral de Transportes.

Artigo 10º.

A Dirección Xeral de Transportes terá as seguintes funcións:

a) A ordenación, o control e a inspección dos transportes mecánicos por estrada, ferrocarril e cable; o rexistro de empresas, vehículos, custos e tarifas; outorgamento de autorizacións de transporte público regular de viaxeiros de uso especial ou temporal; a proposta de outorgamento de concesións de servicio público regular de viaxeiros permanente de uso xeral; e todas aquelas que lle estean conferidas pola disposicións vixentes na materia.

b) O outorgamento de autorizacións para servicios discrecionais e privados de viaxeiros, mercadorías e mixtos de radio de acción autonómica, comarcal, provincial e local.

c) A programación e planificación da evolución e desenvolvemento dos distintos tipos de transportes terrestres, mecánicos por estrada, ferrocarril ou por cable, co fin de facilita-lo seu desenvolvemento equilibrado e harmónico.

d) A coordinación dos transportes urbanos cos interurbanos e a planificación e, se é o caso, a proposta de adxudicación e explotación das terminais de transportes de viaxeiros e mercadorías por estrada.

e) A ordenación, o control e a inspección dos servicios relativos a actividades de transporte marítimo que se leven a cabo exclusivamente entre portos ou puntos da Comunidade Autónoma, sen conexión con portos ou puntos doutros ámbitos territoriais.

f) O control das actividades de transportes en portos, aeroportos e heliportos, non cualificados de interese xeral polo Estado.

g) A programación de investimentos, obras e instalacións de transportes por estrada, ferrocarril, aéreo e por cable e o réxime administrativo, dirección, inspección e control delas; o estudio, elaboración e informe dos anteproxectos e proxectos de dispo

sicións legais; e a investigación e asesoramento ó departamento, en materia de transportes terrestres, por ferrocarril, aéreo e por cable.

h) A resolución de expedientes sancionadores en materia de transporte derivados de infraccións moi graves, mesmo aquelas que levan aparellado o precinto de vehículos ou a clausura de locais.

i) Estudios en materia de comunicacións.

j) Informe-proposta e, se é o caso, resolución dos recursos interpostos dentro do ámbito da súa competencia.

k) A xestión dos asuntos relativos a contratación e expropiación forzosa.

l) A aplicación e proposta de modificación, se é o caso, dos regulamentos sancionadores e de policía en materia da súa competencia.

Artigo 11º.

Baixo a dependencia do director xeral de Transportes existirán as seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte, coas seguintes funcións:

a) A coordinación da xestión administrativa en relación cos servicios adscritos, así como cos servicios provinciais, en materia de ordenación do transporte.

b) A proposta de planificación e elaboración de estudios e proxectos en materia de infraestructuras de transporte.

c) O estudio e proposta de resolución en materia de concesións e autorizacións.

d) O apoio e asistencia á dirección xeral en materia de estudio, elaboración de proxectos e informes sobre textos legais, coordinación do transporte e control e avaliación da xestión encomendada á dirección xeral.

Contará coas seguintes unidades:

1.1 Servicio de Estudios e Proxectos.

1.2 Servicio de Concesións e Autorizacións.

1.3 Servicio de Programación e Actuación Económica.

2. Subdirección Xeral de Inspección do Transporte, coas seguintes funcións:

a) A coordinación da xestión administrativa en relación cos servicios adscritos, e os servicios provinciais, en materia de inspección e sancións.

b) A programación, control e avaliación da actuación da inspección sobre a vixilancia do cumprimento das normas reguladoras do transporte.

c) A tramitación de expedientes sancionadores nos que a resolución sexa competencia do director xeral. E a resolución de expedientes sancionadores en materia de transportes derivados de infraccións graves.

Contará cos seguintes servicios:

2.1. Servicio de Inspección.

2.2. Servicio de Informes e Recursos.

3. Baixo a dependencia directa do director xeral existirán as seguintes unidades:

3.1. Servicio de Apoio Xurídico.

Corresponderalle a xestión, coordinación e seguimento das actuacións xurídico-administrativas da dirección xeral, así como daqueloutros asuntos xerais que lle sexan encomendados polo seu titular; a elaboración de informes ou dictames relacionados coas devanditas funcións e o desempeño da Secretaría da Xunta Arbitral de Transportes de Galicia.

3.2. Servicio de Transporte Ferroviario.

Corresponderalle o asesoramento ó director xeral para o deseño de políticas de transporte ferroviario; a asistencia na coordinación co ministerio competente e con Renfe e Feve das actuacións en materia de ferrocarrís; a elaboración de estudios e informes en materia de infraestructuras ferroviarias e de xestión de explotación ferroviaria; e, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia polo director xeral.

VI. As delegacións provinciais.

Artigo 12º.

En cada unha das provincias da Comunidade Autónoma existirá unha delegación da consellería na que se integrarán tódalas unidades de carácter provincial ou territorial, situadas no seu ámbito.

Artigo 13º.

Á fronte de cada delegación provincial estará un delegado, que terá, ademais das competencias e funcións previstas no Decreto 5/1987, do 14 de xaneiro, as derivadas en virtude do Decreto 87/1990, do 15 de febreiro.

Desconcéntrase nos delegados provinciais a adopción das medidas de protección da legalidade urbanística previstas no artigo 180 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia.

Do delegado provincial dependerán tódolos servicios, unidades ou centros da consellería que estean no ámbito da súa competencia territorial. O delegado provincial da consellería éo tamén do Instituto Galego da Vivenda e Solo, correspondéndolle a dirección no ámbito provincial das funcións que lle competen, actuando neste caso con dependencia funcional do director xeral do instituto.

Artigo 14º.

Para o cumprimento dos seus cometidos, a delegación provincial contará coas seguintes unidades con rango de servicio:

1. Secretaría.

Baixo a autoridade e supervisión do delegado, correspóndelle o exercicio das funcións relativas ó réxime interior, a tramitación administrativa, xestión de persoal, parque móbil da consellería; información ó público; elaboración do anteproxecto de orzamentos da delegación; a administración, control contable e xustificación dos créditos que se lle asignen; elaboración de estatísticas dos demais servicios da delegación provincial, sen prexuízo das competencias que de acordo coa Lei 9/1988, do 10 de xullo, modificada

pola Lei 7/1993, do 24 de maio, de estatística de Galicia, lle correspondan ó Instituto Galego de Estatística; e, en xeral, prestarlle asesoramento e asistencia técnica e administrativa ó delegado e substituílo nos casos de enfermidade, ausencia e vacante.

2. Servicio de Contratación.

3. Servicio de Supervisión de Proxectos.

4. Servicio de Urbanismo e Inspección Territorial.

5. Servicio de Estradas.

6. Servicio de Transportes.

VII. Os órganos colexiados.

Artigo 15º.

Co carácter, cometido e funcións establecidas nas súas respectivas normas reguladoras, están constituídos os seguintes órganos colexiados:

-A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, prevista no artigo 189.1º.c) da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia, e no Decreto 191/1998, do 16 de abril.

-O Consello Galego de Transportes, regulado polo Decreto 230/1986, do 10 de xullo, modificado polo Decreto 74/1994, do 25 de marzo, e por Decreto 266/1998, do 24 de setembro.

Disposicións adicionais

Primeira.-As competencias atribuídas no presente decreto ás direccións xerais en materia de contratación e concesión de axudas e subvencións, considéranse conferidas sen prexuízo daquelas que foron obxecto de desconcentración nos delegados provinciais en virtude do Decreto 87/1990 e do 88/1990, do 15 de febreiro.

Segunda.-Desconcéntrase nos delegados provinciais da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda a competencia para a imposición de sancións por infraccións urbanísticas moi graves cando a súa contía non sexa superior a 1.000.000 de pesetas.

Terceira.-Supresión de órganos e unidades.

Suprímense os seguintes órganos e unidades:

-Subdirección Xeral de Xestión e Calidade Medioambiental.

-Servicio de Costas.

-Servicios de Costas na Coruña, Lugo e Pontevedra.

Disposición transitoria

Cando, como consecuencia da estructura orgánica que se establece no presente decreto, se modifique a denominación ou o contido das subdireccións ou servicios existentes con anterioridade ou se supriman algunhas das citadas unidades, autorízase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, por proposta do secretario xeral, a readscribi-lo persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior, sempre que sexan postos de libre designación, ou adscribilos con carácter temporal, sempre que non exista posto de igual nivel, a outros de

inferior nivel se se trata de postos de provisión por concurso ata que, neste último caso, os ditos postos sexan cubertos na forma establecida regulamentariamente, sen que, en ningún caso, supoña a readscrición ou adscrición, cambio de residencia. Todo isto, sen prexuízo do disposto no artigo 62.4º da Lei da función pública e na Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas, así como das competencias que poida ter atribuídas nesta materia a Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 188/1996, do 24 de maio, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para dictar normas complementarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de febreiro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda