Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 19 de febreiro de 1999 Páx. 1.886

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 12 de febreiro de 1999 pola que se recoñece e declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Instituto Tecnolóxico do Penso.

Visto o expediente de recoñecemento e declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Instituto Tecnolóxico do Penso.

Antecedentes de feito:

1. Raúl Benito Ibáñez, na súa calidade de fundador e delegado executivo da fundación, en escrito do 3 de decembro de 1998, formulou solicitude de clasificación e de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública, á que están incorporados os seus estatutos, outorgada en Santiago de Compostela o día 5 de novembro de 1998 ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña, José Antonio Montero Pardo, co número dous mil douscentos cincuenta e oito do seu protocolo.

3. A Fundación Instituto Tecnolóxico do Penso ten por obxecto o desenvolvemento tecnolóxico das empresas galegas fabricantes de pensos compostos, e en particular o apoio á investigación e desenvolvemento, mellora das técnicas de xestión productiva e atender á formación profesional dos recursos humano, segundo consta no artigo 4 dos seus estatutos.

4. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese agroalimentario da Fundación Instituto Tecnolóxico do Penso, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese agroalimentario e á súa adscrición á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

5. Á vista da citada proposta da comisión de secretarios xerais, por orde da Consellería de Presidencia e Administración Pública do 22 de decembro de 1998 (Diario Oficial de Galicia do 4 de xaneiro de 1999), clasificouse como de interese agroalimentario a Fundación Instituto Tecnolóxico do Penso e adscribiuse á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para efectos do exercicio do protectorado sobre ela, en cumprimento do dis

posto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

6. Na anteriormente sinalada escritura pública de constitución da fundación constan os extremos relativos á personalidade dos fundadores; á súa capacidade para constituíla e a súa voluntade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro; os estatutos; a dotación inicial constituída polas achegas dos fundadores dun total de cinco millóns cincocentas mil pesetas; e a designación das persoas naturais que constitúen o órgano de goberno inicial da fundación, coa aceptación, no devandito acto fundacional, dos seus cargos.

7. Nos estatutos da fundación constan os extremos relativos á súa denominación de Fundación Instituto Tecnolóxico do Penso (artigo 1); o seu enderezo na rúa Peirao de San Diego, s/n, A Coruña (artigo 3); o seu obxecto e finalidade de desenvolvemento tecnolóxico das empresas galegas fabricantes de pensos compostos (artigo 4); as regras para a aplicación das rendas ó obxecto fundacional e para a determinación dos beneficiarios (artigos 22 e 4); e a designación do padroado como órgano de goberno, representación e administración dela, con indicación do seu réxime de funcionamento (artigos 6 a 16).

8. En cumprimento do establecido no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, con data do 9 de febreiro de 1999, a Asesoría Xurídica emite informe favorable sobre a legalidade da declaración de interese galego da Fundación Instituto Tecnolóxico do Penso.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundacións para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-De acordo co disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, en relación co Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, correspóndelle á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria a declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Instituto Tecnolóxico do Penso, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade no indicado no dito regulamento.

Terceiro.-Á vista dos artigos 2, 3, 4.1º, 7.1º.2 e 5 e 11.1º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, e 4 do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado delas, aprobado polo Decreto 248/1992,

do 18 de xuño, deben entenderse substancialmente cumpridos os requisitos establecidos pola declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, da Fundación Instituto Tecnolóxico do Penso, polo que procede dicta-la presente orde. Por todo iso,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Instituto Tecnolóxico do Penso.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Terceiro.-Que a dita fundación, expresamente sometida á Lei 7/1983, do 22 de xuño, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e o seu regulamento aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, e demais normativa de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios e de solicita-las preceptivas autorizacións, quede suxeita ó protectorado da Xunta de Galicia, que será exercido por esta consellería.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 1999.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria