Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 17 de febreiro de 1999 Páx. 1.768

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 9 de febreiro de 1999 sobre delegación de competencias na secretaria xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

A actividade administrativa da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais leva consigo unha concentración de funcións ó redor do seu titular que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación

de competencias na secretaria xeral da consellería, sen esquece-lo debido respecto ós principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1º.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria que redunda en beneficio tanto da Administración como dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto ás garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos esixe.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 43.3º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Deléganse na secretaria xeral as seguintes competencias:

a) O despacho e resolución daqueles expedientes e asuntos de índole administrativa que lle estean atribuídos ó titular da consellería.

b) Autorizar e dispoñe-los gastos xerais dos servicios da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, así como o seu compromiso e liquidación, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, solicitando da Consellería de Economía e Facenda a ordenación dos pagamentos.

c) As funcións que como órgano de contratación lle son atribuídas ó titular da consellería pola lexislación vixente.

d) A designación das comisións de servicio, con dereito a indemnización, previstas no artigo 4 do Decreto 299/1990, do 24 de maio, de todo o persoal dependente da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

e) As facultades que lle corresponden ó conselleiro en materia de persoal, agás as reservadas legalmente á competencia exclusiva daquel, e as que lle corresponden ó director da función pública.

f) Dispoñer canto concirne ó réxime interno da consellería cando non sexa competencia do conselleiro ou doutra dirección xeral.

g) A resolución dos recursos administrativos que lle correspondan ó conselleiro, nos casos nos que a delegación non apareza expresamente prohibida por lei.

Artigo 2º

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso da delegación contida na presente orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse dictadas pola autoridade que as conferiu.

Artigo 3º

En calquera momento, o conselleiro poderá reclama-lo exercicio das competencias que son delegadas por esta orde, das que quedan excluídos, en todo caso, os supostos previstos no artigo 13.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no artigo 44.2º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

Artigo 4º

En caso de ausencia ou enfermidade da secretaria xeral, as atribucións contidas na presente orde quedarán delegadas nos directores xerais seguindo a orde de prelación establecida no decreto que, en cada momento, regule a estructura orgánica da consellería, durante o tempo que persistan as devanditas causas.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 16 de decembro de 1997 e cantas outras de igual ou inferior categoría se opoñan ó establecido na presente orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 1999.

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais