Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 16 de febreiro de 1999 Páx. 1.702

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 26/1999, do 5 de febreiro, polo que se declara a delimitación do contorno de protección do mosteiro de San Salvador, sito no concello de Lourenzá, provincia de Lugo.

O BOE do 7 de outubro de 1974 publicaba o Decreto do 30 de agosto, polo que se declaraba monumento histórico artístico o mosteiro de San Salvador, no concello de Lourenzá, provincia de Lugo.

Sendo esa declaración anterior á entrada en vigor da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, é preciso na actualidade concreta-la delimitación do seu contorno.

Con data do 15 de outubro de 1997 publicouse unha Resolución do 28 de agosto da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa expediente para a declaración da delimitación do contorno do expresado mosteiro de San Salvador de Lourenzá.

A tramitación do expediente levouse a cabo de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia (DOG do 8 de novembro), e demais desposicións concordantes.

Por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia do día cinco de febreiro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declara-la delimitación do contorno de protección do mosteiro de San Salvador, no concello de Lourenzá, provincia de Lugo (artigo 11 da Lei 8/1995), do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

Segundo.-A zona da delimitación é a comprendida no anexo I e no plano do anexo II.

Terceiro.-O presente decreto será notificado ó Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural do Esta

do, ó Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, ó concello e ós interesados.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de febreiro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo

ANEXO I

O punto l sitúase na Glorieta de Julia Minguillón.

1-2. Liña coincidente coas traseiras dos inmobles con fronte á rúa Avelino Montero Villegas.

2-3. Liña coincidente coas traseiras dos inmobles con fronte á Praza de Linares Rivas e tramo da rúa Xeneral Franco.

3-4. Liña coincidente coas traseiras dos inmobles con fronte á rúa Xeneral Franco e á rúa Paseo de Oia (os primeiros 50 m desta rúa).

4-5. Liña coincidente coas traseiras dos inmobles con fronte á praza Conde Santo, entre as rúas Paseo de Oia e Travesía das Prazas (os primeiros 30 m desta última).

5-6. Liña paralela 16 m á rúa Muíño do Frade, ata o seu encontro coa rúa Fernández do Rego.

6-1. Liña paralela 16 m á rúa Fernández do Rego, ata saír á Avda. Primo de Rivera e pecha-la delimitación na Glorita de Julia Minguillón.