Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 15 de febreiro de 1999 Páx. 1.670

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 8 de febreiro de 1999 pola que se regula o procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores que percibiran a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único.

Polo Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, foi transferida á Comunidade Autónoma de Galicia a xestión realizada polo Inem no ámbito do traballo, emprego e formación, transferencia que foi efectivamente asumida e asignada á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude en virtude do Decreto 289/1997, do 9 de outubro, en relación co Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a súa estructura orgánica.

Na súa consecuencia, e dentro do ámbito funcional da Dirección Xeral de Fomento do Emprego, correspóndelle a regulación específica, xestión e control do aboamento de cotas á Seguridade Social ós traballadores que percibiron a prestación de desemprego na súa modalidade de pagamento único, antes xestionado polo Inem e regulado nos seus aspectos procedementais pola orde ministerial do 13 de abril de 1994.

O Real decreto 1044/1985, do 19 de xuño, modificado pola Lei 22/1992, do 30 de xullo, regula o

aboamento da prestación de desemprego na súa modalidade de pagamento único, como medida de fomento de emprego, coa finalidade de facilita-la reincorporación ó mercado de traballo dos parados con dereito á prestación de desemprego do nivel contributivo que pretendan desenvolve-la súa actividade profesional como socio dunha cooperativa de traballo asociado ou dunha sociedade laboral, ou como traballador autónomo de tratarse dun minusválido, en virtude do establecido no artigo 31 da Lei 50/1998, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e da orde social. Polo seu encadramento no réxime económico da Seguridade Social, o recoñecemento e aboamento da prestación de pagamento único é competencia da Administración central, non obstante, polo seu carácter de política activa de emprego, prevese a intervención da Administración autonómica na súa xestión e tramitación, nos termos previstos no convenio subscrito entre o Instituto Nacional de Emprego e a Comunidade Autónoma de Galicia

para a coordinación entre a xestión do emprego e a xestión das prestacións de desemprego.

Así mesmo, en virtude do disposto no artigo 4 do Real decreto 1044/1985, do 19 de xuño, ós perceptores da prestación de desemprego na súa modalidade de pagamento único correspóndelles unha

axuda consistente no aboamento das cotas á Seguridade Social durante o período polo que percibisen a prestación de desemprego. A súa xestión entra dentro do ámbito competencial da Administración autonómica. Na súa consecuencia, esta orde ten por obxecto regula-lo procedemento de aboamento das ditas cotas, co fin de contar con normativa autonómica adecuada e adaptada ás normas de procedemento, organización e xestión desta Comunidade Autónoma.

Logo dun ano de experiencia, considerouse necesario introducir axustes técnicos, entre eles, e como novidade resaltable, o establecemento dun novo sistema respecto do prazo de presentación dos boletíns de cotización, pasando do previsto anteriormente a un sistema ordenado baseado en trimestres naturais, con independencia dos meses cotizados, o que simplifica e clarifica as datas de presentación e axiliza a tramitación administrativa.

A presente orde axústase ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia e a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma. O aboamento de cotas á Seguridade Social dos perceptores da prestación de desemprego na súa modalidade de pagamento único financiarase con cargo ós créditos da aplicación orzamentaria que, mediante disposición complementaria, se determine anualmente, logo da aprobación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio correspondente. Para o exercicio de 1999 a dita determinación recóllese na disposición adicional quinta desta orde.

Polo exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

O obxecto da presente orde é regula-lo procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, e sempre que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter percibido a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único.

b) Terse constituído como socio dunha cooperativa de traballo asociado ou sociedade laboral en Galicia; ou como traballador autónomo se se trata dunha persoa con discapacidade.

c) Ter iniciado a actividade nos termos previstos no Real decreto 1044/1985, do 19 de xuño.

d) Estar dado de alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

Artigo 2º.-Axuda.

Esta axuda consistirá no aboamento do 50 por 100 da cota ó réxime correspondente á Seguridade Social como traballador autónomo, calculada sobre a base

mínima de cotización ou o 100 por 100 da achega do traballador nas cotizacións ó correspondente réxime da Seguridade Social, durante o período polo que se percibiría a prestación por desemprego de non percibirse na súa modalidade de pagamento único, computándose, para efectos desta axuda, a partir da data de alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

Artigo 3º.-Solicitudes, documentación e prazo.

1. As solicitudes presentaranse, por triplicado exemplar, no modelo normalizado que figura como anexo á presente orde, na oficina de emprego ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e dirixiranse á delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude competente por razón do territorio onde se desenvolva a actividade.

2. Cada solicitude deberá ir acompañada, tamén por triplicado exemplar, sendo un deles orixinal ou fotocopia compulsada, dos seguintes documentos:

a) Boletíns de cotización mensuais correspondentes ó trimestre natural polo que se solicita o aboamento das cotas.

b) Cando se trate da primeira solicitude, DNI ou NIF do solicitante, ficha de transferencia bancaria e certificado da entidade bancaria acreditativo de que o solicitante é titular da conta corrente que indica.

3. As solicitudes de aboamento de cotas á Seguridade Social reguladas na presente orde non están suxeitas ó exercicio económico anual, e presentaranse a medida que o beneficiario vaia realizando o ingreso das súas cotas mensuais ó réxime da Seguridade Social correspondente, de acordo co establecido no apartado seguinte.

4. A presentación dos boletíns mensuais de cotización terá periocidade trimestral, as solicitudes para o aboamento de cotas á Seguridade Social realizaranse nos seguintes prazos:

-Boletíns de cotización correspondentes ós meses de xaneiro, febreiro e marzo: ata o 15 de maio.

-Boletíns de cotización correspondentes ós meses de abril, maio e xuño: ata o 15 de agosto.

-Boletíns de cotización correspondentes ós meses de xullo, agosto e setembro: ata o 15 de novembro.

-Boletíns de cotización correspondentes ós meses de outubro, novembro e decembro: ata o 15 de febreiro do ano seguinte.

Non obstante, o prazo de presentación dos correspondentes boletíns de cotización e o dereito ó conseguinte aboamento de cotas expirará transcorridos seis meses contados a partir do mes obxecto de aboamento.

Artigo 4º.-Tramitación e instrucción.

As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á delegación provincial, para que o servicio competente comprobe se a solicitude ou a documentación presentada reúne os requisitos esixidos nos artigos anteriores, e no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase o interesado para que nun prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se dará por desistido da súa petición e se arquivará o expediente.

Artigo 5º.-Resolución.

1. A resolución destas solicitudes corresponderalle ós respectivos delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, por razón do lugar onde se realice a actividade, e notificarase ós interesados. As resolucións denegatorias serán sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será como máximo de tres meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver, transcorrido o dito prazo sen que se dicte resolución expresa, entenderase que esta é desestimatoria da concesión da axuda.

3. A delegación provincial acumulará con carácter periódico os expedientes completos referidos ó mesmo trimestre, dictando unha única resolución na que consten os datos básicos correspondentes a tódolos beneficiarios.

4. Contra as resolucións que se dicten neste procedemento poderase interpoñer recurso ordinario, no prazo dun mes, ante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude levará a cabo a función de control das subvencións concedidas así como a avaliación e seguimento destes programas.

Para realiza-las ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para comproba-lo cumprimento dos requisitos exisidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde, así como a duplicación da axuda polo mesmo concepto

con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local ou da Unión Europea, constituirán causa determinante de revogación da axuda ou do reintegro desta por parte do beneficiario ou solicitante, xunto co xuro de demora, de acordo co establecido no artigo 78.5º da Lei 11/1992.

Terceira.-As delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderán requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nesta orde.

Cuarta.-A concesión das axudas reguladas na presente orde quedará condicionada ás dispoñibilidades orzamentarias.

O aboamento de cotas á Seguridade Social reguladas nesta orde financiarase con cargo ós créditos da aplicación orzamentaria que, mediante disposición complementaria, se determinen anualmente, logo da aprobación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio correspondente.

Quinta.-En virtude do anterior, no exercicio 1999 o financiamento do aboamento de cotas á Seguridade Social ós preceptores da prestación de desemprego na súa modalidade de pagamento único realizarase con cargo ós créditos da aplicación orzamentaria 14.04.241A.483.0 que figuran na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Sexta.-As solicitudes para o aboamento de cotas á Seguridade Social correspondentes a boletíns de cotización de mensualidades de 1998 que na data de entrada en vigor desta orde aínda non se presentasen, e sempre que na dita data non expirara o prazo establecido no artigo 3.2º da Orde do 27 de abril de 1998 (DOG nº 82; do 30), polo que se regulaba o procedemento obxecto da presente orde, o prazo para a presentación dos correspondentes boletíns de cotización finalizará o 15 de xuño de 1999.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Fomento do Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 1999.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude