Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 15 de febreiro de 1999 Páx. 1.664

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 8 de febreiro de 1999 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións á contratación indefinida de traballadores con discapacidade para o exercicio económico de 1999.

Polo Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, transferiuse á Comunidade Autónoma de Galicia a xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego, no ámbito do traballo, o emprego e a formación, transferencia que foi efectivamente asumida e asignada á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, en virtude do Decreto 289/1997, do 9 de outubro, en relación co Decreto 488/1997, do 26 de decembro.

En consecuencia, e dentro do ámbito funcional da Dirección Xeral de Fomento do Emprego, correspóndelle a convocatoria, regulación específica, xestión e control das axudas e subvencións á contratación indefinida de traballadores con discapacidade, antes xestionadas polo Instituto Nacional de Emprego e reguladas no Real decreto 1451/1983, do 11 de maio, e na Orde do 13 de abril de 1994 que desenvolve o capítulo II do mencionado real decreto.

É vontade decidida da Administración autonómica impulsa-la integración laboral das persoas con discapacidade por ser esta o mellor instrumento para logra-la plena e eficaz integración social deste colectivo.

De acordo co artigo 37 da Lei 13/1982, do 7 de abril, de integración social dos minusválidos, que establece que a integración laboral destas persoas debe realizarse fundamentalmente a través do sistema ordinario de traballo, preténdese favorece-la incorporación dos traballadores discapacitados a postos de traballo na empresa ordinaria.

Dadas as especiais dificultades que encontra este colectivo para a súa inserción no mercado de traballo, na presente orde, en concordancia co Real decreto 1451/1983, do 11 de maio, modificado polo Real decreto 4/1999, do 8 de xaneiro, establécense diversos incentivos que pretenden incidir na decisión dos empresarios á hora de incorporar ós seus cadros de persoal persoas con discapacidade.

Esta liña de axudas á contratación indefinida das persoas con discapacidade responde na súa configuración ó principio de flexibilidade e adecuación ás esixencias da normativa laboral vixente, ás directrices emanadas do Consello Europeo Extraordinario de Luxemburgo e o marco establecido nos Acordos sobre Medidas para o Crecemento e o Emprego en Galicia 1998-2001, asinado o 13 de xullo de 1998 pola Xunta de Galicia, a CEG, UGT-Galicia e o S.N.CC.OO. de Galicia.

A presente convocatoria axústase ó disposto no artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións e o establecido na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Polo exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro de 1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e réxime das axudas.

1. A presente orde ten por obxecto establece-las bases polas que se regulan os incentivos á contratación indefinida de traballadores desempregados con discapacidade no ano 1999.

2. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1999, no Decreto 377/1998, do 23 de decembro, e na presente orde.

3. As axudas previstas nos programas da presente orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.241A.472.0 e 14.04.241A.473.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das axudas previstas na presente orde as empresas ordinarias, calquera que sexa a súa forma xurídica, que teñan centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e contraten con carácter indefinido persoas con discapacidade desempregadas para prestar servicios neste ámbito.

2. Tamén poderán ser beneficiarias as cooperativas de traballo asociado que integren persoas con discapacidade como socios traballadores.

Artigo 3º.-Axudas.

1. As empresas que contraten con carácter indefinido traballadores con discapacidade desempregados, inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego, poderán obte-las seguintes axudas:

A. Unha subvención de ata 650.000 pesetas por cada traballador con discapacidade contratado por tempo indefinido a xornada completa. Así como a bonificación prevista no artigo 7.1º a) do Real decreto 1451/1983, do 11 de maio, das cotas empresariais á Seguridade Social, incluídas as de accidentes de traballo e enfermidade profesional e as de recadación conxunta, do 70% por cada traballador con discapacidade contratado menor de 45 anos e do 90% se é maior de 45 anos.

B. Cando o contrato por tempo indefinido se celebre a tempo parcial, manteranse as bonificacións nas cotas descritas no apartado anterior, ben que a subvención de 650.000 pesetas se reducirá proporcionalmente á xornada pactada.

C. Unha subvención, compatible coas anteriores, que poderá alcanza-las 150.000 pesetas, para a adaptación dos postos de traballo ou para a dotación de medidas de protección persoal necesarias para evitar accidentes laborais ó traballador discapacitado contratado. A necesidade de adaptación ou de medios especiais de protección persoal deberá contar co informe favorable da inspección de traballo.

Esta axuda se non é solicitada pola empresa poderá ser solicitada polo propio traballador.

2. A transformación en indefinidos de contratos de aprendizaxe, para a formación ou en prácticas así como dos contratos temporais de fomento do emprego para persoas con discapacidade prevista no artigo 44.3º da Lei 42/1994, de 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e de orde social, serán obxecto das subvencións establecidas no apartado anterior.

3. As axudas previstas nesta orde serán de aplicación ás contratacións indefinidas e ás transformacións que se realicen en 1999 e ás realizadas entre o un de outubro e o trinta e un de decembro de 1998.

Artigo 4º.-Incompatibilidades.

Tanto as subvencións como as bonificacións previstas na presente orde serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poida outorgar calquera Administración pública como medida de fomento de emprego.

Artigo 5º.-Solicitudes e prazos.

1. As solicitudes presentaranse por triplicado exemplar, nos modelos que figuran como anexo da presente orde, nas oficinas de emprego dirixidas ó delegado provincial competente por razón do territorio en función do domicilio do centro de traballo onde vai prestar servicio, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes deberán presentarse no prazo de dous meses contados desde a data en que se inicie a relación laboral ou da transformación do contrato en indefinido. Naqueles supostos en que a contratación ou transformación tivo lugar entre o un de outubro de mil novecentos noventa e oito e a data de entrada en vigor desta orde, o prazo de dous meses comezará a computarse a partir da entrada en vigor desta orde.

As solicitudes de axudas para a adaptación do posto de traballo non estarán suxeitas ó dito prazo de dous meses.

3. En todo caso, con carácter xeral, o prazo de presentación de solicitudes finalizará o 30 de setembro de 1999.

Artigo 6º.-Documentación.

Cada solicitude deberá ir acompañada, por triplicado exemplar, un deles orixinal ou fotocopia debidamente compulsada, da seguinte documentación:

a) Se o solicitante é persoa física, DNI e acreditación do NIF, e se é persoa xurídica DNI e poder suficiente do representante para actuar en nome da entidade e NIF da empresa, así como alta no imposto de actividades económicas.

b) DNI do traballador que se contrata e documento acreditativo da súa inscrición como demandante de emprego e do tempo de permanencia no paro. (Certificación da inscrición como demandante de emprego e informe da vida laboral).

c) Certificado de minusvalidez expedido polo organismo competente.

d) Contrato de traballo, en modelo oficial, e a alta na Seguridade Social, ou, no seu defecto, compromiso de contratación ou de conversión do contrato temporal en indefinido con traballador determinado; e no caso

de transformación, o contrato temporal do que trae causa e as súas posibles prórrogas.

e) Descrición detallada do posto de traballo a cubrir e as súas características técnicas.

f) Cando se trata de empresas de nova creación deberá xuntarse proxecto e memoria da empresa a crear nos que se farán constar expresamente as características do proceso productivo e o cadro de persoal da empresa que será cuberto con traballadores con discapacidade.

g) Se é o caso, memoria descritiva da necesidade de adaptación ou dotación de medios de protección persoal con indicación do seu custo.

h) Ficha de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira acreditativa de que o solicitante é titular da conta.

Artigo 7º.-Instrucción e tramitación.

1. As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, para que o servicio de Fomento do Emprego comprobe se a solicitude ou a documentación presentada reúne os requisitos esixidos no artigo anterior, e no suposto de que observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación esixida, de conformidade co preceptuado no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase o interesado para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, terase por desistido da súa petición, e arquivarase o expediente.

2. Unha vez completos os expedientes, a delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude solicitará os seguintes informes:

-Dos equipos multiprofesionais, sobre a adecuación do posto de traballo á minusvalidez dos traballadores contratados.

-Da inspección de traballo, sobre a necesidade de adaptación ou de medios especiais de protección persoal, para o suposto de solicitude de subvención de adaptación de postos de traballo.

-Cando se trate de empresas de nova creación, analizarase a viabilidade técnica e económica do proxecto, pedindo cantos documentos e informes se consideren oportunos.

Artigo 8º.-Resolución.

1. Logo da fiscalización polas correspondentes intervencións territoriais, as resolucións das axudas e subvencións corresponderalles ós delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que se lles notificará ós interesados. As resolucións denegatorias deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será dun mes, que empezará a computarse a partir da data na que a delegación provincial dispoña dos informes establecidos no artigo 7.2º ou desde a data en que debería dispoñer deles de conformidade co establecido no artigo 83 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do

procedemento administrativo común; transcorrido o dito prazo sen que se dicte resolución expresa, entenderase que esta é desestimatoria da concesión da axuda ou subvención.

3. Contra as resolucións que se dicten neste procedemento poderá interpoñerse recurso administrativo ordinario, no prazo de un mes, ante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego Muller e Xuventude.

Artigo 9º.-Xustificación do pagamento.

1. Para o caso de que se conceda a subvención, o pagamento quedará condicionado á presentación, no prazo e nos termos que se establezan na resolución concesoria, da seguinte documentación:

a) Certificacións acreditativas de estar ó día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) Documento de alta na Seguridade Social e contratos de traballo debidamente formalizados, de non terse achegado con anterioridade e, de se-lo caso, documentos acreditativos da transformación do contrato en indefinido.

2. A xustificación para a percepción da subvención para a adaptación do posto de traballo requirirá, ademais, a presentación das correspondentes facturas que acrediten a referida adaptación ou dotación.

3. Non obstante o sinalado no parágrafo anterior, a documentación esixida na fase de pagamento poderase presentar xunto coa solicitude a opción do interesado.

4. Estas axudas faranse efectivas en forma de pagamento único.

5. Non obstante o anterior, de conformidade co disposto no artigo 9 do Real decreto 1451/1983, do 11 de maio, para facer efectivas as bonificacións da Seguridade Social, as empresas dilixenciarán os seus documentos de cotización na forma establecida con carácter xeral e con suxeición ás normas que o regulan. Ó mesmo tempo, utilizarán boletín anexo específico para reflecti-las bonificacións no que se farán consta-los traballadores obxecto da bonificación, a contía correspondente a cada un e o importe da bonificación total da empresa para deduci-lo seu importe do total resultante para ingresar na Seguridade Social

Artigo 10º.-Seguimento e obrigas dos beneficiarios.

1. As empresas beneficiarias deberán manter no seu cadro persoal fixo os traballadores contratados, ó abeiro da presente norma, por un período mínimo de tres anos, non podendo despedir a estes traballadores sen causa xustificada e, no caso de despedimento procedente, deberán substituílos por outros traballadores minusválidos, beneficiándose neste caso soamente da bonificación da cota da Seguridade Social correspondente ós traballadores substitutos.

2. Remitirlle, anualmente dentro do primeiro trimestre, á delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude unha relación dos traballadores polos que se lles concedeu axudas para efectos de acredita-la súa permanencia na empresa e, no caso de cesamento, dos traballadores que os substituíron; esta obriga esténdese durante os tres anos seguintes á data de concesión da axuda.

Artigo 11º.-Comprobación da aplicación das subvencións.

As delegacións provinciais poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos os beneficiarios deberán cumpri-las obrigas de comprobación que se establezan na resolución concesoria.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude levará a cabo a función de control das subvencións concedidas así como a avaliación e seguimento destes programas.

Para realiza-la ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, para comproba-lo cumprimento dos requisitos esixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións, así como a duplicación da axuda polo mesmo concepto con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local ou da Unión Europea, constituirán causa determinante da revogación da axuda e do reintegro desta por parte do beneficiario ou solicitante, xunto co xuro de demora, de acordo co establecido no artigo 78.5º da Lei 11/1992.

Terceira.-A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderán requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nesta orde.

Cuarta.-A concesión das axudas reguladas na presente orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1999 para o fin que perseguen.

Quinta.-As solicitudes de axudas realizadas ó abeiro da Orde do 27 de abril de 1998 pola que se establecen as bases polas que se regulan as axudas e subvencións á contratación indefinida de traballadores con discapacidade para o exercicio económico de 1998 que non puideran ser atendidas e reuniran os requisitos legais establecidos nelas, poderán ser atendidas con cargo ós créditos orzamentarios para o exercicio de 1999 e en función da normativa que lles era de aplicación no momento da presentación da solicitude.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Fomento do Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 1999.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude