Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 05 de febreiro de 1999 Páx. 1.318

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 29 de xaneiro de 1999 pola que se convoca proceso de selección para o nomeamento de recadador.

Atopándose vacante o posto de recadador titular da zona de Pontevedra, procede, de conformidade co establecido no Decreto 90/1997, do 10 de abril, polo que se establece a organización recadatoria da Xunta de Galicia e o Estatuto dos recadadores de zona, convocar proceso de selección para o nomeamento de recadador de zona.

En consecuencia e facendo uso da autorización contida na disposición adicional do citado decreto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convócase proceso de selección para o nomeamento de recadador titular da zona de Pontevedra.

Artigo 2º

Poderán participar na presente convocatoria aquelas persoas que á entrada en vigor desta orde reúnan os seguintes requisitos:

a) Pertencer como funcionario de carreira a algún dos corpos seguintes:

1. Corpo superior de inspectores de finanzas do Estado ou da escala superior de finanzas da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Corpo de xestión da Facenda pública do Estado ou da escala técnica de finanzas da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Contar cunha antigüidade de catro anos de servicios prestados nos corpos ou escalas da alínea anterior.

c) Acharse en posesión do diploma de aptitude para o desempeño do cargo de recadador da Comunidade Autónoma de Galicia ou do Ministerio de Economía e Facenda.

d) Non ter notas desfavorables ou sancións non canceladas ou prescritas, nin estar inhabilitado para o exercicio do cargo.

Artigo 3º

1. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Tributos desta consellería, conforme o modelo que figura no anexo I, no prazo de 15 días naturais a partir do seguinte ó da publicación desta orde. Ás solicitudes achegaranse a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos a que se refire a alínea anterior, así como certificacións, expedidas polos órganos competentes, en relación coas circunstancias obxecto de baremo previstas na alínea seguinte. Ademais, achegarase unha memoria relativa á organización, funcionamento e tarefas que se van desenvolver nunha zona ideal de recadación, que necesariamente incluirá unha simulación do número de valores cargados e contía destes, con proposta do cadro de persoal necesario para a súa xestión.

2. Os recadadores titulares da Comunidade Autónoma de Galicia que desexen tomar parte no proceso de selección para a dita zona están exentos de presentaren a documentación a que se refire o punto anterior.

A memoria quedará substituída polos resultados de xestión obtidos no derradeiro exercicio.

Artigo 4º

Para a selección dos recadadores baremaranse as seguintes circunstancias:

a) Por cada ano de antigüidade como funcionario de carreira do corpo superior de inspectores de finanzas do Estado ou da escala superior de finanzas da Comunidade Autónoma de Galicia, 0,20 puntos.

Por cada ano de antigüidade como funcionario de carreira do corpo de xestión da Facenda pública ou da escala técnica de finanzas da Comunidade Autónoma de Galicia, 0,10 puntos.

O límite máximo deste baremo será de 2 puntos.

b) Por cada ano de servicio como recadador da Comunidade Autónoma de Galicia, 0,20 puntos cun límite máximo de dous puntos.

c) Por cada ano de experiencia no desempeño de funcións recadatorias ó servicio doutras administracións públicas de carácter territorial ou institucional, 0,10 puntos cun límite máximo dun punto.

d) Os solicitantes someteranse a unha entrevista que tratará sobre o contido da memoria presentada, así como sobre aspectos puntuais do procedemento recadatorio en vía de constrinximento.

Esta entrevista será valorada entre 1 e 5 puntos.

Artigo 5º

As tarefas de selección establecidas na alínea anterior serán realizadas por unha comisión que estará composta por:

-Secretario xeral e do Patrimonio.

-Directora xeral de Tributos.

-Un delegado territorial da Consellería de Economía e Facenda.

-O xefe do Servicio Central de Recadación que actuará como secretario da comisión.

Disposición derradeira

No suposto de que sexa nomeado para a dita zona un dos recadadores titulares da Comunidade Autónoma de Galicia requirirase que, previamente á súa toma de posesión, cese como recadador titular na zona de procedencia.

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 1999.

Xosé Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda