Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 05 de febreiro de 1999 Páx. 1.309

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 9/1999, do 21 de xaneiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Narón (A Coruña), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de urbanización das rúas Eduardo Pondal, María Pita e Rosalía de Castro (Gándara).

O Concello de Narón (A Coruña), en sesión celebrada o día 17 de novembro de 1997, aprobou o proxecto de urbanización das rúas Eduardo Pondal, María Pita e Rosalía de Castro (Gándara) e na sesión celebrada o día 18 de decembro de 1997, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Polo concello foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 6 de novembro de 1998.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 18 de decembro de 1998.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque a execución do proxecto de urbanización do Campo da Festa (Gándara) trae como consecuencia que toda esta zona urbanizada, en proceso de edificación, forme unha valgada con saída natural á rúa Eduardo Pondal que debe discorrer á rede de sumidoiros ata desembocar ó colector xeral da estrada de Gándara. A rede actual, cunha carga de augas pluviais e fecais moi incrementada, vese totalmente insuficiente para alivia-los vertidos polo que se producen inundacións na rúa Eduardo Pondal e se precisa a súa ampliación que permita acometer unha nova canalización a través do sistema viario definido no vixente PXOU ó mesmo tempo que se fai o desenvolvemento urbano desta zona eliminando os fondos de saco que forman as rúas María Pita e Rosalía de Castro, que desembocan na rúa Eduardo Pondal, creándose así unha trama urbana que dea continuidade ó

conxunto de rúas e fundamentalmente e de forma urxente solucione os problemas de vertidos de augas pluviais e fecais.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteún de xaneiro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Narón (A Coruña) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de urbanización das rúas Eduardo Pondal, María Pita e Rosalía de Castro (Gándara).

Santiago de Compostela, vinteún de xaneiro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais