Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 05 de febreiro de 1999 Páx. 1.306

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 28 de xaneiro de 1999 pola que se establecen axudas para o desenvolvemento de cursos e seminarios de formación e capacitación de agricultores e das súas familias.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria ten como un dos seus fins promover e orienta-las accións dos agricultores e as súas familias para a mellor utilización dos seus recursos, actuando permanentemente sobre os membros das familias rurais co fin de activar neles cambios de actitude, melloras no seu medio social e a difusión de coñecementos e técnicas que contribúan ó logro deste obxectivo, así mesmo, e dentro do plan de emprego da Xunta de Galicia, considérase conveniente promover accións encamiñadas á introducción de novas tecnoloxías para o fomento da producción agraria integrada.

O cumprimento destes fins esixe unha permanente atención ós agricultores, ós mozos, colaboradores familiares e agricultores asalariados que superen a idade de escolarización, co obxectivo de mellora-la súa cualificación profesional, de forma que lles permita dispoñer dunha ocupación continua e rendible dentro das súas explotacións.

Para acadar estes fins é necesario instituír axudas que permitan realizar cursos de formación agraria dirixidos a aquelas persoas que desexen capacitarse e mellora-las técnicas que van aplicar nas súas explotacións, por un importe de setenta e nove millóns novecentas mil (79.900.000) pesetas, con cargo a aplicación orzamentaria 09.02.322 S-480.0.

Por todo isto, e en virtude das competencias que me outorga a lexislación vixente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Tipos de cursos: obxectivos e duración.

1. Cursos de actualización profesional, dirixidos a agricultores, mozos colaboradores na explotación familiar ou traballadores asalariados que superen a idade de escolarización obrigatoria. A duración mínima destes cursos será de 10 días e 30 horas lectivas.

2. Cursos de formación agraria, dirixidos a mozos de 18 a 40 anos que desexen adquiri-lo nivel profesional adecuado para acceder ás responsabilidades de dirección e xestión da empresa agraria e ás esixencias da súa primeira instalación como agricultores. A duración mínima destes cursos será de 200 horas lectivas, ben realizadas en réxime continuo ou en 5 módulos, en réxime descontinuo.

3. Cursos de actualización e perfeccionamento empresarial dirixidos a agricultores que exercendo a súa profesión como cultivadores directos e persoais, pretendan adquirir ou actualizar bloques de coñecementos específicos que afectan á súa explotación. A duración mínima destes cursos será de 200 horas lectivas, ben realizadas en réxime continuado ou en 5 módulos en réxime descontinuo.

4. Cursos monográficos de actualización, perfeccionamento profesional e introducción de novas tecnoloxías orientados ó fomento da producción agraria integral e dirixidos a agricultores e mozos xa establecidos en explotacións agrarias e membros das comunidades rurais. A duración mínima será de 15 días e 50 horas lectivas.

5. Cursos de formación dirixidos a agricultores ou mozos establecidos en empresas agrarias (pertencentes a grupos de xestión ou grupos con tarefas de empresa), para o seu adestramento na realización de prácticas de contabilidade, toma de decisións e aquelas outras cuestións que poidan contribuír a mellora-la capacidade de xestión das súas empresas. A duración mínima destes cursos será de 60 horas lectivas, impartidas en réxime descontinuo ó longo dun exercicio económico e seguindo un programa elaborado polos agricultores e aprobado polo xefe provincial de Extensión e Capacitación Agraria no que se indicarán os contidos e o calendario de desenvolvemento das actividades.

Artigo 2º.

A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural coordinará, a través dos servicios provinciais de Extensión e Capacitación Agraria, a planificación, organización, desenvolvemento e xustificación das actividades formativas ás que van destinadas as axudas.

Artigo 3º.-Réxime das axudas.

As axudas establecidas na presente orde irán destinadas a cubri-los gastos que se indican:

a) Gastos de aloxamento e manutención dos alumnos durante o período de duración do curso.

b) Gastos de organización e desenvolvemento dos cursos: material didáctico, material de prácticas, viaxes educativas e pagamento de profesorado.

Artigo 4º.-Contía das axudas.

1. Os cursos de 30 horas a que se refire o punto 1 do artigo 1º dispoñerán dunha axuda de ata sete mil cincocentas pesetas como máximo por alumno e curso, e serán impartidos polos centros de Capacitación Agraria e axencias de Extensión Agraria en réxime de externado e de xeito continuado.

2. Os cursos de 200 horas a que se refiren os puntos 2 e 3 do artigo 1º dispoñerán dunha axuda de ata cincuenta mil pesetas como máximo por alumno e curso completo ou de ata dez mil pesetas por módulo. Estes cursos serán impartidos nos centros de capacitación agraria en réxime de internado e nas áreas de Extensión Agraria nas que non exista un centro de capacitación agraria.

3. Os cursos a que se refire o punto 4 do artigo 1º dispoñerán dunha axuda de ata doce mil pesetas como máximo por alumno e curso. Estes cursos soamente poderán ser impartidos en centros de capacitación agraria e nas axencias de Extensión Agraria autorizadas polo xefe de área correspondente.

4. Os cursos ós que se refire o punto 5 do artigo 1º dispoñerán dunha axuda de ata quince mil pesetas como máximo por alumno e curso completo. Estes cursos soamente poderán ser desenvolvidos nas axencias comarcais de Extensión Agraria e en réxime descontinuo.

Artigo 5º.-Solicitude de cursos. Aprobación. Publicidade. Presentación de solicitudes e prazos e criterios para a selección de alumnos.

1. As axencias de Extensión Agraria e centros de Capacitación Agraria, ó faceren as programacións anuais de actividades, presentarán na Subdirección Xeral de Extensión e Capacitación Agraria unha proposta de cursos que se realizarán en cada comarca, de acordo coas necesidades detectadas e a demanda da poboación rural.

A adxudicación de cursos a cada unidade será aprobada pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural por proposta da Subdirección Xeral de Extensión e Capacitación Agraria, unha vez estudiados estes, o seu custo e as dispoñibilidades orzamentarias.

2. Autorizados os cursos, as unidades encargadas de impartilos farán pública a súa convocatoria atendendo ás condicións, criterios e requisitos marcados pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural. O prazo mínimo para a convocatoria dos cursos será de 30 días antes da súa iniciación e para a pre

sentación de solicitudes de asistencia o día anterior ó seu comezo.

No caso de cursos de 200 horas, desenvolvidos de forma modular, a instancia de solicitude será única para a asistencia a tódolos módulos.

3. Os criterios de selección polos que se rexerá a admisión de solicitantes a cada curso serán os seguintes:

a) Estar ligado a unha explotación agraria como titular cultivador directo e persoal, ser cónxuxe ou colaborador da empresa como man de obra familiar ou membro residente nunha comunidade rural.

b) Agricultores novos que solicitaron axudas oficiais para a súa instalación ou modernización das súas explotacións e adquiriron o compromiso de obte-lo diploma de aptitude empresarial no prazo de execución das melloras.

c) Antigüidade na incorporación á empresa agraria.

d) Solicitudes de asistencia a ciclos completos de formación.

Artigo 6º.-Pagamento e xustificación de subvencións.

1. O libramento da subvención para o pagamento ós alumnos asistentes ó curso realizarase mediante a presentación da relación nominal dos alumnos que participaron nel, debidamente conformada polo xefe provincial de Extensión e Capacitación Agraria. Nela indicarase: tipo de curso, duración, domicilio, DNI dos asistentes, así como a axuda por alumno e o total do curso. A relación irá acompañada da certificación correspondente expedida polo xefe do Servicio de Capacitación Agraria.

2. A xustificación das axudas realizarase unha vez efectuado o pagamento ós beneficiarios mediante a presentación da nómina asinada polos interesados, debidamente dilixenciada polo xefe da unidade que impartiu o curso e o xefe do Servicio de Capacitación Agraria.

Artigo 7º.

As axudas económicas recollidas no artigo 4º da presente orde faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 09-02-322 S-480.0, dotada para 1999 cun importe de 79.900.000 de pesetas.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Desenvolvemento Rural para dictar cantas normas complementarias se consideren de interese para a correcta interpretación e aplicación das que aquí se sinalan. A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 1999.

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria