Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 05 de febreiro de 1999 Páx. 1.309

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 10/1999, do 21 de xaneiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Lugo, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto 24 ZAE 98. Pantón. Camiño de Rubiás, p.k. 0-1,5.

A Deputación Provincial de Lugo, en sesión celebrada o día 25 de setembro de 1998, aprobou o proxecto de 24 ZAE 98. Pantón. Camiño de Rubiás, p.k. 0-1,5 e na sesión do día 28 de setembro de 1998 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 18 de decembro de 1998.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque as obras de referencia figuran nun programa de cooperación económica local e os terreos son necesarios para inicia-las obras dentro dos prazos sinalados pola normativa ó respecto.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteún de xaneiro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de 24 ZAE 98. Pantón. Camiño de Rubiás, p.k. 0-1,5.

Santiago de Compostela, vinteún de xaneiro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais