En execución do Plan de formación da EGAP para 1999 e en uso das atribucións conferidas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, anúnciase a convocatoria dos cursos descritos no anexo I á presente resolución, que se desenvolverá de conformidade coas seguintes bases:
Primeira.-Solicitudes.
1. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta en tódolos epígrafes que corresponda, a instancia descrita no anexo II.
2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección dos aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso.
3. O prazo de presentación de instancias será o que se sinala para cada curso no citado anexo I.
4. As solicitudes dirixiranse á Escola Galega de Administración Pública, rúa de Madrid, 2-4, polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, e presentaranse no rexistro da EGAP, no das delegacións provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública ou en calquera das dependencias previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Segunda.-Acceso ás actividades.
1. Poderá participa-lo persoal que cumpra os requisitos específicos esixidos para cada curso.
2. A lista de seleccionados exporase no taboleiro de anuncios da EGAP.
Terceira.-Certificacións de participación.
1. É obrigatoria a asistencia e puntualidade a tódalas sesións dos cursos. Toda inasistencia a clase deberá ser xustificada debidamente polo interesado, se ben a inasistencia a máis do 15% das horas lectivas programadas impedirá en todo caso a expedición do certificado correspondente.
2. Para os efectos do debido coñecemento e constancia no seu expediente, o interesado deberá facilitar ós servicios de persoal do seu centro directivo copia da certificación acadada.
Cuarta.-Modificacións.
A EGAP poderá modifica-lo desenvolvemento e contido dos cursos anunciados co fin de adaptalos ás necesidades administrativas e demais continxencias de toda índole que poidan xurdir.
Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 1999.
Domingo Bello Janeiro
Director da Escola Galega de Administración Pública
ANEXO I
Curso: inglés elemental.
1. Obxectivos:
Proporcionar uns coñecementos básicos da lingua inglesa.
2. Destinatarios:
Persoal con destino nas administracións autonómica, local, universitaria, parlamentaria, do Consello de Contas e do Valedor do Pobo.
3. Desenvolvemento do curso:
3.1. Duración: 90 horas, en dúas sesións por semana (martes e xoves).
3.2. Lugar: EGAP.
3.3. Datas: de febreiro a novembro de 1999.
3.4. Horarios: en sesións de tarde (de 17 a 19 horas).
3.5. Prazas: 20, das que 11 serán para a Administración autonómica, 4 para a local, 2 para a universitaria, 1 para a do Parlamento, 1 para o Consello de Contas e 1 para o Valedor do Pobo.
4. Selección:
Os criterios selectivos que se van utilizar serán os recollidos na letra A) do anexo á resolución do director da EGAP, do 27-6-1994 (Diario Oficial de Galicianº 149, do 3 de agosto).
5. Contido:
Vocabulario. Pronuncia. Estructuras gramaticais. Comprensión básica. Formular e contestar preguntas. Análise de situacións concretas da vida corrente.
6. Prazo:
O prazo de presentación de instancias será de 15 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Curso: inglés medio.
1. Obxectivos:
Proporcionar uns coñecementos da lingua inglesa a un nivel medio, de xeito que permita establecer contactos esporádicos na dita lingua e conseguir unha comunicación e comprensión con certo grao de eficacia.
2. Destinatarios:
Persoal con destino nas administracións autonómica, local, universitaria, parlamentaria, do Consello de Contas e do Valedor do Pobo.
3. Desenvolvemento do curso:
3.1. Duración: 90 horas, en dúas sesións por semana (martes e xoves).
3.2. Lugar: EGAP.
3.3. Datas: de febreiro a novembro de 1999.
3.4. Horarios: en sesións de tarde (de 19 a 21 horas).
3.5. Prazas: 20, nunha proporción idéntica á establecida no curso de inglés elemental.
4. Selección:
Farase de conformidade co previsto no penúltimo parágrafo da letra A) do anexo á resolución do director da EGAP, do 27-6--994 (Diario Oficial de Galicia nº 149, do 3 de agosto).
Neste sentido, a selección dos participantes estará determinada pola realización, ó día hábil seguinte ó da expiración do prazo de presentación de instancias, dunha proba escrita, na que se comprobará que os aspirantes se axustan ó nivel medio de coñecementos de inglés requirido polo contido do curso, de xeito que se poida formar un grupo homoxéneo que permita o axeitado desenvolvemento daquel. Á dita proba poderán concorrer tódolos solicitantes e realizarase ás 17 horas do día descrito, na sede da EGAP, nas aulas que se determinen oportunamente nos taboleiros de anuncios da escola.
5. Contido:
Solicitar ou dar información. Expresión e comprensión de pensamento obxectivo e subxectivo. Persuasión. Usos sociais da lingua. Descrición. Emprego de estructuras temporais.
6. Prazo:
O prazo de presentación de instancias será de 15 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
ANEXO II
NOTA: úsese o publicado na páxina 1.223.