Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 03 de febreiro de 1999 Páx. 1.221

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 21 de xaneiro de 1999 pola que se convocan dous cursos, correspondentes a francés elemental e francés medio.

En execución do Plan de formación da EGAP para 1999 e en uso das atribucións conferidas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, anúnciase a convocatoria dos cursos descritos no anexo I á presente resolución, que se desenvolverá de conformidade coas seguintes bases:

Primeira.-Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta en tódolos epígrafes que corresponda, a instancia descrita no anexo II.

2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección dos aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso.

3. O prazo de presentación de instancias será o que se sinala para cada curso no citado anexo I.

4. As solicitudes dirixiranse á Escola Galega de Administración Pública, rúa de Madrid, 2-4, polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, e presentaranse no rexistro da EGAP, no das delegacións provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública ou en calquera das dependencias previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-Acceso ás actividades.

1. Poderá participa-lo persoal que cumpra os requisitos específicos esixidos para cada curso.

2. A lista de seleccionados exporase no taboleiro de anuncios da EGAP.

Terceira.-Certificacións de participación.

1. É obrigatoria a asistencia e puntualidade a tódalas sesións dos cursos. Toda inasistencia a clase deberá ser xustificada debidamente polo interesado, se ben a inasistencia a máis do 15% das horas lectivas programadas impedirá en todo caso a expedición do certificado correspondente.

2. Para os efectos do debido coñecemento e constancia no seu expediente, o interesado deberá facilitar ós servicios de persoal do seu centro directivo copia da certificación acadada.

Cuarta.-Modificacións.

A EGAP poderá modifica-lo desenvolvemento e contido dos cursos anunciados co fin de adaptalos ás necesidades administrativas e demais continxencias de toda índole que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 1999.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

Curso: francés elemental.

1. Obxectivos:

Proporcionar uns coñecementos elementais da lingua francesa.

2. Destinatarios:

Persoal de administración da Xunta de Galicia, da Administración local, da universidade, do Parlamento, do Consello de Contas e do Valedor do Pobo.

3. Desenvolvemento do curso:

3.1. Duración: 90 horas, en dúas sesións por semana (luns e mércores).

3.2. Lugar: EGAP.

3.3. Datas: de febreiro a novembro de 1999.

3.4. Horarios: en sesións de tarde (de 17 a 19 horas).

3.5. Prazas: 20, das que 11 serán para a Administración autonómica, 4 para a local, 2 para a universitaria, 1 para a do Parlamento, 1 para o Consello de Contas e 1 para o Valedor do Pobo.

4. Selección:

Os criterios selectivos que se utilizarán serán os recollidos no letra A) do anexo á resolución do director da EGAP, do 27-6-1994 (Diario Oficial de Galicianº 149, do 3 de agosto).

5. Contido:

Vocabulario. Pronuncia. Estructuras gramaticais. Compresión básica. Formulación e contestación de

preguntas. Análise de situacións concretas da vida corrente.

6. Prazo:

O prazo de presentación de instancias será de 15 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Curso: francés medio.

1. Obxectivos:

Proporcionar uns coñecementos da lingua francesa a un nivel medio.

2. Destinatarios:

Persoal de administración da Xunta de Galicia, da Administración local, da universidade, do Parlamento, do Consello de Contas e do Valedor do Pobo.

3. Desenvolvemento do curso:

3.1. Duración: 90 horas, en dúas sesións por semana (luns e mércores).

3.2. Lugar: EGAP.

3.3. Datas: de febreiro a novembro de 1999.

3.4. Horarios: en sesións de tarde (de 19 a 21 horas).

3.5. Prazas: 20, nunha proporción idéntica á establecida no curso de francés elemental.

4. Selección:

Farase de conformidade co previsto no penúltimo parágrafo da letra A) do anexo á resolución do director da EGAP, do 27-6-1994 (Diario Oficial de Galicia nº 149, do 3 de agosto).

Neste sentido, a selección dos participantes virá determinada pola realización, ó día seguinte hábil ó da expiración do prazo de presentación de instancias, dunha proba escrita, na que se comprobará que os aspirantes se axustan ó nivel medio de coñecementos de francés requirido polo contido do curso, de xeito que se poida formar un grupo homoxéneo que permita o axeitado desenvolvemento daquel. Á dita proba poderán concorrer tódolos solicitantes e realizarase ás 19 horas do día descrito, na sede da EGAP, nas aulas que se determinen oportunamente nos taboleiros de anuncios da escola.

5. Contido:

Introducción. Uso dos artigos, pronomes, interrogacións. Esctructuras verbais. Expresión oral e escrita.

6. Prazo:

O prazo de presentación de instancias será de 15 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.