Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 29 de xaneiro de 1999 Páx. 1.080

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE FERROL

BASES do IX Certame Literario Lingüístico Ricardo Carvalho Calero.

Convócase de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-O certame constará dos seguintes premios:

-Premio de Investigación Literaria ou Lingüística.

-Premio de Creación Literaria (narración curta).

Segunda.-Os traballos presentados deberán estar escritos en lingua galega, con liberdade normativa.

Terceira.-Os exemplares presentados a calquera dos dous premios, deberán ser inéditos. O autor garantirá esta circunstancia no caso de resultar gañador. Para estes efectos non se considerarán inéditas as teses de doutoramento xa cualificadas.

Cuarta.-Ó Premio de Creación Literaria (narración curta) poderán concorrer unha narración ou un conxunto de contos por autor que non superen os cen folios en conxunto sen que se prefixe extensión mínima.

Ó Premio de Investigación Lingüística os traballos presentados terán unha extensión mínima de 50 folios.

En ámbolos dous premios os traballos orixinais deberán estar axeitadamente grampados ou encadernados e os folios deberán conter aproximadamente 2.000 caracteres.

Quinta.-Os orixinais e cinco copias máis deberán ser enviadas, unha vez saia publicada esta convocatoria no DOG ata o 6 de febreiro de 1999 ó Concello de Ferrol-Rexistro Xeral, co correspondente título e lema indicando no sobre IX Cermame Carvalho Calero, cun remite que sexa exclusivamente o lema.

Así mesmo en sobre á parte, constarán os datos persoais, número conta corrente, un currículum breve, enderezo, teléfono e DNI dirixido ó Concello

de Ferrol IX Certame Carvalho Calero e un remite que será exclusivamente o lema.

Sexta.-Non poderán concursa-los premiados en calquera das dúas modalidades ata cinco anos despois de que lles fose outorgado o premio.

Sétima.-A dotación para cada unha das modalidades será de 600.000 ptas., impostos incluídos. Ademais os traballos serán publicados polo Concello de Ferrol. Respectaranse os orixinais presentados incluída a normativa ligüística. A entidade convocante reserva para si os dereitos de autor na primeira edición; a partir da segunda as obras premiadas pasan a ser propiedade do seu autor, que deberá facer consta-la condición de gañador do Premio Carvalho Calero na modalidade que corresponda.

No caso de tratarse do Premio de Investigación Lingüística, atribúese ó xurado a facultade de determina-lo tipo de publicación segundo corresponda á natureza do traballo.

Oitava.-O xurado estará composto por cinco membros propostos pola comisión organizadora, entre os que figurará o gañador ou gañadores da edición anterior, presididos polo alcalde-presidente do Concello de Ferrol ou persoa en quen delegue.

Unha vez rematado o certame darase conta ó Concello Pleno das actas levantadas polo xurado, que deberán recolle-la totalidade dos solicitantes (tanto incluídos como excluídos) así como a súa decisión.

A entrega de premios farase coincidir coa data en que se conmemora o aniversario do pasamento do profesor Carvalho Calero.

As obras non premiadas hánselles devolver ós seus autores nun prazo estimativo de dous meses a partir do dictame do xurado, que será dado a coñecer con anterioridade ó día da entrega dos premios.

Novena.-A interpretación das presentes bases correspóndelle unicamente ó xurado. Polo simple feito de participar neste concurso, o autor comprométese a acatalas. Os premios poderán quedar desertos no caso de que o xurado considere que as obras non teñen a calidade mínima esixible. O xurado poderá outorgar mención a algún traballo sen que isto supoña achega económica ningúnha. Non se poderá conceder ningún premio «ex aequo».

Disposición adicional

Facúltase o alcalde-presidente do Concello de Ferrol para a adaptación destas bases ás necesidades organizativas sen que en ningún caso poidan supor, tales adaptacións, modificación substancial do seu contido.

Disposición derradeira

A Sociedade Cultural Medulio ten a condición de sociedade colaboradora na organización deste premio.

Juan Blanco Rouco

Alcalde