Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 29 de xaneiro de 1999 Páx. 1.079

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE FERROL

CONVOCATORIA do XIII Premio Internacional de Gravado Máximo Ramos.

Bases.

Primeira.-O obxectivo principal da presente convocatoria é a de fomentar e dar a coñece-la arte do gravado, así mesmo amplia-la colección de obra gráfica dos actuais fondos do Museo Municipal.

Segunda.-Poderán concorrer a este certame tódolos artistas de calquera nacionalidade que así o desexen.

Terceira.-A dotación económica dos premios ascende na súa totalidade á cantidade de 1.750.000 ptas.

Primeiro premio: 800.000 ptas. (impostos incluídos).

Segundo premio: 400.000 ptas. (impostos incluídos).

Terceiro premio: 250.000 ptas. (impostos incluídos).

Premio «Xoves artistas galegos» dotado con 100.000 ptas. (impostos incluídos), destinado a premia-la millor obra dun artista nacido en Galicia e que non cumprinse os 26 anos (indispensable enviar fotocopia do DNI).

Dúas mencións de 100.000 ptas. cada unha (impostos incluídos).

Cuarta.-Cada artista poderá presentar unha estampación sobre papel non superior a 100x70 cm asinada polo autor, sen enmarcar (condición indispensable non ter sido presentada a ningún outro concurso) e realizada con posterioridade ó ano 1995.

Quinta.-O certame está aberto a tódalas técnicas gráficas reproducibles (gravado, calcográfico, xilografía, litografía, serigrafía) agás as impresións informáticas de fotografía e de reproducción de ofsset.

Sexta.-Non se aceptarán as probas de estado e os monotipos.

Sétima.-As obras virán acompañadas dunha ficha técnica debidamente cuberta:

Nome do artista.

Domicilio e número de teléfono ou fax.

Prezo de venda.

Técnica utilizada.

Ano de realización.

Fotografía ou diapositiva da obra.

Currículum vitae.

Oitava.-Toda a documentación, conxuntamente coa obra, enviarase a portes pagados ó seguinte enderezo:

Apartado de correos nº 2.

XIII Premio de Gravado Máximo Ramos.

Concello de Ferrol.

15701 Ferrol (A Coruña) España.

Novena.-O prazo de admisión será o comprendido entre a data de publicación no DOG e o 30 de abril de 1999.

Décima.-Da totalidade das obras recibidas, o xurado fará unha selección para concorrer ós premios, participar na mostra e figurar no catálogo con opción por parte do Concello de Ferrol para a adquisición da dita obra.

Décimo primeira.-As obras seleccionadas exporanse no Centro Cultural Municipal na rúa Concepción Arenal da cidade de Ferrol.

Décimo segunda.-O xurado está facultado para a concesión dos premios, así como tamén para declarar deserto calquera deles.

A decisión do xurado será inapelable.

Décimo terceira.-Ó remata-la exposición, tanto as obras seleccionadas como as non seleccionadas polo xurado devolveranse ós seus autores a través do sistema que decida o comité organizador.

Décimo cuarta.-As obras enviadas polo Concello de Ferrol que non cheguen ó seu lugar de orixe, sexan extraviadas ou devoltas ó concello por causas alleas á nosa vontade permanecerán depositadas no Museo Municipal durante un período de 4 meses. De non ser reclamadas polos seus autores neste prazo pasarán a engrosa-lo patrimonio do Concello de Ferrol.

Décimo quinta.-Tódalas obras premiadas quedarán en propiedade do Museo Municipal.

Décimo sexta.-O gañador do primeiro premio, dotado con 800.000 ptas., está obrigado a entrega-la prancha correspondente ó traballo presentado, así como 25 exemplares numerados e asinados.

Décimo sétima.-O xurado estará formado polo alcalde de como presidente ou concelleiro en quen delegue, ademáis dun director técnico e un secretario, así como cinco vocais de recoñecido prestixio no campo das belas artes.

Décimo oitava.-A decisión do xurado darase a coñecer durante os actos de inauguración da exposición.

Décimo novena.-O Concello de Ferrol porá o máximo celo no coidado de tódalas obras, pero non responderá dos desperfectos, roubos ou extravíos que puideran derivarse do seu transporte.

Vixésima.-As decisións do xurado serán inapelables. O alcalde-presidente do concello queda facultado para a adaptación destas bases ás necesidades de organización, sen que en ningún caso tales adaptacións poidan supoñer unha modificación substancial.

Vixésimo primeira.-A presentación das obras a concurso implica a total aceptación das presente bases polos artistas participantes.

Juan Blanco Rouco

Alcalde