Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 29 de xaneiro de 1999 Páx. 1.010

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 26 de xaneiro de 1999 pola que se dispón o comezo da actividade administrativa, para os efectos de rexistro xeral para a documentación dirixida á Xunta de Galicia, nos concellos de Alfoz, O Carballiño, Castroverde, Coles, Laza, O Pereiro de Aguiar, A Pontenova, Porto do Son, O Rosal, e Xunqueria de Espadanedo.

Constitúe un obxectivo primordial do programa de reforma e modernización da Administración autonómica galega o achegamento da Administración ós administrados como garantía de efectividade dos dereitos que o bloque constitucional lles recoñece na súa relación coas diferentes administracións públicas. Este obxectivo debe comezar polo achegamento físico das oficinas administrativas ós cidadáns, o que redundará, sen dúbida, nunha mellora dos servicios que presta a Administración pública.

A Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, establece no seu artigo 38.4º B) que nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, a calquera administración das comunidades autónomas, ou a calquera das entidades que integran a Administración local, se, neste último caso, estivese subscrito o oportuno convenio, poderán presentarse as solicitudes, escritos e comunicacións que os cidadáns lles dirixan ós órganos das distintas administracións públicas.

Con data do 15 de febreiro de 1996 subscribiuse un convenio de colaboración entre a Consellería de Presidencia e Administración Pública e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), para a implantación e desenvolvemento dos servicios informáticos e de telecomunicacións no que se prevé que nos concellos que se adhiran a el, se exercerán as funcións que se relacionan no artigo 1º desta orde. No antedito convenio estableceuse, ademais, a formación do persoal que sexa adscrito polo concello ós servicios obxecto deste.

Mediante o antedito convenio intensifícase, pois, a cooperación coa Administración local e ponse ó seu servicio a rede privada de comunicacións da Xunta de Galicia para mellora-los servicios ó cidadán.

Por disporen os concellos de Alfoz, O Carballiño, Castroverde, Coles, Laza, O Pereiro de Aguiar, A Pontenova, Porto do Son, O Rosal, Xunqueria de Espadenedo, da infraestructura persoal e técnica prevista no convenio, disponse a inmediata posta

en funcionamento respecto deles, sen prexuízo de proceder de igual modo co resto dos municipios adheridos, na medida na que vaian conseguindo a dita infraestructura.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. De conformidade co establecido no convenio de colaboración, subscrito o 15 de febreiro de 1996, entre a Consellería da Presidencia e Administración Pública e a Federeación Galega de Municipios e Provincias, nos concellos de Alfoz, O Carballiño, Castroverde, Coles, Laza, O Pereiro de Aguiar, A Pontenova, Porto do Son, O Rosal, Xunqueira de Espadanedo exerceranse, ademais das que lles correspondan de acordo coa lexislación de réxime local, as seguintes funcións.

a. Rexistro xeral de escritos, solicitudes ou comunicacións dirixidas a calquera órgano da Administración autonómica de Galicia, cos efectos previstos no artigo 38.4º b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Rematado o trámite de rexistro, daráselles traslado dos escritos, solicitudes e comunicacións ós seus destinatarios sen dilación e directamente.

b. Información xeral da Administración autonómica de Galicia.

c. Información particular sobre aqueles expedientes administrativos tramitados por instancia de parte perante a Administración autonómica de Galicia, nos que o solictante sexa interesado, nos termos establecidos na lei.

d. Acceso ó rexistro xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma.

2. As funcións ás que se refire o número anterior exerceranse nos concellos a partir do día 1 de febreiro de 1999.

Artigo 2º

As oficinas dos concellos ás que fai mención o artigo anterior desempeñaran as funcións que no antedito artigo se conteñen, dentro do horario que con carácter xeral rexa para estas en cada caso e nos locais destinados ó rexistro xeral aberto ó publico en cada concello.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O establecido nesta orde non supón incremento de gasto.

Segunda.-Facúltase a Secretaría Xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, a Inspección Xeral de Servicios, e a Dirección Xeral

de Organización e Sistemas Informáticos para dicta-las normas precisas para o desenvolvemento desta orde.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 1999.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública