Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 25 de xaneiro de 1999 Páx. 853

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 11 de xaneiro de 1999 pola que se convoca un curso de reciclaxe.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1999, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso de reciclaxe para policías locais, segundo o previsto no artigo 23 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos:

O curso ten por obxectivos dota-los policías dunha formación complementaria en materia de actualización policial, que lles sexa útil no desempeño posterior da súa profesión.

Destinatarios:

O curso vai dirixido a todos aqueles policías locais de Galicia que non ingresaran no corpo de policía local a través da Academia Galega de Seguridade.

Inscrición:

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta, debéndose comunicar esta, antes do 15 de febreiro de 1999 para efectua-la correspondente reserva de praza.

Prazas:

Sen límite.

Solicitudes:

1. Os policías que desexen asistir a este curso deberán remitir un escrito, a través do concello, á Academia Galega de Seguridade, solicitando a participación no curso de reciclaxe para policías locais; para efectua-la correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso.

2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 15 de febreiro de 1999.

3. Os escritos deberán enviarse á Academia Galega de Seguridade: Avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada.

Contido e duración:

O curso celebrarase na Academia Galega de Seguridade, sita na Avenida da Cultura, s/n, no Concello da Estrada, os xoves en horario de mañá e tarde, e terá unha duración de 180 horas lectivas.

O curso está composto polas seguintes áreas:

-Área xurídica.

-Área humanística.

-Área técnica policial.

-Área operativa policial.

Datas:

O curso principiará no vindeiro mes de marzo de 1999, quedando por determina-la súa data de comezo, que se comunicará coa suficiente antelación.

O horario será de 10 a 14 horas, e de 16 a 20 horas.

Desenvolvemento do curso:

Os alumnos da Academia Galega de Seguridade, durante o seu período de permanencia na Academia, rexeranse polo Regulamento de réxime interior desta, publicado no Diario Oficial de Galicia do 28-7-1995, nº 144.

Certificado:

Ó remate do curso entregaráselles un certificado a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el; e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Modificacions:

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 1999.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade