Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 25 de xaneiro de 1999 Páx. 846

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 18 de decembro de 1998, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector de establecementos sanitarios de hospitalización, asistencia, consulta e laboratorios de análises clínicas da provincia da Coruña.

Visto o expediente do convenio colectivo do sector de establecementos sanitarios de hospitalización, asistencia, consulta e laboratorios de análises clínicas da provincia da Coruña que tivo entrada nesta delegación provincial o día 15-12-1998, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios da Sanidade Privada, da parte social por UGT, CIG e USO o día 9-12-1998, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 18 de decembro de 1998.

P.S. (Decreto 227/1998, do 10 de xullo)

María Silva Costoya

Secretaria provincial da Coruña

Convenio colectivo provincial de establecementos sanitarios de hospitalización, asistencia, consulta

e laboratorios de análises clínicas da Coruña

Sanidade privada

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio será de aplicación en toda a provincia da Coruña e establece as normas básicas e regula as condicións mínimas de traballo entre as empresas destinadas a establecementos sanitarios de hospitalización, asistencia, consulta e laboratorios de análises clínicas, coa única excepción das institucións da Seguridade Social.

Artigo 2º.-Ámbito funcional.

Este convenio provincial regula as condicións de traballo entre as empresas que desenvolven a súa actividade dentro do grupo de establecementos sanitarios de hospitalización, asistencia, consulta e laboratorios de análises clínicas, coa única excepción das institucións da Seguridade Social.

Artigo 3º.-Ámbito temporal.

A duración deste convenio será de 12 meses, do 1 de xaneiro de 1998 deica o 31 de decembro de 1998, prorrogándose tacitamente a súa vixencia de ano en ano se ningunha das partes o denunciase coa antelación mínima de tres meses desde a data do seu remate.

Aínda que a publicación se produza con posterioridade, os efectos económicos retrotraeranse, en todo caso, ó 1 de xaneiro de 1998.

Artigo 4º.-Revisión salarial.

Ano 1998, revisión da táboa salarial en 2,5 puntos.

Artigo 5º.-Vinculación á totalidade.

Este convenio constitúe un todo orgánico e as partes quedan vinculadas ó cumprimento na súa totalidade.

Se no proceso de homologación a autoridade competente modifica algunha das cláusulas na súa actual redacción, a comisión negociadora deberase reunir para considerar se cómpre modificación, mantendo a vixencia do resto do articulado do convenio, ou se, pola contra, a modificación de tal ou tales obriga a revisa-las condicións recíprocas que as partes fixesen.

Artigo 6º.-Garantía ad personam.

Por seren condicións mínimas as outorgadas neste convenio, respectaranse ad personam as máis beneficiosas consideradas no seu conxunto e cómputo anual.

Artigo 7º.-Dereitos sindicais.

As empresas recoñecerán a tódolos sindicatos debidamente implantados, como elementos básicos e consubstanciais para afrontaren a través deles as necesidades relacionadas entre traballadores e empresarios, sempre que aqueles teñan unha afiliación do 15 por cento.

a) As empresas respectarán o dereito de tódolos traballadores e traballadoras a sindicárense libremente, admitirán que os traballdores afiliados a un sindicato poidan realizar xuntanzas, recadar cotas e distribuír información sindical fóra das horas de traballo e sen perturba-la actividade normal das empresas.

Non poderán suxeita-lo emprego dun traballador á condición de que non se afilie ou renuncie á súa afiliación sindical, e tampouco despedir un traballador ou prexudicalo de calquera outra forma por mor da súa afiliación ou actividade sindical.

Os sindicatos poderán remitir información a todas aquelas empresas que dispoñan de suficiente afiliación, co fin de que esta se distribúa fóra das horas de traballo e sen que o exercicio de tal práctica poida interrompe-lo proceso productivo. Tódolos centros dispoñerán dun taboleiro de anuncios, no que os sindicatos debidamente implantados poderán inserir comunicacións, das que remitirán copia á dirección da empresa.

b) Cota sindical: por requirimento dos traballadores afiliados a centrais sindicais ou sindicatos que posúan a representación previa no parágrafo anterior, as empresas descontarán na nómina mensual dos traballadores o importe da cota sindical correspondente. O traballador interesado en tal operación remitiralle á dirección da empresa un escrito en que expresará con claridade a orde do desconto, a central sindical ou sindicato a que pertence, a contía da cota, así como o número de conta corrente á que se debe transferir esta cantidade. As empresas efectuarán as ditas detraccións, agás indicación en contra, durante períodos dun ano. A dirección da empresa entregaralles copia da transferencia ós representantes do sindicato.

c) Negociación colectiva: ós cargos de relevancia nacional das centrais implantadas nacionalmente e que participen nas comisións negociadoras dos convenios, mantendo a súa vinculación como traballadores en activo dalgunha empresa, seranlles concedidos permisos retribuídos por estas, co fin de lles facilita-lo labor como negociadores e durante o transcurso desta negociación, sempre que á empresa lle afecte a dita negociación.

d) Excedencias: poderá solicita-la situación de excedencia aquel traballador que posúa cargo sindical de relevancia provincial a nivel de secretario do sindicato respectivo e nacional en calquera das súas modalidades. Permanecerá en tal situación mentres estea no exercicio do dito cargo, reincorporándose á súa empresa se o solicitase no prazo dun mes, ó remata-lo desempeño deste. En empresas cun cadro de persoal superior a 50 traballadores, os afectados polo remate da súa excedencia cubrirán a primeira vacante que do seu grupo profesional se produza no seu cadro de persoal de pertenza, agás pacto individual en contra.

e) Asembleas: o número de asembleas de traballadores que se poderán realizar nas condicións que se establecen no artigo 78 do Estatuto dos traballadores será de seis (6) ó ano, podendo distribuírse as datas da súa celebración na forma que aqueles consideren máis conveniente. O disposto no parágrafo anterior entenderase sen prexuízo do que establece o último parágrafo do devandito artigo 78.

Artigo 8º.-Comité de empresa.

O comité de empresa é o órgano representativo e colexiado do conxunto dos traballadores e traballadoras na empresa ou centro de traballo para a defensa dos seus intereses.

Sen prexuízo dos dereitos e facultades concedidos polas leis, recoñécenselles ós comités de empresa as seguintes funcións:

A) Seren informados pola dirección da empresa.

a) Trimestralmente, sobre a evolución xeral do sector económico ó que pertence a empresa, sobre a evolución dos negocios e a situación da producción e vendas da entidade, sobre o seu programa de pro

ducción e evolución probable do emprego da empresa.

b) Anualmente, coñecer e ter á súa disposición o balance, a conta de resultados, a memoria e, no caso de que a empresa revista a forma de sociedade por accións ou participacións, cantos documentos se lles dean a coñecer ós socios.

c) Con carácter previo á súa execución pola empresa, sobre as reestructuracións e as reduccións de cadro de persoal e sobre os plans de formación profesional da empresa.

d) En función da materia de que se trate:

1. Sobre a implantación ou revisión do sistema de organización do traballo e calquera das súas posibles consecuencias. Estudios de tempo, establecementos de sistemas de primas ou incentivos e valoración de postos de traballo.

2. Sobre a fusión, absorción ou modificación do status xurídico da empresa, cando isto supoña calquera incidencia que afecte o volume do emprego.

3. O empresario facilitaralle ó comité de empresa o modelo ou modelos de contrato de traballo que habitualmente utilice, estando lexitimado o comité para efectua-las reclamacións oportunas entre a empresa e, se é o caso, a autoridade laboral competente.

4. Sobre sancións impostas por faltas moi graves e, en especial, en supostos de despedimento.

5. No referente ás estatísticas sobre o índice de absentismo e as súas causas, os accidentes de traballo e as enfermidades profesionais e as súas consecuencias, os índices de sinistrabilidade, o movemento de ingresos, cesamentos e ascensos.

B) Exercer un labor de vixilancia sobre as seguintes materias:

a) Cumprimento das normas vixentes en materia laboral e de Seguridade Social, así como o respecto ós pactos, condicións ou usos da empresa en vigor, formulando, se é o caso, as accións legais oportunas entre a empresa e os organismos ou tribunais competentes.

b) A calidade da docencia e da efectividade desta nos contratos de formación e capacitación da empresa.

c) As condicións de seguridade e hixiene no desenvolvemento do traballo da empresa.

C) Colaborar, como regulamentariamente se determine, na xestión de obras sociais establecidas pola empresa, en beneficio dos traballadores ou dos seus familiares.

D) Colaborar coa dirección da empresa para consegui-lo cumprimento de cantas medidas procuren o mantemento e o incremento da productividade da empresa.

E) Recoñéceselle ó comité de empresa capacidade procesual, como órgano colexiado, para exercer accións administrativas ou xudiciais en todo o relacionado co ámbito das súas competencias.

F) Os membros do comité de empresa, e este no seu conxunto, observarán o sixilo profesional en todo o referente ás letras a) e c) do punto A) deste artigo, aínda despois de deixaren de pertencer ó comité de empresa e, en especial, en todas aquelas materias sobre as que a dirección da empresa sinale expresamente o carácter reservado.

G) O comité velará non só porque nos procesos de selección de persoal se cumpra a normativa vixente ou pactada, senón tamén polos principios da non discriminación, igualdades de sexo e fomento dunha política racional de emprego.

Artigo 9º.-Garantías sindicais.

a) Ningún membro do comité de empresa ou delegado de persoal poderá ser despedido ou sancionado durante o exercicio das súas funcións nin dentro do ano seguinte ó seu exercicio ó seu cesamento, salvo que este se produza por revogación ou demisión, e sempre que o despedimento ou a sanción se basee na actuación do traballador no exercicio legal da súa representación. Se o despedimento ou calquera outra sanción por supostas faltas graves ou moi graves obedecesen a outras causas, deberase tramitar expediente contradictorio, no que será oído, á parte do interesado, o comité de empresa ou restantes delegados de persoal e delegados do sindicato a que pertenza, no suposto de estar recoñecido como tal na empresa.

Posuirán prioridade de permanencia na empresa ou centro de traballo, respecto dos demais traballadores, nos supostos de suspensión ou extinción por causas tecnolóxicas ou económicas.

b) Non poderán ser discriminados na súa promoción económica ou profesional por causa ou razón do desempeño da súa representación.

c) Poderán exerce-la liberdade de expresión no interior da empresa nas materias propias da súa representación, podendo publicar ou distribuír, sen perturba-lo normal desenvolvemento do proceso productivo, aquelas publicacións de interese laboral ou social, comunicándolle todo isto previamente á empresa e exercendo tales tarefas de acordo coa norma legal vixente para o efecto.

d) Dispoñerán dun crédito de horas mensuais retribuídas cada un dos membros do comité ou delegados de persoal en cada centro de traballo, para o exercicio das súas reunións de representación, de acordo coa seguinte escala:

Traballadores/horas.

Ata 100 traballadores: 15 horas.

De 101 a 250 traballadores: 20 horas.

De 251 a 500 traballadores: 30 horas.

De 501 a 750 traballadores: 35 horas.

De 750 traballadores en diante: 40 horas.

Non se computará dentro do máximo legal de horas o exceso que sobre este se produza con motivo da designación de delegados de persoal ou membros do comité de empresa como compoñentes de comisións negociadoras de convenios colectivos nos que sexan afectados e, polo que se refire á celebración de sesións oficiais, a través das cales transcorran tales negociacións, e cando a empresa en cuestión se vexa afectada polo ámbito de negociación referido.

e) Sen supera-lo máximo legal, poderán ser consumidas as horas retribuídas das que dispoñen os membros do comité de empresa ou delegados de persoal, co fin de preve-la asistencia destes a cursos de formación ou outras actividades.

f) O total de horas retribuídas dos membros do comité de empresa ás que se refire a letra d) poderase acumular para seren desfrutadas por un ou varios dos seus compoñentes sen supera-lo máximo total, sempre que medie acordo ó respecto do comité, debidamente comunicado á dirección da empresa con oito días de antelación ó mes de que se trate, e non supoña alteración grave do réxime laboral desta.

Artigo 10º.-Clasificación profesional.

O persoal a que se refire este convenio será clasificado nos grupos, subgrupos e categorías que figuran na táboa salarial anexa.

Tales categorías teñen carácter acumulativo e non implican a obriga de ter provistas todas elas se a necesidade e o volume do centro non o regulasen.

Cando o traballador de inferior categoría realice funcións de categoría superior ás que lle corresponden á súa categoría, por un período superior a seis meses durante un ano ou oito meses durante dous anos, pode reclamar ante a dirección da empresa a categoría profesional axeitada. Así mesmo, terá dereito á diferencia retributiva entre a categoría asignada e a función que efectivamente realice (Estatuto dos traballadores, artigo 23; Ordenanza laboral, artigo 30).

Artigo 11º.-Contrato de traballo.

O contrato de traballo efectuarase por escrito.

Deberán constar por escrito os contratos efectuados para a formación por tempo e para obra ou servicio determinado e os contratos a tempo parcial. De non se cumprir tal esixencia, consideraranse efectuados por tempo indefinido.

En todo caso, calquera das partes poderá esixir que o contrato se formalice por escrito, mesmo no transcurso da relación laboral.

Artigo 12º.-Período de proba.

Os ingresos que se acollan na empresa enténdense realizados a título de proba, a cal se rexerá pola seguinte escala:

Técnicos titulados: 6 meses.

Resto do persoal, agás non cualificados: 1 mes.

Persoal non cualificado: 14 días laborables.

Ó persoal que supere o período de proba seralle recoñecida como data de antigüidade a de ingreso na empresa. En todo caso, o persoal en período de proba terá dereito á retribución e demais beneficios correspondentes á súa categoría.

Durante o período de proba, ámbalas partes poderán rescindi-lo contrato sen previo aviso e sen que teña por isto dereito a reclamación ou indemnización ningunha.

Artigo 13º.-Ascensos.

Todo o persoal da empresa terá igualdade de condicións e dereito de preferencia a cubri-las vacantes existentes en calquera dos grupos profesionais destas.

Os ascensos efectuaranse coas condicións seguintes:

a) Titulación axeitada.

b) Coñecemento do posto de traballo.

c) Entrevista persoal.

d) Superar satisfactoriamente as probas que propoña a empresa, as cales se axeitarán ó posto de traballo que se vaia desempeñar.

Artigo 14º.-Licencias.

O traballador, logo de aviso previo e xustificación, poderase ausentar do traballo con dereito a remuneración polos motivos e tempos seguintes:

a) Quince días naturais por casamento.

b) Dous días por casamento de fillos.

c) Un día por casamento de irmáns ou cuñados.

d) Sete días en caso de falecemento do cónxuxe ou de fillos de calquera dos cónxuxes.

e) Seis días por parto da muller.

f) Seis días en caso de falecemento de pais de calquera dos cónxuxes.

g) Un día por casamento dos pais.

h) Dous días en caso de doenza grave ou intervención dos parentes a que se refiren os puntos anteriores, que se poderán ampliar ata sete días cando por tal motivo o traballador precise facer un desprazamento para o efecto.

i) Dous días por falecemento dos avós, netos, tíos, sobriños e curmáns que vivan no mesmo domicilio; senón, un día.

l) Un día, ampliable a dous, por traslado de domicilio.

m) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber de carácter público e persoal, inescusable.

n) Polo tempo indispensable, debidamente xustificado, para se someter a exames en centros de ensino.

ñ) Cinco días por falecemento de irmáns e cuñados.

Artigo 15º.-Vacacións.

Establécese un período de vacacións para todo o persoal das empresas afectadas por este convenio, que comprenderá 30 días naturais retribuídos conforme a media obtida polo traballador, por tódolos conceptos, en xornada normal, nos tres meses anteriores á data de iniciación destas.

Os departamentos de persoal dos diferentes centros estudiarán, sempre que as necesidades así o permitan, establece-lo período vacacional e de forma rotatoria entre os meses de maio a setembro, ambos incluídos.

En todo caso, e con independencia do punto anterior, as vacacións colleranse preferentemente no período de abril a outubro e en quendas rotatorias por servicios.

Artigo 16º.-Excedencias.

A excedencia será de dúas clases: voluntaria e especial.

A excedencia voluntaria é a que comprende por motivos particulares do traballador e a pedimento deste, sempre e cando leve traballando un mínimo dun ano na empresa.

A petición de excedencia será resolta pola empresa no prazo máximo dun mes, a partir da data da presentación da solicitude.

Este dereito só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador se transcorreron catro anos desde o final da anterior excedencia.

O tempo de duración da excedencia voluntaria non poderá ser inferior a un ano nin superior a cinco.

Solicitando o reingreso en tempo hábil polo traballador excedente, se non existisen prazas vacantes da súa categoría, pero si doutra inferior á que antes desempeñaba, poderá ocupar unha das ditas prazas, respectándose as condicións laborais compatibles coa nova categoría e persistindo no seu dereito a ocupa-la primeira vacante que se produza na categoría ordinaria.

Tódolos traballadores terán dereito a unha licencia non retribuída non inferior a un mes e non superior a tres con dereito a reserva do posto de traballo, podendo pospoñerse o seu desfrute por necesidades de servicio.

Este permiso queda condicionado á non coincidencia co período vacacional.

Tampouco non poderá ser utilizado para realiza-la súa actividade profesional noutros centros de traballo.

Artigo 17º.-Excedencia especial.

Producirase esta situación pola designación ou a elección para un cargo público ou de representación sindical no caso previsto no artigo 7º deste convenio, cando a súa execución sexa incompatible coa prestación de servicios na empresa.

O persoal que estea en situación de excedencia especial terá dereito á reserva do posto de traballo e ó cómputo, para efectos de antigüidade, de todo o tempo de duración desta, non percibindo durante tal período retribución ningunha.

Os excedentes especiais incorporaranse ós postos de traballo no prazo de 30 días naturais a partir do cesamento no cargo ou función.

Artigo 18º.-Salario base.

O soldo base é o que consta para cada categoría profesional na táboa salarial anexa a este convenio.

Artigo 19º.-Complemento persoal de antigüidade.

Todo o persoal afectado por este convenio percibirá, por este concepto, un cinco por cento do salario base por cada tres anos de servicios na empresa. A data inicial para o cómputo da antigüidade será a de ingreso na empresa.

O importe de cada trienio comezará a retribuírse desde o día 1 do mes seguinte ó seu vencemento.

En caso de que os traballadores con contrato en prácticas ou de formación continuasen ó servicio da empresa ó remataren aquelas, computaráselle-lo tempo traballado en virtude de tales contratos para efectos de antigüidade.

Artigo 20º.-Complemento de traballo nocturno.

Este complemento consistirá no 25 por cento do salario base. Considerarase traballo nocturno o comprendido entre as 22 horas e as 6 horas do día seguinte. Se o tempo traballado dentro do período nocturno fose inferior a catro horas, aboarase exclusivamente sobre as horas traballadas.

Artigo 21º.-Complemento de especialidade, toxicidade, perigosidade e penosidade.

En razón da maior toxicidade, perigosidade e penosidade, establécese un complemento retributivo para todo o persoal que desempeñe traballos nalgunha das seguintes seccións ou departamentos: quirófanos, radioelectroloxía, radioterapia, medicina nuclear, citostáticos, laboratorio de análises, unidade de coidados intensivos, hemodiálise, anatomía patolóxica.

A contía do complemento será do 15 por cento do salario base.

Para ter dereito á percepción deste complemento será preciso que a dedicación do productor ó posto de traballo teña carácter exclusivo ou preferente, e en forma habitual ou continuada. Considerarase como continuada a dedicación nas actividades penosas, tóxicas e perigosas dun horario superior á media xornada.

Cando o destino ó posto non teña carácter habitual e continuado, só percibirá o complemento en razón dos días en que se desempeñen labores no dito posto e calquera que sexa o número de horas de dedicación a este durante a xornada.

Este complemento percibirase única e exclusivamente mentres o productor desempeñe a praza ou posto cualificado, e non supoñerá a consolidación persoal do dereito cando o productor que o veña percibindo sexa destinado a posto de traballo ou cualificado como de especialidade.

As empresas comprométense a adoptar as medidas oportunas para reducir no posible a toxicidade, perigosidade e penosidade no desempeño da prestación polos traballadores.

Artigo 22º.-Gratificacións extraordinarias.

a) Unha paga extraordinaria polo 15 de xullo e outra de Nadal, sendo o importe de cada unha delas dunha mensualidade do salario base máis antigüidade, que se fará efectiva nos días hábiles inmediatamente anteriores a estas datas.

b) Unha gratificación anual en concepto de premio de vinculación ou permanencia por importe dunha mensualidade do salario base máis antigüidade, que se cobrará durante o mes de outubro. Para ter dereito á percepción deste premio de vinculación será preciso ter traballado un ano na empresa.

Artigo 23º.-Horas extraordinarias.

A iniciativa do traballo en horas extraordinarias correspóndelle á empresa e á libre aceptación do traballador.

Terán a consideración de horas extraordinarias as que se realicen sobre a xornada laboral ordinaria. Aboaranse cun incremento do 75 por cento sobre o salario que correspondese a cada hora ordinaria.

Ámbalas partes acordan a conveniencia de reduciren ó mínimo indispensable as horas extraordinarias, de acordo cos seguintes criterios:

a) Horas extraordinarias habituais: supresión.

b) Horas extraordinarias que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros e outros danos extraordinarios e urxentes, así como de risco de perda de materiais e materias primas: realización.

c) Horas extraordinarias necesarias por períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda e outras circunstancias de carácter estructural derivadas da actividade de que se trata: mantemento, sempre que non caiba a utilización das distintas modalidades da contratación temporal ou parcial establecidas pola lei.

Artigo 24º.-Xornadas de traballo.

A xornada de traballo para as empresas e traballadores afectados por este convenio será de 40 horas semanais, computándose o tempo de descanso (bocadillo) de 15 minutos como traballo efectivo.

Estrablecerase a xornada continuada durante os meses de xullo, agosto e setembro para tódolos traballadores afectados por este convenio, coa excepción de que os traballadores de consultas e daqueles servicios que, por unhas especiais características e co actual cadro de persoal, non permitisen aquela implantación, caso no que estes traballadores serán compensados cun día libre en cada un dos devanditos meses con independencia do legalmente establecido.

No caso de non existir acordo entre as partes, as súas discrepancias someteranse ó dictame da comisión paritaria.

Correspóndelle á empresa a fixación dos horarios de acordo coas necesidades do servicio.

Artigo 25º.-Seguridade e hixiene.

Naqueles postos de traballo con especial risco de enfermidade (contaxios, infeccións, etc.) farse revisión médica, polo menos, semestralmente. Ó resto do persoal faráselle a dita revisión, cando menos, unha vez ó ano. En caso de se efectua-la revisión fóra das horas de traballo, o tempo empregado non será retribuído.

O recoñecemento aludido levarao a cabo un facultativo elixido polo traballador entre os adscritos á empresa, co debido control por parte do comité de empresa.

O resultado das revisións médicas a que se refire este artigo farase constar nas oportunas fichas de cada traballador, debéndose remiti-lo correspondente informe ó comité de empresa, a pedimento do traballador interesado.

Artigo 26º.-Xubilación e premios de xubilación.

A xubilación será obrigatoria ós 65 anos sempre que o traballador reúna os requisitos para iso.

Concederáselles un premio ós traballadores que se xubilen antes dos 64 anos, de acordo coa seguinte táboa:

-Xubilación ós 60 anos cumpridos: 600.000 ptas.

-Xubilación ós 61 anos cumpridos: 500.000 ptas.

-Xubilación ós 62 anos cumpridos: 400.000 ptas.

-Xubilación ós 63 anos cumpridos: 300.000 ptas.

Artigo 27º.-Premios de xubilación.

Os traballadores que fagan os 64 anos de idade durante a vixencia deste convenio poderán optar pola modalidade especial de xubilación anticipada ós 64 anos prevista no Real decreto lei 14/1981, do 20 de agosto, comprometéndose as empresas a substituíren simultaneamente o xubilado por outro trabalador nos termos e condicións establecidas na dita norma legal.

Artigo 28º.-Persoal con capacidade diminuída.

Polo que atinxe ó persoal con capacidade física diminuída, non será este un motivo para que este persoal non poida optar a un posto de traballo axeitado ás funcións que poida desempeñar.

Artigo 29º.-Complemento de incapacidade laboral transitoria.

Nos supostos por baixa, por ILT (enfermidade común) profesional, maternidade e accidente, sexa ou non de traballo, as empresas aboarán un complemento do 25 por cento da base reguladora da prestación satisfeita pola Seguridade Social, durante todo o tempo en que teña dereito á dita prestación económica, incluídas pagas extraordinarias.

Artigo 30º.-Roupa de traballo e uniforme.

A empresa facilitaralle a todo o persoal o vestiario que este precise (zocos, batas, medias, buzos, etc.), que será renovable cando se precise, pero non poderá superar un ano. De igual xeito, o persoal que realice traballos especiais será dotado de pezas de roupa especiais: luvas, batas, etc.

Sen prexuízo da debida atención e coidado da roupa a que se refire este artigo por parte de cada traballador, o lavado e pranchado desta realizarase na empresa e por conta desta.

Artigo 31º.-Atencións sociais.

A comisión paritaria do convenio estudiará a posibilidade de integra-lo persoal do sector en calquera economato laboral dos existentes ou de nova creación, ou cooperativa de consumo ou institución similar tan axiña como sexa posible, así como das condicións da súa integración.

O anterior non afectará ós traballadores que estean integrados nalgún dos establecementos citados.

As empresas darán facilidades nas quendas a todos aqueles traballadores que estean a realizar estudios.

Recoméndaselles a tódalas empresas o estudio para establecer un seguro de responsabilidade civil para tódolos traballadores afectados por este convenio.

Artigo 32º.-Atrasos.

As empresas afectadas por este convenio dispoñerán de dous meses a partir da súa publicación no BOP para lles liquidar ós seus traballadores os atrasos que se producisen desde o 1 de xaneiro de 1994.

Artigo 33º.-Comisión paritaria.

Estará composta por tres representantes da parte social e outros tres da patronal, acompañados dos seus respectivos asesores, sendo as súas funcións:

a) Interpretación do convenio.

b) Arbitraxe dos problemas ou cuestións que lles sexan sometidos por ámbalas partes, de común acordo en asuntos derivados deste convenio.

A comisión paritaria xuntarase a pedimento de calquera das partes.

Artigo 34º.-Solución extraxudicial de conflictos laborais.

Ante a importancia que ten a resolución pacífica dos conflictos laborais a elaboración do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo (AGA), asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia e as centrais sindicais CIG, CC.OO. e UGT, as partes asinantes deste convenio durante a súa vixencia acordan someterse para calquera tipo de interpretación do mencionado convenio ás formulas articuladas no AGA.

Artigo 35º.-Seguro de responsabilidade civil.

As empresas contarán con seguro de responsabilidade civil.

Táboas salariais ano 1998

Categorías

Salario base

mensual

Salario

anual

Grupo A

Director médico154.5142.317.710
Director administrativo154.5142.317.710
Subdirector médico149.8362.247.540
Subdirector administrativo149.8362.247.540

Grupo B. Persoal sanitario

-Técnicos superiores
Médico xefe departamento147.4932.212.395
Médico xefe servicio140.4712.107.065
Médico xefe clínico135.7842.036.760
Médico adxunto131.1011.966.515
Farmacéuticos e odontólogos131.1011.966.515
Médico residente ou interino117.0571.755.855

-Titulados grao medio
Xefe de enfermería117.0571.755.855
Subxefe de enfermería111.7551.676.325
Supervisora de enfermería111.7551.676.325
ATS enfermeiras108.8681.633.020
Matronas108.8681.633.020
Fisioterapeutas108.8681.633.020
Terapeuta ocupacional108.8681.633.020
Técnico FP-2100.0891.501.335

-Non titulados
Mestre de logofonía111.5181.672.770
Mestre de xordos111.5181.672.770
Monitor de logofonía100.6711.510.065
Monitor de xordos100.6711.510.065
Monitor ocupacional100.6711.510.065
Monitor educación física100.6711.510.065
Auxiliar sanitario 91.3101.369.650
Auxiliar sanitario especialista 91.3101.369.650
Puericultores 91.3101.369.650
Auxiliar de clínica 91.3101.369.650
Coidador psiquiátrico 91.3101.369.650

Grupo C. Persoal técnico non sanitario

-Titulados superiores
Letrado ou asesor xurídico131.1011.966.515
Arquitecto131.1011.966.515
Enxeñeiro131.1011.966.515
Físico e químico131.1011.966.515
Economista131.1011.966.515

Categorías

Salario base

mensual

Salario

anual

-Titulados de grao medio
Titulado mercantil108.8671.633.005
Enxeñeiro técnico108.8671.633.005
Mestre nacional108.8671.633.005
Graduado social108.8671.633.005
Asistente social108.8671.633.005
Profesor de educación física108.8671.633.005

Grupo D. Persoal administrativo

Administrador149.8362.247.540
Xefe de sección147.4932.212.395
Xefe de negociado140.4752.107.125
Oficial administrativo100.6711.510.065
Auxiliar administrativo 88.9651.334.475

Grupo E. Persoal subalterno

Conserxe105.3561.580.340
Vixilante nocturno 91.3081.369.620
Ordenanza 88.9651.334.475
Porteiro 88.9651.334.475

Grupo F. Persoal de servicios xerais

Xefe de cociña105.3611.580.415
Encargado, xefe de almacén 95.9251.438.875
Cociñeiro/a, cortadores 91.3081.369.620
Telefonista máis de 50 teléfonos 91.3081.369.620
Telefonista menos de 50 teléfonos 88.9651.334.475
Pranchadoras 90.1361.352.040
Costureiras 88.9651.334.475
Axudante cociña, camareiro/a 88.9651.334.475
Pinche cociña 82.0061.230.090
Fregador, lavandeiras, limpadoras 82.0061.230.090

-Persoal de oficios varios
Xefe de taller105.3611.580.415
Electricista 94.8191.422.285
Calefactor 94.8191.422.285
Fontaneiro 94.8191.422.285
Conductor de primeira 94.8191.422.285
Maquinista de lavadoiro 94.8191.422.285
Albanel 94.8191.422.285
Pintor 94.8191.422.285
Carpinteiro 94.8191.422.285
Conductor de segunda 84.7611.271.415
Xardineiro 84.7611.271.415
Perruqueiro 84.7611.271.415
Axudante destes oficios 84.7611.271.415
Peón 80.7691.211.535