Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 21 de xaneiro de 1999 Páx. 757

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 15 de decembro de 1998, da Dirección Xeral de Industria, pola que se lle autoriza a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa Donuts Galicia, S.A., no concello de Santiago de Compostela. (Expediente 97/696).

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Donuts Galicia, S.A., con enderezo para efectos de notificacións no Polígono do Tambre, Vía

Isaac Peral, 2-3, 15890 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes antecedentes de feito:

Primeiro.-Con data do 17 de decembro de 1997, a planta de coxeración de enerxía eléctrica prevista pola empresa Donuts Galicia, S.A. foi incluída no réxime especial creado polo R.D. 2366/1994, do 9 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, dictada en desenvolvemento da Lei 82/1980, do 30 de decembro, sobre conservación de enerxía.

Segundo.-As características básicas da planta de coxeración prevista serán as seguintes:

-Dous motores de 745 kW, alimentados por gas natural.

-Dous alternadores síncronos trifásicos de 1.225 kVA.

-Un centro de transformación de 1.600 kVA e relación de transformación 380/20.000 V.

-Instalacións de aproveitamento de calor, interconexión coa liña eléctrica da compañía distribuidora e instalacións complementarias de baixa tensión, protección eléctrica, mando, sinalización e medida.

Terceiro.-De conformidade co establecido no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación ó presente expediente en virtude do establecido na disposición transitoria primeira da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña dictou Resolución do 2 de decembro de 1997 pola que se someteu a información pública a autorización administrativa da instalación de referencia, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 23-2-1998 e no BOP da Coruña do 13-2-1998, sen que se presentase no período legalmente establecido para iso ningunha alegación.

Cuarto.-O proxecto está informado favorablemente pola Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña e cumpre coas esixencias regulamentarias fixadas no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, e coas demais que lle son de aplicación.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación

co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e o Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro.

Segundo.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

-Autoriza-la instalación dunha planta de coxeración á empresa Donuts Galicia, S.A., que se situará nas súas instalacións do termo municipal de Santiago de Compostela, na provincia da Coruña.

Calquera modificación das instalacións autorizadas requirirá unha nova solicitude de autorización administrativa, de acordo co indicado no artigo 17.4º do Real decreto 1775/1967, do 22 de xullo, que fixa o réxime de instalación, ampliación e traslado das industrias en xeral.

O promotor presentará perante a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, no prazo dun ano contado a partir da data de publicación no Diario Oficial de Galicia da presente resolución, o proxecto de execución da planta de coxeración autorizada, o cal conterá os datos e condicións técnicas para a realización das instalacións de conexión da central á rede, que serán facilitados pola empresa que distribúa a enerxía eléctrica na zona, así como o punto de interconexión.

Como requisito necesario para aplicación á citada instalación do réxime especial, o promotor deberá inscribir esta no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xullo de 1995 (Diario Oficial de Galicia do 14-7-1995), para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no artigo 11 do R.D. 2366/1994, presentando a documentación que figure nas instruccións que dicte esta dirección xeral en desenvolvemtno da dita orde.

Así mesmo, a instalación interconectarase co sistema centralizado que para o réxime especial estableza, se é o caso, a Dirección Xeral de Industria.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso ordinario perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día da súa publicación.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 1998.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria