Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 21 de xaneiro de 1999 Páx. 712

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 14 de xaneiro de 1999 pola que se declara de interese galego a Fundación Castro-Rial e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, sección da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Con data do 17 de decembro de 1998 publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 10 de decembro de 1998 pola que se clasifica como mixta a Fundación Castro-Rial adscribíndoa á Consellería da Presidencia e Administración Pública, que terá que exercer plenamente o protectorado sobre ela.

A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Corcubión, o día 6 de outubro de 1998, ante a notaria María Isabel Fitera García, co número oitocentos dez do seu protocolo, por Marcelo Castro-Rial Canosa, Manuel Vázquez Formoso, María del Carmen Furelos Gaiteiro, Isidro Caamaño Trillo, Marcelo Castro-Rial Schuler e Enrique José Castro-Rial Schuler, que interveñen todos no seu propio nome, facéndoo ademais Marcelo Castro-Rial Canosa en nome e representación de Perfecto Castro-Rial Schuler.

Esta fundación, ó abeiro do establecido no artigo 6 dos seus estatutos ten por obxecto e finalidade, entre outros, a docencia en niveis infantil, primaria, secundaria, así como formación profesional e tecnolóxica.

Por todo iso, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido nos artigos 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o réxime de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Declarar de interese galego a Fundación Castro-Rial ó cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

2. Ordena-la inscrición da Fundación Castro-Rial no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería da Presidencia e Administración Pública, para os efectos constitutivos que sinala a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 1999.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública