Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 18 de xaneiro de 1999 Páx. 599

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE NOIA

ANUNCIO.

Convócase a provisión interina, mediante concurso de méritos, da praza de secretaría do Concello de Noia, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Obxecto e procedemento de selección.

A finalidade desta convocatoria de proceso selectivo é a cobertura por concurso dun posto de secretaría reservado a funcionarios con habilitación de carácter nacional, vacante no Concello de Noia, mediante o nomeamento de funcionario/a interino/a.

Segunda.-Requisitos.

Para seren admitidos á realización do proceso selectivo, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser español/a.

b) Ter cumpridos os dezaoito anos de idade.

c) Non estar separado/a mediante expediente disciplinario do servicio de calquera Administración pública nin estar inhabilitado/a para o exercicio de funcións públicas.

d) Estar en posesión do título de licenciado en dereito ou en ciencias políticas e socioloxía, ou en condicións de obtelo na data na que remate o prazo de presentación de solicitudes.

e) Non padecer enfermidade ou eiva física ou psíquica que impida o desenvolvemento das correspondentes funcións.

Os requisitos sinalados deberán posuírse na data en que remata o prazo de presentación de solicitudes.

Terceira.-Baremo.

Os criterios que se terán en conta para a selección serán:

1. Ter superado algún/s exercicio/s do proceso selectivo para o acceso á escala de funcionarios con habilitación de carácter nacional, subescalas de secretaría categoría de entrada e de secretaría-intervención; puntuarán segundo a avaliación obtida nos devanditos exercicios.

2. Ter superado algún/s exercicio/s en procesos selectivos para o acceso a postos de funcionarios de corporacións locais (técnicos de Administración xeral ou especial reservados a licenciados en dereito, administrativos de Administración xeral, etc.). Os exercicios superados en probas de acceso para o grupo A puntuarán segundo a avaliación obtida nos devanditos exercicios, e os exercicios superados en probas de acceso para grupos inferiores puntuarán na metade da avaliación obtida.

3. O expediente académico dos solicitantes poderán ser puntuado polo tribunal segundo o seu criterio, ata un máximo de 0,75 puntos.

4. O desempeño de profesión xurídica será valorado con 0,1 puntos por mes de traballo, ata un máximo de 3 puntos.

5. O desempeño de funcións relacionadas co posto que se vai cubrir en corporacións locais será valorado con 0,1 puntos por mes, ata un máximo de 2 puntos.

6. Os diplomas ou certificados obtidos en cursos organizados ou homologados polo MAP, Xunta de Galicia, universidades españolas, institucións públicas ou privadas en materias relacionadas cos diferentes aspectos referentes ó funcionamento dos concellos, 0,05 puntos por cada un, ata un máximo de 1 punto.

7. Os coñecementos acreditados de calquera outro xeito, ou ben outros méritos que acredite por coñecemento de dereito administrativo, especialmente no referente ás corporacións locais, poderán ser avaliados polo tribunal ata un máximo de 2 puntos.

8. O coñecemento da lingua galega poderá ser avaliado polo tribunal segundo o grao acreditado polo aspirante, ata un máximo de 0,5 puntos.

9. A situación de demandante de emprego será valorada con 0,01 puntos por cada mes acreditado, ata un máximo de 0,25 puntos.

10. O tribunal poderá acorda-la realización de entrevistas curriculares co fin de valora-la capacidade de expresión dos aspirantes, afán de traballo e outras cuestións de interese para o desempeño do posto.

Así mesmo, o tribunal encargado da valoración dos méritos alegados terá facultade para resolver cantas dúbidas xurdan da súa aplicación e poderá toma-los acordos que correspondan para aqueles supostos non previstos nas presentes bases.

Cuarta.-Tribunal.

O tribunal encargado da valoración dos méritos alegados será designado pola alcaldesa-presidenta e estará integrado polos seguintes membros:

Presidente: a alcaldesa ou membro da corporación en quen delegue.

Secretario: o da corporación ou funcionario en quen delegue.

Vocais: un representante da Xunta de Galicia. Un membro da corporación. Un funcionario da corpo

ración. Outro (membro da corporación, funcionario desta, habilitado nacional da corporación ou doutras, etc.).

A designación dos membros do tribunal incluirá a dos respectivos suplentes, que deberán posuí-lo nivel de titulación igual ou superior ó esixido para o desempeño do posto de traballo de que se trata.

Quinta.-Solicitudes.

As instancias nas que se solicite tomar parte na convocatoria, ás que se xuntará a fotocopia do DNI e os documentos acreditativos dos méritos alegados polo candidato, dirixiranse á alcaldesa da corporación e presentaranse no rexistro xeral do concello, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRXPAC), no prazo de dez días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación no DOG.

Sexta.-Admisión de solicitudes.

Rematado o prazo de presentación de instancias, a alcaldesa-presidenta dictará resolución no prazo máximo de 5 días, declarando aprobada a lista de admitidos e excluídos, que será publicada no Diario Oficial de Galicia e exposta no taboleiro de anuncios do concello. Na dita resolución indicarase a causa de exclusión, e contra ela poderase formular reclamación no prazo de 5 días naturais contados desde o seguinte ó da súa publicación no DOG.

Nesta mesma resolución indicarase a composición nominal dos tribunais e o día en que deberá reunirse para valorar e puntua-los méritos alegados.

Sétima.-Resolución.

Rematada a valoración de méritos, o tribunal dirixirá informe-proposta ó presidente da corporación, para o obxecto de que este formule á Consellería da Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia proposta de nomeamento daquel aspirante que resulte seleccionado. Esta proposta farase pública no taboleiro de anuncios do concello e no DOG, dela darase conta ó Pleno da Corporación na primeira sesión que este realice e notificaráselles ós interesados. En ningún caso se poderá declarar superado no proceso selectivo un número de aspirantes superior ó de prazas convocadas.

Oitava.-Toma de posesión.

O aspirante seleccionado presentará, no prazo máximo de cinco días naturais contados desde a data de notificación da proposta de nomeamento, os seguintes documentos acreditativos das condicións para tomar parte no proceso selectivo que se esixen na base segunda:

a) Declaración xurada ou promesa de que non foi separado por medio de expediente disciplinario do servicio de calquera Administración pública e de que non foi inhabilitado para o exercicio de funcións públicas.

b) Fotocopia cotexada do título requirido na convocatoria.

c) Certificado médico oficial acreditativo de que non padece enfermidade e, no caso de estar afectado por algunha limitación física ou psíquica, certificado expedido polo órgano competente acreditativo de que tal limitación é compatible co desempeño das correspondentes funcións.

Se no citado prazo non presenta a documentación ou o fai de xeito incompleto, perderá tódolos seus dereitos, agás en casos de forza maior.

A toma de posesión realizarase no prazo de cinco días contados a partir do seguinte ó que lle sexa notificado o nomeamento, debendo, en tal acto, prestar xuramento ou promesa conforme á normativa vixente.

A aprobación das bases da convocatoria e os actos administrativos que as sigan, poderán ser recorridos polos interesados nos casos e na forma previstas na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Noia, 30 de novembro de 1998.

M. Carmen Abeijón García

Alcaldesa-presidenta