Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 18 de xaneiro de 1999 Páx. 543

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 11 de xaneiro de 1999 pola que se regulan as comprobacións técnicas de equipos das emisoras de FM adxudicadas no concurso regulado polo Decreto 281/1997, do 9 de outubro.

Adoptado o acordo do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 5 de marzo de 1998 (Resolución do 5) relativo á adxudicación provisional de corenta e unha emisoras, de carácter comercial, en ondas métricas con modulación de frecuencia, resulta necesario, por parte das sociedades adxudicatarias do concurso regulado polo Decreto 281/1997, do 9 de outubro, face-las comprobacións técnicas oportunas que permitan o correcto funcionamento dos equipos de radiodifusión co fin de lles dar cumprimento ás esixencias e obrigas das concesións en canto a calidade e cobertura do servicio.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire a disposición derradeira primeira do citado Decreto 281/1997, do 9 de outubro, esta consellería

ACORDA:

Artigo único.

1. Autorízanse as sociedades adxudicatarias do concurso regulado polo Decreto 281/1997, do 9 de outubro, a face-las comprobacións técnicas oportunas dos equipos de radiodifusión, consistentes na posta en marcha e funcionamento deles, sempre e cando as conexións que se realicen para esta finalidade, se fagan con carácter descontinuo e, en ningún caso, se realice unha xestión comercial das emisoras adxudicadas.

2. As ditas comprobacións técnicas deberán cesar, no suposto de producir interferencias radioeléctricas, debéndose proceder de inmediato, neste caso, á desconexión dos equipos empregados.

3. A autorización para as citadas comprobacións técnicas, entenderase, en todo caso, sen prexuízo das probas de emisión públicas que soamente poderán efectuarse despois de estaren inspeccionadas e aprobadas as instalacións polos servicios técnicos da Dirección Xeral de Telecomunicacións do Ministerio de Fomento.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 1999.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo