Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 15 de xaneiro de 1999 Páx. 506

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DAS ARTES ESCÉNICAS E MUSICAIS

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 1998 pola que se fai público o acordo do Consello Rector que aproba as bases que rexerán na convocatoria do Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais inéditos.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, a través do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, entendeu conveniente recupera-la convocatoria do premio para textos teatrais Alvaro Cunqueiro co obxectivo de seguir promocionando o ámbito da literatura dramática galega contemporánea e incentivando a creatividade da nosa escrita escénica na perspectiva de dota-lo noso tempo e a nosa comunidade autónoma dunha producción teatral de calidade que nos permita fortalece-lo territorio da literatura galega no seu conxunto e coa vontade de equilibrar tódolos xéneros que conforman o dominio da creación literaria en Galicia.

O IGAEM, retomando esta necesidade como propia, e en consonancia cos obxectivos enumerados no artigo 9 da Lei 4/1989, do 21 de abril, pola que se crea o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, modificada pola Lei 2/1991, do 14 de xaneiro, asume a necesidade de potenciar unha das áreas creativas das artes escénicas menos atendidas como é a dos textos teatrais, unha vez que vén atendendo periodicamente outros aspectos das artes teatrais, fundamentalmente a producción e distribución de espectáculos teatrais, consolidación de salas alternativas, formación e difusión en xeral da actividade escénica.

Por todo isto, esta xerencia resolve a convocatoria do dito premio de textos teatrais baixo a denominación premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais, conforme as bases seguintes:

Artigo 1º.-Anúnciase o premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais escritos en galego conforme a lexislación vixente, cunha dotación de 1.000.000 de ptas. (un millón de pesetas) co tratamento fiscal correspondente en vigor no tempo da concesión do premio.

1.1.-O IGAEM poderá levar a cabo a representación da obra premiada dentro dos seus obxectivos de difusión e promoción do teatro ós que fai referencia o artigo 9 da súa Lei de creación e, polo tanto, sen pretende-la a explotación económica da obra premiada en referencia a obter beneficio comercial coa súa explotación. Sen prexuízo do indicado, poderá cobrarse entrada por despacho de billetes nas representacións realizadas en virtude do presente premio, sen que polo propio obxecto dos fins do IGAEM isto supoña explotación comercial da obra.

1.2.-A concesión do premio comprende a dotación económica de 1.000.000 de ptas. así como a posibilidade da súa representación da mesma nos termos

indicados na presente convocatoria. O presente premio non esixe a cesión dos dereitos económicos derivados da propiedade intelectual da obra, que serán executados, en todo caso, polo seu autor, conforme o seu dereito, e no que respecta ás representacións derivadas do presente premio, en todo caso, coa porcentaxe correspondente dos despacho de billetes que poideran derivarse das representacións que fosen efectuadas.

1.3.-O premio poderá ser declarado deserto se así o considerase conveniente o xurado.

Artigo 2º.-Poderán optar ó premio tódolos escritores que presenten un texto teatral inédito, non representado e non premiado noutros concursos, e escrito en galego normativizado.

2.1.-O xurado, complementariamente ás calidades literarias e ós contidos dramáticos que posúa o texto, estudiará con criterio positivo a viabilidade da representación escénica da obra no tocante ós aspectos que afectan o número de personaxes, espacio escénico, condicións técnicas, etc.

Artigo 3º.-As obras serán de temática libre e sen limitación na súa extensión, se ben se considera o principio de duración normal dun espectáculo dramático completo, entendido nun sentido amplo, quedando excluídas, xa que logo, as obras de teatro breve. Os textos deberán de ser presentados por quintuplicado, en exemplares separados, mecanografados, a dobre espacio, en tamaño DIN A 4, por unha soa cara, numerados, grampados ou encadernados e en perfectas condicións de lexibilidade.

3.1.-Os orixinais presentaranse baixo un título e un lema que inscribirán na súa portada. Xunto coas obras presentarán un sobre pechado no exterior do cal figurará o mesmo lema da súa obra e no interior xuntaranse os datos persoais: nome e apelidos do autor, nacionalidade, NIF ou NIE ou nº pasaporte se é o caso, enderezo e número de teléfono.

3.2.-Poderase igualmente, en substitución dos datos anteriores, presentarse baixo un seudónimo. Neste caso os datos que hai que incluír no sobre correspondente serán como mínimo: seudónimo e NIF, NIE ou nº pasaporte. Neste caso o anuncio público do texto premiado servirá de notificación ó seu autor. En caso de non presentarse o autor á recepción do premio, o IGAEM poderá igualmente facer uso da obra premiada nos termos das presentes bases sen prexuízo do dereito do cobramento do premio sempre que o seu autor se identifique e se presente para o seu cobramento nun prazo de tres meses desde a notificación pública. Transcorrido éste, perderá o dereito á súa percepción económica.

3.3.-Igualmente, por petición do autor poderá obviarse a autoría do texto teatral na publicidade da concesión do premio, así como na propia posta en escena da obra premiada.

3.4.-O período de admisión dos orixinais remata no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e deberán enviarse ó Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais. Pavillón de Galicia. San Lázaro, s/n. 15703. Santiago de Compostela. A Coruña, indicando no sobre para a convocatoria ó premio de textos teatrais Álvaro Cunqueiro.

3.5.-A decisión do xurado terá lugar dentro dos dous meses seguintes ó remate do prazo de admisión dos orixinais e será dada a coñecer a través dos medios de comunicación.

Artigo 4º.-O xurado estará formado por un presidente e catro persoas de recoñecida capacidade e prestixio no mundo teatral. O conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo nomeará o presidente e dous dos catro vocais, sendo os outros dous vocais propostos polo Consello Rector do IGAEM. Actuará como secretario, con voz e sen voto, un traballador do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais proposto polo xerente. A composición do xurado farase pública no momento de producirse o seu dictame.

4.1.-Os membros do xurado non poderán presentar textos teatrais á presente convocatoria.

4.2.-O xurado actuará en pleno, en sesión, de ser posible única, sendo necesaria, como mínimo, a asistencia de dous tercios dos seus membros. As súas deliberacións serán secretas e delas será redactada a acta correspondente que será asinada pola totalidade dos membros do xurado e polo secretario.

4.3.-Os orixinais non premiados poderán ser retirados nun prazo de 30 días naturais contados a partir do seguinte ó da decisión do xurado, nas oficinas do IGAEM. Por petición do solicitante abrirase o sobre da identificación do autor para comproba-la identidade do peticionario coa autoría da obra, mediante a coincidencia do documento de identidade presentado co documento de identidade incluído no sobre. Unha vez realizado este trámite seralle entregado o texto teatral ó seu autor, asinando éste o recibín do del. Transcorrido este prazo destruiranse os sobres nos que figuran os datos dos seus autores sen abrilos e o resto da documentación arquivarase sen máis trámite.

Artigo 5º.-A obra galardoada co premio Álvaro Cunqueiro será publicada polo IGAEM na súa colección de textos dramáticos os libros do Centro Dramático Galego, coa finalidade da difusión cultural competencia deste organismo.

5.1.-O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais conservará durante dous anos, contados a partir da concesión do premio, os dereitos para representa-la obra premiada.

5.2.-O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais sacará a concurso público, dentro da convocatoria anual de convenios de producción e distribución para compañías de teatro profesional, a obra galardoada co obxectivo de que as compañías teatrais galegas que o desexen poidan optar ó dito concurso. A comisión encargada da valoración dos proxectos determinará, en función das garantías que se establezan, cál será a compañía que poña en escena a obra gañadora.

Artigo 6º.-O importe da dotación do premio será imputada nos orzamentos de gastos que sexan aprobados para o exercicio de 1999 con cargo á aplicación orzamentaria 10.50.354A.640.1 Investimento de carácter inmaterial. IGAEM.

Disposiciones derradeiras

Primeira.-A propia xerencia do IGAEM poderá dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta convocatoria.

Segunda.-A presente convocatoria entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 1998.

Aníbal Otero Fernández

Xerente do Institito Galego de Artes Escénicas e Musicais

11925