Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 15 de xaneiro de 1999 Páx. 507

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE ESTATÍSTICA

RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 1998 pola que se convocan dúas bolsas de formación na área da estatística pública, no Instituto Galego de Estatística.

A Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, regula os principios e as normas nas que se basea a actividade estatística da Comunidade Autónoma, encomendándolle ó Instituto Galego de Estatística (IGE) entre outras funcións, o impulso e fomento da investigación estatística que contribúa a mellora-lo coñecemento da realidade social e económica de Galicia, así como o perfeccionamento profesional do persoal estatístico da Comunidade Autónoma.

Coa finalidade de fomenta-la formación e investigación, o IGE considera necesario a convocatoria

de dúas bolsas dirixidas á formación de persoal cualificado na área da estatística pública.

Por todo isto, esta dirección resolve facer pública a presente convocatoria que se aterá ás seguintes,

Bases

Primeira.-Obxecto.

Convócanse dúas bolsas de formación para incentiva-la formación e preparación de persoal cualificado na área da estatística pública. As bolsas concederanse, unha, para a licenciatura de Matemáticas e outra, para a licenciatura de Económicas. Este suposto só se alterará de non existiren solicitudes dalgunha das dúas titulacións ou non acada-los aspirantes a puntuación mínima requirida na fase de avaliación do expediente, base cuarta da presente convocatoria.

Segunda.-Requisitos dos solicitantes.

Poderán solicitar estas bolsas aquelas persoas que reúnan os seguintes requisitos no momento de remata-lo prazo de presentación de solicitudes:

1. Posuí-la nacionalidade dun estado membro da Unión Europea e ser veciño ou estar domiciliado en calquera dos municipios da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Ter iniciado os estudios relativos á correspondente licenciatura durante o curso 1991/92 ou posteriores, e estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións:

-Licenciatura en ciencias Matemáticas, especialidade estatística e investigación operativa.

-Licenciatura en ciencias Económicas, con obriga de ter cursado, polo menos, dúas materias de contido estatístico no 2º ciclo.

3. Non ter sido separado do servicio de calquera das administracións públicas mediante expediente disiciplinario.

4. Non ter sido beneficiario doutra bolsa de formación e/ou investigación estatística convocada polo IGE.

Terceira.-Presentación, formalización e prazo das solicitudes.

As solicitudes formalizaranse no impreso que se achega como anexo a esta convocatoria, presentaranse no rexistro xeral deste organismo, sito na rúa Ramón Piñeiro, 27, 3º, 15702 Santiago de Compostela, ou nos rexistros dos demais órganos e oficinas ós que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación en orixinal ou fotocopia debidamente compulsada :

-Documento nacional de identidade e NIF. No suposto de ser nacional dun Estado membro da Unión

Europea deberase presenta-la documentación equivalente.

-Certificación do expediente académico do solicitante, coas cualificacións obtidas e verificación do depósito do título.

-Currículum vitae do solicitante, no que se sinalará a formación e a experiencia no campo da estatística. Non se valorarán aqueles méritos que non estean acreditados documentalmente.

-Declaración expresa responsable de non ter sido separado do servicio de calquera das administracións públicas mediante expediente disciplinario.

-Declaración expresa responsable de non ter sido beneficiario con anterioridade doutra bolsa de formación e/ou investigación estatística convocada polo IGE.

O prazo de presentación de solicitudes será de quince días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación, no Diario Oficial de Galicia, da presente convocatoria.

Cuarta.-Selección e avaliación das solicitudes.

A selección e avaliación das solicitudes serán levadas a cabo por unha comisión que estará integrada polos seguintes membros:

Presidenta: a secretaria técnica do IGE.

Vocais:

José Manuel Prada Sánchez, director do Departamento de Estatística e Investigación Operativa da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela.

José María Riobóo Almanzor, catedrático de Economía Aplicada (Estatística económica e empresarial) da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela.

Actuará como secretario un funcionario/a do IGE.

Rematado o prazo de presentación de solicitudes, a comisión de avaliación fará pública a lista provisional de admitidos e excluídos, dispoñendo os interesados de cinco días naturais para presenta-las alegacións oportunas. Unha vez resoltas, exporase a relación definitiva de aspirantes admitidos.

A avaliación dos méritos acreditados levarase a cabo conforme o seguinte baremo:

-O expediente académico, ata un máximo de 4 puntos, sendo necesario acadar un mínimo de 1,25 puntos para poder ser avaliados os restantes apartados. Se o solicitante está ademais en posesión do grao de licenciado engadiranse a aquel 0,5, 0,25 ou 0,1 puntos se a súa cualificación é sobresaliente, notable ou aprobado.

-Cursos, seminarios e outras actividades de formación directamente relacionadas coa estatística, ata un máximo de 0,5 puntos, contabilizándose 0,05 puntos por cada 20 horas recibidas.

-Cursos, seminarios ou otras actividades de formación directamente relacionadas con ferramentas informáticas de uso habitual no tratamento e análise de datos, ata un máximo de 0,25 puntos, contabilizándose 0,05 puntos por cada 20 horas recibidas.

-Participación en estudios, traballos ou proxectos directamente relacionados coa estatística, ata un máximo de 0,5 puntos.

-Outros méritos curriculares, ata un máximo de 0,1 puntos.

Os solicitantes seleccionados poderán ser convocados a unha entrevista persoal.

Rematada a fase de avaliación, a comisión elevará ó director do IGE, unha proposta de concesión para cada unha das titulacións.

Quinta.-Resolución e notificación.

Vista a proposta de concesión, a presente convocatoria resolverase por resolución do director do IGE e nela designará un titular e dous suplentes por cada titulación. Esta resolución exporase no taboleiro de anuncios do IGE, e notificaráselle ós beneficiarios, de acordo co previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Recibida a notificación e nos dez días seguintes, os beneficiarios deberán proceder a:

-Comunicar por escrito a aceptación da bolsa e de cantas obrigas se deriven do seu desfrute.

-Acreditar que están ó día das súas obrigas tributarias, coa Seguridade Social, e non ter pendente ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, mediante documento orixinal ou fotocopia debidamente compulsada.

O bolseiro que non se incorporase na data establecida polo IGE, ou que non presentase a documentación esixida, perderá os dereitos inherentes á bolsa. Neste suposto o director do IGE procederá á concesión da bolsa ó seleccionado que figuraba como suplente na resolución de concesión.

Da resolución cos adxudicatarios darase publicidade no DOG.

Sexta.-Contía e duración da bolsa.

O importe da bolsa será de cento trinta e cinco mil pesetas (135.000) brutas mensuais, que se farán efectivas, polo importe líquido, na conta bancaria que solicite o bolseiro.

O tempo de duración da bolsa será, como máximo, de once meses contados a partir da súa incorporación ó IGE, e rematará, en todo caso, o 31 de decembro de 1999; durante este período o bolseiro terá dereito a un seguro combinado de cobertura de asistencia cirúrxica e médica, en réxime de consultorio e domiciliario.

Sétima.-Obrigas dos bolseiros.

-Cumprir co réxime de formación e investigación establecido polo director do IGE, contando co asesoramento, orientación e dirección dos funcionarios que se designen para tales efectos.

-Presentar antes de remata-lo período de desfrute da bolsa unha memoria referida á actividade de formación e investigación desenvolvida.

-Permanecer no centro un tempo non inferior a trinta horas semanais.

Oitava.-Renuncia á bolsa.

A renuncia á bolsa por parte do beneficiario, unha vez iniciado o seu desfrute, deberá comunicarse cun mínimo de quince días naturais en escrito dirixido ó director do IGE, quen poderá, polo período que reste, concederlla ó seleccionado que figure como suplente na resolución de concesión.

Novena.-Dotación económica e aplicación orzamentaria.

A concesión das bolsas que se convocan na presente resolución queda condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente na aplicación 05.50.441A.480.00 dos orzamentos do IGE para o ano 1999.

Décima.-Cláusula xeral.

A participación na convocatoria supón a aceptación expresa das súas bases.

A concesión e posterior aceptación da bolsa non supón ningún tipo de vinculación laboral entre o bolseiro e o Instituto Galego de Estatística.

O director poderá revoga-lo desfrute da bolsa se o bolseiro non realiza ou incumpre as tarefas que se lle asignen, ou se aquelas non reúnen os requisitos de calidade esixibles; en tal suposto, así como no de renuncia da bolsa por parte do beneficiario, o director do IGE procederá na forma prevista na base quinta desta convocatoria.

Disposicion derradeira

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 1998.

J. Antonio Campo Andión

Director do Instituto Galego de Estatística

0128