Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 14 de xaneiro de 1999 Páx. 427

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 12 de novembro de 1998 polo que se acorda refundi-las normas de xestión académica da Universidade de Santiago de Compostela.

No punto quinto do acordo da Xunta de Goberno do 16 de xuño recóllese a autorización ó rectorado para refundi-los acordos sobre a xestión académica aprobados a partir do acordo do 3 de xuño de 1996, a renumeración dos seus epígrafes e a actualización das táboas de vixencia de acordos e resolucións.

Consonte a autorización outorgada renuméranse os epígrafes da norma 2.2. ó desaparece-lo antigo punto 2.2.2. polo acordo do 13 de xuño de 1997; substitúese a antiga identificación por letras ou símbolos dos epígrafes por números arábigos nas normas 2.3, 3.3, 7.1, 7.2, 8.3, 10, 15, 17.3, 30.1, 38, 41, 43.2, 60, 94, 96.2, 106; renuméranse as normas 5, 7.3, 18.1, 20, 42, 54, 85, 91, 103; a partir da antiga norma 107, e ata o último, tódolos epígrafes foron renumerados pola inclusión do novo título XI Plans de estudio. Por último, actualízase a norma derradeira primeira.

Polo exposto, este rectorado

RESOLVE:

Único.-Refúndense nun documento único como normas de xestión académica os acordos da xunta de goberno do 3 de xuño de 1996, modificado polo acordo do 13 de xuño de 1997, e as posteriores modificacións e engadidos dos acordos do 21 de novembro de 1997, do 18 de febreiro de 1998 e do 16 de xuño de 1998.

O texto refundido incorpórase como anexo á presente resolución.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 1998.

F. Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade de Santiago de Compostela

Norma preliminar

As normas de xestión académica aprobadas polo presente acordo son para aplicar ós plans de estudios conducentes a titulacións oficiais.

Este acordo será de aplicación subsidiaria a calquera outro procedemento de xestión académica, bolsas, e, en xeral, a todo procedemento no que o interesado teña a condición de alumno tanto de estudios conducentes a títulos oficiais como de estudios conducentes a títulos propios.

Título I

Matrícula

1. Matrícula na Universidade de Santiago de Compostela.

Tódolos alumnos que pretendan iniciar ou continuar estudios de primeiro, segundo, ou terceiro

ciclo na Universidade de Santiago de Compostela, unha vez admitidos, deberán formalizar matrícula de acordo coas normas que se fixan no presente acordo. Igualmente deberán formalizar matrícula os alumnos admitidos ou os que reúnan os requisitos para a realización de probas, prácticas, seminarios, actividades académicas e para a colación de graos.

2. Matrícula ordinaria.

2.1. Obxecto da matrícula ordinaria.

Deberán formalizar matrícula ordinaria tódolos alumnos que cursen estudios conducentes á obtención dun título universitario oficial con validez en todo o territorio nacional (doutor, licenciado, diplomado, arquitecto, arquitecto técnico, enxeñeiro e enxeñeiro técnico).

2.2. Limitacións para a formalización da matrícula.

Os alumnos poderán formalizar matrícula ordinaria no número de materias que desexen e consonte as limitacións que se establecen a seguir:

2.2.1. Matrícula no primeiro curso. Os alumnos que inicien estudios deberán formalizar obrigatoriamente matrícula como mínimo en sesenta créditos entre materias troncais, obrigatorias ou optativas, das adscritas ó primeiro curso se a titulación estructurase en cursos, ou no seu defecto, das adscritas ó primeiro ciclo.

No suposto de que non se ofrecesen máis de 60 créditos no primeiro curso, o alumno deberá formalizar matrícula na totalidade de créditos que compoñan o primeiro curso.

Esta limitación non é de aplicación para os seguintes alumnos:

-Alumnos que accedan ós segundos ciclos que non son continuación directa dun primeiro ciclo superado, ou por teren título que lles recoñeza o acceso.

-Alumnos ós que lles fose recoñecida adaptación ou validación.

2.2.2. Alumnos bolseiros. Os alumnos que desfruten ou vaian solicitar bolsa terán en conta o número de créditos ou materias esixidas pola convocatoria.

2.2.3. Impedimentos establecidos nos plans de estudio.

a) Prerrequisitos. Non se poderá formalizar matrícula nas materias que, consonte os plans de estudio, teñan establecidos materias prerrequisito, de non terse matriculado previa ou simultaneamente nesta última.

b) Acceso ós segundos ciclos. Non se poderá formalizar matrícula en ningunha materia do segundo ciclo de non reuni-los requisitos que establezan os plans de estudio para o acceso ó segundo ciclo.

2.3. Impedimentos de matrícula ordinaria.

2.3.1. Alumnos que non superaron ningunha materia na matrícula que formalizasen en primeiro por

primeira vez. Non se poderán matricular en ningún caso na mesma titulación aqueles alumnos que, na primeira matrícula que formalizaron, non aprobasen como mínimo unha materia, independentemente do número de créditos ou curso ó que estean vinculados, mais poden iniciar estudios por unha soa vez noutra titulación. De non superar unha materia nesta oportunidade, non poderá cursar estudios universitarios na Universidade de Santiago de Compostela.

Malia o disposto, se o alumno afectado polo impedimento que establece o parágrafo anterior, acredita ter superados noutra universidade polo menos sesenta créditos entre as materias troncais, obrigatorias ou optativas, ou as materias do primeiro curso dunha titulación, poderá solicita-la continuación de estudios nesta universidade. A súa petición resolverase consonte as regras establecidas para os traslados, e non se terá en conta o impedimento do parágrafo anterior.

A universidade establecerá na convocatoria de matrícula un prazo para que os alumnos que se vexan afectados polo impedimento de continuación de estudios ó non superar ningunha materia entre a convocatoria de xuño e setembro, poidan solicita-lo ingreso en titulacións con límite de prazas.

Para o ingreso na nova titulación, deberán acreditar unha cualificación igual ou superior á do último alumno admitido.

2.3.2. Materias con convocatorias esgotadas. Aqueles alumnos que esgoten as convocatorias legais en calquera materia non poderán formalizar matrícula nestas pero si naqueloutras nas que non esgotasen as convocatorias.

2.3.3. Simultaneidade de estudios. Non poderán formalizar matrícula nunha segunda titulación os alumnos que non cumpran os requisitos establecidos neste acordo para a simultaneidade de estudios.

2.3.4. Matrícula en titulacións en proceso de extinción. Non procederá a matrícula para alumnos de novo ingreso en titulacións que estivesen en proceso de extinción, agás que tralos procesos de validación ou adaptación, resulte que teñen superadas tódalas materias que estean extintas. Para continuación de estudios rexerá o disposto para a admisión de traslados.

Os alumnos adaptados a un novo plan de estudios non poderán, en ningún caso, formalizar matrícula en materias do plan de procedencia.

2.3.5. Libre configuración curricular. Os alumnos que se matriculen por primeira vez nunha titulación non poderán solicitar nin cursar materias, seminarios ou actividades académicas para seren imputadas como de libre configuración curricular.

Esta limitación non é de aplicación para os seguintes alumnos:

-Alumnos que formalicen matrícula no primeiro curso de titulacións de só segundo ciclo.

-Alumnos que accedan ós segundos ciclos que non son continuación directa dun primeiro ciclo superado, ou por teren título que lles recoñeza o acceso.

-Alumnos ós que lles fora recoñecida adaptación ou validación.

3. Matrículas suxeitas á preselección ou autorización previa.

3.1. Materias de libre elección.

Os alumnos que pretendan cursar materias para os efectos de libre configuración curricular someteranse ós procedementos de selección para optaren a aquelas materias que con este fin ofreza a universidade.

A presentación de solicitudes realizarase no mes de xuño e setembro, e a resolución do procedemento realizarase con anterioridade ó prazo de matrícula, de tal xeito que os alumnos poidan formalizar matrícula conxuntamente coas materias do propio plan de estudios, co que terán a mesma consideración ca estas para tódolos efectos.

Co obxecto de facilita-la libre elección, o rectorado poderá abrir outros prazos de solicitude de materias de libre elección, e consecuentemente novos prazos de matrícula, nos que a oferta de materias de libre elección poderá limitarse en atención ás prazas vacantes e ó período de impartición das materias.

As materias en que se formalice matrícula de libre elección estarán sometidas ó réxime de prelacións ou prerrequisitos que estableza o plan de estudios ó que pertenzan.

3.2. Créditos por equivalencia.

A formalización de matrícula en créditos por equivalencia realizarase trala acreditación ou autorización para a súa realización. A matrícula nestas materias realizarase conxuntamente coa do resto das materias, e no momento que sexa convocado para iso, ou no prazo de dez días desde a resolución que seleccione os alumnos se non coincidise co período de matrícula.

A matrícula en créditos por equivalencia reportará os prezos dos créditos que se vaian imputar.

a) Traballos academicamente dirixidos que figuran como materias: a formalización de matrícula non terá outros límites cós que se deriven do plan de estudios.

b) Traballos academicamente dirixidos por créditos por equivalencia.

1. No suposto de que o traballo se impute a unha materia, o alumno deberá formaliza-la matrícula na materia de que se trate.

2. No suposto de que se apliquen como de libre configuración, deberá formalizar matrícula en tantos créditos como sexa valorado o traballo.

Dos alumnos seleccionados para a realización de traballos academicamente dirixidos darase conta, mediante certificación do secretario do centro, á Unidade de Xestión Académica correspondente.

3.3. Estadías de farmacia (prácticas tuteladas).

3.3.1. Alumnos de plans non renovados: poderán solicitalas os licenciados e mais aqueles alumnos que se atopen matriculados da totalidade das materias que lles falten para remataren os estudios.

A matrícula formalizarase na semana seguinte á da data de publicación e remisión á Unidade de Xestión Académica da relación de persoas admitidas, pagando os prezos públicos que correspondan ó importe dunha materia cuadrimestral dun curso de menos de sete materias.

3.3.2. Alumnos de plans renovados: para poder matricularse nas estadías é necesario ter superados 300 créditos do total do plan de estudios, axustándose ó procedemento que estableza a comisión correspondente.

3.4. Rotatorio da licenciatura de medicina e cirurxía.

Poderanse matricular no prazo ordinario de matrícula os alumnos de sexto curso sen materias pendentes, con materias pendentes non homólogas, e aqueles alumnos que no momento da incorporación ó hospital teñan pendentes dúas materias como máximo homólogas ás do rotatorio.

Os alumnos que teñan máis de 2 materias homólogas ás do rotatorio pendentes e as superen na convocatoria extraordinaria, deberán solicita-la ampliación da súa matrícula nas materias do rotatorio antes do 15 de marzo.

A selección e a adxudicación de prazas nos hospitais realizaraa a Facultade de Medicina e consonte os criterios e prazos que estableza.

3.5. Prácticum.

A selección e adxudicación de destino dos alumnos que deban ou soliciten realiza-lo prácticum e que figuren nos plans de estudio, realizarase de acordo cos procedementos que fixen os centros.

4. Convenios internacionais.

4.1. Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela que pretendan cursar estudios nunha universidade estranxeira en virtude dun convenio internacional de cooperación.

Deberán formalizar matrícula ordinaria nesta universidade dentro dos prazos que se fixen con carácter xeral.

Os estudios realizados en virtude dos convenios serán obxecto de recoñecemento por parte dos centros onde se imparte a súa titulación nas materias superadas en que se matriculase na Universidade de Santiago de Compostela.

4.2. Alumnos de universidades estranxeiras que cursan estudios na Universidade de Santiago de Compostela en virtude de convenios internacionais de cooperación.

Para poder formalizar matrícula deberán presentar na Unidade de Xestión Académica a oportuna cre

dencial expedida pola Universidade de Santiago de Compostela, e non existe ningún tipo de limitación nin impedimento en canto ás materias das que pretenda matricularse. A matrícula non reportará importe ningún, agás os que se deriven do importe do seguro escolar, se o alumno estivese obrigado a el.

Rematado o curso expediráselle unha certificación académica na que se faga consta-la cualificación acadada nas materias cursadas, para o seu recoñecemento na universidade de orixe.

5. Efectos da formalización de matrícula ordinaria.

5.1. A matrícula ordinaria supón o deber e o dereito de asistir ás clases teóricas e prácticas. A obriga de asistencia ás clases teóricas poderá ser dispensada pola xunta do centro, a pedimento do alumno por causa documentalmente xustificada.

5.2. Dereito a ser cualificado en dúas convocatorias das que regulamentariamente se realicen no curso académico, agás que o alumno non tiver convocatorias suficientes.

6. Matrícula no terceiro ciclo.

A selección e matrícula dos alumnos de terceiro ciclo serán reguladas polo Regulamento do terceiro ciclo e pola convocatoria anual de matrícula.

7. Matrículas en actos académicos.

7.1. Proxectos fin de carreira.

7.1.1. Requisitos de matrícula. A matrícula no proxecto fin de carreira realizarase unha vez que o alumno superase as demais materias do plan de estudios que estea a cursar.

Se o alumno desexara presenta-lo proxecto fin de carreira na mesma convocatoria na que superara tódalas materias, e aínda non estiveran entregadas tódalas actas na Unidade de Xestión Académica correspondente, poderá admitirse a matrícula se o secretario do centro expide unha certificación que acredite que o alumno ten superadas as materias das que aínda non se entregasen as actas.

A eficacia da matrícula e a da cualificación do proxecto quedarán condicionadas a que das actas se deduza que o alumno ten superadas tódalas materias.

7.1.2. Prazos de matrícula. A matrícula do proxecto fin de carreira poderá realizarse en calquera momento do curso académico, e en todo caso nun prazo previo ós dez días anteriores á data que establezan os centros para a presentación do proxecto.

A matrícula dará dereito a presenta-lo proxecto unha soa vez.

7.1.3. Solicitude de concorrencia. Os alumnos que formalizaran matrícula deberán concreta-la data na que desexen presenta-lo proxecto, achegando unha solicitude na Unidade de Xestión Académica nun prazo previo ós dez días anteriores á data que teña establecida o centro para a presentación do proxecto.

7.1.4. Datas de presentación do proxecto. As datas de presentación dos proxectos de fin de carreira serán determinadas polos centros, que deberán realizar polo menos tres convocatorias anuais que terán que coincidir cos períodos inmediatamente posteriores ás convocatorias oficiais de exames.

7.2. Grao de licenciado.

7.2.1. Matrícula para a colación do grao.

-Modalidade de exame: os alumnos que desexen concorrer á colación do grao pola modalidade de exame, deberán formalizar matrícula entre o 1 e o 15 de outubro.

-Modalidade traballo de investigación: poderase realizar en calquera momento ó longo do curso; débese acreditar no momento de formaliza-la matrícula, mediante certificación expedida polo secretario do centro, que reúne os requisitos e que ten depositados os exemplares na secretaría do centro.

7.2.2. Realización dos exames e lectura do traballo de investigación.

-Realización dos exames para a colación do grao: os exames realizaranse nas datas que determinen os centros, entre o 25 de outubro e o 15 de novembro.

-Lectura do traballo de investigación: o traballo de investigación poderase presentar ó longo do curso e nos prazos que establezan os centros.

7.3. Premio extraordinario.

7.3.1. Os alumnos que acadaran a cualificación de sobresaliente no grao de licenciado, por calquera modalidade, poderán optar ó premio extraordinario correspondente ó curso no que concorreron á colación do grao.

Para efectos de colación do grao entenderase que poden concorre-los alumnos que presentaran o traballo de investigación ou realizaran o exame antes do 15 de novembro de cada ano.

7.3.2. Os alumnos que estean en condicións de presentarse ó premio extraordinario, deberán solicitalo entre o 15 e o 30 de novembro.

7.3.3. Os centros establecerán entre o 1 e o 15 de decembro as datas concretas para xulga-los concorrentes ó premio extraordinario.

7.4. Probas de conxunto.

Aqueles titulados por universidades estranxeiras ós que se lles esixa a superación dunha proba de conxunto para a homologación do seu título, e optasen por facelo na Universidade de Santiago de Compostela, disporán de polo menos dúas convocatorias por curso que poderán coincidir coas convocatorias oficiais de exames. As datas concretas da realización dos exercicios fixaranas os centros.

8. Matrícula extraordinaria.

8.1. Obxecto da matrícula extraordinaria.

É matrícula extraordinaria a de quen, con independencia da titulación que posúa, se inscriba en

cursos diversos dos que ofrece a universidade regularmente, sen aspirar á obtención dun título.

8.2. Admisión.

A admisión para formalizar matrícula en réxime de matrícula extraordinaria realizaraa o rector á vista das prazas dispoñibles e soamente para materias nas que se imparta docencia, unha vez computadas as matrículas ordinarias.

De ser admitido formalizará matrícula na Unidade de Xestión Académica correspondente.

8.3. Efectos.

8.3.1. Cualificación. Os alumnos en réxime de matrícula extraordinaria serán cualificados coas mesmas cualificacións que os alumnos de matrícula ordinaria.

8.3.2. Adaptacións e validacións. As materias cursadas en réxime de matrícula extraordinaria non serán susceptibles de seren validadas ou adaptadas para a obtención de títulos universitarios oficiais ou propios da Universidade de Santiago de Compostela.

8.4. Certificacións.

As materias cursadas en réxime de matrícula extraordinaria figurarán nos certificados académicos, se ben dun xeito separado e coa advertencia de estaren cursadas en réxime de matrícula extraordinaria, non conducir á obtención de ningún título oficial e non ser susceptibles de validación ou adaptación de ningún título oficial.

9. Matrícula dos títulos propios.

Os alumnos que cursen estudios conducentes á obtención de títulos propios establecidos pola universidade en virtude da súa autonomía e regulados no Art. 119 dos estatutos, formalizarán matrícula na Unidade de Xestión Académica correspondente unha vez seleccionados, de acordo co establecido no Regulamento do procedemento para a expedición de títulos propios publicado por Resolución do 24-3-1994 (DOG do 2 de maio).

Malia o disposto, a realización desta matrícula nas Unidades de Xestión quedará en suspenso ata que non se regule con carácter xeral o réxime académico dos alumnos que cursen estes estudios.

10. Prezos públicos.

Tódalas matrículas implicarán prezos públicos de acordo co que estableza anualmente o correspondente decreto de prezos públicos aprobado pola Xunta.

O pagamento da matrícula poderá ser fraccionado se así o establece o decreto de prezos públicos.

As exencións poden ser:

a) Totais: (abranguen exclusivamente o concepto de matrícula).

-Familia numerosa de segunda categoría.

-Matrícula de honra en COU. Este beneficio será de aplicación unha soa vez; esgótase coa matrícula para o inicio de estudios, xa sexa exercido ou non, polo que non é de aplicación se o alumno inicia con posterioridade outros estudios universitarios.

-Bolseiros. Se a convocatoria de bolsas establece a compensación do importe da matrícula na universidade.

b) Parciais:

-Familia numerosa de primeira categoría (deducción do 50%).

-Matrícula de honra: en función do número de créditos ou materias nas que obtivese esta cualificación.

c) Subvencións: poderán solicitala os funcionarios e persoal laboral de acordo coas normas que dicte a Universidade de Santiago de Compostela.

11. Prazos de matrícula.

11.1. Matrícula en primeiro ou segundo ciclo.

A matrícula dos alumnos realizarase nos prazos que anualmente se establezan, que poderán ser previos ou coincidentes co inicio do curso académico. Para os efectos de organización da matrícula estableceranse dúas convocatorias e procedementos diferenciados: unha para os alumnos que acceden a titulacións con límite de prazas (1º e 2º ciclo), e outro para alumnos que acceden a centros con límite e para aqueloutros que continúan estudios; debe formalizar matrícula, nun único chamamento, da totalidade das materias tanto anuais coma cuadrimestrais que vaian cursar nese ano académico.

Para os alumnos que rematen o curso de adaptación na convocatoria extraordinaria de exames, realizarase unha convocatoria para a formalización de matrícula nos estudios ós que os cursos de adaptación recoñezan dereito, teñan ou non docencia.

Os alumnos que trala realización dos exames do primeiro cuadrimestre, convocatoria extraordinaria ou fin de carreira, superen unha titulación ou primeiro ciclo que lles dea acceso a unha titulación de só segundo ciclo ou a outros segundos ciclos diferentes, poderán formalizar matrícula en materias anuais ou do segundo cuadrimestre nos prazos que estime o rectorado de acordo co seguinte:

a) Se o segundo ciclo estivera sometido a límite de prazas e estas foran todas cubertas nos prazos ordinarios non poderán formalizar matrícula.

b) Se o segundo ciclo tivera límite de prazas e quedaran vacantes tralo procedemento ordinario, previamente á matrícula deberá solicitalo e a solicitude tramitarase consonte o procedemento establecido para o ingreso en segundos ciclos.

c) Para estudiantes doutras universidades abrirase, de forma simultánea, un prazo de solicitude de traslados.

11.2. Matrícula en terceiro ciclo.

A matrícula no terceiro ciclo realizarase nos prazos que anualmente se establezan.

12. Simultaneidade de estudios.

12.1. Os alumnos da Universidade de Santiago de Compostela poderán simultanea-los estudios de dúas titulacións das que imparte esta universidade, se teñen superados como mínimo os créditos dos que están obrigados a formalizar matrícula no primeiro curso. A acreditación de te-lo número de créditos superado será título suficiente para simultanear estudios.

12.2. Non se poderán simultanear estudios de dúas titulacións sometidas a límite de prazas agás que, rematados os procesos de ingreso, resulten prazas vacantes.

12.3. En caso de simultaneidade entre universidades distintas, aplicarase o disposto na regulamentación xeral do Ministerio de Educación e Cultura.

13. Desistencia e modificación da matrícula.

Os alumnos poderán solicita-la desistencia ou a modificación da matrícula consonte o que se dispón a seguir:

Con carácter xeral:

a) Desistencia total, e modificación parcial da matrícula, entendendo por isto último calquera cambio ou desistencia de materias, ata o 15 de decembro.

b) Modificación de materias cuadrimestrais do segundo cuadrimestre, ata o 31 de marzo. A modificación de matrícula enténdese para estes efectos como a substitución dunha materia por outra, ou por materias cun número de créditos equivalente. Estas novas materias teñen que ser elixidas entre as que estiveran en condicións de matrícula no período de matriculación.

A desistencia e maila modificación aceptaranse totalmente.

Modificacións particulares:

Aceptarase en calquera momento a modificación de matrícula polas seguintes causas:

a) Ampliación de materias co obxecto de que o alumno poida beneficiarse de bolsas convocadas polo MEC, Xunta de Galicia, universidade ou calquera outro organismo oficial.

b) Resolución de adaptación ou validación, e consonte o establecido no punto 52.

c) Selección de alumnos para a realización de prácticas en empresas, traballos academicamente dirixidos ou traballos de campo, unha vez que formalicen a matrícula.

d) Nos supostos de concorrencia horaria sexa nas clases teóricas ou nas prácticas, entre as materias do plan de estudio que está a realiza-lo alumno e as materias de libre elección que se impartan nou

tras titulacións, no prazo de 30 días desde que empezaran as clases das materias afectadas.

Así mesmo admitirase a modificación de matrícula no suposto de modificación de horarios consonte os cales o alumno formalizou a matrícula.

e) Naqueles supostos en que polas situacións persoais, tal como enfermidade grave, ou académicas, estime o rectorado a procedencia da modificación ou anulación da matrícula.

14. Convocatorias de exame.

Os alumnos que formalicen matrícula ordinaria disporán de dúas convocatorias por curso e dun máximo de sete convocatorias para superar cada materia, sen prexuízo do disposto no acordo da Xunta de Goberno do 22 de abril de 1996.

No cómputo de convocatorias para superar unha materia non se terán en conta as que figuren coa mención de «non presentado».

En cada curso académico realizaranse dúas convocatorias de exame por cada materia de acordo co seguinte:

1. Materias cuadrimestrais con docencia no primeiro cuadrimestre: a primeira convocatoria de exames realizarase no mes de febreiro, e a segunda no mes de setembro.

2. Materias cuadrimestrais con docencia no segundo cuadrimestre e materias anuais: a primeira convocatoria de exames realizarase no mes de xuño e a segunda no mes de setembro.

3. Convocatoria extraordinaria de exames para plans non renovados: realizarase nas mesmas datas que a convocatoria de exames das materias cuadrimestrais con docencia no primeiro cuadrimestre.

4. Convocatoria de exames fin de carreira:

a) Plans renovados. Realizarase entre os meses de decembro e xaneiro e nas datas que cada centro considere pertinente, que deberán ser feitas públicas ó inicio do curso.

b) Plans non renovados. Coincidirá coa convocatoria extraordinaria de exames.

O acordo da Xunta de Goberno que aprobe anualmente o calendario escolar poderá establece-las datas de exame e os períodos non-lectivos para a realización deles, consonte a programación que para o curso académico se realice.

15. Matrícula para exames fin de carreira.

15.1. Requisitos.

Poderán realiza-la matrícula para concorrer a exames fin de carreira os alumnos ós que lles resten como máximo tres materias para concluí-los seus estudios, aínda que non estiveran matriculados con anterioridade nas ditas materias.

A matrícula deberá realizarse da totalidade de materias que falten para a conclusión dos estudios.

15.2. Procedemento e prazo de matrícula.

O alumno que desexe concorrer á convocatoria de exames de fin de carreira deberá formaliza-la matrícula ordinaria no prazo que para tales efectos se estableza e solicita-la concorrencia ós ditos exames na Unidade de Xestión Académica segundo se dispón a seguir:

-Plans renovados: a solicitude de concorrencia presentarase entre o 15 e o 30 de novembro.

-Plans non renovados: a solicitude de concorrencia presentarase entre o 15 de decembro e o 15 de xaneiro.

Se o alumno solicita concorrer ós ditos exames e non supera tódalas materias entre a convocatoria extraordinaria fin de carreira e a ordinaria de xuño, poderá concorrer á convocatoria extraordinaria de setembro tendo, para iso, que formalizar matrícula nos prazos que se establezan. Esta matrícula soamente reportará prezos públicos respecto daquelas materias nas que se exercera o dereito de exame nas dúas convocatorias anteriores.

16. Convocatoria extraordinaria de exames para plans non renovados.

16.1. Réxime transitorio para alumnos de plans non renovados.

Os alumnos que estean a cursar estudios por plans non renovados e matriculados en materias das que sexan repetidores poderán concorrer a un máximo de tres materias na convocatoria extraordinaria de exames.

16.2. Inscrición para a convocatoria extraordinaria de exames.

Os alumnos que formalizaran matrícula nos prazos establecidos e que reúnan os requisitos que se establecen nos prazos anteriores, e desexen concorrer á convocatoria extraordinaria de exames, deberán formalizar inscrición na Unidade de Xestión Académica nos prazos que anualmente se establezan.

Os alumnos que teñan formalizada solicitude para concorrer ós exames da convocatoria extraordinaria e que non concorran, poderán concorrer ás convocatorias ordinarias do curso.

Título II

Cualificacións

17. Cualificación e mencións.

17.1. Cualificación.

A avaliación dos alumnos será reflectida nas actas mediante o outorgamento dalgunha das seguintes cualificacións: suspenso, aprobado, notable e sobresaliente.

Tamén se poderán outorga-las mencións de «apto/a» ou «non apto/a», nos supostos que se establecen no presente acordo.

Poderase conceder unha matrícula de honra entre aqueles alumnos que acaden a cualificación de sobresaliente, por cada vinte alumnos matriculados en cada materia ou fracción de vinte.

17.2. Mencións.

Nas actas de exame, ademais de reflecti-las cualificacións, poderán figura-las mencións «sen cualificar» ou «non presentado» nos seguintes supostos:

«Sen cualificar». No suposto de que o alumno concorra á convocatoria de exame dunha materia sen ter superada a materia que sexa prelación.

«Non presentado». Farase constar esta mención a aqueles alumnos que, estando matriculados nunha materia, non concorran á realización de exames das dúas convocatorias oficiais.

17.3. Valoracións de expedientes.

Para os efectos da valoración dos expedientes, as cualificacións cualitativas serán valoradas consonte a seguinte táboa:

17.3.1. Expedientes nos que figure cualificación cualitativa.

Suspenso: 0 puntos.

Aprobado: 1 punto.

Notable: 2 puntos.

Sobresaliente: 3 puntos.

Matrícula de honra: 4 puntos.

Validacións: 1 punto.

17.3.2. Expedientes exclusivamente con cualificacións cuantitativas:

Entre 0 e menos de 5: 0 puntos.

Entre 5 e menos de 7: 1 punto.

Entre 7 e menos de 9: 2 puntos.

Entre 9 e 10: 3 puntos.

As mencións «Non presentado» e «Renuncia», valoraranse como suspenso se se requirise a súa valoración.

18. Valoración dos expedientes.

18.1. Valoración de expedientes que deben producir efectos na Universidade de Santiago de Compostela.

Con carácter xeral, e sen prexuízo do que poidan establecer normas xerais ou convocatorias singulares da universidade, os expedientes dos alumnos valoraranse na Universidade de Santiago de Compostela do seguinte xeito:

18.1.1. Estudios consonte plans de estudios renovados:

a) Por cada cualificación do expediente detraeranse 0,10 puntos por cada suspenso.

b) Determinada a cualificación, trala deducción realizarase unha media ponderada, que será o

cociente da suma que resulte da multiplicación dos créditos das materias pola cualificación de cada materia, entre o número de créditos necesarios para obte-la titulación ou o primeiro ciclo, ou das materias nas que formalizará matrícula se non rematara os estudios.

18.1.2. Estudios consonte a plans non-renovados.

a) Por cada cualificación do expediente detraeranse 0,10 puntos por cada suspenso.

b) Determinada a cualificación trala deducción, realizarase unha media aritmética, que será o cociente da suma das cualificacións que resulte segundo o punto anterior entre o número de materias dos estudios, ou das materias nas que formalizara matrícula se non rematara os estudios. Para estes efectos as materias cuadrimestrais entenderanse como media materia e a cualificación dividirase entre dous.

As materias optativas e, se é o caso, as de libre configuración, cursadas a maiores do esixido polos plans de estudio, non se terán en conta para a valoración dos expedientes.

18.2. Expedientes que deban producir efectos noutros organismos e institucións.

Os expedientes que deban producir efectos noutros organismos e institucións, sexan públicos ou privados, valoraranse consonte os criterios establecidos para tales efectos polo Consello de Universidades. Neste suposto tampouco as materias optativas e, de se-lo caso, as de libre configuración, cursadas a maiores do esixido polos plans de estudio non se terán en conta para a valoración dos expedientes.

Título III

Actas, expedientes e custodia de exames

Capítulo I

Actas

19. Confección das actas.

Por cada materia cursada e por cada unha das convocatorias de exame elaborarase unha acta na que figuren tódolos alumnos matriculados, indiferentemente do réxime de matrícula. Mediante resolución rectoral, poderá establecerse que as actas se confeccionen por grupos de docencia.

Unha vez confeccionadas as actas, remitiranse ás secretarías dos centros para que sexan recollidas polos profesores encargados das materias.

20. Contido da acta.

20.1. As actas identificarán a materia de que se trate con tódolos seus elementos, tales como denominación, tipo de materia, créditos, titulación na que se imparte, período de docencia, grupo, de se-lo caso, e calquera outro que sirva para a súa identificación.

Os alumnos que deban figurar nas actas serán identificados, como mínimo polo seu nome e apelidos, e documento nacional de identidade ou pasaporte.

20.2. As cualificacións reflectiranse en calquera caso cos literais das cualificacións e mencións, sen prexuízo doutro tipo de marcas ou símbolos que permitan axiliza-la súa xestión.

No suposto de que as actas sexan susceptibles de seren lidas por medios electrónicos, a secretaría xeral adoptará as medidas que garantan a súa autenticidade e conservación.

No suposto de materias que teñan prelación, o documento anterior terá carácter de preacta en tanto non se teña constancia das cualificacións acadadas na materia-prelación e á vista destas se editen as actas definitivas.

21. Asinamento das actas.

As actas de exame serán asinadas en tódalas súas follas polo profesor ou profesores que consonte o plan de organización docente teñan a responsabilidade expresa da docencia da materia.

A derradeira folla de cada acta, ademais da sinatura dos profesores, indicará explicitamente nome e apelidos destes. Igualmente, nesta última folla o secretario do centro realizará o recoñecemento da sinatura do profesor, asinaraa e selaraa.

Se por perda de relación coa universidade, falecemento ou causa análoga o profesor encargado da materia non puidera asina-la acta, esta será asinada en tódalas súas follas polo secretario do departamento, e na derradeira polo secretario do centro, que fará consta-las causas de que o profesor encargado non asinara, ademais do recoñecemento de sinatura consonte o disposto no parágrafo anterior.

22. Entrega das actas de exame.

As actas de exame de cada convocatoria deberán ser entregadas na secretaría dos centros de xeito improrrogable nos dez días seguintes ó remate do prazo da convocatoria oficial de exames, e serán remitidas nas corenta e oito horas seguintes ás Unidades de Xestión Académica.

Remitiránselles ás Unidades de Xestión Académica as actas da totalidade das materias da titulación ou as actas de que dispoña o secretario do centro nese momento.

As actas de exame deberán ser entregadas na secretaría do centro, de acordo co procedemento que se estableza.

23. Conservación e custodia das actas.

As actas serán depositadas posteriormente para a súa conservación, custodia e xestión nas dependencias das Unidades de Xestión Académica.

Nos centros depositarase unha copia da acta que carecerá de efectos certificantes.

Correspóndelle ó secretario xeral da universidade a custodia das actas. Baixo a supervisión do secretario xeral adxunto, o xefe da Unidade de Xestión

Académica terá a responsabilidade encomendada, de estricto cumprimento, do depósito e custodia das actas.

24. Modificacións das actas.

A Secretaría Xeral da Universidade desenvolverá os aspectos de confección, entrega, depósito e custodia, así como os procedementos de rectificación das actas.

En calquera caso as actas poderán ser modificadas, sen necesidade de instruír procedemento ningún e coa súa comparecencia, na Unidade de Xestión Académica, polos profesores asinantes no prazo dun mes a partir da data na que remate o prazo de entrega de actas. Transcorrido este prazo a modificación deberá axustarse ó procedemento que estableza o secretario xeral.

Capítulo II

Expedientes e certificacións

25. Unidade de expediente académico.

O expediente académico do alumno reflectirá tódalas incidencias académicas que afecten ós estudios que cursou ou está a cursar.

O expediente académico será único por alumno, e poderase separar en varias pezas por titulacións. Neste suposto, a peza principal será a da primeira titulación na que iniciara estudios, e débese facer constar tal circunstancia tanto na peza principal como nas separadas.

26. Certificacións.

O acto de certificación será verbo dunha ou varias titulacións.

Os modelos de certificacións deberán ser previamente aprobados polo secretario xeral da universidade.

27. Certificacións de expedientes trasladados.

Nos supostos de expedientes trasladados deberase reflectir tódolos extremos académicos da universidade de procedencia, sen prexuízo das adaptacións e validacións que nesta universidade poidan realizarse.

As certificacións que se expidan deberán reflecti-lo expediente da universidade de orixe de xeito diferenciado do desta universidade.

28. Conservación e custodia de exames.

Os exames ou probas, xa sexan parciais ou finais, que foran realizados por escrito ou por calquera outro medio que permita deixar constancia deles, deberán ser conservados polos profesores encargados da materia polo menos tres meses desde a data final de entrega das actas, agás nos supostos de que estea en curso un expediente administrativo ou xudicial, ou que por outras normas se establezan prazos maiores.

Título IV

Réxime de traslados

Capítulo I

Requisitos para o inicio e continuación de estudios

29. Inicio de estudios.

29.1. Inicio de estudios en titulacións con límite de prazas.

Os alumnos ós que lles corresponda inicia-los estudios nunha universidade que non pertenza ó Sistema Universitario Galego, e que soliciten o ingreso nunha titulación con limitación de prazas da Universidade de Santiago de Compostela, deberán xustifica-lo cambio de residencia mediante a acreditación dalgunha das seguintes circunstancias:

a) Se-lo alumno, seus pais, titor ou cónxuxe, residente na Comunidade Autónoma de Galicia con, polo menos, un ano de antigüidade ó inicio do curso.

b) Acredita-la residencia ininterrompida durante cando menos, cinco anos na Comunidade Autónoma de Galicia, dalgún familiar ata o terceiro grao de consanguinidade ou segundo de afinidade.

c) Se-lo solicitante, seus pais, titor ou cónxuxe, traballador en calquera empresa con sede na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Se-lo solicitante, seus pais, titor ou cónxuxe, funcionario en activo en calquera das administracións públicas, con destino na Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Atoparse o alumno cumprindo o servicio militar ou prestación social substitutoria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Non será necesario acreditar ningunha das circunstancias do número anterior se o alumno solicita o ingreso en estudios que non se dispensan na universidade ou universidades que lle corresponda.

29.2. Inicio de estudios en titulacións sen límite de prazas.

Os alumnos ós que lles corresponda iniciar estudios noutra universidade e desexen inicialos en titulacións da Universidade de Santiago de Compostela que non teñen límite de prazas, deberán solicita-la admisión na titulación elixida, acreditando que reúnen os requisitos legalmente esixidos para o acceso á universidade.

30. Continuación de estudios.

30.1. Continuación en titulacións con límite de prazas.

Os centros das titulacións con limitación de prazas, no primeiro ciclo, no segundo ciclo ou en ambos, poderán propoñer á Xunta de Goberno que se estableza un límite para traslados. Este límite non poderá ser inferior ó dez por cento das prazas que se autoricen para alumnos de novo ingreso.

30.1.1. Continuación en titulacións sen cota de prazas para traslados.

Os alumnos deberán acreditar ter superados 60 créditos dos vinculados ó primeiro curso, e, de non

estaren os estudios estructurados en cursos, dos vinculados ó primeiro ciclo.

Se os estudios de orixe foran previos á reforma, requirirase ter integramente superado o primeiro curso.

30.1.2. Titulacións con cota de prazas para traslados.

Os alumnos que soliciten o traslado deberán reuni-los requisitos académicos establecidos no punto anterior.

Para a resolución das solicitudes de traslado terase en conta os seguintes criterios de preferencia:

1º. Resolveranse primeiro as solicitudes que reunindo os requisitos para o traslado sexan presentadas antes do 31 de xullo.

2º. De resultaren prazas non adxudicadas, resolveranse as presentadas entre o 1 de agosto e o 15 de outubro, e mais aquelas que se presentaran no primeiro prazo e non se admitiran por careceren (na convocatoria de xuño) dos requisitos académicos esixidos e reuniran os requisitos xerais.

3º. As solicitudes ordenaranse pola cualificación do expediente que resulte da aplicación das normas de valoración de expedientes do título II do presente acordo.

4º. Unha vez valorados os expedientes, e sen prexuízo da notificación individual, farase pública unha resolución na que figuren tódolos alumnos admitidos e os excluídos, ordenados consonte a cualificación do seu expediente.

30.1.3. Traslados desde universidades privadas ou da igrexa.

Os alumnos procedentes de universidades privadas ou da Igrexa que desexen continuar estudios en titulacións con límite de prazas que se imparten na Universidade de Santiago de Compostela, ademais do requisito de ter superado integramente o primeiro curso, ou 60 créditos das materias vinculadas ó primeiro curso ou primeiro ciclo se así se artellara o plan de estudios, deberán acreditar unha cualificación igual ou superior coa que ingresou o último alumno o curso anterior.

Unha vez acreditados os dous requisitos citados procederá a súa resolución consonte o disposto no parágrafo anterior.

30.2. Continuación de estudios en titulacións sen límite de prazas.

A continuación en titulacións sen límite de prazas non está sometida a ningún requisito académico, agás os que se deriven dos impedimentos de matrícula.

Capítulo II

Normas xerais de traslados

31. Prazos de presentación de solicitudes.

As solicitudes de inicio ou continuación de estudios en titulacións que imparta a Universidade de

Santiago de Compostela deberán presentarse nas Unidades de Xestión Académica correspondentes á súa titulación, entre os días 1 de xullo e 15 de outubro, e consonte o que se dispón a seguir:

a) Para titulacións que non teñan cota para traslados, poderase presentar entre o 1 de xullo e o 15 de outubro.

b) Para titulacións con cota de prazas poderá presentarse en calquera dos seguintes prazos: entre o 1 e o 31 de xullo, ou entre o 1 de agosto e o 15 de outubro.

As instancias presentadas no primeiro prazo resolveranse preferentemente respecto das segundas e consonte o disposto no punto 30.1.2 do presente acordo.

Para os supostos en que sexa de aplicación o procedemento de ingreso en titulacións con límite de prazas rexerán os prazos específicos que se establezan.

32. Tramitación.

32.1. As solicitudes de admisión para continuar ou iniciar estudios en titulacións da Universidade de Santiago de Compostela serán resoltas conforme o disposto no presente acordo, resolucións rectorais que o desenvolvan e nas disposicións vixentes que sexan de aplicación ó caso, e deben serlles notificadas ós interesados para os efectos de tramitación de traslado de expediente.

32.2. Os alumnos que non reúnan os requisitos para aceptación do traslado consonte o establecido no presente acordo poderán presentar solicitude de ingreso en titulacións con límite de prazas.

33. Cambio de matrícula no primeiro curso en titulacións con límite de prazas.

Os alumnos matriculados no primeiro curso dunha titulación con límite de prazas poderán solicita-lo cambio de matrícula a partir do curso académico seguinte a aquel en que iniciaran estudios, para continua-los mesmos estudios que se impartan en centros da universidade ou adscritos a ela sitos en localidade distinta. Estas solicitudes resolveranse favorablemente en calquera suposto.

34. Alumnos con convocatorias esgotadas nalgunha materia.

Se o alumno que solicita o traslado tivese esgotadas convocatorias nalgunha materia, consonte o réxime xeral de convocatorias da Universidade de Santiago de Compostela, admitirase o traslado se a universidade de orixe recoñece a reciprocidade de trato ós alumnos da Universidade de Santiago de Compostela con convocatorias esgotadas, para que, respecto das materias con convocatorias esgotadas, renda exame por unha soa vez.

35. Alumnos que accederon á universidade a través das probas para maiores de vintecinco anos.

As solicitudes de traslado para continua-los mesmos estudios xa iniciados noutra universidade, pre

sentadas polos alumnos que accedesen á universidade a través das probas para maiores de vintecinco anos, resolveranse consonte o disposto para as titulacións non sometidas a limitación de prazas no primeiro curso.

36. Admisión do expediente de alumnos desta universidade que esgotaron convocatorias nela.

Autorízase a admisión do traslado de expediente académico dos alumnos que esgotaron convocatorias nalgunha materia e que, tras superala noutra universidade, desexen trasladar novamente o seu expediente a esta universidade para que, trala súa validación no seu expediente, poidan solicita-la expedición do título.

37. Alumnos procedentes da universidade da Igrexa.

Para os efectos da admisión para a continuación de estudios en titulacións, tanto con límite de prazas como sen límite, por parte de alumnos que procedan de universidades da Igrexa, non se terán en conta as materias que sexan de ensinanzas eclesiásticas, e que non formen parte dos plans de estudios das ensinanzas que se imparten na Universidade de Santiago de Compostela.

De ser admitido o alumno, os xefes das Unidades de Xestión Académica poñerán en coñecemento dos centros que o alumno procede dunha universidade da Igrexa, por se consideran pertinente a realización dunha proba de conxunto sobre as materias que lle puidesen ser validadas.

38. Ingreso en titulacións con plans de estudio en proceso de extinción.

As solicitudes de traslado de alumnos para a continuación de estudios consonte plans en proceso de extinción, resolveranse consonte os criterios establecidos no presente acordo e o que se dispón a seguir:

38.1. Inicio e continuación de estudios en titulacións en plans en proceso de extinción.

Non se procederá á admisión de ningún alumno de novo ingreso para cursar titulacións por plans de estudios en proceso de extinción, agás que, tralos procesos de validación, resulte que ten superadas tódalas materias que estean extintas.

Soamente se lles permitirá formalizar matrícula nos plans de estudio en proceso de extinción ós alumnos procedentes de traslados nos supostos de que as materias nas que pretendan formalizar matrícula se impartan, por non terse extinguido o curso, ou estivesen no período transitorio de dous anos seguintes á extinción do curso.

De non impartirse as materias ou estar xa rematado o período transitorio subseguinte, se o alumno desexa continuar estudios, deberá adaptarse ó novo plan.

38.2 Continuación de estudios en plans en extinción por parte de alumnos que iniciaran estudios en plans renovados.

Admitirase o traslado para a continuación de estudios en plans en proceso de extinción dos alumnos que nas universidades de procedencia os iniciaran consonte a plans renovados, se reúnen os dous requisitos seguintes:

-Que a incorporación ó plan de estudios renovado na Universidade de Santiago de Compostela supoña un atraso, dado o diferente ritmo de implantación do plan de estudios.

-Que tralos procesos de adaptación non deba superar ningunha materia que estea extinguida definitivamente.

39. Traslados de alumnos que accederan á universidade por validación de estudio estranxeiros.

Os traslados dos alumnos que ingresaran en calquera universidade española por validación de estudios estranxeiros resolveranse consonte os criterios xerais de traslados establecidos no presente acordo.

Título V

Adaptacións e validacións

Capítulo I

Ámbito de aplicación e conceptos

40. Ámbito de aplicación.

As normas de adaptación e validación que se establecen no presente acordo serán de aplicación para tódolos plans de estudio conducentes a titulacións oficiais vixentes na Universidade de Santiago de Compostela.

41. Conceptos.

Adaptacións. Entenderase por adaptación os seguintes actos:

a) O acto polo que se lles recoñece eficacia académica ós estudios superados consonte un plan de estudios en proceso de extinción, noutro de nova implantación e que o substitúe.

b) O acto polo que se lles recoñece eficacia académica ós estudios realizados consonte un plan de estudios doutra universidade, nun plan de estudios da Universidade de Santiago de Compostela, no suposto de que ámbolos dous plans conduzan á mesma titulación oficial.

Validacións. A validación é o acto polo que se lles recoñecen efectos académicos ós estudios universitarios realizados consonte un plan de estudios, noutro plan de estudios conducente a distinta titulación.

O recoñecemento de estudios realizados en universidades estranxeiras ou en institucións análogas realizarase polo procedemento de validación.

Capítulo II

Adaptacións

42. Adaptación obrigatoria e voluntaria.

42.1. Adaptación obrigatoria.

Os alumnos que estean cursando un plan de estudios que está a ser substituído por outro, de non supera-las materias do plan en extinción, se desexan continua-los mesmos estudios, deberán adaptarse ó novo plan de estudios.

Este suposto implicará o inicio dun novo expediente académico, o mantemento das cualificacións das materias superadas e que sexan adaptadas, e o comezo de novo do cómputo das convocatorias verbo de tódalas materias que queden por superar no novo plan de estudios.

42.2. Adaptación voluntaria.

Os alumnos que están realizando estudios consonte un plan de estudios que está a ser substituído por outro, poderán solicita-la continuación dos seus estudios polo plan de nova implantación.

42.3. Adaptación obrigatoria e voluntaria.

Co obxecto de facilita-la conclusión dos estudios polos plans en procesos de extinción, o rectorado, á vista do expediente do alumno e dos informes dos centros, poderá autoriza-la realización ata un máximo de 3 materias consonte un plan renovado para que sexan imputadas a un plan en proceso de extinción.

Superadas as materias, recoñeceranse plenos efectos dentro do plan de orixe do alumno recoñecéndoselle a cualificación outorgada.

A resolución rectoral que autorice esta matrícula establecerá a correspondencia entre as materias do plan en extinción e as do plan novo.

43. Criterios que se seguirán nos expedientes de adaptación.

43.1. Adaptacións por causa de substitución de plans de estudio.

Neste suposto aplicarase o disposto nos cadros de adaptación que establezan os respectivos plans de estudio.

43.2. Adaptacións a causa de continuación de estudios.

Para estes efectos, teranse en conta os criterios adoptados polo Consello de Universidades, feitos públicos no anexo I do Real decreto 1267/1994, do 10 de xuño (BOE do 11), que modifica o Real decreto 1497/1987, do 27 de novembro, sobre directrices xerais comúns ós plans de estudio, e as seguintes normas:

43.2.1. Adaptación íntegra do primeiro ciclo.

Non procederá a adaptación do primeiro ciclo no suposto de que se solicite dun plan de estudios non renovado a outro renovado.

Neste suposto a adaptación realizarase consonte os cadros de adaptación que estableza o plan de estudios.

43.2.2. Adaptación de materias troncais.

Se o alumno superou toda a materia troncal adaptarase integramente.

Se a materia troncal se divide en disciplinas, a declaración de validación farase respecto da materia e singularizaríase por cada unha das disciplinas das que conste.

Se a materia troncal non a tivese integramente superada, por estar dividida en disciplinas, a declaración de adaptación farase exclusivamente respecto das disciplinas que tivera superadas.

43.2.3. Libre configuración curricular.

As materias, seminarios ou actividades académicas que figuren no expediente do alumno para a libre configuración curricular, serán adaptadas en calquera suposto.

43.2.4. Adaptación parcial.

Non procederá a adaptación parcial de ningunha disciplina.

43.2.5. Adaptación dos primeiros ciclos.

Nos supostos en que deba adaptarse integramente o primeiro ciclo, realizarase unha declaración xenérica de adaptación do ciclo e non se reflectirá cualificación ningunha.

44. Cualificación.

Nas materias ou disciplinas que resulten adaptadas, deberá reflectirse a mención «adaptada», e maila cualificación que o alumno acadara na materia obxecto da adaptación.

Se a materia estivese estructurada en disciplinas, a cualificación obteríase consonte o seguinte: suma dos créditos superados, multiplicados cada un deles polo valor da cualificación que corresponda, e dividido polo número de créditos totais da disciplina de que se trate. Non se terán en conta os créditos que non teñan cualificación.

Capítulo III

Validacións

45. Estudios validables.

Serán susceptibles de seren validadas as materias ou disciplinas que formen parte de plans de estudios conducentes a títulos oficiais, xa se impartan en universidades públicas, privadas ou da Igrexa ou nos centros adscritos a calquera delas. Igualmente serán validables as materias cursadas en réxime de equivalencia.

A Xunta de Goberno establecerá aqueles estudios que sen ter carácter universitario sexan susceptibles de seren validados.

46. Criterios que se seguirán nos expedientes de validación.

Para estes efectos, teranse en conta os criterios adoptados polo Consello de Universidades feitos públicos no anexo I do Real decreto 1267/1994, do 10 de xuño (BOE do 11), que modifica o Real decreto 1497/1987, do 27 de novembro, sobre directrices xerais comúns ós plans de estudio, e as seguintes normas:

1ª. A unidade básica de validación será a disciplina, con contido e carga lectiva que sexan equivalentes, indiferentemente do ciclo e titulación na que sexa impartida.

2ª. Non procederá en ningún suposto a validación como materias para a libre configuración curricular daquelas que sexan de contido idéntico ou semellante ás que formen parte do plan de estudios que está a realiza-lo alumno.

3ª. Así mesmo, tampouco poderán ser validables para a libre configuración curricular as materias, créditos por equivalencia, seminarios ou actividades que formen parte dun título ou ciclo de estudios que dean acceso a titulacións de só segundo ciclo ou a segundos ciclos conducentes a títulos diferentes ós iniciados.

4ª. Non procederá en ningún suposto a validación parcial de materias ou disciplinas.

47. Cualificación.

As materias validables serán reflectidas no expediente coa mención «validada», e non se reflectirá cualificación ningunha. Os efectos de valoración curricular terán unha equivalencia dun punto.

As materias que sexan recoñecidas como de libre elección manterán en calquera caso a cualificación obtida, xa fose outorgada nesta universidade ou noutras universidades.

48. Normas específicas para validación dos complementos de formación.

Para a validación dos complementos de formación terase en conta se a materia da que se solicita a validación cumpre os requisitos que establecen as respectivas ordes que implantan os complementos de formación, aínda que non coincidan coas materias que compoñan os complementos que se imparten nesta universidade.

49. Eficacia das validacións ou adaptacións.

As adaptacións e validacións producirán efectos desde que se dicte a resolución que as recoñeza.

Se as adaptacións e validacións reportasen prezos públicos, os efectos comezarán desde que se acredite o pagamento correspondente.

O pagamento dos prezos que se reporten poderá realizarse fraccionadamente por materias ou disciplinas en sucesivos cursos académicos, sempre que o plan de estudios para o que se dictou a resolución non fora modificado nas materias validadas ou adaptadas.

Capítulo IV

Normas comúns a adaptacións e validacións

50. Efectos no currículo do alumno.

50.1. As materias ou disciplinas adaptadas ou validadas consideraranse superadas para tódolos efectos e, por conseguinte, non son susceptibles de novo exame.

50.2. Se tralos procesos de validación ou adaptación, os alumnos que están a estudiar licenciaturas, agás medicina ou arquitectura, non acreditaran a superación de polo menos 300 créditos, deberán cursar materias non cursadas da titulación que estean a realizar ata cubri-lo mínimo de créditos esixido. De non te-la titulación materias suficientes, a dirección do centro determinará as materias doutras titulacións que deberá cursa-lo alumno.

Para titulacións de só segundo ciclo, ou nos supostos de que se accedera a segundos ciclos que non sexan continuación do primeiro ciclo iniciado, ou de titulacións de só primeiro ciclo, no cómputo dos trescentos créditos teranse en conta os créditos da titulación ou ciclo que lles recoñece o acceso.

51. Órganos competentes no procedemento de adaptacións e validacións.

As adaptacións e validacións serán resoltas en todo caso polo rector, tralo informe dos órganos correspondentes de cada centro.

Para os efectos de axilización procedemental, e sen prexuízo da necesidade da resolución expresa, as comisións académicas de cada titulación poderán, consonte os antecedentes, establecer táboas de adaptación e validación entre materias de diferentes titulacións, de tal xeito que os alumnos poderán formalizar matrícula coa presunción de adaptación ou validación das devanditas materias.

Os recoñecementos de validación como materias de libre elección de materias superadas noutras titulacións da Universidade de Santiago de Compostela e que se desexen imputar á titulación que o alumno está a seguir, recoñeceranse, e sen necesidade do informe do centro, se nos acordos da Xunta de Goberno que aproben as materias de libre elección para cada curso académico non figurara como excluída por ter contidos idénticos ou moi similares para a titulación no que se pretenda imputar.

52. Prazos de solicitude e resolución.

52.1. Prazos de solicitude.

As adaptacións e validacións deberanse solicitar nos prazos que anualmente se establezan, e que en ningún suposto excederán do prazo que se estableza para a formalización da matrícula ordinaria.

52.2. Prazos de resolución.

Sobre as solicitudes de adaptación e validación, deberán emitir informe os órganos competentes no prazo máximo dun mes desde a finalización do prazo de solicitudes.

Como consecuencia das resolucións de adaptación ou validación os alumnos, de teren feita a matrícula,

poderán modificala no prazo de dez días desde a recepción da resolución se non foran validadas ou adaptadas tódalas materias que solicitase.

Título VI

Acceso ós segundos ciclos

Capítulo I

Normas xerais

53. Implantación dos complementos de formación.

53.1. Os centros nos que se impartan ensinanzas de segundo ciclo ás que se poidan incorporar alumnos co primeiro ciclo doutra titulación, deberán implantar, se así se requirise, os complementos de formación que sexan necesarios.

53.2. A implantación dos complementos de formación deberase realizar de tal xeito que, no momento de implantación do segundo ciclo, os alumnos poidan incorporarse a este.

54. Condicións de acceso ó segundo ciclo.

54.1. O acceso ó segundo ciclo poderá estar sometido a limitación de prazas.

A Xunta de Goberno poderá dictar normas que permitan un acceso equilibrado das diferentes titulacións ou estudios de primeiro ciclo ós que se lles recoñeza acceso a estudios de segundo ciclo, podendo establecer quendas de acceso.

Se na primeira convocatoria non houbera solicitantes suficientes nalgunha das quendas nas que se pode dividir a quenda xeral para permitir un acceso equilibrado das titulacións, procederase a acumula-las prazas sobrantes ás quendas nas que aínda houbese demanda. Se non restan solicitudes da primeira convocatoria, as prazas sobrantes ofreceranse ós solicitantes da segunda convocatoria.

54.2. A limitación de prazas non afectará os alumnos para os que o segundo ciclo sexa continuación directa dos seus estudios. Os alumnos que soliciten o ingreso para continua-los mesmos estudios iniciados noutras universidades, someteranse ó procedemento de traslados.

54.3. Se os centros optasen por limita-las prazas de acceso ó segundo ciclo, seguirase o procedemento establecido para a limitación de prazas para o ingreso en estudios universitarios requiríndose a previa aprobación da Xunta de Goberno e a aprobación do Consello de Universidades.

54.4. Os alumnos que estean en posesión dun primeiro ciclo ou dunha titulación de primeiro ciclo que lle recoñeza o acceso a outros segundos ciclos ou titulacións de só segundo ciclo soamente poderán solicita-lo ingreso nos ditos estudios a través deste procedemento.

En consonancia co anterior, non poderán solicita-lo ingreso no primeiro ciclo da mesma titulación, alegando estar en posesión dun título universitario, probas de acceso á universidade, formación profe

sional ou calquera outro título que recoñeza o acceso á universidade.

54.5. No suposto de titulacións que recoñecen o acceso ó seu segundo ciclo a tódolos primeiros ciclos ou titulacións de primeiro ciclo, o único procedemento de ingreso será o establecido no presente acordo para ingreso nos segundos ciclos.

No suposto de que o alumno solicite, en primeira convocatoria, o ingreso no primeiro ciclo dunha titulación por non ter superado o primeiro ciclo ou a titulación de primeiro ciclo que lle recoñece o acceso ó segundo ciclo, e a superase na segunda convocatoria do curso, procederase á anulación de tódalas actuacións efectuadas, incluso a matrícula que puidese ter feita, e tomarase en consideración a solicitude do alumno como solicitude de ingreso en estudios de segundo ciclo coa prelación de setembro.

55. Docencia dos complementos de formación.

55.1. Os complementos de formación que en cada caso se requiran poderanse cursar das seguintes formas:

a) Simultaneamente ás ensinanzas do primeiro ciclo.

b) Simultaneamente ás ensinanzas do segundo ciclo.

55.2. En ámbolos supostos, se os complementos de formación non coincidisen coas materias que compoñan o plan de estudios, deberase especifica-lo carácter de complementos de formación da materia.

55.3. Se os complementos de formación fosen materias propias do plan de estudios, estes deberanse cursar de acordo coa ordenación temporal das materias que estableza o plan de estudios.

55.4. De estar sometido a limitación de prazas o acceso ó segundo ciclo, a superación dos complementos de formación ou acredita-la súa validación, non suporá o dereito de acceso ó segundo ciclo.

55.5. As materias que configuren os complementos de formación e que non formen parte do primeiro ciclo dos plans de estudio, poderán cursarse como materias de libre elección, se ben a superación destas non implica o dereito de realiza-los estudios de segundo ciclo se estes estivesen sometidos a limitación de prazas.

56. Expediente académico.

Nos expedientes académicos dos alumnos que accedan ó segundo ciclo de ensinanzas universitarias, conforme o establecido no presente acordo, deberá reflectirse separadamente as materias correspondentes ós complementos de formación.

Capítulo II

Procedemento de ingreso nos segundos ciclos sometidos a limitación de prazas

57. Solicitude.

En cada curso académico, mediante resolución rectoral, realizarase unha convocatoria para que os

alumnos poidan solicita-lo ingreso nos segundos ciclos con límite de prazas.

A convocatoria deberá conter como mínimo:

a) Titulacións sometidas a limitación.

b) Número de prazas.

c) Prazo de presentación.

d) Requisitos xerais para o acceso.

e) Complementos de formación que se cursarán por cada titulación ou primeiro ciclo con acceso.

58. Quendas de ingreso.

58.1. Os alumnos poderán solicita-lo ingreso por algunha das seguintes quendas:

a) Quenda xeral. Por esta quenda deberán concorre-los alumnos que realizaran os estudios que lles dean acceso ou ós que lles fose expedido o título pola Universidade de Santiago de Compostela e aqueles que realizasen os seus estudios noutras universidades onde non impartan os estudios de segundo ciclo que desexan cursar nesta.

b) Quenda para minusválidos. Por esta quenda poderán concorrer aqueles alumnos que, tendo os estudios ou titulación que lles recoñeza o acceso, e sempre que os estudios fosen realizados na Universidade de Santiago de Compostela ou o título lles fose expedido por esta, acrediten unha minusvalidez igual ou superior ó 65 por cento, ou con menoscabo total da fala ou perda total da audición. Por esta quenda reservarase unha porcentaxe de prazas igual á que se reserve para o ingreso no primeiro ciclo de titulacións con límite de prazas.

A minusvalidez deberá acreditarse mediante a certificación oficial de minusválido.

c) Distrito compartido. Os alumnos que realicen os seus estudios noutras universidades e desexen ingresar en segundos ciclos ou en titulacións de segundo ciclo que se impartan na universidade de orixe, deberán concorrer pola quenda de distrito compartido. Esta quenda rexerase polas regras que dicte o Consello de Universidades para o ingreso no primeiro curso de titulacións con límite de prazas.

d) Deportistas de alto nivel. Reservaránselle-lo 3% das prazas ós alumnos que acrediten a súa condición de «deportistas de alto nivel», consonte o establecido no Real decreto 1467/1997, do 19 de setembro (BOE do 16 de outubro).

58.2. Os alumnos que poidan realiza-los estudios na súa universidade de orixe e soliciten continualos nesta, poderán concorrer pola quenda ordinaria se acreditan algún dos requisitos de residencia que se esixen para os alumnos que ingresen no primeiro curso de titulacións con límite de prazas.

59. Criterios de resolución do proceso.

Para a resolución do proceso terase en conta a prelación, a cualificación e a preferencia manifestada polo alumno.

60. Prelacións.

As solicitudes atenderanse conforme a seguinte orde de prelación:

a) En primeiro lugar, os alumnos que superasen os estudios que dean acceso ó segundo ciclo na primeira convocatoria do curso ou en cursos anteriores.

b) En segundo lugar, os alumnos que superasen os estudios que lles dean acceso na segunda convocatoria de exames do curso.

61. Valoración dos expedientes.

61.1. Para o acceso ás titulacións do segundo ciclo ou ós segundos ciclos sometidos a limitación de prazas soamente se valorará o primeiro ciclo dos estudios que acredite o alumno.

61.2. Os expedientes dos alumnos serán valorados consonte as seguintes regras establecidas no punto 18.1.

61.3. No suposto de que os alumnos non poidan achegar certificacións do seu expediente que reflictan as convocatorias esgotadas e mailas mencións «non presentado», «renuncia» ou «anulación», e trala oportuna reclamación, realizarase unha media aritmética dos seus expedientes e serán convocados se tras convoca-lo resto de solicitantes, quedasen prazas vacantes. Tódolos expedientes dos alumnos que soliciten o ingreso nas titulacións ou ciclos obxecto do presente acordo serán valorados consonte as normas de valoración de expedientes establecidas no presente acordo.

62. Convocatoria para formalizar matrícula.

Finalizados os procesos administrativos, convocaranse para formalizar matrícula tantos alumnos como prazas vacantes haxa por cada quenda.

Os alumnos que non formalicen matrícula no prazo no que sexan convocados decaerán dos seus dereitos.

Se trala primeira convocatoria resultasen prazas vacantes, realizaranse sucesivas convocatorias ata que se cubra a totalidade das prazas de cada titulación.

63. Interpretacións das ordes ministeriais de acceso ós segundos ciclos.

O recoñecemento que as diferentes ordes ministeriais realizan verbo do acceso a determinadas titulacións para o acceso a titulacións de segundo ciclo ou a segundos ciclos de titulacións de primeiro e segundo ciclo, é tanto para titulacións realizadas polos plans de estudio renovados como para as realizadas por plans anteriores, extintos ou non.

No suposto de que as denominacións dos plans de estudios renovados non coincidan con aquelas ás que substitúen, entenderase que o recoñecemento do dereito ó acceso a titulacións dos segundos ciclos ou a segundos ciclos doutras titulacións realizarase para ámbalas titulacións.

Título VII

Créditos por equivalencia

Capítulo I

Normas xerais

64. Créditos por equivalencia.

De acordo co que dispoñan os plans de estudio e o presente acordo, poderanse valorar como créditos do currículo as prácticas en empresas, os traballos academicamente dirixidos, a realización de estudios en universidades estranxeiras coas que se asinase previamente un convenio e calquera outra actividade que figure nos plans de estudio.

Para a realización de créditos por equivalencia seguirase o disposto no presente acordo.

65. Imputación dos créditos por equivalencia.

Os créditos que se realicen en réxime de equivalencia imputaranse a materias concretas ou de forma xenérica segundo o que para cada suposto se establece no presente acordo.

66. Prácticum.

O réxime dos créditos por equivalencia que se regula no presente acordo non será de aplicación ó prácticum que figure nos plans de estudio.

Capítulo II

Prácticas en empresas

67. Realización de prácticas en empresas.

Soamente serán imputables como créditos por equivalencia as prácticas realizadas en empresas coas que previamente a universidade asinase o oportuno convenio.

68. Imputación das prácticas en empresas.

Os créditos por realización de prácticas en empresas imputaranse de forma xenérica a créditos optativos ou de libre configuración, baixo o epígrafe «Prácticas en empresas».

69. Contido dos convenios.

69.1. Os convenios que asine a universidade para a realización de prácticas en empresas, deberán conter como mínimo os seguintes extremos:

a) Obxecto das prácticas.

b) Número de prazas.

c) Tempo de realización das prácticas.

d) Horas das que constarán as prácticas e número de créditos que se imputarán.

e) Titor responsable na empresa para o desenvolvemento das prácticas.

f) Titor ou órgano universitario responsable.

g) Período de vixencia do convenio.

69.2. Os convenios serán asinados polo rector da universidade, sen prexuízo das delegacións que para iso se poidan realizar.

70. Convocatoria para a realización de prácticas en empresas.

Para a realización de prácticas en empresas, a universidade realizará unha única convocatoria para tódalas titulacións, que conterá como mínimo os seguintes extremos:

a) Empresa ou institución na que se realizarán as prácticas, con expresión do lugar onde se realizarán.

b) Número de prazas.

c) Número de horas e equivalencia en créditos dos que constarán as prácticas.

d) Tempo e horario de realización das prácticas.

e) Materia ou materias ás que se imputarán as prácticas.

f) Requisitos académicos para concorrer á realización das prácticas.

g) Prazo de solicitudes.

71. Selección dos alumnos.

Nos supostos en que a selección requira doutros elementos con expediente académico, e así se recolla no convenio, o rectorado establecerá as comisións de selección.

Estas comisións estarán compostas exclusivamente por profesores de universidade, se ben e á vista do convenio, poderán requiri-los informes que coiden oportunos das autoridades do centro ou profesores-titores e dos representantes das empresas, administracións ou entidades nas que se vai a realiza-la práctica.

72. Avaliación e cualificación das prácticas.

72.1. A avaliación das prácticas realizaraa un titor nomeado polo decano ou director de cada centro á vista da memoria que deberá presenta-lo alumno ó final das prácticas e do informe do responsable de prácticas na empresa.

72.2. As prácticas cualificaranse coas mencións de «apto» ou «non apto».

73. Imputación de convocatoria.

As materias que se cursen en réxime de equivalencia, de ter unha soa convocatoria, imputaranse á primeira convocatoria na que se realicen exames da materia que se curse en réxime ordinario, e de non relacionarse con materias, imputarase á convocatoria de xuño.

Capítulo III

Traballos academicamente dirixidos

74. Traballos academicamente dirixidos.

O recoñecemento de créditos pola realización de traballos academicamente dirixidos realizarase con

sonte as previsións e límites que establecen os plans de estudio.

No suposto de que os traballos academicamente dirixidos figuren entre as relacións de materias, e así mesmo nos cadros de xestión dos plans de estudio, non serán excluíntes, debendo entenderse o límite de créditos por equivalencia respecto daqueles traballos academicamente dirixidos que se imputen a outras materias ou como créditos de libre configuración.

75. Imputación dos traballos academicamente dirixidos.

75.1. Os traballos academicamente dirixidos deberán imputarse a materias troncais, obrigatorias, optativas ou de libre configuración, segundo establezan os plans de estudio.

75.2. Así mesmo poderán imputarse ó concepto xenérico de «traballos academicamente dirixidos» se así o permitise o plan de estudios.

76. Para a realización de traballos academicamente dirixidos.

76.1. Os centros realizarán antes do inicio de cada curso académico, a proposta dos departamentos e nas datas que para tales efectos estableza o rectorado, unha convocatoria para a realización de traballos academicamente dirixidos, que deberá conte-los seguintes extremos como mínimo:

a) Liñas do traballo academicamente dirixido e obxectivos.

b) Materia á que se imputará e número de créditos.

c) Requisitos académicos para concorrer á realización dos traballos academicamente dirixidos.

d) Profesor ou profesores que dirixirán o traballo.

e) Criterios de selección.

f) Prazo de realización.

g) Prazo de presentación de instancias.

76.2. A selección de alumnos para a realización de traballos academicamente dirixidos realizaraa o departamento que propuxese a realización dos traballos academicamente dirixidos.

77. Avaliación e cualificación dos traballos academicamente dirixidos.

77.1. A avaliación dos traballos academicamente dirixidos, realizaraa un tribunal, nomeado polo decano ou director do centro por proposta do departamento que propuxese a realización do traballo academicamente dirixido.

Se o traballo academicamente dirixido se imputara a unha materia concreta, deberá formar parte do tribunal o profesor encargado da materia.

77.2. Os traballos academicamente dirixidos serán cualificados consonte as normas de cualificación establecidas no presente acordo.

Capítulo IV

Estudios en universidades estranxeiras

78. Realización de estudios en universidades estranxeiras.

78.1. Poderán imputarse como créditos do currículo, dentro dos límites establecidos nos plans de estudios, a realización de estudios en universidades estranxeiras coas que a Universidade de Santiago de Compostela teña asinados os oportunos convenios.

78.2. A presente regulación non é de aplicación ós convenios interuniversitarios de colaboración da Unión Europea, e a realización de estudios a través daqueles non é excluínte da realización de estudios en universidades estranxeiras en aplicación dos convenios que se deriven dos plans de estudio nin estará sometida ós límites que figuran neles.

79. Imputación dos estudios realizados en universidades estranxeiras.

Os estudios realizados en universidades estranxeiras, ó abeiro do disposto no presente acordo, serán imputados a materias troncais, obrigatorias, optativas ou de libre configuración, segundo o estipulen os plans de estudios.

80. Coordinador do convenio.

Por cada convenio que asine a Universidade de Santiago de Compostela con outras universidades estranxeiras, os centros deberán nomear un coordinador, que se responsabilizará da correcta execución do convenio, tanto na Universidade de Santiago de Compostela como na estranxeira.

81. Contido mínimo do convenio.

Os convenios que asine a Universidade de Santiago de Compostela con universidades estranxeiras deberán conter como mínimo os seguintes elementos:

a) Obxecto do convenio.

b) No suposto de que fose para cursar materias na universidade estranxeira, determinación das materias que corresponden no plan de estudios que se imparte nesta universidade.

c) Táboa de equivalencias de cualificacións.

82. Convocatoria.

Para cursar estudios en universidades estranxeiras ó abeiro dos convenios que asine a Universidade de Santiago de Compostela, as autoridades de cada centro publicarán unha convocatoria que conterá os seguintes extremos como mínimo:

a) Universidade na que se realizarán os estudios.

b) Idiomas dos que se require coñecemento.

c) Número de horas e equivalencia en créditos de que constarán as prácticas.

d) Período de realización dos estudios.

e) Materia ou materias ás que se imputarán os estudios.

f) Requisitos académicos para concorrer á realización de estudios en universidades estranxeiras.

g) Prazo de solicitudes.

Capítulo V

Outras actividades

83. Outras actividades.

83.1. Se os plans de estudio recollesen a realización de créditos curriculares a través doutras actividades, estas realizaranse de acordo co establecido no plan de estudios.

83.2. Se as actividades non estivesen concretadas nos plans de estudio, será a Comisión Académica do centro ou órgano análogo a que autorice a súa realización, á vista dun proxecto presentado por un departamento, que deberá concreta-los seguintes extremos:

a) Obxecto da actividade.

b) Número de créditos que se recoñecerán.

c) Profesor ou profesores responsables do desenvolvemento e avaliación da actividade.

d) Número de alumnos que poderán realiza-la actividade.

84. Imputación das actividades.

As actividades previstas polos plans de estudio imputaranse de forma xenérica e polo número de créditos que se establezan, ó concepto «actividades previstas no plan de estudios».

85. Avaliación e cualificación das actividades.

85.1. As actividades serán avaliadas polo profesor ou profesores responsables do seu desenvolvemento.

85.2. As actividades serán cualificadas segundo as normas establecidas no presente acordo.

86. Convocatoria.

Se ás actividades previstas no plan de estudios non puidesen concorrer tódolos alumnos, a dirección do centro publicará unha convocatoria na que se especifique:

a) Tipo de actividade.

b) Número de prazas.

c) Tempo e lugar da realización.

d) Número de horas e equivalencia en créditos.

e) Materia á que se imputarán os créditos.

f) Requisitos para concorrer ás actividades.

g) Prazo de solicitudes.

Título VIII

Libre configuración curricular

87. Libre configuración curricular.

Para os efectos da realización da libre configuración curricular que establecen os plans de estudio, os alumnos poderán cursa-las materias que para

tales efectos se establezan, asistir a seminarios ou realiza-las actividades que determine a universidade.

88. Materias de libre elección.

Terán a consideración de materias de libre elección, para os efectos da libre configuración curricular, tódalas materias que compoñan os plans de estudio renovados e as que compoñan os plans de estudios non renovados se non estivesen en proceso de extinción, agás:

a) As materias que pola súa natureza estean excluídas pola Xunta de Goberno.

b) Para cada titulación, aquelas materias impartidas noutros plans de estudio de contido idéntico ou moi semellante ás propias do plan de estudios que está a cursa-lo alumno.

A exclusión de materias realizaraa a facultade ou escola, que deberá dar conta ó ricerrectorado correspondente no prazo que determine.

c) As materias que teñan a condición de complementos de formación, as prácticas, os proxectos fin de carreira, e as materias con contido exclusivamente práctico.

89. Seminarios e actividades para a libre configuración curricular.

89.1. Recoñecemento de seminarios e actividades académicas.

A libre configuración curricular poderá efectuarse mediante a realización dos seminarios ou actividades académicas que previamente recoñeza a universidades para iso.

O recoñecemento de seminarios ou actividades para ser aplicados á libre configuración curricular realizarao o rector por proposta dos decanos ou directores, trala aprobación das respectivas xuntas do centro e para os plans de estudios que se xestionen nas facultades ou escolas propoñentes.

A Xunta de Goberno poderá establecer con carácter xeral para tódolos plans de estudios os seminarios ou actividades académicas que serán susceptibles de verse imputados á libre configuración curricular.

Se as actividades ou seminarios fosen impartidos total ou parcialmente por outra universidade ou por entidades públicas ou privadas, requirirá previamente o asinamento dun convenio.

Estes convenios serán asinados polo rector ou pola autoridade en que delegue.

Para a autorización dos seminarios e actividades académicas, requirirase, con carácter xeral, que polo menos teñan unha duración de trinta horas lectivas. Trinta horas lectivas, salvo acordo en contrario, serán equivalentes a un crédito.

89.2. Cualificacións e validacións.

Os seminarios e mailas actividades académicas que se recoñezan para a libre configuración curri

cular, serán cualificadas exclusivamente coas mencións «apto» ou «non apto».

Non serán susceptibles de validación os seminarios e as actividades académicas que non estean recoñecidas previamente pola universidade para que produzan efectos para a libre configuración curricular.

90. Materias de libre elección.

Tódalas materias susceptibles de seren elixidas como de libre elección estarán sometidas a limitación de prazas, e en ningún suposto poderán supoñe-la creación de novos grupos de docencia.

91. Imputación de materias troncais, obrigatorias ou optativas para a libre configuración curricular.

91.1. Poderanse imputar como materias de libre elección curricular as seguintes materias do plan de estudios que está a realiza-lo alumno:

a) Materias troncais e obrigatorias: as materias troncais e obrigatorias, se o plan de estudio establece optatividade entre elas unha vez superada a materia troncal ou obrigatoria respecto da que se realizou a opción.

b) Materias optativas: se o alumno superara materias optativas por un número de créditos superior ó esixido polo plan de estudios.

c) Para alumnos que realizan estudios de só segundo ciclo ou que non continúan o primeiro ciclo cursado: se o alumno realiza un segundo ciclo dunha titulación de dous ciclos, que non sexa continuación dos estudios do primeiro ciclo, poderá realizar como de libre elección as materias troncais, obrigatorias e optativas que estivesen vinculadas ó primeiro ciclo, agás se as ditas materias non puideron ser cursadas no primeiro ciclo ou titulación de procedencia por ter contidos idénticos ou moi semellantes e así fose establecido nas convocatorias de materias para a libre configuración.

91.2. Se o alumno supera materias troncais, obrigatorias ou optativas por un número de créditos superior ó esixido polo plan de estudios, de oficio serán consideradas como de libre elección, se o alumno tivese superadas materias troncais, obrigatorias ou optativas suficientes para considerar que ten rematado o primeiro ciclo ou a titulación. A imputación realizarase sobre materias e non sobre os posibles excesos de créditos que non poidan ser imputables a materias íntegras.

91.3. Antes da realización do depósito do título ou da expedición dun certificado acreditativo de ter rematado o primeiro ciclo de estudios, o alumno poderá solicitar que as materias optativas que teña superadas sexan consideradas como de libre elección. A solicitude estimarase sempre que os créditos excedan dos obrigatorios para o ciclo ou titulación.

91.4. A imputación de materias de libre elección á que se refire este punto, realizarase en calquera caso sobre materias e non sobre os posibles créditos que excedan respecto dos establecidos no plan de

estudios, sen prexuízo do establecido no apartado 110 en canto a compensación de créditos.

92. Procedemento de solicitude de materias.

Por resolución rectoral, establecerase o procedemento e prazos para a solicitude de materias de libre elección, que estará restrinxido soamente para os supostos en que o alumno desexe realizar materias que figuren en plans de estudio distintos ó que está a cursar.

93. Valoración do expediente.

Para os efectos da resolución das solicitudes de materias de libre elección, os expedientes dos alumnos valoraranse consonte o criterio xeral establecido no punto 18 do presente acordo.

94. Recoñecemento dos créditos de libre elección pola realización de seminarios ou actividades académicas.

94.1. Seminarios ou actividades organizados por facultades, escolas, departamentos e institutos universitarios da Universidade de Santiago de Compostela.

1. O órgano universitario que organice os seminarios ou actividades que pretendan imputarse como de libre elección, deberá elevar ó Rectorado, cunha antelación de corenta e cinco días á data do comezo, proposta na que conste, como mínimo, o seguinte:

a) Denominación do seminario ou actividade cunha breve descrición.

b) Profesorado que o impartirá.

c) Datas, lugar e horario de desenvolvemento do seminario ou actividade.

d) Número de prazas e procedemento de selección de alumnos, de se-lo caso. En calquera suposto os expedientes valoraranse consonte o disposto no título II do presente acordo.

e) Lugar de inscrición no seminario ou actividade e, de se-lo caso, importe do curso ou seminario.

f) Número de créditos que se recoñecen. Como norma xeral recoñecerase un crédito por cada trinta horas lectivas.

g) Titulacións ás que se poderán imputa-los créditos de libre elección. Para tales efectos deberán acompañarse acordos das respectivas xuntas dos centros, nos que se acepte que o seminario ou actividade pode recoñecerse para a libre configuración curricular.

2. O rector, á vista da proposta, resolverá sobre a súa autorización no prazo de quince días.

3. Sen prexuízo do disposto nos punto anteriores o rectorado poderá solicitar das facultades, escolas, institutos, a oferta de cursos ou actividades que teñan programadas para o curso académico, para os efectos de realizar unha convocatoria anterior ó inicio de cada curso. Esta oferta será aprobada pola Xunta de Goberno e o rectorado.

4. O recoñecemento dos cursos e seminarios para seren imputados como libre configuración curricular, realizarase nas Unidades de Xestión Académica á vista da certificación que presente o alumno e á vista da resolución rectoral que recoñeza o seminario ou actividade. O recoñecemento dos créditos para seren imputados no expediente do alumno reportará os prezos que se determinen.

No expediente do alumno reflectirase a mención «apto» ou «non apto».

94.2. Recoñecemento de seminarios ou actividades académicas para a libre configuración curricular organizados por servicios da Universidade de Santiago de Compostela.

Neste suposto, o recoñecemento realizarase solicitándoo nas Unidades de Xestión Académica trala acreditación da certificación que para tales efectos deberán expedi-los servicios universitarios. O recoñecemento dos créditos para seren imputados no expediente do alumno reportará os prezos que se determinen.

94.3. Recoñecemento de seminarios ou actividades académicas para a libre configuración curricular organizados por organismos públicos ou privados.

1. Certificacións persoais: a organización do seminario ou actividade entregará ós alumnos unha certificación cos seguintes extremos:

a) Identificación do alumno con nome e apelidos.

b) Documento nacional de identidade ou pasaporte.

c) Especificación de que o curso ou seminario foi recoñecido para a libre configuración curricular pola Universidade de Santiago de Compostela.

d) Data do convenio ou recoñecemento da universidade.

e) Mención de «apto» ou «non apto».

O rectorado poderá establecer modelos de certificacións obrigatorias.

2. Recoñecemento dos seminarios ou actividades académicas: logo da solicitude do alumno e unha vez acreditado mediante certificación que o alumno superou o seminario ou a actividade académica, e á vista do convenio, procederá o seu recoñecemento para a libre configuración curricular.

O recoñecemento dos créditos para seren imputados no expediente do alumno reportará os prezos que se determinen.

Título IX

Colación do grao de licenciatura

95. Normas de aplicación nos procedementos de colación de grao.

A colación do grao de licenciado na Universidade de Santiago de Compostela regularase polas presentes normas e polas que para cada licenciatura, por

proposta da Xunta de Facultade, aprobe a Xunta de Goberno dentro do marco establecido no presente acordo.

Estas normas terán carácter subsidiario para a colación do grao en calquera titulación, e serán de aplicación directa desde a súa aprobación para as titulacións que non tiveran normas propias.

A matrícula para a colación do grao de licenciado realizarase nos prazos e termos establecidos no punto 7.2 do presente acordo.

96. Implantación e modificación dos procedementos para a colación do grao de licenciatura.

96.1. As facultades que impartan titulacións que non teñan implantado o grao, deberán elevar á Xunta de Goberno para a súa aprobación unha proposta de regulación aprobada pola Xunta de Facultade.

As modificacións dos procedementos para a colación do grao requirirán tamén a aprobación da Xunta de Goberno da proposta que deberá eleva-la Xunta de Facultade.

96.2. As propostas de regulación dos procedementos para a colación do grao de licenciatura, ou a súa modificación, deberán conter como mínimo os elementos e contidos seguintes:

96.2.1. Para a modalidade de exame.

a) Tribunais.

Composición. Como mínimo deberán estar compostos por tres membros, que deberán ser profesores da Universidade de Santiago de Compostela co grao de doutor, que pertenzan ós departamentos e áreas de coñecemento vinculados coa titulación, sen que poidan pertencer á mesma área máis de dous membros.

Nomeamento. O tribunal será nomeado polo decano por proposta da Xunta de Facultade e como mínimo para un ano académico.

b) Exercicio.

-Estructura do exercicio.

-Temario. O temario sobre o que versará o exame deberá facerse público cun mínimo de vinte días de antelación á realización do exercicio.

-Procedemento de cualificación.

96.2.2. Modalidade de traballo de investigación (memoria de licenciatura).

a) Solicitude.

Deberá establecerse un período mínimo entre a solicitude de realización e a lectura do traballo de investigación.

b) Director do traballo.

Para ser director do traballo de investigación requirirase estar en posesión do título de doutor e pertencer a un dos corpos docentes universitarios ou te-la condición de profesor universitario contratado.

Así mesmo, poderán ser directores dos traballos de investigación os doutores que, sen te-la condición de profesor universitario, sexan autorizados polo departamento á vista do proxecto de traballo de investigación. Neste suposto o trámite de lectura do traballo de investigación deberá ser aprobado previamente polo consello de departamento á vista do traballo elaborado.

Os traballos de investigación poderán contar con codirectores, que deberán reuni-los mesmos requisitos esixidos para os directores.

c) Tribunais.

-Composición.

Como mínimo deberán estar compostos por tres membros, e en calquera caso a maioría dos membros e o presidente deberán ser profesores da Universidade de Santiago de Compostela.

Tódolos membros do tribunal deberán telo grao de doutor.

Os profesores da Universidade de Santiago de Compostela membros do tribunal, deberán pertencer a departamentos e a áreas de coñecemento vinculados coa titulación que convoca o grao, sen que poidan pertencer á mesma área máis de dous membros.

-Nomeamento.

Os tribunais serán nomeados polo decano da facultade, por proposta do departamento respectivo e trala aprobación da Xunta de Facultade; comunicarase o nomeamento do tribunal á Unidade de Xestión Académica correspondente.

96.3. Os alumnos que concorran á colación do grao de licenciado serán cualificados consonte as seguintes cualificacións: aprobado, notable e sobresaliente.

Se a xuízo do tribunal o traballo non acadara o nivel suficiente, procederá á devolución do traballo e á devolución do expediente á unidade de xestión correspondente.

97. Alumnos que poden concorrer á colación do grao.

97.1. Alumnos e licenciados da Universidade de Santiago de Compostela.

Poderán concorrer á colación do grao de licenciado pola Universidade de Santiago de Compostela os licenciados por esta universidade. Os procedementos de cada centro poderán permiti-lo inicio do traballo de investigación ós alumnos que se atopen no último ano dos estudios de licenciatura.

97.2. Licenciados noutras universidades españolas.

A colación do grao na Universidade de Santiago de Compostela por alumnos licenciados por outra universidade española axustarase ó seguinte:

Admisión: as solicitudes de traslado para á colación do grao resolveranse consonte o seguinte procedemento.

Admisión a trámite. Antes da iniciación do procedemento de admisión, valorarase o expediente consonte as regras establecidas no punto 18. De non acadar alomenos un 1, non serán admitidas a trámite.

Informe do decano. Os decanos, á vista da solicitude e do expediente do alumno, no que deberá constar todo o seu historial académico, emitirán un informe sobre a procedencia do traslado, á vista da identidade do plan de estudios.

Traslado: de reuni-los requisitos establecidos no punto anterior, procederá a dictarse unha resolución de admisión, para que o alumno realice o traslado do seu expediente académico.

Unha vez realizado o traslado, todo o procedemento ata a avaliación do traballo ou exame axustarase ás normas que se establecen no presente acordo.

Devolución do expediente: unha vez acadado o grao de licenciado, procederase de oficio á devolución do expediente á universidade de procedencia do alumno.

97.3. Alumnos con títulos homologados.

A colación do grao na Universidade de Santiago de Compostela por aqueles alumnos que estean en posesión da credencial de homologación de título estranxeiro expedida polo Ministerio de Educación e Cultura, axustarase ó seguinte:

Admisión.

Trala solicitude do alumno, a admisión será resolta polo rector se reúnen os seguintes requisitos:

1º Que o solicitante posúa a credencial de homologación.

2º Que na Universidade de Santiago de Compostela se imparta a mesma licenciatura pola que se lle expediu a credencial de homologación de título estranxeiro.

Unha vez admitido o alumno, o procedemento ata a avaliación do traballo ou exame axustarase ás normas que se establecen no presente acordo.

98. Expediente e actas.

98.1. Expedientes.

Rematado o prazo de matrícula, remitirase ó secretario de cada facultade a relación de alumnos que formalizaran matrícula para a colación do grao, a certificación do expediente dos alumnos e as actas.

98.2. Actas.

Unha vez rematadas as probas para a colación do grao, o secretario da facultade remitirá á Unidade de Xestión Académica as actas para que se faga a constancia nos expedientes académicos e para o seu arquivo e custodia.

99. Certificacións e mencións nos títulos.

99.1. Certificacións.

A petición dos alumnos que colacionen o grao, expediraselles certificación consonte o modelo que estableza a secretaría xeral.

99.2. Mencións nos títulos.

O reflexo da colación do grao nos títulos de licenciado, realizara o Ministerio de Educación e Cultura para os alumnos que rematasen os seus estudios na convocatoria de febreiro do curso 1987-1988 e anteriores, e a Universidade de Santiago de Compostela para os alumnos que rematasen os seus estudios con posterioridade á dita convocatoria.

99.3. Mencións nas credenciais de homologación.

Ós alumnos que concorresen á colación do grao de licenciado acreditando a credencial de homologación de títulos estranxeiros, reflectiráselle-la mención consonte o procedemento establecido para a expedición de títulos.

Título X

Premios extraordinarios

100. Premios extraordinarios de licenciatura.

O premio extraordinario de licenciatura na Universidade de Santiago de Compostela regularase polas presentes normas e polas que para cada licenciatura aprobe a Xunta de Goberno dentro do marco establecido no presente acordo.

Estas normas terán carácter subsidiario para a concesión do premio extraordinario en calquera titulación, e serán de aplicación directa desde a súa aprobación para as titulacións que non tiveran normas propias.

A Xunta de Goberno da Universidade de Santiago de Compostela poderá outorgar, por proposta das xuntas de facultade ou escola, dous premios extraordinarios por cada licenciatura ou enxeñería.

En ningún suposto se poderán acumula-los premios extraordinarios declarados desertos.

101. Aspirantes ó premio extraordinario.

101.1. Licenciados.

Poderán concorrer ó premio extraordinario de licenciatura os alumnos licenciados pola Universidade de Santiago de Compostela que colacionaran o grao coa cualificación de sobresaliente.

101.2. Enxeñeiros.

Poderán concorrer ó premio extraordinario os enxeñeiros que remataran os seus estudios na Universidade de Santiago de Compostela e acadaran a cualificación de sobresaliente no proxecto fin de carreira.

A inscrición para concorrer ó premio extraordinario realizarase nos prazos establecidos no apartado 7.3 do presente acordo.

102. Procedemento para outorga-los premios extraordinarios.

Os procedementos para outorga-los premios extraordinarios serán aprobados pola Xunta de Goberno por proposta das facultades.

Os procedementos deberán recoller como mínimo os seguintes elementos:

a) Tribunal.

1. Composición. Como mínimo deberán estar compostos por tres membros, que deberán ser profesores co grao de doutor da Universidade de Santiago de Compostela, que pertenzan ós departamentos e áreas de coñecemento vinculados coa titulación.

2. Nomeamento. Os tribunais deberán ser nomeados pola Xunta de Facultade.

b) Procedemento.

1. Criterios de adxudicación. Deberán establecerse os criterios de adxudicación, especificando se os aspirantes deben ou non someterse a algunha proba.

2. Valoración de expedientes. Os expedientes valoraranse consonte o establecido no título II do presente acordo.

103. Convocatorias.

103.1. Para as datas de matrícula e outorgamento dos premios extraordinarios, rexerá o disposto no punto 7.3.

103.2. As convocatorias realizaranse para os alumnos que acadaran o grao no curso para o que se convoca o premio extraordinario.

103.3. Os centros deberán comunicar ás Unidades de Xestión Académica a convocatoria de premios extraordinarios antes do 15 de outubro.

A solicitude de concorrencia ós premios extraordinarios presentarase nas Unidades de Xestión Académica nos prazos que determine o rectorado.

104. Tramitación administrativa.

Rematado o prazo de presentación de instancias, os xefes das Unidades de Xestión remitirán ó secretario do centro os expedientes dos alumnos e as actas.

105. Expediente e actas.

105.1. Expedientes.

Rematado o prazo de matrícula remitiráselle ó secretario de cada facultade a relación de alumnos que formalizaran matrícula para concorreren ó premio extraordinario, a certificación do expediente dos alumnos e as actas.

105.2. Actas.

Realizada polo tribunal a proposta, está seralle remitida polo decano ou director ó secretario xeral da universidade para a súa tramitación á Xunta de Goberno.

O secretario xeral remitiralles ás unidades de Xestión Académica o orixinal da acta dilixenciada que

conteña o acordo da Xunta de Goberno que outorga o premio extraordinario. Ás secretarías dos centros remitiráselles unha copia da dita acta.

106. Certificacións e mencións en títulos.

106.1. Certificacións.

Ós alumnos ós que se lles outorgue o premio extraordinario, expediráselles unha certificación conforme o modelo que estableza a secretaría xeral. A primeira certificación non reportará prezo público ningún.

106.2. Mencións nos títulos.

A obtención do premio extraordinario reflectirase no título, consonte o disposto na resolución do Ministerio de Educación e Cultura do 26 de xuño de 1989.

Título XI

Plans de estudio

107. Interpretación dos plans de estudio.

As interpretacións que sexan necesarias para o correcto cumprimento dos plans de estudio desta universidade son competencia exclusiva do rector, que tras audiencia do centro e á vista dos informes que poida solicitar, dictará as resolucións ou instruccións que considere oportunas.

108. Recoñecemento de especialidades.

Procederase a recoñecer especialidades cando o alumno curse as materias que esixe o plan de estudios, aínda que figuren como libre configuración se estas foran optativas da titulación.

109. Vinculación de materias optativas.

Con carácter xeral, as materias optativas están vinculadas ó ciclo de tal xeito que, para acada-los créditos optativos esixidos pola titulación o alumno deberá superar en cada ciclo materias optativas vinculadas a el no número esixido polo plan de estudios. A adscrición de optativas a un curso non implica a esixencia de cursar en cada curso as ditas optativas.

Excepción á norma anterior son as materias optativas dos estudios de filoloxía que se imparten no campus de Santiago de Compostela, para as cales, consonte o seu plan de estudios, rexerá a seguinte regra:

a) As materias optativas dos plans de estudio de Filoloxía non están vinculadas a ningún ciclo, polo que o alumno pode realiza-los créditos optativos que sexan necesarios para obte-la titulación entre tódalas materias que teñan carácter optativo.

b) Non obstante, para cursar materias optativas das que figuran imputadas ó segundo ciclo, os alumnos deberán ter superados o número mínimo de créditos troncais e obrigatorios que esixa cada plan de estudios.

110. Compensación de créditos optativos e de libre configuración.

No suposto de que un alumno teña superado a totalidade de créditos establecidos no plan de estu

dios, pero tivera unha falta de créditos optativos ou de libre elección, esta poderá ser compensada, ata un máximo de catro créditos, co exceso de créditos optativos ou de libre elección que puidera ter superados.

A compensación de créditos en ningún suposto poderá afectar a materias troncais ou obrigatorias.

No expediente do alumno farase mención a que a compensación de créditos se fixo con base no presente acordo.

111. Recoñecemento de materias cursadas como de libre elección na titulación á que pertenzan.

111.1. As materias do plan de estudios que estea a cursar un alumno e que foran superadas por este para seren imputadas como materias de libre configuración noutra titulación, serán aplicadas ó seu expediente.

111.2. As materias aplicadas figurarán nos expedientes dos alumnos coa cualificación obtida.

111.3. Este recoñecemento de materias realizarase de plan pola administración universitaria sen que sexa necesario recorrer ó procedemento de validación, só será precisa a petición do interesado e o pagamento do 25% dos prezos públicos correspondentes.

111.4. O recoñecemento de materias de libre configuración como materias da titulación á que pertenzan, non suporá ningún dereito de ingreso respecto a ela, xa sexa para o ingreso no primeiro ou no segundo ciclo.

Título XII

Procedemento común en materia de xestión académica

112. Iniciación.

112.1. Os procedementos poderanse iniciar de oficio ou por solicitude da persoa interesada. As solicitudes por instancia de parte deberán conte-los requisitos seguintes:

a) Nome e apelidos do interesado e, de se-lo caso, da persoa que o represente, e tamén a identificación do medio preferente ou do lugar que se sinale para efectos de notificacións.

b) Feitos, razóns e petición na que se concrete, con toda claridade, a solicitude.

c) Lugar e data.

d) Sinatura do solicitante ou acreditación da autenticidade da súa vontade expresada por calquera medio.

e) Órgano, centro ou unidade administrativa á que se dirixe.

112.2. Cando as pretensións correspondentes a unha pluralidade de persoas teñan un contido e un

fundamento idénticos ou substancialmente similar, poderanse considerar como unha única solicitude, agás que as normas reguladoras dos procedementos específicos dispoñan outra cousa distinta.

112.3. Se a solicitude de iniciación non ten os requisitos esixidos, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, de non o facer, considerarase que desistiu da súa petición, que se arquivará sen máis trámite.

112.4. Para estes efectos o pagamento de prezos ou taxas non implica a resolución do expediente, senón que se considerará como simple acto de trámite complementario da solicitude.

113. Impulso.

O procedemento impulsarase de oficio en tódolos trámites. No despacho do expediente manterase a orde rigorosa de incoación en asuntos de natureza homoxénea, salvo unha orde motivada en contra.

Os trámites que deben cumpri-los interesados terán que realizarse no prazo de 10 días desde a notificación, salvo que a norma fixe un prazo distinto.

114. Tramitación de solicitudes, recursos e consultas.

A tramitación das peticións de resolución non delegada en centros ou unidades administrativas, así como tódalas reclamacións que se produzan en materia de xestión académica e as consultas sobre a interpretación da normativa aplicable, plans de estudio, prezos públicos e calquera outra circunstancia sobre xestión académica, serán remitidas ó rectorado a través do Servicio de Alumnado.

115. Instrucción.

Os actos de instrucción necesarios para determina-lo coñecemento e a comprobación dos datos, realizarase de oficio. Os interesados poderán, en calquera momento do procedemento anterior ó trámite de audiencia ou á resolución, aducir alegacións e achegar documentos ou outros elementos de xuízo.

Para efectos da resolución solicitaranse os informes que sexan preceptivos e os que se xulguen necesarios para resolver.

Os informes serán emitidos no prazo de quince días, salvo que unha disposición estableza outro prazo.

Estes serán, en todo caso, motivados, especialmente naqueles supostos en que se modifique a actuación seguida en ocasións precedentes.

No caso de que o órgano instructor entenda que o informe non está debidamente motivado, poderá proceder á súa devolución para que emita outro no prazo de cinco días.

Cando o informe sexa decisivo na resolución, o seu contido poderá serlle trasladado ó interesado para que formule as correspondentes alegacións antes da resolución do asunto.

No caso de que figuren no procedemento novos feitos, documentos ou probas non aducidas polo interesado antes de redacta-la proposta de resolución, poderase pórllelo de manifesto ós interesados ou ós seus representantes, para que no prazo de dez días realicen o trámite de audiencia e vista do expediente.

116. Resolución.

Os actos que rematen o procedemento deberanlles ser comunicados ós interesados no prazo de dez días, e deben decidir tódalas cuestións que expoñan os interesados ou calquera outra que se derive del.

As resolucións serán motivadas e conterán os recursos ou reclamacións que procedan, o órgano perante o que deban presentarse e o prazo para interpoñelos.

117. Instrucción e resolución de expedientes de petición ou reclamación de alumnos que cursan estudios que non conducen á expedición dun título oficial.

117.1. Os directores destes estudios instruirán e resolverán consonte as normas propias dos estudios e, subsidiariamente, consonte o presente acordo as peticións que os alumnos realicen.

A resolución será notificada consonte o establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, Lei 30/1992, coa advertencia de que poderán interpoñer perante o rector unha reclamación no prazo de dez días conforme establece o artigo 118 do presente acordo.

117.2. As reclamacións que presenten os alumnos contra a resolución dos directores seranlle remitidas ó rectorado a través do Servicio de Alumnado cunha copia do expediente e un informe do director dos estudios.

118. Reclamacións.

Contra as resolucións en materia de xestión académica poderán os interesados interpoñer, con carácter potestativo, unha reclamación no prazo de 10 días contados desde a notificación, perante o órgano que instrúe o expediente, ou, de se-lo caso, recurso contencioso-administrativo, notificando previamente a súa interposición.

Transcorrido o prazo para interpoñe-la reclamación, o acto considerarase firme, e contra el só caberá interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo sinalado.

A presentación de reclamación potestativa interromperá o prazo para interpoñe-lo recurso contencioso ata a resolución da dita reclamación por acto expreso ou presunto.

Contra a resolución das reclamacións só poderá interpoñerse recurso contencioso.

A resolución das reclamacións deberá facerse no prazo dun mes.

119. Lingua dos procedementos.

A lingua ordinaria dos procedementos tramitados pola Universidade de Santiago de Compostela é o galego. Non obstante poderá utilizarse a lingua castelá, que terá plenos efectos.

Os interesados poderán solicitar que as notificacións, resolucións, certificacións, etc. lle sexan realizadas en castelán, alegando descoñecemento da lingua galega.

No caso de non indicalo na súa solicitude, os documentos, resolucións, etc. serán realizadas en galego.

120. Acceso ós documentos.

Os interesados terán acceso ós documentos que consten nun expediente administrativo e obter copias dos documentos, polos procedementos establecidos para o efecto.

Os expedientes académicos terán a consideración de expedientes de carácter nominativo e o seu acceso estará restrinxido ós seus titulares e a terceiros que acrediten un interese lexítimo e directo.

121. Representación.

Os interesados nun procedemento de xestión académica poderán actuar mediante un representante co que se entenderán as actuacións administrativas.

Para formular solicitudes, iniciar recursos, desistir de accións e renunciar a dereitos en nome doutra persoa deberase acredita-la representación, de tal xeito que deixe constancia fidedigna.

Para os actos e xestións de simple trámite presumirase a representación.

Os títulos académicos e outros actos de similar contido deberánselles entregar directamente ós interesados agás que acheguen un poder cumprido para realiza-lo trámite, que se incorporará ó expediente.

122. Delegación da sinatura ou de competencias.

Os actos dictados por delegación de sinatura ou competencias entenderanse dictados polo órgano delegante, e producirán os mesmos efectos.

123. Prazos de resolución.

A resolución de asuntos realizarase nos prazos que mediante resolución rectoral se establezan. De non existir un prazo concreto, este será de tres meses.

Transcorrido o prazo de tres meses, entenderanse desestimadas as peticións, agás a solicitude de matrícula, que se entenderá estimada se no prazo de oito meses non se rexeita, salvo que careza dos requisitos necesarios para a súa formalización.

Os prazos de resolución computaranse a partir da data de rexistro de entrada, e se a petición se derivara dunha convocatoria que establecera prazos para a presentación de solicitudes, a partir do día seguinte ó remate dos prazos.

A expedición de certificacións de actos presuntos realizaraa o secretario xeral da universidade.

124. Control das resolucións rectorais.

As resolucións rectorais, tanto de carácter xeral como as que se dicten como consecuencia de peticións ou reclamacións individuais, e que a secretaría xeral coide que se apartan das normas establecidas no presente acordo, deberán ser validadas na Xunta de Goberno inmediata.

A proposta de validación do acto deberá ir acompañada dun texto que modifique os puntos pertinentes do presente acordo e determinará se a modificación terá ou non efectos retroactivos.

125. Interpretación, instruccións e ordes de actuación.

As consultas que se deriven da execución do presente punto, seranlle presentadas por escrito ó vicerrector competente e, de se-lo caso, ó secretario xeral, que resolverá a consulta nun prazo máximo de cinco días.

Normas transitorias

A unidade de expediente do alumno nos termos establecidos no punto vintecinco do presente acordo, será de aplicación no momento no que a aplicación informática de xestión de alumnos o permita.

Normas derradeiras

Primeira.

1. O presente acordo de Xunta de Goberno deixa sen efecto os seguintes acordos e resolucións rectorais e instruccións:

-Acordo da Xunta de Goberno do 3 de xuño de 1991, vixente parcialmente no referente ós requisitos de residencia para o ingreso en centros con limitación de prazas.

-Acordo da Xunta de Goberno do 16 de xuño de 1993, sobre normas de xestión académica.

-Acordo da Xunta de Goberno do 26 de maio de 1994, pola que se modifica o acordo do 16 de xuño de 1993.

-Acordo do Xunta de Goberno do 2 de xuño de 1995, sobre normas de xestión académica.

-Resolución rectoral do 18 de xuño de 1991, sobre tramitación dos traslados, e instrucción da secretaría xeral do 21 de xuño que a desenvolve.

-Resolución rectoral do 20 de novembro de 1991, sobre traslados de alumnos que accederan á universidade a través das probas para maiores de vintecinco anos.

-Resolución rectoral do 10 de setembro de 1992, sobre validacións.

-Resolución rectoral do 14 de outubro de 1993, sobre incorporación de alumnos trasladados ós plans de estudio en proceso de extinción, e a Instrucción do 7 de xullo de 1994, dictada para o seu desenvolvemento.

-Resolución rectoral do 14 de outubro de 1993, sobre adaptacións os novos plans de estudio.

-Resolución rectoral do 14 de outubro de 1993, sobre o réxime de traslado de alumnos de universidades da Igrexa.

-Resolución rectoral do 14 de outubro de 1993, sobre o procedemento de validacións.

-Resolución rectoral do 22 de abril de 1994, sobre tramitación de traslados co obxecto de realiza-lo depósito do título.

-Resolución rectoral do 17 de xuño de 1994, sobre o procedemento de solicitude de materias de libre elección.

-Resolución rectoral do 13 de setembro de 1994, sobre as normas de acceso a segundos ciclos (dúas resolucións con número de rexistro de saída 4560 e 4561).

-Resolución rectoral do 19 de outubro de 1994 sobre matrícula en plans en extinción.

-Resolución rectoral do 28 de outubro de 1994, sobre cualificacións.

-Instrucción da secretaría xeral do 5 de xullo de 1994, sobre confección de actas de exame por aplicación das técnicas telemáticas para a súa lectura, e a Instrucción do 29 do xullo de 1993, que a desenvolve.

-Instrucción do Vicerrectorado de Organización Académica, do 3 de novembro de 1993, sobre tramitación de validacións.

-Acordo da Xunta de Goberno do 3 de xuño de 1996.

-Resolución rectoral do 3 de marzo de 1998 sobre aplicación das materias superadas como libre configuración no propio plan de estudios ó que pertencen.

2. O presente acordo da Xunta de Goberno mantén a vixencia parcial ou total dos seguintes acordos, resolucións e instruccións:

-Resolución rectoral do 17 de outubro de 1989 sobre estudiantes dos programas Erasmus da Comunidade Europea.

-Resolución da secretaría xeral do 23 de xullo de 1990, queda parcialmente vixente no relativo a traslados de alumnos que realizaran os estudios do primeiro ciclo nos antigos colexios universitarios das universidades da Coruña e Vigo.

-Resolución rectoral do 17 de xullo de 1991, sobre recoñecemento de estudios realizados no marco de convenios ou programas interuniversitarios de cooperación.

-Resolución rectoral do 29 de xuño de 1992, sobre simultaneidade de estudios.

-Resolución rectoral do 5 de xullo de 1993 sobre normas de custodia e recepción de actas.

-Resolución rectoral do 29 de novembro de 1993, sobre o procedemento de expedición de títulos a

cidadáns amparados polo Convenio Cultural Hispano-Italiano do 18 de xaneiro de 1957 (BOE do 20 de febreiro).

-Resolución rectoral do 14 de outubro de 1993, sobre realización da proba de conxunto.

-Resolución rectoral do 21 de outubro de 1993, sobre tramitación de traslados de alumnos de terceiro ciclo, matrícula de teses de doutaramento e expedición de títulos de doutor.

-Resolución do 11 de marzo de 1994, sobre o recoñecemento de materias de libre elección.

-Resolución rectoral do 16 de maio de 1994, sobre o procedemento para a validación parcial de estudios estranxeiros.

-Instrucción da secretaría xeral de 13 do xullo de 1993, pola que se aproba o modelo do libro de entrega e recepción de actas.

-Instrucción da secretaría xeral do 4 de outubro, sobre envío e recollida das actas de exame.

-Instrucción da secretaría xeral do 18 de maio de 1994 sobre cualificacións outorgadas no procedemento de revisión.

3. De se advertir conflicto de normas, porase en coñecemento do secretario xeral para os efectos que determine a norma de aplicación.

Segunda.

O presente acordo entrará en vigor ó día seguinte da súa aprobación pola Xunta de Goberno.

O rectorado promoverá a publicación do presente acordo no Diario Oficial de Galicia.

65