Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 14 de xaneiro de 1999 Páx. 423

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 30 de decembro de 1998 pola que se regulan as subvencións a concellos para a realización de actividades dirixidas á xuventude e promoción da información xuvenil.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude entende que para acada-los obxectivos de participación efectiva da xuventude nos diferentes ámbitos da sociedade actual, facilitándolle a súa integración social e laboral, e o acceso por parte dela a unha información axeitada ás súas demandas informativas en igualdade de oportunidades en todo o territorio da Comunidade Autónoma galega, é fundamental promove-lo feito asociativo xuvenil así como as actuacións e canles dirixidas a consolidar e garanti-lo acceso a unha información ampla, obxectiva e actualizada dirixida á xuventude, prestándolles apoio ás accións que neste sentido emprendan os concellos dentro da súa competencia e ámbito territorial, como entes próximos ó cidadán e coñecedores das necesidades e da problemática xuvenil propia de cada un deles.

Entre as tarefas propias da competencia dos concellos referidas a este sector da poboación, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude considera, polo tanto, de máximo interese colaborar na promoción das actuacións dirixidas a garanti-lo acceso a unha información orientada á xuventude e ás súas necesidades, de actividades formativas e educativas no ámbito do tempo libre, e na potenciación do asociacionismo xuvenil, actuacións que necesariamente han de influír no desenvolvemento comunitario e na súa formación integral.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 posibilita a tramitación anticipada de expedientes de gasto. O artigo 1º.1 desta orde establece que os expedientes de gasto imputables ós capítulos II, IV, VI e VII dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma poderán iniciarse no exercicio inmediatamente anterior, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta que corresponda ó exercicio orzamentario no que se vai materializa-la contraprestación.

A aplicación desta orde supón a posibilidade de axiliza-lo proceso de execución orzamentaria, beneficiando moi especialmente ós propios administrados e sen mingua da soberanía do Parlamento, toda vez que o artigo 3.1 dispón que na tramitación anticipada de expedientes de subvencións se poderá chegar como máximo ata o momento inmediatamente anterior ó da disposición ou compromiso de gasto.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, con cargo a aplicación orzamentaria 14.05.355B.460.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1999, concederalles subvención ós concellos de Galicia para o fomento e realización de actividades dirixidas á xuventude.

2. Poderán ser obxecto de subvención as actividades destinadas a:

a) Promoción da información xuvenil, comprendendo os gastos derivados do normal funcionamento dun servicio de información xuvenil (contratación de persoal, gastos correntes), así como das actividades de dinamización da información: edición de soportes informativos, información e orientación para a promoción do emprego xuvenil, campañas de difusión estacionais e utilización de medios de comunicación.

b) Realización de actividades de carácter socioeducativo dirixidas á tratar as distintas problemáticas que hoxe en día afectan a xuventude.

c) Fomento do asociacionismo xuvenil e participación da mocidade nos diferentes ámbitos da vida da comunidade.

d) Actividades de animación sociocultural no ámbito do ocio e o tempo libre e campamentos de verán.

e) Tódalas actividades que se consideren apropiadas para a promoción da xuventude nos termos de formación cultural, humana e integral da persoa.

3. Quedarán excluídos, para os efectos do parágrafo anterior, os programas docentes e deportivos previstos en plans regulados de ensino e deporte escolar e federativo.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderán solicitar subvencións tódolos concellos da Comunidade Autonoma galega.

Artigo 3º.-Normas xerais sobre subvencións. Documentación.

1. As solicitudes dirixiránselle á conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, nos rexistros das súas delegacións provinciais, ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Breve memoria explicativa do proxecto de actividades que se pretenden realizar, especificando para cada unha delas: actuacións que comprenderán a realización da actividade, número estimado de beneficiarios, lugar e datas de realización, obxectivos perseguidos, e orzamento de gastos por capítulos.

b) Certificación do secretario que recolla o acordo do órgano competente, en virtude do cal se solicita subvención.

c) Certificación dunha conta bancaria aberta polo concello.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

4. Por parte da Dirección Xeral de Xuventude, poderá requirirse os solicitantes, se fose necesario, para enmendaren dos defectos apreciados na documentación presentada, de acordo co previsto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Criterios de valoración.

Na avaliación dos proxectos presentados polos concellos terán consideración prioritaria os relacionados na alínea a) do artigo 1º.2. Así mesmo, e dentro de cada tipo de actividade das relacionadas no artigo 1º.2, terán consideración preferente os seguintes criterios:

-Adecuación das actuacións ó fin perseguido.

-Aqueles que se desenvolvan no medio rural.

-Número de beneficiarios e proxección social das actividades programadas.

-As que teñan algún compoñente educativo ou formativo sobre as simplemente lúdicas.

-A relación entre a actividade que se vaia desenvolver e as necesidades ou problemática propia ou máis destacable de cada concello.

Artigo 5º.-Contía máxima da subvención.

A contía da subvención concedida non poderá supera-lo 75% do orzamento da actividade ou conxunto de actividades obxecto de subvención.

Artigo 6º.-Resolución.

1. Recibidas as solicitudes, coa documentación presentada, serán sometidas a informe dos servicios técnicos da Dirección Xeral de Xuventude. A directora xeral de Xuventude elevaralle a correspondente proposta á conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que resolverá.

2. A resolución seralles notificada a tódolos solicitantes, no prazo máximo de tres meses, contados desde o remate do prazo de presentación das solicitudes.

Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. A dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, na vía xudicial.

3. Os solicitantes ós que non se lles concedese a subvención disporán dun prazo de 30 días naturais, contados a partir da comunicación da resolución, para retira-la documentación presentada. Transcorrido este prazo, arquivarase.

Artigo 7º.-Pagamento anticipado.

Unha vez concedida a subvención e notificada a resolución, a Dirección Xeral de Xuventude poderá efectuar proposta de pagamento anticipado dun 50% sobre a subvención concedida, sempre que o seu importe non supere os límites que estableza a vindeira Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999 para o anticipo de pagamentos en subvencións correntes.

Nos demais casos, o procedemento de pagamento efectuarase conforme dispoña a dita lei.

Artigo 8º.-Xustificación da subvención e pagamento.

1. Unha vez realizada a actividade, remitiranse os xustificantes do gasto no que se incorren ou certificación expedida polo secretario do concello na que se farán consta-las actividades realizadas segundo o proxecto presentado e subvencionado.

Os xustificantes ou certificacións deberán serlle remitidos á Dirección Xeral de Xuventude antes do día 15 de setembro de 1999.

2. Recibida e comprobada a documentación á que fai referencia o punto 1º do presente artigo, a directora xeral de Xuventude realizará proposta de pagamento da subvención, de acordo coa normativa orzamentaria que sexa de aplicación.

Artigo 9º.-Obrigas do beneficiario.

Os concellos subvencionados quedarán obrigados:

1. No caso dos que recibiran axudas con cargo ós orzamentos da Dirección Xeral de Xuventude correspondentes ó ano 1998, deberán cumpri-lo requisito de telas debidamente xustificadas para poder percibi-la subvención concedida.

2. A non modifica-la programación de actividades aprobadas sen autorización expresa da directora xeral de Xuventude.

3. A facer constar na publicidade e difusión que se xere, así como en todos aqueles soportes informativos e publicacións que se realicen, que as actividades foron subvencionadas pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

4. No caso dos proxectos destinados ó funcionamento de puntos ou oficinas de información xuvenil que foran obxecto de subvención (alínea a do artigo 1º.2), será obrigatorio como requisito previo para

poder cobra-la subvención concedida que a oficina municipal de información xuvenil estea integrado na Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil, conforme o procedemento establecido no capítulo III do Decreto 243/1998, do 30 de xullo, polo que se regula a Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil e as condicións e procedementos para o recoñecemento oficial dos servicios de información xuvenil (DOG nº 158, do 17 de agosto de 1998).

Artigo 10º.-Control e posible anulación da subvención.

A Dirección Xeral de Xuventude reserva para si o dereito a orientar tecnicamente as actividades, a comproba-los datos económicos así como a efectiva realización delas e a estender e dar a coñecer publicamente as actividades subvencionadas.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá anular total ou parcialmente a subvención concedida, cando se incumpra o obxecto do programa ou algunha das condicións establecidas nos artigos 8º e 9º da presente orde, e solicita-la devolución das cantidades percibidas, de habelas, nos prazos que establece o Regulamento xeral de recadación e a vixente Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional

No caso de que unha vez dictada a resolución de concesión de axudas amparadas nesta orde quedase crédito orzamentario sen adxudicar, poderase publicar unha segunda orde de convocatoria de axudas. En todo caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 1999.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Xuventude para dictar, no ámbito da súa competencia, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, pero no que se refire ós prazos de execución, poderanse subvencionar actividades realizadas polos concellos desde 1 de xaneiro de 1999, se son actividades que se consideran importantes para a xuventude, conforme os criterios de valoración establecidos no artigo 4º desta orde, e cumpren os requisitos e condicións establecidas nela.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 1998.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

11894