Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 8 Xoves, 14 de xaneiro de 1999 Páx. 421

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 2/1999, do 7 de xaneiro, polo que se declara 1999 ano de Roberto Blanco Torres.

A Real Academia Galega decidiu dedica-lo Día das Letras Galegas de 1999 a Roberto Blanco Torres. Escritor e xornalista, a súa obra poética de carácter vangardista, goza dunha grande intensidade e beleza, como xornalista a súa obra é moi extensa e variada,

sendo a súa sinatura considerada como unha das máis características da época en que viviu.

Escritor emigrado a Cuba, a súa evolución transcorre entre o agrarismo e o galeguismo. Comprometido co seu tempo, dirixiu varios xornais e foi un colaborador asiduo da prensa galega, vertendo o seu talante combativo en diversos xornais e revistas. O seu importante labor xornalístico faino merecente dun posto de honor no xornalismo galego.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de xaneiro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Declárase o ano 1999 en Galicia ano de Roberto Blanco Torres, polo que debe constituír unha obriga para tódolos galegos participar na homenaxe debida a este escritor.

Artigo 2º

As institucións públicas galegas, os centros de ensino, as bibliotecas, as asociacións e federacións culturais dependentes da Xunta de Galicia dedicarán unha parte da súa actividade a poñer de relevo a obra deste xornalista e poeta que tanto fixo polas letras galegas.

Artigo 3º

Como testemuña de homenaxe a Roberto Blanco Torres, a Xunta de Galicia acuñará unha medalla conmemorativa de trescentos exemplares numerados.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de xaneiro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

78