Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 12 de xaneiro de 1999 Páx. 322

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 2 de novembro de 1998 pola que se convocan subvencións a empresas editoriais para apoia-la edición do libro en galego, a traducción para o galego, e a edición noutras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 (DOG nº 34, do 19 de febreiro) regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto.

A aplicación desta orde supón un paso moi importante na axilización do proceso de execución orzamentaria coas conseguintes vantaxes para os administrados e sen mingua da soberanía do Parlamento, xa que non se poderán conceder efectivamente as subvencións ata a aprobación do crédito que vaia ampara-lo gasto.

O libro editado en galego acadou niveis de normalización comparables ós do resto do Estado, non só en presentación, deseño e tiradas, senón tamén no que respecta ós contidos. A completa normalización da nosa industria editorial precisa do esforzo das empresas do sector e da axuda da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo en razón da súa responsabilidade no desenvolvemento da cultura escrita. Pero a iniciativa privada por si soa non é capaz de abranguer temas nos que temos considerables carencias. O reducido mercado, a competencia doutras linguas e os elevados prezos de producción fan difícil a publicación en galego de libros dalgunhas materias.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, consciente da capacidade da nosa lingua para ser portadora de calquera mensaxe, considera importante para os galegos ter acceso ás obras de creación escritas noutras linguas e, ó mesmo tempo, tendo en conta a calidade que a literatura galega ten acadado nos últimos anos, considera fundamental que as obras escritas en galego poidan ser lidas por outros pobos con lingua de seu para, deste xeito, dar a coñece-la nosa literatura fóra de Galicia.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convócanse subvencións a empresas do sector editorial para apoia-la edición en galego, a traducción para para o galego, e a traducción e edición noutras linguas de obras escritas orixinariamente en galego.

As subvencións concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.02.352.A.770.0, cun crédito inicial de 144.039.000 ptas., do que se reservará a cantidade 102.439.000 ptas. para o ano 1999, e

40.000.000 de ptas. para o ano 2000, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, e terán carácter plurianual naqueles casos nos que así se faga constar nas bases específicas que acompañan esta orde.

Artigo 2º

1. Poderán optar a estas subvencións as empresas editoriais que cumpran os requisitos esixidos nesta orde establecidos nas bases específicas para a concesión das subvencións.

2. Non as poderán solicitar aqueles editores que anteriormente recibisen algunha outra subvención da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e non xustificasen o seu investimento.

Artigo 3º

As solicitudes formuladas ó abeiro da sección A) da Orde do 19 febreiro de 1998 (subvencións a obras xa editadas en lingua galega publicado no DOG nº 58, do 26 de marzo de 1998), ás que non lles foi concedida a axuda solicitada, por falta de crédito suficiente, serán tidas en conta na presente convocatoria, agás indicación do interesado en sentido contrario dirixida ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo. A tramitación dos expedientes continuará desde o trámite no que se atopaban ó remate do exercicio anterior, agás as solicitudes recollidas no Art. 3º.

Artigo 4º

Os editores que desexen acollerse ós beneficios desta orde elevarán petición segundo os prazos establecidos nas correspondentes bases específicas, por medio de instancia dirixida ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, segundo os modelos que figuran como anexos desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo ou nas súas delegacións provinciais, sen prexuízo do establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico e financeiro de Galicia.

A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

1. Declaración xurada, asinada polo presidente ou director da empresa, especificando número de contratos da empresa acollidos ó réxime xeral da Seguridade Social así como calquera outro tipo de axuda ou subvención obtida ou solicitada para financia-lo proxecto editorial de calquera Administración pública ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais. A esta declaración xuntaranse fotocopias dos correspondentes documentos TC1 e TC2 da última cotización á Seguridade Social.

2. Se o solicitante é unha persoa xurídica, acreditación da personalidade e da súa representación, mediante fotocopia compulsada da escritura pública de constitución ou modificación, se é o caso, da sociedade, e do poder notarial correpondente, ámbo

los dous documentos debidamente inscritos no Rexistro Mercantil.

3. Se o solicitante é unha persoa física deberá acredita-la súa constitución como editor, así como fotocopia da cédula de identificación fiscal ou do número de identificación fiscal

4. Certificación da conta bancaria onde conste como titular a empresa solicitante.

5. Fotocopia do último recibo do imposto de actividades económicas.

6. Catálogo da producción realizada pola editorial, así como documentación acreditativa dunha actividade editorial ininterrompida mínima de dous anos.

7. Acreditación de ter publicados un mínimo de 10 títulos en galego durante o ano anterior. Quedan excluídas as empresas que editan grandes obras ou de venda a crédito.

A documentación relacionada nos puntos 1 a 6 deste artigo presentarase unha soa vez no caso de presentar varias solicitudes, e a ela engadiráselle a documentación recollida nas bases específicas para a concesión das subvencións.

Artigo 5º

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas e valoradas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Promoción Cultural segundo os criterios de valoración establecidos no artigo 6º, e o director xeral de Promoción Cultural elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo quen resolverá dentro das dispoñibilidades orzamentarias. A resolución comunicaráselles a tódolos solicitantes.

Artigo 6º

Na valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos:

-Nivel de cumprimento de anteriores compromisos de edición; o incumprimento deles será razón suficiente para a denegación da subvención.

-Importancia do fondo editorial en galego ou relacionado con Galicia do editor solicitante.

-Calidade das obras contidas no catálogo.

-Esforzo que supón para o editor a incidencia da obra en ámbitos de especial importancia cultural pero pouca demanda comercial.

-Importancia do investimento realizado en capital e en persoal pola empresa arredor do libro galego.

-Calidade da obra.

-Continuidade dentro dunha colección.

Artigo 7º

1. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos para o obxecto concreto para o que foron concedidos e non poderán solicitar cam

bios para outros proxectos. A Dirección Xeral de Promoción Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

2. A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo comunicarálle-la resolución do conselleiro ós solicitantes, que quedarán obrigados a xustifica-las subvencións concedidas debendo comunica-la súa aceptación por escrito.

3. Os beneficiarios farán constar en cada obra que esta recibiu unha subvención da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo-Dirección Xeral de Promoción Cultural, utilizando a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia.

4. Recibidos os exemplares e a documentación á que se fai referencia nas bases específicas para a concesión das subvencións, a Dirección Xeral de Promoción Cultural, de atopalos conformes, proporá o libramento dos fondos, de acordo co calendario sinalado nas ditas bases e a normativa orzamentaria vixente.

5. O libramento do importe da subvención realizarase de acordo coa normativa orzamentaria aplicable, esixíndose certificacións expresas de non ter contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia, e de estar ó corrente nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

Artigo 8º

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo instruirá expediente sancionador, conforme o previsto na vixente Lei de procedemento administrativo e, se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houber, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Artigo 9º

De non se notificar resolución favorable no prazo de tres meses a partir da presentación da solicitude, darase por desestimada a petición, podendo o solicitante a partir desta data retira-la documentación presentada, durante os 30 días seguintes a ela. Transcorrido este prazo, arquivarase sen máis trámite.

A documentación que se lle deba xuntar á solicitude, ou que sexa requirida no seu momento para a tramitación do expediente, presentarase en orixinal ou fotocopia compulsada.

Bases específicas para a concesión das subvencións.

A) Subvencións a obras xa editadas en lingua galega.

A-1) As obras deberán estar publicadas en galego segundo a lexislación vixente (Lei 3/1983, do 15

de xuño, disposición adicional, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

A-2) Os editores deberán comercializar nas librerías un mínimo do 40 por cento da tirada declarada certificada.

A-3) A contía de cada subvención, que non poderá supera-la cantidade de 450.000 (catrocentas cincuenta mil) pesetas por libro, consistirá no equivalente ó 75% do prezo de venda ó público (sen IVE) dun máximo do 10% dos exemplares editados, ata un límite de 300 exemplares. Os libros de lectura infantís e xuvenís, un máximo do 20% dos exemplares editados, ata un límite de 500 exemplares.

A-4) As solicitudes deberán presentarse antes do 1 de outubro de 1999.

A-5) Ademais da documentación solicitada no artigo 4º da presente orde, deberase presentar:

-Constancia documental da existencia dun contrato debidamente asinado co autor que respectará o establecido na Lei de propiedade intelectual.

-Un exemplar da obra para a que se solicita subvención.

-Un certificado de tirada expedido polo impresor ou fabricante.

A-6) Para que un libro poida optar a estas subvencións terá que cumpri-las seguintes condicións:

-Ter como mínimo 50 (cincuenta) páxinas, agás os libros infantís.

-Posuí-lo número de ISBN e o do depósito legal definitivo, debendo estar feito o depósito de exemplares recollido no Decreto 36/1991. O depósito legal terá data posterior ó 10 de setembro de 1998, agás as solicitudes establecidas no artigo 3º.

A-7) Non poderán acollerse ás subvencións desta orde:

-As publicacións destinadas a uso escolar, quer como libro de texto, quer como material complementario.

-As que recibisen subvención da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-As que sexan primeiras edicións ou reedicións que leven máis de dez anos descatalogadas, ou acheguen novidades substanciais.

-As obras subvencionadas en máis dun 30% con fondos públicos.

-As publicacións de difusión gratuíta.

-As que carezan de contrato de dereitos de autor.

-As que teñan un prezo de venda ó público (incluído IVE) superior a 4.200 ptas.

A-8) Para xustifica-las subvencións deberán entregarse, nun prazo de quince días naturais con

tados a partir da comunicación da resolución, os exemplares equivalentes á subvención concedida e fotocopias dos correspondentes documentos TC1 e TC2 da última cotización á Seguridade Social.

B) Subvencións para editar en lingua galega obras de carácter non literario, obras orixinais galegas ilustradas en cor e grandes proxectos editoriais.

B-1) Estas subvencións terán carácter plurianual, segundo o disposto no Art. 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario da Xunta de Galicia, podendo a consellería comprometer outras fases do proxecto editorial, de acordo coas súas dispoñibilidades orzamentarias.

A contía que se pagará para cada anualidade expedirase logo de xustificación antes do 1 de novembro de cada exercicio do investimento realizado así como dos correspondentes documentos TC1 e TC2 da última cotización á Seguridade Social. No último ano presentarase tamén certificación da tirada realizada e a copia do contrato definitivo co autor ou autores, debidamente asinado por ámbalas dúas partes, así como o correspondente número de exemplares da obra subvencionada.

B-2) As obras que se subvencionen publicaranse en galego segundo a lexislación vixente (Lei 3/1983, do 15 de xuño, disposición adicional, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

B-3) O importe de cada subvención establecerase, de acordo coa dispoñibilidade orzamentaria, ata un máximo de 10.000.000 de ptas., nunha cantidade equivalente ó 75% do prezo de venda ó público para un número de exemplares que oscilará entre o 15% e o 50% da tirada prevista. A contía fixada na resolución poderá ser revisada á baixa polo órgano responsable da concesión da axuda, se o prezo de venda ó público e a tirada definitiva certificada non concordasen cos inicialmente declarados na solicitude.

B-4) As solicitudes deberán presentarse no prazo de 30 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

B-5) Ademais da documentación solicitada no artigo 4º da presente orde, presentarase:

-Calendario de investimentos e plan de traballo que se vai desenvolver para cada proxecto editorial.

-Número de espacios mecanografados ou matrices de que constará a obra proxectada e características técnicas do proxecto de edición.

-Modelo de contrato que a editorial asinaría co autor ou autores da obra e que respectará o establecido na Lei de propiedade intelectual.

-Un exemplar completo da obra para a que se solicita subvención, ou, se é o caso, proxecto da obra.

-Previsión de tirada e prezo de venda ó público.

C) Subvencións para a traducción de obras escritas e publicadas orixinariamente en lingua distinta do galego.

C-1) Estas subvencións terán carácter plurianual, segundo o disposto no Art. 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario da Xunta de Galicia, podendo a consellería comprometer outras fases do proxecto editorial, de acordo coas súas dispoñibilidades orzamentarias.

A contía que se vai pagar para cada anualidade expedirase logo de xustificación do investimento relizado nela, antes do 1 de novembro de cada exercicio. No último ano presentarase tamén o xustificante do pagamento realizado ó traductor, se este non fose presentado xa no primeiro ano, así como 5 exemplares da traducción editada, e fotocopias dos correspondentes documentos TC1 e TC2 da última cotización á Seguridade Social.

C-2 As obras publicaranse en galego segundo a lexislación vixente (Lei 3/1983, do 15 de xuño, disposición adicional, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

C-3) A subvención consistirá no pagamento dunda porcentaxe da traducción que pode ir do 50% ó 75%, segundo as tarifas da Asociación de Traductores Galegos.

C-4) As solicitudes deberán presentarse no prazo de 30 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

C-5) Ademais da documentación solicitada no artigo 4º da presente orde deberá presentarse:

-Calendario de investimentos e plan de traballo que se vai desenvolver para cada proxecto editorial.

-Modelo de contrato que a editorial asinaría co traductor da obra e que respectará o establecido na Lei de propiedade intelectual.

-Un exemplar completo da obra para a que se solicita subvención.

-Xustificante, se houber lugar, de ter iniciada a xestión de cesión dos dereitos precisos para a publicación da obra.

D) Subvencións para editar noutras linguas obras publicadas orixinariamente en galego.

D-1) Estas subvencións terán carácter plurianual, segundo o disposto no Art. 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario da Xunta de Galicia, podendo a consellería comprometer outras fases do proxecto editorial, de acordo coas súas dispoñibilidades orzamentarias.

A contía que se vai pagar para cada anualidade expedirase logo de xustificación do investimento rea

lizado nela e fotocopias dos correspondentes documentos TC1 e TC2 da última cotización á Seguridade Social ou documentos equivalentes no caso de edicións estranxeiras, antes do 1 de novembro de cada exercicio. No último ano presentarase tamén o xustificante do pagamento realizado ó traductor, se este non fose presentado xa no primeiro ano, así como 15 exemplares da obra editada.

D-2) A contía de cada subvención será de 3.000 a 4.000 (tres mil a catro mil) ptas. por páxina para as obras que se vaian editar en linguas da Península Ibérica, e de 4.000 a 7.000 (catro mil a sete mil) ptas. por páxina para as obras que se editen nas outras linguas do mundo, ata un máximo, en tódolos casos, de 950.000 (novecentas cincuenta mil) ptas. por obra. Tómase como páxina tipo a de 1.800 caracteres e para a realización do cómputo utilizarase o libro editado en galego.

D-3) As solicitudes deberán presentarse no prazo de 30 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. En empresas editoriais extranxeiras o prazo de presentación será de 40 días naturais.

D-4) Ademais da documentación solicitada no artigo 4º da presenta orde, deberá presentar:

-Calendario de investimentos e plan de traballo que se vai desenvolver para cada proxecto editorial.

-Modelo dos contratos que a editorial asinaría co autor, autores ou traductor da obra e que respectará o establecido na Lei de propiedade intelectual.

-Un exemplar da obra para a que se solicita subvención.

-Acordo de cesión dos dereitos.

Disposición adicional

Única.-En caso de que se agotasen as dispoñibilidades orzamentarias dentro do prazo de vixencia da presente orde, o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, declarará cerrado o prazo de admisión de solicitudes.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción Cultural para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 1998.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

108