Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Venres, 08 de xaneiro de 1999 Páx. 237

V. ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

XULGADO DE PRIMEIRA INSTANCIA E INSTRUCCIÓN NÚMERO UN DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

EDICTO de notificación de sentencia. (130/1998).

En Santiago de Compostela o vinte de novembro de mil novecentos noventa e oito.

Vistos os presentes autos de xuízo de faltas número 1/1998, por José Espinosa Lozano, maxistrado-xuíz de primeira instancia de instrucción número un desta cidade, dictouse esta resolución de acordo co que se dirá, sendo partes Rosalía Gil García e Jesús Sánchez Vázquez, como denunciantes, e como denunciados, José Manuel Vázquez García, Miguel Ángel Calvo Bello e Víctor Manuel Duro Rodríguez, este último a través da súa avogada e procurador Bugallo Varela e Barreiro Fernández, respectivamente.

1. Antecedentes:

Primeiro. As actuacións teñen a súa orixe na denuncia que con data do 29 de xuño de 1997 puxo perante a Comisaría de Santiago a Gil García, na cal manifestou que sobre as 4 horas, cando estaba

no seu domicilio co seu home (Sánchez Vázquez), se presentaron os tres denunciados, que eran coñecidos da súa filla, Víctor e Manuel, e o terceiro (José Manuel) que levaba unha arma de cor escura, dicindo que era policía, esixindo que a súa filla entregase unhas fitas de casetes, dando golpes na porta, a cal chegaron a romper pola parte superior, intentando pasar dentro.

Que ó dárlle-las fitas pola ventá lle dixeron que ían mata-lo seu home, saíndo este último cun martelo e un coitelo para defendela, ante o cal fuxiron, e cando a denunciante ía coa súa filla chama-la policía desde unha cabina, o que se fixo pasar por policía arrincoulle o teléfono das mans e díxolle que o seu home tivese coidado ó andar pola rúa.

Segundo. Suspendida a vista oral do 17 de marzo de 1998, toda vez que os danos na porta non eran prexuízo dos denunciantes, ó se-la vivenda de aluguer, e non ter sido identificada e citada a persoa propietaria, resultou ser esta Rosa de la Fuente Calvo, a cal renunciou a tódalas súas accións con posterioridade á nova suspensión do xuízo, que estaba sinalado para o 2 de xuño de 1998, e que non puido ter lugar por non estar citado o Calvo Bello.

Terceiro. Na última vista, que tivo lugar o 17 de novembro de 1998, non compareceron máis que o Vázquez García, o procurador e a Lda. do Duro

Rodríguez, solicitando a Lda. a absolución do seu cliente por falta de acusación.

2. Feitos probados:

Primeiro. Non chegaron a probarse os actos que se detallan na denuncia, que se resume no antecedente primeiro desta resolución, e que se dan aquí por reproducidos por cuestións de brevidade.

3. Fundamentos de dereito:

Primeiro. Procede facer algunhas puntualizacións: así, dunha parte, considerouse como denunciante (por ameazas e coaccións) a Jesús Sánchez Vázquez, cando a denuncia a puxo só a súa esposa, Gil García, non quedando constancia de que actuase ademais de en nome propio, en nome do seu home, como mandataria verbal del. Doutra banda, considerouse desde o inicio que os danos causados na porta non foron intencionados se non de maneira accidental, razón pola cal non se peritaron estes, nin interveu o Ministerio Fiscal na causa, non foi citada a xuízo a propietaria do piso danado unha vez que constou a renuncia ás súas accións. E, por último, que a Gil García e o seu home, non compareceron ó xuízo nin na sesión do 2 de xuño nin na do 17 de novembro de 1998, deducíndose disto o seu desinterese polo asunto, posiblemente por tantas suspensións, e non acreditando causa para non facelo. O certo é que non saben se o Calvo Bello foi ou non citado para o 17 de novembro, polo que se chegaría a igual

resultado se houbese outra nova suspensión. De non se-la vontade da prexudicada desentenderse xa do asunto poderá facelo ver a través do recurso de apelación.

Segundo. Sendo necesaria a actividade da parte prexudicada para a persecución das conductas tipificadas no artigo 620 do Código Penal, a falta de acusación implica necesariamente a sentencia absolutoria, non devengándose custas.

Decido: absolvo a José Manuel Vázquez García, Víctor Manuel Duro Rodríguez e Miguel Ángel Calvo Bello, respecto de responsabilidade penal polos feitos que se lles imputan.

Así por esta miña sentencia, que será notificada ás partes coa advertencia de que contra ela poderán interpoñer recurso de apelación perante este xulgado para a Audiencia Provincial da Coruña no prazo de cinco días desde a última notificación, e da que se unirá certificación ás actuacións orixinais para a súa notificación e cumprimento, pronúncioo, mándoo e asínoo.

Publicación. A anterior sentencia foi lida e publicada por José Espinosa Lozano, maxistrado-xuíz de primeira instancia e instrucción número un, que a dictou constituído en audiencia pública, no día da data. Dou fe.

Rubricado

11084