Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Martes, 05 de xaneiro de 1999 Páx. 101

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 15 de decembro de 1998 pola que se convocan once bolsas de colaboración para a realización de tarefas de estudio e análise relacionadas co dereito autonómico galego no ano 1999.

O artigo 3.1º.g da Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, prevé entre os fins da Escola a investigación, a documentación, o estudio e a realización de traballos de divulgación no eido da Administración pública, promovendo a súa máxima difusión.

De conformidade coa referida disposición, convócanse 11 bolsas de colaboración en tarefas de estudio e análise relacionadas co dereito autonómico galego, segundo as seguintes bases:

Primeira.- Obxecto.

A Escola Galega de Administración Pública convoca once bolsas de colaboración en tarefas de estudio e análise relacionadas co dereito autonómico galego.

Segunda.- Duración e dotación económica.

As tarefas relativas a estas bolsas realizaranse durante 1999 e terán unha duración de 10 meses. Poderán ser prorrogadas, en función do aproveitamento do adxudicatario, sempre que exista crédito adecuado e suficiente.

A dotación económica de cada bolsa será de 132.850 pesetas mensuais.

O importe citado será pagado pola Escola Galega de Administración Pública, logo de certificación emitida polo director xeral xefe da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, acreditativa das tarefas executadas.

Terceira.- Natureza xurídica da relación.

A condición de bolseiro non xerará unha relación laboral ou administrativa coa Xunta de Galicia nin a súa inclusión na Seguridade Social.

Cuarta.- Requisitos dos participantes.

Poderán optar ás bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

Ser licenciado en dereito.

Ter formación e/ou coñecementos en lingua galega.

Quinta.- Solicitudes.

As persoas interesadas presentarán no Rexistro da Escola Galega de Administración Pública, dentro dos quince días naturais seguintes ó de publicación desta convocatoria, a seguinte documentación:

a) Unha instancia de admisión para participar nas probas de selección, segundo o modelo anexo.

b) Currículum vitae e certificación académica na que se detallen as cualificacións obtidas.

c) Documentos que acrediten a formación e/ou coñecemento en lingua galega.

d) Memoria descritiva en cinco folios como mínimo e dez como máximo sobre compilación e actualización da normativa administrativa.

Sexta.- Tribunal.

Presidente: o xefe do Gabinete de Asesoramento e Apoio a Actualización Normativa.

Vocais: o secretario da Escola Galega de Administración Pública.

O Xefe do Gabinete de Asuntos Constitucionais e Defensa Xurisdiccional.

Secretario: un funcionario dependente da Asesoría Xurídica Xeral.

Sétima.- Criterios para a selección dos bolseiros.

A selección levarase a cabo mediante a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

a) Expediente académico: ata catro puntos.

b) Currículum vitae: ata dous puntos.

c) Coñecementos da lingua galega: ata dous puntos.

d) Memoria descritiva: ata cinco puntos.

O tribunal poderá levar a cabo unha entrevista cos aspirantes preseleccionados por ter acreditados máis de sete puntos no anterior baremo, que versará sobre os seus méritos curriculares e a memoria cunha duración máxima de quince minutos. En función do contido da entrevista, o tribunal poderá aumenta-la puntuación inicial asignada nun máximo do 25 por cento da que lles correspondese por aplicación do baremo.

Finalmente o tribunal fará pública a relación de candidatos por orde de puntuación.

Oitava.- Réxime de colaboración.

Os aspirantes seleccionados incorporaranse, logo da aceptación da bolsa, no prazo dos tres días naturais seguintes ó da notificación do outorgamento.

No caso de que un adxudicatario por calquera motivo non poida presta-la súa colaboración, será substituído polo candidato seguinte por orde de puntuación.

Os bolseiros prestarán a súa colaboración baixo as indicacións do xefe do Gabinete da Asesoría Xurídica Xeral a que se asignen, en horario de mañá ou tarde, de luns a venres, no local que se estableza. Os traballos realizados quedarán en propiedade da Xunta de Galicia.

Os bolseiros presentarán, á finalización das bolsas, un informe sobre os traballos realizados.

Novena.-Cláusula xeral.

No caso de incumprimento das tarefas de colaboración, a escola poderá, por proposta do director

xeral xefe da Asesoría Xurídica Xeral e logo de escoita-la persoa afectada, anula-la bolsa.

A solicitude das bolsas implica o coñecemento e aceptación das presentes bases.

Décima.- Tramitación anticipada.

Ó abeiro do disposto na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes, as obrigas derivadas desta convocatoria estarán condicionadas á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1999.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 1998.

Domingo Bello Janeiro

Director xeral da Escola Galega de Administración

Pública

11622