Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Martes, 05 de xaneiro de 1999 Páx. 86

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 18 de decembro de 1998 pola que se regulan as axudas para mantemento de centros e servicios dedicados á atención á primeira infancia dependentes de entidades privadas de iniciativa social.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, inclúe, no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación, os servicios sociais da familia, infancia e mocidade, correspondéndolle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude as competencias neste sector de conformidade co disposto no artigo 1 do Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a súa estructura orgánica.

Así mesmo, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia establece no seu artigo 15 b) que a Xunta de Galicia promoverá os recursos destinados á atención á infancia, procurando que estes dispoñan dos medios necesarios para o seu desenvolvemento integral.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, posibilita a tramitación anticipada de expedientes de gasto imputados ó capítulo IV, no exercicio inmediatamente anterior ó dos orzamentos con cargo ós que se vaian imputa-los correspondentes gastos, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ó exercicio orzamentario no que se vaia materializa-la contraprestación.

A Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario, establece no seu artigo 78 o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia, e os demais requisitos esixidos no proxecto de Lei de orzamentos xerais da comunidade galega para o ano 1999 aprobado polo Consello da Xunta de Galicia con data do 15 de outubro de 1998.

Con este fin, no devandito proxecto de Lei de orzamentos, na aplicación 14.02.212A.482.0 existe partida orzamentaria consignada pola contía de 213.995.000 ptas. ou o seu equivalente en euros para as axudas que se establecen no articulado da presente orde.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin ó que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto a convocatoria de axudas económicas para mantemento de centros e servicios dedicados á atención á primeira infancia dependentes de entidades privadas de iniciativa social que

cumpran os requisitos establecidos no Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servicios sociais, e na Orde do 29 de febreiro de 1996 da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, pola que se regulan os requisitos específicos que deben reuni-los centros de menores e os centros de atención á infancia, que presten atención educativa e asistencial preferentemente a nenos/as de 0 a 3 anos.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar estas axudas as entidades privadas de iniciativa social que, cumprindo os obxectivos anteriores, desenvolvan as súas actividades na Comunidade Autónoma e estean debidamente inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, de acordo co disposto no Decreto 291/1995, do 3 de novembro.

Artigo 3º.-Tipo de axuda.

A axuda destinada a estas entidades concederase en forma de subvención de mantemento, entendéndose por tal os seguintes conceptos:

-Gastos de persoal.

-Gastos de alimentación.

-Outros gastos xerais de mantemento do centro.

Artigo 4º.-Módulos de referencia para o cálculo da axuda.

Para cuantificar economicamente as axudas teranse en conta os seguintes módulos:

Módulo A: centros que posúan unidades de atención a nenos e nenas de 0 a 1 anos e que ofrezan servicio de comedor a estes. Estímase o custo máximo que se vai subvencionar por neno/mes en 18.000 ptas.

Módulo B: centros que dispoñan de unidades de atención a nenos e nenas de 1 a 3 anos e que ofrezan servicio de comedor a estes. Estímase o custo máximo que se vai subvencionar por neno/mes en 15.000 ptas.

Módulo C: aplicarase no caso de nenos e nenas de 1 a 3 anos que presenten minusvalidez física, psíquica ou sensorial, debidamente diagnosticada polos equipos de valoración e orientación das delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, e que utilicen os servicios de comedor. Estímase o custo máximo que se vai subvencionar por neno/mes en 18.000 ptas.

Módulo D: centros que dispoñan de unidades de atención a nenos e nenas de 1 a 3 anos e que non ofrezan servicio de comedor. Estímase o custo máximo que se vai subvencionar por neno/mes en 10.000 ptas.

O importe destes módulos verase incrementado nun 20% cando a familia sexa monoparental ou asista máis dun irmán á gardería, situación que debe acreditarse debidamente.

O importe da axuda non poderá supera-lo custo da praza na escola infantil.

Complemento adicional: aqueles centros que posúan servicio de transporte e/ou horario ampliado, entendendo por tal aquel que exceda en 40 horas mensuais

o mínimo establecido, percibirán un complemento adicional máximo que se vai subvencionar por neno/mes estimado en 2.000 ptas.

Artígo 5º.-Cálculo da axuda.

1. Estas axudas calcularanse en función dos nenos atendidos integrantes dunha unidade familiar cunha renda per cápita mensual inferior a 40.000 ptas., fidedignamente acreditada. Enténdese por unidade familiar, para estes efectos, a formada polos pais e fillos. No caso de familias monoparentais só pai ou nai e fillos.

2. Para acredita-la referida renda é preciso presentar:

-Fotocopia da última declaración da renda, conxunta ou individual de ámbolos dous pais.

-Caso de non estar suxeitos á obriga de declarar, certificación negativa de Facenda, acompañada da última nómina ou da correspondente certificación expedida polo organismo competente dos ingresos que percibe a unidade familiar.

-Cando se produzan causas sobrevidas que afecten os recursos da unidade familiar, é preciso un informe da asistente social do concello neste sentido. Así mesmo, é preciso o devandito informe naqueles casos que por distintas razóns non se poidan acredita-las rendas dos pais con escasos recursos.

3. O importe destas axudas repercutirá directamente nas familias que serviron de base para o seu cálculo ou naquelas que as substitúan no centro e teñan similares circunstancias económicas.

4. A concesión destas axudas está supeditada á existencia de crédito suficiente. No caso de insuficiencia de crédito, estas deberán reducirse proporcionalmente de xeito tal que as contías das axudas sexan iguais por cada neno-módulo para tódalas entidades que resulten beneficiarias.

5. No caso de que unha vez calculadas estas axudas existira remanente de crédito, este poderase distribuír con base nos mesmos módulos de referencia do artigo 4º, entre as familias cunha renda per cápita mensual superior, empezando polas rendas máis próximas a 40.000 ptas. ata esgota-lo remanente referido.

Artigo 6º.-Cotas complementarias.

1. Cando as contías destas axudas non sexan suficientes para cubri-lo custo total das prazas subvencionadas, os centros poderán completa-lo con cotas dos pais. Neste caso as cotas complementarias que aboen os pais en ningún caso poderán supera-los prezos máximos establecidos polo Decreto 179/1992, do 26 de xuño, polo que se fixan as tarifas de prezos para as garderías infantís dependentes desta consellería:

-Menos de 20.000 ptas.: exento total.

-De 20.001 a 30.000 ptas.: 3.000 ptas.

-De 30.001 a 40.000 ptas.: 7.500 ptas.

No caso de aplicarse o artigo 5º.5 da presente orde:

-De 40.001 a 55.000 ptas.: 11.250 ptas.

-Máis de 55.001 ptas.: 15.000 ptas.

Estas cotas complementarias serán de aplicación a partir do 1 de setembro de 1999, momento no que os directores/as das escolas infantís comunicarán ás familias afectadas a axuda outorgada pola consellería, así como a cota que teñen que aboar.

Artigo 7º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes presentaranse segundo modelo oficial (anexo I) xunto coa seguinte documentación:

a) Proxecto educativo do curso 1998-1999.

b) Ficha bancaria (anexo II).

c) Certificación bancaria da conta corrente na que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida agás no caso de que se manteña unha conta anterior, xa certificada; neste caso será suficiente unha declaración xurada nese sentido.

d) Acreditación da personalidade e representación do solicitante.

e) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

f) Declaración das subvencións obtidas doutros entes públicos ou privados para a mesma finalidade ou negativa, se é o caso.

g) Fotocopia compulsada do permiso para o inicio das actividades, de acordo cos artigos 6 e 20 do Decreto 243/1995 e co artigo 5 da orde da Consellería de Familia, Muller e Xuventude do 29 de febreiro de 1996 ou certificación acreditativa de que o dito permiso está en trámite.

2. As entidades solicitantes deberán presentar, ademais da documentación requirida, a documentación estatística relativa á institución, debidamente cuberta, no modelo oficial conforme os anexos IV e V da presente orde.

3. Aquelas institucións que soliciten subvencións por primeira vez ou as que, aínda solicitándoas en anos anteriores, sufrisen variacións estatutarias, deberán presentar ademais fotocopia compulsada dos seus estatutos ou das variacións que haxa neles.

4. Non será necesario presentar documentos xa achegados en convocatorias anteriores, agás que se producisen modificacións ou variacións deles, de acordo co previsto no artigo 35. f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Tódolos documentos que se acheguen deben presentarse en orixinal ou fotocopia compulsada.

Artigo 8º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

A solicitude e maila documentación requirida presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, sendo de aplicación en todo caso, o disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde.

Artigo 9º.-Tramitación dos expedientes.

1. As delegacións provinciais da consellería comprobarán que os expedientes reúnen tódolos requisitos recollidos na presente orde e procederán a reclamarlles por escrito ós interesados a falta e/ou os documentos preceptivos para completalos, co apercibimento de que, se non se fixese así, no prazo de dez días arquivarase o expediente sen máis trámite.

2. Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiranse á Comisión Provincial de Valoración que terá a función de propoñe-la aprobación ou denegación das axudas solicitadas.

3. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

Presidente: xefe/a do Servicio de Familia, Infancia e Menores.

Vocais: tres funcionarios da respectiva delegación designados polo delegado provincial, un dos cales actuará como secretario. Poderá asistir tamén, con voz pero sen voto, un representante da Intervención Territorial.

Artigo 10º.-Resolución.

1. A resolución das axudas, por proposta da Comisión de Valoración, e despois da súa fiscalización pola Intervención Territorial, correspóndelles ós delegados provinciais da consellería, que deberán resolver no prazo de dous meses contados a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. As solicitudes non resoltas neste prazo teranse por desestimadas.

2. As resolucións seránlles notificadas ós interesados, debendo ser motivadas as de carácter denegatorio.

Artigo 11º.-Pagamento e xustificación das subvencións.

1. Unha vez dictada a resolución pola que se conceda a subvención procederase ó pagamento e xustificación de conformidade co establecido na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1999 da seguinte forma:

1.1. Para aquelas que non superen o importe dun millón de pesetas poderá anticiparse ata un 80% da contía outorgada, expedíndose o 20% restante unha vez presentada pola entidade certificación, na que se especifique a cantidade exacta do gasto realizado na finalidade obxecto de axuda. En todo caso, o importe do gasto certificado debe ser igual ou superior á axuda concedida.

1.2. Nos demais casos poderá facerse efectivo o pagamento da axuda do seguinte xeito:

a) Un primeiro prazo do 50% da totalidade da subvención, no momento da súa concesión, logo da presentación pola entidade do certificado que acredite o inicio das actividades.

b) O 50% restante unha vez presentada pola entidade certificación, expedida polo órgano competente, na que se especifique a cantidade exacta do gasto

realizado na finalidade obxecto da axuda. En todo caso o importe do gasto certificado debe ser igual ou superior á axuda concedida.

2. A entidade receptora deberá presentar antes do 31 de xaneiro do exercicio seguinte, perante a delegación provincial respectiva, un balance de ingresos e gastos compresivo de todo o ano natural conforme o anexo III. O cumprimento deste trámite considérase requisito previo para a concesión das subvencións nos exercicios seguintes.

Artigo 12º.-Outras obrigas das entidades subvencionadas.

As entidades subvencionadas deberán cumprir, ademais, as seguintes obrigas:

a) Remiti-los informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da consellería.

b) Facilita-la inspección e control dos órganos competentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude sobre os seus centros e actividades.

c) Enviar á delegación provincial correspondente antes do 31 de decembro unha lista detallada de beneficiarios coas cotas complementarias que aboaron. O cumprimento deste trámite considérase requisito imprescindible para a concesión de novas subvencións.

Artigo 13º.-Revogación.

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións esixidas constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o previsto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-De acordo co disposto no artigo 3.1º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ó da disposición ou compromiso de gasto.

Segunda.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para estes fins. En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberán realizarse dentro do exercicio económico 1999.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Familia para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 1998.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude

11808