Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Martes, 05 de xaneiro de 1999 Páx. 73

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 18 de decembro de 1998 pola que se convocan axudas para o mantemento de centros de atención á primeira infancia dependentes das corporacións locais.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, inclúe, no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación, os servicios sociais da familia, infancia e mocidade, atribuíndolle o Decreto 488/1997, do 26 de decembro, á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude as competencias neste sector.

Así mesmo, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia establece no seu artigo 15 b) que a Xunta de Galicia promoverá os recursos destinados á atención á infancia, procurando que estes dispoñan dos medios necesarios para o seu desenvolvemento integral.

Por outra banda o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais é o órgano da Administración do Estado ó que lle corresponde a promoción e o fomento dos programas sociais no marco das obrigas estatais e da cooperación coas comunidades autónomas, coofinanciando estas axudas en materia de primeira infancia (0-3) xunto coa Comunidade Autónoma de Galicia.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, posibilita a tramitación anticipada de expedientes de gasto imputados ó capítulo VII, no exercicio inmediatamente anterior ó dos orzamentos con cargo ós que se vaian imputa-los correspondentes gastos, sempre que exista crédito axeitado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ó exercicio orzamentario no que se vaia materializa-la contraprestación.

A Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario, establece no seu artigo 78 o réxime xeral de concesión de axudas e subvencións con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia, e os demais requisitos esixidos no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade galega para o ano 1999 aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 15 de outubro de 1998.

Con este fin no devandito proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1999, nas aplicacións orzamentarias 14.02.212A.461.0 e 14.02.212D.460.0 existen partidas orzamentarias consignadas para as axudas que se establecen no articulado da presente orde.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios ó fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. A presente orde ten por obxecto a convocatoria de axudas económicas para subvenciona-lo mantemento de centros dedicados á atención á primeira infancia dependentes das corporacións locais que cumpran os requisitos establecidos no Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servicios sociais e na Orde do 29 de febreiro de 1996 da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, pola que se regulan os requisitos específicos que deben reuni-los centros de menores e os centros de atención á infancia, e que presten atención educativa e asistencial preferentemente a nenos de 0 a 3 anos.

2. Quedan excluídos da presente orde todos aqueles programas de atención á primeira infancia que polas súas propias características non se apoien para a súa execución en centros municipais.

Artigo 2º.-Criterios de concesión.

Serán criterios preferentes para a concesión das axudas previstas nesta orde, e co obxecto de dar continuidade ós centros en funcionamento:

a)Aqueles centros que fosen cofinanciados en anos anteriores con cargo ó Programa de Atención á Primeira Infancia (0-3) polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, a Comunidade Autónoma e a corporación local.

b)Os centros de atención á primeira infancia que recibiron subvencións da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude en anos anteriores e obtiveran unha valoración satisfactoria.

c)As novas solicitudes atenderanse en función da dotación de recursos e criterios de necesidade e poboación.

Artigo 3º.-Tipo de axuda.

A axuda destinada a estes servicios concederase en forma de subvención de mantemento, entendéndose por tal os seguintes conceptos:

-Gastos de persoal.

-Gastos de alimentación.

-Outros gastos xerais de mantemento do centro.

Artigo 4º.-Módulos de referencia para o cálculo da axuda.

1. Os módulos de referencia para o cálculo da axuda serán os seguintes:

a) Contía mensual da subvención en función do número de prazas ocupadas da gardería:

Con comedorSen comedor

De 0-20 prazas14.000 ptas./praza12.000 ptas./praza

De 21-30 prazas13.000 ptas./praza11.000 ptas./praza

De 31-40 prazas12.000 ptas./praza10.000 ptas./praza

De 41-52 prazas11.000 ptas./praza9.000 ptas./praza

Máis de 52 prazas7.000.000 de ptas.6.000.000 de ptas.

b) Contía mensual da subvención en función da renda per cápita da unidade familiar.

-Por cada neno atendido de menos de tres anos, integrante dunha unidade familiar cunha renda per cápita mensual inferior a 40.000 ptas. = 4.000 ptas.

Enténdese por unidade familiar para estes efectos aquela formada polos pais e fillos.

Aquelas garderías que debido ó intervalo aplicado conforme o punto 4.1 do baremo establecido nesta orde, lles resulte a contía que se vai subvencionar inferior a aquela que lle correspondería a outra gardería que se atope no límite superior do intervalo inmediatamente inferior, recibirán o importe que lle correspondería a esta última.

Se como consecuencia da aplicación dos módulos establecidos neste artigo a contía que se vai subvencionar é superior á diferencia entre os ingresos e os gastos previstos para o exercicio 1999, segundo os datos consignados nos recadros correspondentes (anexo I), reducirase nesa proporción.

2. En caso de non existir crédito suficiente, reducirase a contía das axudas en igual proporción a tódolas corporacións locais que resulten beneficiarias.

Artigo 5º.-Financiamento.

As corporacións locais deberán participar no financiamento do mantemento do centro alomenos cun 20% do seu orzamento total.

Artigo 6º.-Solicitude e documentación.

As solicitudes presentaranse segundo modelo oficial (anexo I) xunto coa seguinte documentación:

1. Proxecto educativo do curso 98/99.

2. Certificación da contía establecida nos orzamentos da corporación local da cantidade específica destinada ó mantemento do centro de atención á primeira infancia.

3. Certificación bancaria da conta corrente na que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida (anexo II).

4. Memoria do centro do curso escolar 97/98.

5. Fotocopia compulsada do permiso de inicio das actividades de acordo cos artigos 6 e 20 do Decreto 243/1995 e co artigo 5 da orde da Consellería de Familia, Muller e Xuventude do 29 de febreiro de 1996, ou certificación acreditativa de que o dito permiso está en trámite.

6. Os documentos que se acheguen deben presentarse en orixinal ou fotocopia compulsada.

7. Os documentos xa achegados en convocatorias anteriores non será necesario presentalos de novo, agás que se producisen modificacións ou variacións neles, de acordo co previsto no artigo 35.f) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

8. As entidades solicitantes deberán presentar, ademais da documentación requirida, a documentación estatística relativa á institución, debidamente cuberta no modelo oficial conforme o anexo IV da presente orde.

No caso de que se acollan á subvención en función dos recursos familiares (Art.4º.b) ademais da documentación anterior deberán presentar:

-Fotocopia da última declaración da renda, ben conxunta, ben individual de ámbolos dous pais.

-En caso de non estar suxeitos á obriga de declarar, certificación negativa de Facenda, xunto coa última nómina ou da correspondente certificación expedida polo organismo competente dos ingresos que percibe a unidade familiar.

-Cando se produzan causas sobrevidas que afecten os recursos da unidade familiar, é preciso un informe do asistente social do concello neste sentido. Así mesmo, é preciso o devandito informe naqueles casos nos que por distintas razóns non se poidan acredita-las rendas dos pais con escasos recursos.

Artigo 7º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

1. A solicitude e maila documentación requirida presentaranse na Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, sendo de aplicación, en todo caso, o disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8º.-Tramitación.

1. Os órganos responsables da tramitación dos expedientes comprobarán que estes reúnen tódolos requisitos recollidos na presente orde e procederán a reclamarlles por escrito ós interesados a falta e/ou documentos preceptivos para completa-los expedientes, co apercibimento de que se así non o fixesen nun prazo de 10 días, considerarase que desistiron da súa petición, arquivándose sen máis trámite segundo o disposto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común.

2. Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiranse á Comisión Central de Valoración que terá a función de propoñe-la concesión ou denegación das axudas ó órgano competente para a súa resolución.

A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

Presidente: a directora xeral de Familia.

Vocais: 3 funcionarios designados pola conselleira por proposta da directora xeral, actuando un deles como secretario.

Á dita comisión poderá asistir, con voz pero sen voto un representante da intervención competente.

Artigo 9º.-Resolución.

1. A resolución das axudas por proposta da Comisión de Valoración e unha vez fiscalizadas pola intervención, correspóndelle á conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, no prazo máximo de dous meses contados a partir da data de

remate do prazo de presentación das solicitudes. As solicitudes non resoltas neste prazo teranse por desestimadas.

2. As resolucións serán notificadas ós interesados debendo ser motivadas as de carácter denegatorio.

3. O órgano competente poderá modifica-las devanditas resolucións se houbese alteración nas circunstancias que serviron de base para o seu outorgamento.

4. As resolucións concedidas serán comunicadas ó Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais para o seu coñecemento.

Artigo 10º.-Xustificación e pagamento.

Unha vez dictada a resolución pola que se concede a subvención, procederase á xustificación e pagamento na forma que se indica a continuación.

1. As subvencións poderanse facer efectivas de conformidade co establecido na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999 da seguinte forma: para aquelas que non superen o importe dun millón de pesetas (1.000.000 de ptas.) poderá anticiparse ata un 80% da contía outorgada, mediante a correspondente certificación de inicio de actividades, expedíndose o 20% restante unha vez presentada pola corporación local certificación expedida polo órgano competente na que se especifique a cantidade exacta do gasto realizado na finalidade obxecto da axuda. En todo caso, o importe do gasto certificado debe ser igual ou superior á axuda concedida máis a achega da corporación local segundo o disposto no artigo 5º.

2. Nos demais casos poderá facerse efectivo o pagamento da axuda do seguinte xeito:

a) Un primeiro prazo do 30% da totalidade da subvención, no momento da súa concesión. Para facer efectivo este anticipo deberá presentarse como medio provisional de xustificación unha certificación emitida polo órgano competente da corporación do inicio das actividades.

b) Ata o 80% do total concedido (o seguinte 50% da subvención logo do anticipo) mediante pagamentos parciais, sempre que se presenten as correspondentes certificacións de gastos que deberán incluí-lo recibido en concepto de anticipo, agás no caso de que se poida xustificar que a corporación ten realizado un gasto igual ou superior á cantidade concedida máis a achega da corporación local, segundo o disposto no artigo 5º; neste caso, procederase ó aboamento do 100% da subvención tal e como se especifica no punto seguinte.

c) O 20% restante, unha vez presentada pola corporación certificación expedida polo órgano competente na que se especifique a cantidade exacta do gasto realizado na finalidade obxecto da axuda. En todo caso, o importe do gasto certificado debe ser igual ou superior á axuda concedida máis a achega da corporación local segundo o disposto no artigo 5º.

A entidade local receptora deberá presentar antes do 31 de xaneiro do exercicio seguinte, perante a

Dirección Xeral de Familia, un balance de ingresos e gastos compresivo de todo o ano natural conforme o anexo III.

Así mesmo, a dita corporación deberá emitir no prazo de 20 días contados a partir da recepción da cantidade correspondente, certificación acreditativa de que foi rexistrado na súa contabilidade o ingreso da subvención, figurando co destino final para o que foi concedida.

Artigo 11º.-Outras obrigas.

As corporacións locais estarán, ademais, obrigadas a:

a) Facilita-la inspección e control dos órganos competentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude respecto dos centros subvencionados.

b) Remiti-los informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Disposicións adicionais

Primeira.-De acordo co disposto no artigo 3.1º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ó da disposición ou compromiso de gasto.

Segunda.-A concesión das axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para estes fins. As actuacións que se subvencionen deberán realizarse dentro do exercicio económico de 1999.

Terceira.-As entidades locais beneficiarias quedan obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación que poida acorda-la Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude así como as de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda e as previstas na normativa do Consello de Contas.

Cuarta.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións esixidas constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o previsto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase a directora xeral de Familia para dictar cantas disposicións sexan precisas en relación coa presente orde.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 1998.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude

11804