Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Martes, 05 de xaneiro de 1999 Páx. 52

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 347/1998, do 18 de decembro, polo que se regulan as iniciativas locais de emprego, e o procedemento para a súa cualificación e inscrición rexistral.

Polo Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, foille transferida á Comunidade Autónoma de Galicia a xestión realizada polo Inem no ámbito do traballo, emprego e formación, transferencia que foi efectivamente asumida e asignada á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude en virtude do Decreto 289/1997, do 9 de outubro, en relación co Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a súa estructura orgánica. Na súa consecuencia, e dentro do ámbito funcional que vai desenvolvela pola Dirección Xeral de Fomento do Emprego, correspóndelle a cualificación e inscrición das iniciativas locais de emprego que se proxecten en Galicia.

O programa de iniciativas locais de emprego enmárcase nunha acción combinada e coordinada de creación de emprego no ámbito rural e local que se caracteriza pola cooperación institucional de dúas administracións, a autonómica e a local, na colaboración con iniciativas privadas para a posta en marcha de pequenas empresas que veñen amosando unha importancia cualitativa relevante, moi especialmente nas zonas rurais e nos pequenos núcleos urbanos, non só polo emprego directo que xeran, senón tamén como motores da dinamización económica e social, favorecendo o asentamento da poboación e a aparición de novas actividades económicas.

Así mesmo, nos acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en Galicia 1998-2001, asinado o 13 de xullo de 1998 pola Xunta de Galicia, a CEG, UGT - Galicia e o S.N. CC.OO. de Galicia, incídese na relevancia das iniciativas locais de emprego para lles dar resposta ás novas necesidades sociais a través de actividades xeradoras de emprego cualificadas como novos viveiros de emprego.

Nesta perspectiva cómpre darlles un novo impulso e potenciar, para a súa xeneralización en toda a xeografía galega, aqueles proxectos empresariais de iniciativa privada que contando coa colaboración dunha Administración local de carácter territorial ou da Administración autonómica, xeren emprego estable e contribúan ó desenvolvemento da zona ou comarca onde se implanten. Neste sentido e pola súa significativa importancia faise preciso unha selección anterior dos proxectos a través da súa previa cualificación e inscrición rexistral.

A diferencia da normativa estatal que regula nunha única norma, a orde ministerial do 12 de abril de 1994, o procedemento de cualificación e o marco

de axudas dirixido ás iniciativas locais de emprego, para unha mellor adaptación e adecuación ás normas de funcionamento desta Administración autonómica, optouse por regular ámbolos aspectos por separado no ano 1998, para os efectos de os dotar dunha maior axilidade, flexibilidade, continuidade e seguridade xurídica, o que se reflectiu nas correspondentes ordes do 27 de abril de 1998, da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, publicadas no DOG nº 82, do 30 de abril de 1998.

Polo anterior, e logo dun ano de experiencia, considerouse preciso perfila-la configuración deste programa para o dotar dunha maior operatividade co fin de adaptalo ó novo enfoque na estratexia común de propicia-la implantación destas iniciativas, ó que responde e xustifica elevar a rango de decreto a súa norma reguladora.

Neste contexto, no marco dos acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego 1998-2001, o presente decreto ten por obxecto establece-los requisitos e regula-lo procedemento de cualificación e inscrición de iniciativas locais de emprego no ámbito de Galicia, introducindo como novidades mais salientables o establecemento da posibilidade de incrementa-lo cadro de persoal máximo en supostos excepcionais, a ampliación ás actividades encadrables nos novos viveiros do emprego, a inclusión da Administración autonómica como entidade colaboradora e a mención expresa, para a súa aclaración, da posibilidade de que sexan varias administracións as que poidan colaborar nun mesmo proxecto empresarial e do carácter privado das empresas resultantes dos referidos proxectos.

Polo anterior é polo que, por proposta da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de decembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Capítulo primeiro

Concepto e requisitos

Artigo 1º.-Concepto.

1. Terán a consideración de iniciativas locais de emprego os proxectos empresariais de carácter privado innovadores, xeradores de emprego, que utilicen recursos locais ociosos ou infrautilizados ou realicen unha actividade conceptuada como novo viveiro de emprego e cumpran os requisitos establecidos no artigo 2º deste decreto.

2. En canto non se elabore o catálogo de novos viveiros do emprego entenderanse por tales as actividades que figuran na disposición adicional primeira deste decreto.

Artigo 2º.-Requisitos.

Os referidos proxectos empresariais para que poidan ser cualificados como iniciativas locais de

emprego deberán cumprir, ademais, os seguintes requisitos:

a) Proxectos empresariais, que reúnan condicións de viabilidade técnica, económica e financeira e xeren postos de traballo estables.

b) Proxectos que estean promovidos, participados ou cofinanciados pola Xunta de Galicia ou por administracións locais de carácter territorial desta Comunidade Autónoma e vaian te-la sede social e fiscal no seu respectivo territorio.

Para o caso de que colaboren varias administracións nun mesmo proxecto, debe consta-la forma de participación de cada unha delas, e a sede social e fiscal da empresa resultante terá que fixarse no territorio dalgunha das administracións colaboradoras.

c) Proxectos nos que o cadro de persoal previsto, ó constituírse en empresa, non sexa superior a vintecinco traballadores.

Excepcionalmente cando concorran razóns de interese social para o desenvolvemento dunha actividade en zona determinada, poderán ser cualificadas como iniciativas locais de emprego proxectos que preveñan un cadro de persoal superior sempre e cando a empresa resultante adopte a forma xurídica de cooperativa de traballo asociado ou de sociedade laboral.

d) Proxectos que non procedan do cambio de forma xurídica de empresas preexistentes, nin estean participadas en máis dunha terceira parte do seu capital por empresas cun cadro de persoal superior a vintecinco traballadores. Se é o caso, a participación das administracións públicas no capital social tampouco poderá excede-la dita porcentaxe.

Artigo 3º.-Axudas e subvencións.

Os promotores ou empresas privadas resultantes dos ditos proxectos, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, sempre que se constitúan nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como iniciativa local de emprego, poderán beneficiarse das liñas de axudas e subvencións que estableza a Xunta de Galicia para a promoción e estímulo destas iniciativas xeradoras de emprego estable, de acordo cos requisitos e condicións que se fixen para os distintos tipos de axuda nas correspondentes ordes de convocatoria.

Con carácter xeral, e agás que as ordes de convocatoria de axudas dispoñan outra cousa, as solicitudes de axudas e subvencións terán que presentarse, antes de que transcorra un ano desde a súa constitución.

Capítulo II

Procedemento de cualificación como

iniciativa local de emprego

Artigo 4º.-Solicitude de cualificación.

1. O promotor do proxecto empresarial deberá dirixi-la solicitude de cualificación como iniciativa

local de emprego á correspondente Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, e presentarase no modelo oficial que figura como anexo I deste decreto, por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. A dita solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Certificación da Administración pública colaboradora acreditativa da participación, cofinancimento ou promoción do proxecto.

b) Memoria explicativa da viabilidade do proxecto empresarial, detallando os aspectos técnicos de producción e comercialización, así como o plan de investimentos que se vaia realizar, con expresión detallada das fontes de financiamento.

Artigo 5º.-Instrucción e tramitación.

1. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se acompaña a documentación sinalada no artigo anterior, requirirase o interesado para que nun prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, será tido por desistido da súa petición, arquivándose esta de conformidade co preceptuado no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Cando se considere necesario poderase recadar do interesado documentación relativa a calquera dos datos consignados na memoria presentada, concedéndolle un prazo de dez días para a súa presentación.

3. En caso, de que se xulgue conveniente poderáselle solicitar informe ó axente de emprego e desenvolvemento local ou ás entidades acreditadas para dar asesoramento técnico sobre a viabilidade técnica e/ou financeira ou sobre calquera outro aspecto do proxecto que poida resultar de interese.

Artigo 6º.-Resolución e recurso administrativo.

1. A competencia para coñecer e resolver sobre as solicitudes de cualificación de proxectos empresariais como iniciativas locais de emprego, correspóndelle ó delegado provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, competente por razón do territorio, en atención ó domicilio social da empresa que se pretende constituír.

2. O prazo para resolver será de dous meses, contados desde a entrada da solicitude no rexistro da correspondente Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Transcorrido o dito prazo sen que recaese resolución expresa, poderase entender estimada a solicitude de cualificación.

3. Contra as resolucións dictadas neste procedemento poderase interpoñer recurso administrativo ordinario no prazo dun mes, desde a súa notificación, ante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 7º.-Rexistro administrativo de iniciativas locais de emprego.

1. En cada unha das delegación provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude levarase un rexistro administrativo de iniciativas locais de emprego, no que se inscribirán os proxectos empresariais cualificados como iniciativas locais de emprego.

2. A inscrición no rexistro administrativo será feita de oficio pola delegación provincial e practicarase na mesma data en que se cualifique o proxecto empresarial como iniciativa local de emprego, facéndose constar, entre outros, os seguintes datos:

Número de rexistro que se lle asigna, e data de cualificación como ILE.

Datos de identificación do proxecto, con indicación do nome ou razón social, domicilio social e localidade en que está.

Administración local ou departamento da Xunta de Galicia que colabora no proxecto, con expresión da forma de participación.

Nome ou razón social dos promotores do proxecto.

Breve descrición do proxecto, con indicación do número de postos de traballo previstos e da actividade económica.

3. As inscricións numeraranse correlativamente, e constarán de sete díxitos correspondendo os dous primeiros ó número de identificación provincial, os tres seguintes expresarán a orde secuencial, e os dous últimos indicarán o ano no que se cualifica e inscribe o proxecto empresarial como iniciativa local de emprego.

4. Na resolución pola que se cualifique o proxecto empresarial como iniciativa local de emprego, deberá constar expresamente o número de inscrición.

5. As delegacións provinciais deberanlle comunicar á Dirección Xeral de Fomento do Emprego as inscricións realizadas.

Artigo 8º.-Obrigas de información.

O promotor do proxecto ou a empresa resultante está obrigada a lle comunicar á correspondente delegación provincial a data da súa constitución, dentro dos 15 días seguintes, a aquel en que se produza esta. A dita circunstancia anotarase no rexistro.

Disposicións adicionais

Primeira.-Para os efectos do sinalado no artigo 1º, número 2 deste decreto, en canto non se elabore

o catálogo cos novos viveiros de emprego en Galicia ó que se refire o anexo I, punto VII, dos acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en Galicia 1998-2001, entenderanse por tales as seguintes actividades:

a) Servicios personalizados de carácter cotían: a domicilio ou residencias, de atención e coidado de persoas dependentes, maiores ou incapacitados por motivos de índole físico, psíquico, sensorial ou social ou as súas familias; de atención á infancia (0 a 3 anos); ou de axuda para a inserción de xoves en dificultades e con desarraigamento social.

b) Servicios culturais, deportivos ou de lecer, como turismo, sector audiovisual, a valoración do patrimonio cultural e o desenvolvemento cultural local.

c) Servicios de utilidade colectiva; mellora da vivenda; vixilancia e seguridade, revalorización dos espacios públicos urbanos, transportes colectivos locais ou comarcais, comercios de proximidade.

d) Servicios de ambiente; actividades que directa ou indirectamente afecten a xestión de residuos, xestión de augas, protección e mantemento das zonas rurais ou naturais, e aqueloutras que incidan directa ou indirectamente no control de enerxía.

Segunda.-A numeración das inscricións das iniciativas locais de emprego, de conformidade co disposto no artigo 7º do presente decreto, realizaranse continuando a orde de numeración prevista na normativa anterior.

Disposición transitoria

Os procedementos incluídos no ámbito de aplicación deste decreto, iniciados con anterioridade á súa entrada en vigor, rexeranse pola normativa anterior.

Disposición derrogatoria

Única: queda derrogada a Orde do 27 de abril de 1998, pola que se regulan as iniciativas locais de emprego e o procedemento para a súa cualificación e inscrición rexistral.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento e cumprimento deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de decembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude

11703