Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Mércores, 30 de decembro de 1998 Páx. 13.825

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 1 de decembro de 1998 pola que se establece a convocatoria pública para a participación na programación de cursos do plan autonómico de formación de formadores de formación profesional ocupacional de 1999.

O artigo 3 do Decreto 424/1996, do 21 de novembro, polo que se regula o Plan Autonómico de Formación de Formadores de Formación Profesional Ocupacional establece que a programación de cada provincia dos cursos incluídos no antedito plan, se aprobará polos delegados provinciais da Consellería

de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude no último trimestre de cada ano, publicándose, no mes de decembro, por orde dela.

Aprobada xa a programación de cursos de cada provincia, procederase agora á súa publicación no Diario Oficial de Galicia, en cumprimento daquel mandado regulamentario, e á apertura da convocatoria pública para a presentación das solicitudes para participar neles, así como á normalización do modelo que se vai utilizar.

A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude prevé programar no ano 1999 cursos de formación básica na súa modalidade a distancia, para dar resposta a aqueles profesionais que se ven xa imposibilitados para asistir ós cursos de carácter presencial.

Por outra banda, o propio decreto remite a unha orde o establecemento dos requisitos e criterios que hai que ter en conta para a selección dos asistentes ós cursos.

Consecuentemente, con base en todo o anterior, consultado o Consello Galego de Ensinanzas Técnico Profesionais e o Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o art. 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Programacións provinciais.

1. Os cursos de formación básica e complementaria correspondentes ó Plan Autonómico de Formación de Formadores de Formación Profesional Ocupacional, impartiranse durante o exercicio de 1999 en cada provincia e serán os publicados como anexos I e II respectivamente á presente orde.

2. A convocatoria dos cursos de metodoloxía didáctica que se vai celebrar en cada provincia deberá difundirse mediante anuncio nun dos diarios de maior circulación dela a través da súa exposición nos taboleiros de anuncios das delegacións provinciais da consellería, das oficinas de emprego, nos centros de formación profesional ocupacional e nos centros colaboradores en materia de formación ocupacional. Os cursos monográficos deberán publicarse, ademais, en diarios de difusión autonómica.

3. A programación recollida nos anexos I e II da presente orde, poderá modificarse, á vista das solicitudes presentadas, por resolución dos respectivos/as delegados/as provinciais e deberán ser publicadas no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 2º.-Solicitudes.

1. Os interesados en participar nalgunha das accións previstas no artigo anterior deberán presenta-la súa solicitude, no modelo normalizado que se publica como anexo III á presente orde, por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou na delegación provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude correspondente á provincia da súa residencia, agás no suposto de cursos monográficos, que se solicitarán na delegación provincial que programe a súa impartición.

2. Coa solicitude deberá achegarse a documentación acreditativa dos requisitos sinalados no artigo seguinte.

3. As solicitudes poderán presentarse desde o día seguinte á publicación da presente orde e ata un mes antes da data do inicio de cada curso programado.

Artigo 3º.-Requisitos e criterios de selección de alumnos.

1. Para a selección dos asistentes ós cursos de metodoloxía didáctica, entre os profesionais que impartan ou estean interesados en impartir cursos de formación ocupacional do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional (FIP), será necesario o cumprimento dalgún dos seguintes requisitos:

a) Estar en posesión da titulación académica esixida nos correspondentes programas validados polo Consello Xeral de Formación Profesional ou, en caso de non existiren os anteditos programas, F.P.II ou equivalente e ter dous anos de experiencia profesional na especialidade ou especialidades nas que o aspirante imparte cursos, acreditada a través de certificación oficial de vida laboral acompañada de copia do contrato ou de certificado de empresa que acredite as tarefas realizadas.

b) Dispoñer de graduado escolar ou titulación equivalente e un mínimo de 5 anos de experiencia profesional na especialidade ou especialidades nas que o aspirante imparte cursos, acreditada na forma prevista no parágrafo anterior.

c) Estar en posesión da titulación académica esixida nos correspondentess programas validados polo Consello Xeral de Formación Profesional ou, no caso de non existiren os anteditos programas, F.P.II ou equivalente e ter impartido algún curso de formación do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional (FIP).

2. Co fin de establece-la orde de prelación dos candidatos, valoraranse os seguintes aspectos:

a) A experiencia profesional durante os últimos dez anos na especialidade ou especialidades nas que o aspirante imparta ou pretenda impartir cursos, valorándose con tres puntos cada ano acreditado na forma prevista no parágrafo primeiro.

b) As aptitudes e actitudes pedagóxicas dos aspirantes serán valoradas de 0 a 3 puntos a través da realización das probas pertinentes e/ou entrevista polos técnicos integrantes da rede de formación de formadores para aqueles cursos nos que se considere oportuno.

c) A impartición de cursos de formación ocupacional valorándose por cada cincuenta horas impartidas un punto se o curso e do Plan FIP e medio punto nos cursos restantes, acreditada a través de certificación do responsable das entidades impartidoras.

d) No suposto de que varios aspirantes obteñan a mesma puntuación, dirimirase o empate seguindo a seguinte orde:

-Pertenza ó Catálogo de Expertos da Xunta de Galicia.

-Que impartira ou imparta cursos do Plan FIP.

-Que as especialidades que imparta o aspirante estean relacionadas coas programadas na provincia.

-Que os cursos realizados polo aspirante teñan relación coas especialidades que se van impartir.

3. Para a asistencia ós cursos monográficos será requisito imprescindible ter realizado o de metodoloxía didáctica de 150 horas e na selección dos asistentes teranse en conta os criterios sinalados nas alíneas a) e c) do parágrafo anterior.

Estes cursos monográficos aínda que se programen nunha provincia concreta ofértanse a tódolos formadores da Comunidade Autónoma, sempre e cando cumpran os requisitos establecidos na presente orde.

4. A selección definitiva dos alumnos asistentes ós cursos realizarase por resolución do/a respectivo/a delegado/a provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, notificándoselles persoalmente ós interesados.

Disposición adicional

Para dar resposta ás necesidades de formación de metodoloxía didáctica, na súa modalidade a distancia, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude se é preciso e segundo a demanda detectada, levará a cabo unha programación no ano 1999 de cursos desta natureza. As datas, requisitos e criterios de selección estableceranse, no suposto de que se efectue, de conformidade co disposto no Art. 4 do Decreto 424/1996.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Formación e Colocación para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución da presente disposición.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 1998.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

11508