Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Mércores, 30 de decembro de 1998 Páx. 13.814

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 367/1998, do 23 de decembro, polo que se acorda a redenominación a euros da débeda pública da Comunidade Autónoma de Galicia rexistrada na central de anotacións do Banco de España e se establece o procedemento para levala a cabo.

O artigo 16 da Lei 46/1998, do 17 de decembro, sobre introducción do euro, establece no seu número 2 que a partir do 1 de xaneiro de 1999 o mercado da débeda pública en anotacións adoptará como unidade de conta o euro.

O número tres dese mesmo artigo dispón a redenominación a euros da débeda do Estado denominada en pesetas e rexistrada na central de anotacións que se encontre en circulación o día 1 de xaneiro de 1999 e establece o procedemento de redenominación.

O número 6 do citado artigo 16 establece que as emisións, distintas da débeda do Estado, rexistradas contablemente na central de anotacións, se redenominarán á unidade euro, logo de acordo do emisor, de acordo co disposto no punto tres dese artigo.

Para estes efectos, a Comunidade Autónoma de Galicia, dentro da súa estratexia de adaptación progresiva ó euro e ó amparo do anterior, ten intención de redenomina-la débeda pública en pesetas da Comunidade Autónoma rexistrada na central de anotacións que se encontre en circulación o día 1 de xaneiro de 1999, debendo por iso elaborar un procedemento que posibilite a conversión a euros da citada débeda e que recolla e desenvolva os principios xerais da metodoloxía contida no artigo 16.3º da lei.

O procedemento de conversión que adoptará a Comunidade Autónoma de Galicia baséase no sistema de conversión ó euro proxectado pola oficina de operacións do Banco de España, para as emisións en circulación da débeda pública do Estado, que ten a súa orixe no plan nacional de transición ó euro e que aparece recollido no mencionado artigo 16.3º da lei. Este método consiste en converter a euros o saldo nominal que cada tedor de débeda teña para cada rexistro e referencia concreta, procedendo a agregarse as cantidades así calculadas por cada tedor co fin de obte-lo importe en euros de cada referencia da débeda emitida.

Adicionalmente, abórdanse no presente decreto o establecemento dos importes nominais mínimos de negociación da débeda pública da Comunidade Autónoma, os procedementos de consolidación dos valores para alcanza-los importes mínimos negociables e os procedementos técnicos que permitan o mantemento, sen solución de continuidade, dos códigos valores, seguindo igualmente neste punto os mesmos estándares que o Estado e as demais comunidades autónomas con débeda en circulación, anotada na central de anotacións do Banco de España. Para poder establecer estes importes nominais mínimos de negociación a partir do vindeiro ano, foi necesaria previamente a eliminación dos valores nominais unitarios de toda a nosa débeda pública anotada en circulación. Para estes efectos publicouse a orde da Consellería de Economía e Facenda do 1 de decembro deste ano 1998.

Con este decreto trasládase ó ordenamento xurídico galego a normativa xeral que para o efecto se estableceu na Lei sobre introducción do euro. A elección deste método de redenominación baséase no feito de se-la máis favorable para os tedores últimos da débeda anotada. Neste sentido, o Ministerio de Economía e Facenda elaborou un regulamento, similar ó proposto nesta disposición e que conta co dictame favorable do Consello de Estado.

Na súa virtude por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintetrés de decembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Redenominarase a euros a débeda pública da Comunidade Autónoma, denominada en pesetas,

representada mediante anotacións na conta e no que o dito rexistro contable se leve na central de anotacións que, sendo emitida con anterioridade ó 1 de xaneiro de 1999, se encontre en circulación o citado día.

Artigo 2º.-Data de redenominación.

A redenominación a euros da débeda pública da Comunidade Autónoma realizarase durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro de 1999 e o momento de apertura do mercado o primeiro día hábil para efectos do mercado de débeda pública do ano 1999. Para tódolos efectos, terá a consideración de data de redenominación a euros da débeda pública da Comunidade Autónoma o día 4 de xaneiro de 1999.

Artigo 3º.-Principios xerais do procedemento de redenominación.

1. A redenominación será realizada pola central de anotacións aplicando o tipo de conversión a que se refire o artigo 2.2º da Lei sobre introducción do euro, ó saldo nominal de cada un dos códigos valor da débeda da Comunidade Autónoma que, ó peche do mercado do último día de 1998 hábil para efectos da central de anotacións, figure rexistrada a favor de cada titular ben nunha conta propia na citada central ou a través dunha entidade xestora.

2. A cifra resultante redondearase, se é o caso, por exceso ou por defecto ó céntimo de euro máis próximo, de acordo co procedemento establecido para o efecto no artigo 11 da Lei sobre introducción do euro.

3. Os saldos nominais da débeda pública da Comunidade Autónoma quedarán expresados en céntimos de euro.

4. A excepción da unidade da conta de denominación, tódalas características dos valores permanecerán invariables.

Artículo 4º.-Procedemento de redenominación.

1. Na data sinalada no artigo 2º precedente, a central de anotacións obterá, para cada código valor, os saldos nominais en pesetas resultantes da agregación dos saldos das contas propias e de terceiros, tanto libres como bloqueados, de cada un dos titulares de conta na central.

A cada saldo nominal en pesetas resultante da dita agregación aplicaráselle-lo tipo de conversión, redondeando, se é o caso, ó céntimo de euro máis próximo. Cada un dos saldos en euros así obtidos, que terá carácter provisional, expresarase a continuación en céntimos de euro.

En ningún caso a operación de redondeo citada dará lugar a liquidación de efectivo.

2. Cada entidade xestora procederá, pola súa parte, a redenominar a euros, para cada código valor, o saldo nominal de cada un dos seus comitentes, aplicando a cada saldo o tipo de conversión e redondeando, se é o caso, ó céntimo de euro máis próximo.

A continuación, cada un dos saldos nominais expresarase en céntimos de euro e terá carácter definitivo.

Se o saldo nominal dun código valor anotado a favor dun comitente estivera constituído por máis dun rexistro, a redenominación afectará a cada un dos rexistros por separado, sendo nese caso o saldo nominal redenominado o resultado de agrega-los importes nominais redenominados e expresados en céntimos de euro de cada un dos ditos rexistros.

En calquera caso, a redenominación non alterará a estructura rexistral. Manterase a debida separación entre os rexistros correspondentes a un mesmo titular e a un mesmo código valor de débeda pública da Comunidade Autónoma cando tales rexistros reflictan adquisicións de valores dun mesmo código valor en diferentes datas.

3. Cando se trate de valores que se encontren inmobilizados polo seu titular, a redenominación realizarase sobre o saldo nominal inmobilizado.

Malia o anterior, os certificados de inmobilización expedidos con anterioridade ó proceso de redenominación manterán a súa vixencia ata que os titulares soliciten o levantamento do bloqueo.

4. Cada entidade xestora comunicará á central de anotacións, nos termos que estableza o Banco de España, o saldo nominal total en céntimos de euro que presenta a súa conta de terceiros para cada código valor da débeda da Comunidade Autónoma, como resultado de agrega-los saldos nominais individuais redenominados considerados definitivos.

5. A central de anotacións, a partir da información recibida das entidades xestoras, calculará os saldos nominais de tódalas contas propias e de terceiros de cada un dos titulares de conta, que pasarán a ter carácter definitivo.

6. Autorízase a central de anotacións para efectua-los axustes que sexan necesarios cos seus titulares de conta de modo que a débeda viva da Comunidade Autónoma de cada código valor resultante da redenominación se corresponda exactamente coa suma dos saldos individuais definitivos do código valor en cuestión.

Artigo 5º.-Emisión de xustificantes.

Finalizado o procedemento de redenominación, as entidades xestoras procederán á emisión e entrega de novos xustificantes de formalización da anotación en conta ós titulares de débeda pública da Comunidade Autónoma, nos que os saldos de débeda aparecerán expresados na nova unidade de conta.

Artigo 6º.-Importes mínimos de negociación.

1. Co obxecto de homoxeneiza-las emisións de débeda pública da Comunidade Autónoma redenominadas coas que se realicen en euros a partir do 1 de xaneiro 1999, establécense uns importes nominais mínimos para efectos da negociación dos valores de 1.000 euros. As operacións por importes supe

riores terán que ser sempre múltiplos enteiros do dito importe.

2. Malia o anterior, se trala redenominación os saldos individuais de débeda expresados en céntimos de euro non foran múltiplos exactos dos importes mínimos de negociación establecidos, os titulares de débeda pública da Comunidade Autónoma, que non sexan titulares de conta na central de anotacións, poderán vender sen limitacións na totalidade ou parte dos seus saldos nominais tanto a outros investidores que non sexan titulares de conta na central de anotacións coma a estes últimos.

3. Os titulares de conta na central de anotacións estarán autorizados a agrupar saldos nominais dun mesmo código valor para alcanza-lo importe mínimo de negociación requirido ou múltiplos del.

4. Cando o saldo nominal dun titular e un código valor estivera constituído por máis dun rexistro, os importes mínimos de negociación obteranse a partir do saldo nominal que resulte da agregación dos importes nominais redenominados correspondentes a tódolos rexistros dese código valor correspondentes ó dito titular.

Disposicións adicionais

Primeira.-A redenominación da débeda pública da Comunidade Autónoma non será considerada como un troco e, en consecuencia, non suporá en ningún caso a afloración de plusvalías para efectos contables fiscais.

Segunda.-O procedemento de redenominación permitirá o mantemento, sen solución de continuidade, dos códigos valores da débeda pública da Comunidade Autónoma en circulación antes do 1 de xaneiro de 1999. As novas emisións de débeda da Comunidade Autónoma que se realicen a partir da citada data poderán referirse a códigos valor que estiveran en circulación previamente, constituíndo novos tramos das emisións redenominadas e sendo funxibles con estas para tódolos efectos pertinentes.

Terceira.-No caso de que unha entidade xestora non lle comunicase á central de anotacións nos termos establecidos polo Banco de España o saldo nominal total en céntimos de euro que presente a súa conta de terceiros para cada código valor de débeda da Comunidade Autónoma, como resultado de agrega-los saldos nominais individuais redenominados considerados definitivos, tal e como establece o punto 4º do artigo 4 do presente decreto, o Banco de España procederá a redenominar de forma global o saldo nominal en pesetas para cada código valor dos terceiros da citada entidade xestora; o citado saldo a redenominar será o último saldo de terceiros que figure rexistrado na central de anotacións. A redenominación efectuarase aplicándolle ó citado saldo o tipo de conversión, redondeando ó céntimo de euro e expresando, por último, este saldo en céntimos de euro. Este saldo redenominado de terceiros pasará a ter carácter definitivo e, en consecuencia,

será a entidade xestora que incumprise as súas obrigas a que deberá efectuar cos seus clientes os axustes que correspondan. Cada un dos saldos individuais redenominados dos clientes da dita entidade xestora será, en todo caso, o que resulte do procedemento descrito no punto 2º do artigo 4, mediante a aplicación a cada saldo individual en pesetas o tipo de conversión e a práctica do redondeo, se é o caso, ó céntimo de euro máis próximo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Consellería de Economía e Facenda a dictar cantas disposicións sexan precisas para o cumprimento do disposto neste decreto.

Segunda.-Autorízase a Consellería de Economía e Facenda, durante o período transitorio, a redenomina-lo resto da débeda pública da Comunidade Autónoma, tanto en pesetas como en divisas, na medida en que se vaian redenominando a euros o resto dos mercados financeiros europeos.

Terceira.-O presente decreto entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintetrés de decembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

11743