Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Xoves, 24 de decembro de 1998 Páx. 13.674

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 366/1998, do 23 de decembro, polo que se regula a integración do persoal do departamento de Enxeñería da Rede da CRTVG e as súas funcións na sociedade Redes de Telecomunicación Galegas, Retegal, S.A.

Polo Decreto 59/1997, do 20 de febreiro, creouse a sociedade Redes de Telecomunicación Galegas, Retegal, S.A., sendo constituída en escritura pública notarial o 7 de abril de 1998 e na que se asume,

en virtude do previsto no artigo 2 dos seus estatutos, a xestión de infraestructuras, sistemas e servicios de telecomunicación da Xunta de Galicia, entre os que cabe incluí-lo servicio portador soporte dos servicios de radiodifusión e televisión na nosa Comunidade Autónoma.

É por iso que, a creación da devandita sociedade, aconsella integrar nela todo o persoal que actualmente presta servicios no departamento de Enxeñería da Rede da Compañía de Radio-Televisión de Galicia co obxecto de unificar nunha soa entidade o dito persoal e as funcións que realizan de mantemento e xestión das infraestructuras da rede de transporte e difusión da Radio e Televisión de Gali

cia e que, á vista dos seus estatutos, compete a Redes de Telecomunicación Galegas, Retegal, S.A.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintetrés de decembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.

A sociedade Redes de Telecomunicación Galegas, Retegal, S.A. prestará o servicio portador soporte dos servicios de radiodifusión e televisión da Comunidade Autónoma de Galicia que actualmente vén prestando a Compañía de Radio-Televisión de Galicia.

Artigo 2º.

1. Para tales efectos, intégrase na sociedade Redes de Telecomunicación Galegas, Retegal, S.A. todo o persoal que actualmente presta os seus servicios no departamento de Enxeñería da Rede da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, garantindo tódolos dereitos adquiridos.

2. Redes de Telecomunicación Galegas, Retegal, S.A., subrogarase en tódolos contratos que tivese subscritos a Compañía de Radio-Televisión de Galicia, para os efectos de prestación do servicio previsto no citado artigo 1º.

Disposición adicional

Redes de Telecomunicación Galegas, Retegal, S.A., facilitaralle á Compañía de Radio-Televisión de Galicia e ás súas sociedades, Radiotelevisión de Galicia, S.A. e Televisión de Galicia, S.A., os sistemas de transporte e difusión dos seus sinais. Para tal efecto, Redes de Telecomunicación Galegas, Retegal, S.A., contratará co devandito ente público e coas súas sociedades, no ámbito do dereito privado, a capacidade de rede e servicios necesarios para que a Compañía de Radio-Televisión de Galicia, Radiotelevisión Galicia, S.A. e Televisión de Galicia, S.A., sigan prestando os servicios públicos de radio e televisión que teñen encomendados.

Disposición transitoria

A data efectiva de prestación de servicios encomendada á devandita sociedade e a integración do persoal ó que se fai referencia no artigo 2º.1 producirase a partir do 1 de xaneiro de 1999. Entrementres, a CRTVG continuará prestando o servicio, explotando as redes de telecomunicacións que actualmente ten encomendadas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo para dicta-las normas necesarias para a execución, desenvolvemento e aplicación do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintetrés de decembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

11509