Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Mércores, 23 de decembro de 1998 Páx. 13.637

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 363/1998, do 10 de decembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Barro (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de accesos ós núcleos de Portela, Caeiro e outros.

O Concello de Barro (Pontevedra), en sesión celebrada o día 23 de abril de 1998, aprobou o proxecto de accesos ós núcleos de Portela, Caeiro e outros,

e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 24 de setembro de 1998.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 26 de novembro de 1998.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque a necesidade de mellora-la rede viaria do municipio, e poder dota-las vivendas dos núcleos rurais tradicionais de accesos asfaltados e cun largo mónimo, fai que sexa necesario proceder á expropiación dos terreos. Coa execución do dito proxecto, quedan dotados os núcleos de poboación dunhas vías que melloran a seguridade vial, así como as industrias instaladas na zona dunha infraestructura que colabora no seu mellor desenvolvemento e favorece a instalación doutras novas.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de decembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Barro (Pontevedra) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de accesos ós núcleos de Portela, Caeiro e outros.

Santiago de Compostela, dez de decembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

11303