Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Mércores, 23 de decembro de 1998 Páx. 13.632

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 25 de novembro de 1998 pola que se normaliza o procedemento de inclusión dos pacientes en colas de programación cirúrxicas e de hospitalización na rede de hospitais do Servicio Galego de Saúde.

A Orde do 15 de xuño de 1995 pola que se completa a estructura normalizada do sistema de información sanitaria dos hospitais do Sergas, no artigo 4 establece que: «Tódolos usuarios do sistema deberán ser informados por escrito no momento da solicitude dun teléfono de contacto co centro e do funcionamento das colas de programación, incluíndo como mínimo o motivo de inclusión, as pautas de localización e os mecanismos de depuración».

Co obxecto de avanzar na mellora da satisfacción do usuario mediante un mellor coñecemento do proceso asistencial, proporcionando información de fácil comprensión que manteña no fundamental a homoxeneidade en tódolos centros, cómpre regulamenta-lo procedemento de inclusión en cola de programación e establece-las características básicas do formulario que recolle os datos ós que se refire o devandito artigo.

A normalización do procedemento de inclusión facilitará a xestión e o control dos movementos nas colas de programación, mellorando a equidade no acceso ós servicios sanitarios.

En consecuencia, no uso das facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 22 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.

O obxecto da presente orde é normalizar nos hospitais do Sergas o procedemento de inclusión dos pacientes en colas de programación cirúrxicas e de hospitalización.

Artigo 2º.

A inclusión dun paciente nunha cola de programación é un acto clínico que sempre deberá recollerse no modelo de formulario que se establece no anexo I, que deberá ser asinado polo médico prescritor.

Artigo 3º.

O devandito formulario constará de tres follas, unha para o paciente, outra para o Servicio de Admi

sión do centro e outra para incorporar á historia clínica.

Artigo 4º.

A folla do paciente conterá obrigatoriamente os datos da sección A do anexo II. Do mesmo xeito conterá tamén a seguinte información: a) funcionamento da cola de programación cirúrxica e motivos de saída dela, con referencia ás ordes do 15 de xuño de 1995 e do 14 de xaneiro de 1997; b) calquera outra información que o Servicio de Admisión considere de utilidade para o paciente.

Artigo 5º.

A cobertura dos distintos epígrafes do impreso corresponderalle ó facultativo responsable da petición e ó persoal do Servicio de Admisión, tal e como se especifica no anexo II.

Artigo 6º.

O responsable de entregarlle ó paciente o impreso debidamente asinado, cuberto e lexible en tódolos seus apartados será o médico prescritor ou o Servicio de Admisión, en función dos circuítos existentes en cada hospital relativos á circulación de pacientes, que deberán ser regulados formalmente polo director xerente do centro.

Artigo 7º.

O Servicio de Admisión recepcionará o formulario directamente desde o servicio peticionario ou entregado polo propio paciente, cotexará os datos da solicitude e cubrirá aqueles que sexan da súa competencia, incorporando de xeito mecanizado ou mediante cuño a data de recepción. Así mesmo mecanizará sen modificacións os datos do formulario no aplicativo de colas de programación, incorporando a data de petición do apartado de procedencia como data de inclusión. Non se realizará ningunha modificación no aplicativo que non teña o soporte documental do facultativo prescritor.

Artigo 8º.

Tódolos hospitais da rede do Sergas deberán adapta-los seus procedementos de inclusión en colas de programación antes do 31 de decembro do presente ano.

Artigo 9º.

Os directores xerentes dos hospitais serán os responsables do correcto cumprimento no seu centro do establecido nesta orde.

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 1998.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO II

Sección A: datos comúns.

Esta sección é obrigatoria nos exemplares para o paciente, Servicio de Admisión e historia clínica.

a) Datos xerais.

Serán cubertos polo Servicio de Admisión:

Logotipo e nome do hospital.

Teléfono do Servicio de Admisión.

Fax do Servicio de Admisión.

Horario de atención ó público do Servicio de Admisión.

Número de referencia da solicitude de uso interno.

b) Datos administrativos do usuario.

O formulario levará un espacio reservado para a etiqueta que contén os datos do paciente, que se colocará nos tres exemplares. Noutro espacio levará tamén en branco os seguintes epígrafes:

Número de historia clínica.

Número de afiliación S. Social/tarxeta sanitaria.

Número DNI.

Nome e apelidos.

Sexo.

Data de nacemento.

Enderezo actualizado.

Teléfono persoal actualizado.

Segundo teléfono de contacto.

A maioría destes datos están incluídos na etiqueta identificativa. O facultativo unicamente cubrirá de forma manuscrita os datos que falten.

c) Procedencia.

Consignaranse neste apartado os datos do médico que fai a solicitude de inclusión en cola de programación. Levará os seguintes epígrafes, que cubrirá obrigatoria e completamente o facultativo que prescribe a atención:

Médico peticionario: nome e apelidos do facultativo.

Servicio peticionario: servicio ó que pertence o médico prescritor.

Data da petición: data na que se indica a atención.

Sinatura do médico peticionario.

d) Diagnósticos/procedementos.

Este apartado será cuberto polo facultativo que prescribe a atención.

Diagnósticos e procedementos. Dato obrigatorio.

Patoloxía susceptible de ser enviada a centro concertado para a súa atención. O facultativo poderá marcar, segundo as características clínicas, preferencias do paciente e os procedementos establecidos en cada centro, se esta patoloxía podería ser derivada a un centro concertado para a realización da atención. Este dato servirá para a correcta xestión polo Servicio de Admisión da derivación.

e) Prioridade.

Prioridade clínica: será consignada polo facultativo que prescribe a atención. Recollerase a prioridade clínica segundo o manual de definicións da actividade asistencial dos hospitais do Sergas e a propia normativa antes citada:

Prioridade I.

Prioridade II.

Prioridade III.

Data aproximada para a atención. Neste apartado consignarase a data prevista de atención, estimada en función da información facilitada polo Servicio de Admisión sobre datos actualizados das demoras por prioridades. Este apartado será rexistrado polo facultativo, cando dispoña da información necesaria, ou polo Servicio de Admisión, en función dos circuítos internos establecidos en cada centro.

Paciente en espera médica. O facultativo cubrirá este apartado unicamente se o estado clínico do paciente indica que a asistencia non debe realizarse no momento da inclusión, senón con posterioridade.

Sección B: datos complementarios.

Esta sección é obrigatoria nos exemplares para o servicio de admisión e a historia clínica.

a) Tipos de cola.

O Servicio de Admisión sinalará, segundo a normativa vixente (Orde do 15 de xuño de 1995) o tipo de cola de programación da que se trate:

Hospitalización cirúrxica.

Hospitalización médica.

Cirurxía ambulatoria en quirófano.

Cirurxía ambulatoria en sala especial.

Probas diagnósticas/terapéuticas.

b) Susceptible de anestesia.

O facultativo ou o Servicio de Admisión sinalará a que proceda, sen menoscabo da opinión do servicio de anestesia.

Xeral.

Local.

Locorrexional.

Sedación.

Observacións: consignaranse datos ou aspectos relacionados coa anestesia que se consideren significativos.

c) Hemoterapia.

Consignará o facultativo ou Servicio de Admisión se é preciso ou non:

Apoio hemoterápico.

Autotransfusión.

d) Consentimento informado.

Consignará o facultativo se o paciente asinou o consentimento informado.

e) Estudio preoperatorio.

Cada hospital, atendendo as súas particularidades e os protocolos que existen consensuados co servicio de anestesia, consignará os estudios que considere oportunos. Os que a continuación se sinalan son a título orientativo:

Exploración radiolóxica.

Electrocardiograma.

Analítica ordinaria.

Analítica específica.

Grupo sanguíneo/RH.

Consulta anestesia.

Para cada unha das peticións consignarase o que corresponda:

Solicitar

Realizada e data de realización

Non é necesaria

f) Observacións.

Consideracións do facultativo para o Servicio de Admisión. O médico peticionario formulará aquí as advertencias, notas e datos significativos do paciente que deban ser tidos en conta polo Servicio de Admisión.

Consideracións do Servicio de Admisión: anotaranse tódalas circunstancias por parte de admisión que teñan relación coa programación da atención.

g) Codificación CIE-9-MC.

Diagnóstico. O Servicio de Admisión codificará segundo a CIE-9-MC os datos consignados polo facultativo no epígrafe diagnóstico.

h) Outros datos.

Data de recepción do documento. O Servicio de Admisión consignará de forma obrigatoria a data de entrada do formulario como mínimo nas follas do exemplar para o Servicio de Admisión, e exemplar para a historia clínica.

11551